Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2012 Páx. 4850

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 11 de xaneiro de 2012 pola que se convoca a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 29.2.º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.4.º do citado decreto lexislativo, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, dous postos de traballo que se indican no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/rias de carreira que reúnan os requisitos sinalados no anexo I.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse por escrito, segundo o modelo que se inclúe no anexo II, á Consellería de Economía e Industria, no prazo de 15 días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, podendo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán unir á petición un currículum vitae xustificando documentalmente os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados non se terán en conta.

Quinto. Esta convocatoria será resolta pola Consellería de Economía e Industria. No caso de que resulte seleccionado/da para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde un/unha funcionario/ria con destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Se no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución no DOG o funcionario/ria seleccionado/da non puidese incorporarse ao seu posto de traballo por non atoparse resolto o seu traslado á Comunidade Autónoma de Galicia, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no DOG, e poderá declararse deserto o posto de traballo, se se considera oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días se o destino anterior radica na mesma localidade que a do novo destino, e dun mes se radica en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo.

O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á comunidade autónoma, para o caso de funcionarios/rias doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

Oitavo. Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso postestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2012.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Código: INO110000015770095.

Denominación do posto: director/ora técnico/a da Escola Galega de Consumo.

Dependencia: Xerencia do Instituto Galego de Consumo.

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Corpo ou escala: xeral.

Subgrupo: A1-A2.

Nivel: 28.

Complemento específico: 15.981,84 €.

Tipo de adscrición: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).

Formación específica: experiencia en formación (mérito).

Código: INO110000015770088.

Denominación do posto: xefatura da Sección Tesouraría, Recadación e Habilitación.

Dependencia: Xerencia do Instituto Galego de Consumo.

Localidade: Santiago de Compostela.

Tipo de posto: S.

Corpo ou escala: xeral.

Subgrupo: A1-A2-C1.

Nivel: 25.

Complemento específico: 12.642 €.

Tipo de adscrición: AXG (adscrición exclusiva a funcionarios da Xunta de Galicia).

Observacións: dispoñibilidade horaria.

missing image file