Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4161

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia.

De conformidade co artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xuño, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente, para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desa lei, as administracións públicas, ao estableceren ou tramitaren os procedementos que resulten de aplicación, velarán por que se informe o público, mediante avisos públicos ou outros medios apropiados, como os electrónicos, cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Dentro das materias sobre as que deben as administracións públicas asegurar que se observen as garantías en materia de participación, atópase a de conservación da natureza e a diversidade biolóxica, segundo o artigo 18 da Lei 27/2006, do 18 de xuño.

Con data do 9 de xaneiro de 2012, publícase no Diario Oficial de Galicia o Anuncio da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural do 23 de decembro de 2011, polo que se acorda someter a información pública, por un prazo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, o borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia.

O Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 3, unha nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, á que se lle adscribe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ata entón dependente da extinta Consellería do Medio Rural.

Para garantir unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo, e tendo en conta as modificacións na estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

ACORDO:

Someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia, por un prazo de trinta días hábiles, contados desde o seguinte ao da finalización do prazo de vinte días previsto no Anuncio do 23 de decembro de 2011.

O borrador do anteproxecto da Lei de caza de Galicia poderase consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://medioambiente.xunta.es/disposicionsXerais.do

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas (Dirección Xeral de Conservación da Natureza), en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou a través da devandita páxina web.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2012.

José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas