Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 3 de febreiro de 2012 Páx. 4845

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2012 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do 30 de xaneiro de 2012, do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia, de delegación de competencias na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

Logo de examinar o acordo adoptado polo Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia na súa reunión do 30.1.2012, relativo á delegación de competencias na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, e consonte o disposto no artigo 6.6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Consello Reitor Augas de Galicia

ANEXO

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, crea e regula Augas de Galicia, ente público empresarial da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de augas, e con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e das competencias reguladas pola dita lei.

O 14 de xaneiro de 2012 entrou en vigor o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia. Esta entidade instrumental será a responsable de materializar a política en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia e substitúe nestas funcións ao organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos que se extinguen coa súa constitución e posta en funcionamento, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

O artigo 9 do citado estatuto establece as funcións do Consello Reitor de Augas de Galicia. Tendo en conta a súa composición colexiada e a variedade de funcións propias é conveniente acudir á delegación de competencias na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e na Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACÓRDASE:

Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

1. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables respecto aos actos ditados por órganos dependentes de Augas de Galicia.

2. As competencias que a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa en materia de patrimonio lle atribúan ao órgano superior colexiado de goberno da entidade pública instrumental.

3. As competencias previstas nas alíneas c) e i) do artigo 9 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

4. As competencias previstas na alínea g) do artigo 9 do citado estatuto, agás a emisión de informe e a proposta dos actos de desafectación dos bens do dominio público hidráulico.

Segundo. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas neste acordo teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta acordo axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avogar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan neste acordo e para, se é o caso, suspender o executividade dos actos impugnados.

4. As competencias que se delegan por este acordo, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección de Augas de Galicia e mentres persistan aquelas circunstancias, serán exercidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Terceiro. Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas neste acordo farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Cuarto. Entrada en vigor.

Este acordo producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.