Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2012 Páx. 5386

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de xaneiro de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia, parcialmente cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo de Galicia 2007-2013.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixo estratéxico 2, Consolidación de grupos de referencia, que no Sistema Universitario de Galicia existen unha serie de grupos de investigación, aos cales podemos denominar grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións académicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas. Doutra banda, están os grupos con potencial de crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

Estes grupos deberían dispor dun financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que substituirá un modelo baseado no financiamento do grupo por acumulación de proxectos de investigación.

Por outra banda, os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a integración en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, consorcios, agrupacións estratéxicas ou institutos. A pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar, a fontes de financiamento e a unha reputación que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Estas entidades favorecen tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema Universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de forma que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases para o Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación nas modalidades de grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e agrupacións estratéxicas.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto das bases reguladoras.

Esta orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), mediante as seguintes modalidades:

a) Grupos de referencia competitiva: as condicións detállanse no anexo I.

b) Grupos con potencial de crecemento: as condicións detállanse no anexo II.

c) Redes de investigación: as condicións detállanse no anexo III.

d) Agrupacións estratéxicas: as condicións detállanse no anexo IV.

As convocatorias que desenvolven estas bases poderán ser publicadas anualmente e terán o seguinte contido:

– Referencia a estas bases reguladoras e ao DOG en que está publicada.

– Créditos orzamentarios aos cales se imputa a axuda e a súa contía máxima.

– Obxecto, condicións e finalidade da concesión da axuda.

– Expresión de que a concesión se efectúa mediante un réxime de concorrencia competitiva.

– Requisitos para solicitar a axuda e forma de acreditalos.

– Indicación dos órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

– Prazo de presentación de solicitudes.

– Prazo de resolución e notificación.

– Documentos e informacións que se deben xuntan á petición.

– Indicación de se a resolución pon fin á vía administrativa e, en caso contrario, órgano ante o que se debe interpoñer recurso de alzada.

– Criterios de valoración das solicitudes.

– Medio de notificación ou publicación.

Artigo 2. Beneficiarios e perceptores dos fondos.

Poderán ser beneficiarios finais das axudas da modalidade a), b) e c), os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia recoñecidos como tales pola súa universidade de orixe, que cumpran os requisitos establecidos nos anexos I, II e III respectivamente.

Poderán ser beneficiarios finais das axudas da modalidade d), as universidades do Sistema Universitario de Galicia que cumpran os requisitos establecidos no anexo IV.

Os perceptores e distribuidores dos fondos desta modalidade son as universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por «investigador» o persoal docente investigador do Sistema Universitario de Galicia con categoría de doutor. Nesta cualificación admítese o persoal contratado doutor vinculado por programas competitivos de dotación de persoal, en particular os procedentes dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal ou Juan de La Cierva, así como os profesores contratados doutores, sempre que formen parte dun grupo de investigación no rexistro da universidade correspondente.

Artigo 3. Conceptos subvencionables.

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade de consolidación ou agrupación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de maneira específica ás funcións de xestión do grupo, da rede ou da agrupación.

2. Pequeno equipamento e material funxible, e custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental e similares.

3. Material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.

4. Formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda.

5. Viaxes para a actividade obxecto da axuda.

6. Investigadores visitantes.

7. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

8. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

9. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar a estrutura e a estratexia da rede, da agrupación ou do grupo.

10. Actividades para xerar rede ou favorecer a agrupación, non só entre os promotores, senón tamén con terceiros.

11. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría, ata o límite de 3.000 euros por beneficiario, cando a axuda sexa financiada polo Feder.

12. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 20% da axuda concedida.

Cando estas axudas sexan cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os conceptos anteriores só serán aceptados se cumpren os criterios de elixibilidade que establezan os regulamentos que desenvolven o Feder, en particular os recollidos na Orden EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión (BOE núm. 53, do 1 de marzo de 2008).

Atendendo ao establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificado pola Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais de Galicia para 2012, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación no DOG da orde de convocatoria anual. A presentación das solicitudes realizarase exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os formularios da solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.es, cando sexa publicada a convocatoria anual de axudas, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico dxpct-xestion@edu.xunta.es

O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

As solicitudes serán presentadas, segundo a modalidade, por:

– Nas modalidades de grupos de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento, o solicitante será o coordinador (ou equivalente) do grupo de investigación que solicite a axuda.

– Na modalidade de redes, o solicitante será o coordinador do grupo de investigación que asuma as tarefas de xestión da rede.

– Na modalidade de agrupacións estratéxicas, o solicitante será o vicerreitor da respectiva universidade con competencias en materia de investigación.

En todos os casos, a solicitude levará o visto e prace da autoridade que representa legalmente á universidade correspondente.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentos dixitalizados que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos nos anexos desta convocatoria correspondentes á modalidade de axuda solicitada.

b) Certificado dixitalizado da composición dos grupos emitido pola universidade de orixe, indicando o código e denominación de grupo, así como o número de membros do grupo que son mulleres.

c) Certificado dixitalizado de ingresos de I+D competitivos obtidos polos solicitantes nos tres últimos anos, expedido pola universidade de orixe. Esta certificación só será necesaria nas modalidades de grupo de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento.

Para os efectos desta convocatoria enténdese por ingresos de I+D competitivos os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes e de software, así como os premios de investigación. Non se terán en conta as axudas para infraestruturas, as bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica, as axudas correspondentes a programas de recursos humanos, nin as procedentes deste mesmo programa.

d) Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo, a rede ou a agrupación, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato desta memoria está incluído no formulario de solicitude.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

f) Currículo dixitalizado acreditativo dos méritos alegados polo investigador ou o grupo, en soporte electrónico, segundo se detalla para cada unha das modalidades de axuda.

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puider facer o peticionario no senso de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De conformidade co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Artigo 5. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán, o décimo quinto día posterior ao remate do prazo de presentación de solicitudes, a listaxe provisional de solicitudes admitidas e excluídas na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/ onde se sinalarán, se é o caso, as causas de exclusión.

Esta listaxe estará exposta durante dez días hábiles e os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, emendar erros e a falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Avaliación e selección.

A selección dos beneficiarios finais das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude, e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude. O proceso de avaliación realizarase na Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do Sistema Universitario de Galicia designados polo titular da Secretaría Xeral de Universidades, e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria (Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidade e Arte, Ciencias Sociais e Xurídicas). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos e candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas son:

a) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo ou rede, mecanismos de xestión e organización e infraestruturas. Ata un total de 10 puntos.

a1. Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo e da súa actividade.

a2. Liderado do grupo feminino.

a3. Dimensión interuniversitaria.

b) Actividade investigadora (nos tres anos anteriores á solicitude). Ata un total de 65 puntos.

b1. N.º de teses lidas/n.º de investigadores.

b2. N.º contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas.

b3. N.º proxectos de convocatorias de ámbito autonómico/n.º de investigadores.

b4. N.º proxectos de convocatorias de ámbito estatal/n.º de investigadores.

b5. N.º proxectos de convocatorias de ámbito internacional (como socio e como líder).

b6. N.º de redes de ámbito estatal e internacional ás cales pertence.

b7. Ingresos por contratos, convenios e convocatorias/n.º de investigadores.

b8. N.º de contratos con empresas ou institucións.

b9. N.º de publicacións en revistas SCI/SSCI (ou outros índices propios de Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas) e n.º de publicacións no primeiro cuartil do SCI/SSCI.

b10. N.º de libros publicados.

b11. N.º de capítulos de libros.

b12. Índice h do grupo (media dos dous índices h mais altos do grupo).

b13. Publicacións de actas de congresos internacionais.

b14. N.º de patentes rexistradas.

b15. N.º de patentes en explotación.

b16. N.º de empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo.

b17. N.º de conferencias invitadas en congresos internacionais.

b18. Resultados de creatividade artística (para grupos de Arquitectura e Belas Artes).

b19. Participación en comités editoriais de revistas científicas.

c) Estratexia do grupo de investigación, agrupación ou rede. Ata un total de 15 puntos.

c1. Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo, agrupación ou rede, de acordo cos obxectivos da convocatoria.

c2. Estratexia de aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo ou a rede.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coas bases da convocatoria, as avaliacións correspondentes, a dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A Comisión de Selección estará constituída por sete membros:

– O titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

– Serán vogais da Comisión:

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo presidente da Comisión de Selección.

• O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a xefe/a do servizo de Xestión Científica-Tecnolóxica da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario da comisión.

Esta Comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios:

– Potencialidade da solicitude para satisfacer ás necesidades científico-tecnolóxicas da sociedade e os sectores económicos galegos, na medida en que a actividade do grupo aborde estas necesidades.

– Participación de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense, así como a dimensión interuniversitaria da proposta.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

Artigo 7. Resolución.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución, que incluirá a relación de candidatos seleccionados, ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

No texto da resolución individual aparecerán os obxectivos de consolidación e estruturación do grupo, agrupación ou rede obxecto da axuda, segundo o establecido nos respectivos anexos. O grupo deberá aceptar expresamente a axuda concedida mediante a resolución individual; en caso de non aceptar a resolución entenderase que renuncia á axuda, e procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de seis meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006, da Comisión Europea.

Artigo 8. Libramento da subvención.

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada a través da universidade a que pertenza o solicitante, conforme o plan do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo ou rede. Ademais, cando a axuda teña cofinanciamento do Feder, a universidade correspondente deberá presentar nesa mesma data límite os documentos xustificativos dos gastos e dos pagamentos, ou un informe de auditoría de acordo co establecido no artigo 60 do Regulamento 1083/2006 (CE), asinado por un auditor do Rexistro Oficial de Auditores de Contas. Este informe deberá certificar tanto a regularidade da solicitude do beneficiario como describir o labor desenvolvido e os resultados.

En caso de cofinanciamento do Feder, tamén deberá achegarse unha relación das publicacións, actos e reunións nas cales se fixer publicidade do devandito cofinanciamento.

En cumprimento da normativa relativa ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as universidades deberán manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría». Ademais, deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006, do Consello. Os gastos deberán xustificarse con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e os pagamentos cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 9. Modificación da resolución de concesión de axudas.

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a continuación:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por isto, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando o grupo, rede ou agrupación teña concedida outra axuda desta consellería para a mesma actividade. Un mesmo grupo non poderá ser beneficiario de máis dunha axuda para a modalidade de redes, aínda que correspondan a temáticas diferentes, nin poderá recibir simultaneamente axudas das modalidades de grupos de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento.

c) Cando o beneficiario teña concedida outra axuda na cal os mesmos gastos sexan cofinanciados por fondos procedentes do mesmo ou outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 10. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Control.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses contados desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, de Feder.

Artigo 12. Dotación orzamentaria.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 15.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, sempre que exista crédito adecuado e suficiente. As cantidades desglosaranse en cada convocatoria anual.

Os importes poderán corresponder a fondos propios da comunidade autónoma e a fondos procedentes do Feder (eixe 1, tema prioritario 01: actividades de I+D en centros de investigación. Actuación 1: Consolidación e estruturación do sistema público de I+D). O cofinanciamento do Feder acadará como máximo o 80% da axuda.

Dado o cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os beneficiarios das axudas deberán cumprir os requisitos de publicidade que establece o artigo 8 do Regulamento 1828/2006, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento 1083/2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo de Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e ao Regulamento 1080/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como cumprir os requisitos de xustificación que estableza esa mesma normativa. En todo caso, as medidas de publicidade e información deberán ser coherentes co establecido na guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 en Galicia.

Disposición derradeira primeira.

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Grupos de referencia competitiva

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos 5 investigadores.

– Cumprir como mínimo un dos seguintes requisitos nos tres anos anteriores á solicitude:

• Ter polo menos 3 proxectos competitivos, cun importe superior a 15.000 euros cada un, activos no período.

• Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D superiores a 250.000 euros.

– Cumprir polo menos dous dos seguintes criterios de produción científica nos tres anos anteriores á solicitude:

• Sexenios recoñecidos: polo menos 4 sexenios.

• N.º de artigos en publicacións SCI/SSCI: polo menos 6 publicacións.

• N.º de libros publicados: polo menos 3 (só para grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos 3 teses.

• Patentes rexistradas: polo menos 2 patentes.

• Acordos de explotación ou empresas (EBTs) xerados a partir de resultados obtidos polo grupo: polo menos 1 acordo ou EBT.

• Participación, como líder, en proxectos de Programa marco da UE: polo menos 1 liderado de proxecto.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de dúas anualidades prorrogables a outras dúas, mediante o pagamento anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. En consecuencia, a axuda constará de dous módulos.

1. Módulo fixo: por importe de 50.000 euros anuais.

2. Módulo variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, segundo os seguintes tramos:

– Ingresos medios de 200.000 a 300.000 euros: ata 20.000 euros anuais.

– Ingresos medios de 300.000 a 400.000 euros: ata 30.000 euros anuais.

– Ingresos medios superiores a 400.000 euros: ata 50.000 euros anuais.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10 desta orde.

ANEXO II

Grupos con potencial de crecemento (GPC)

1. Obxecto da axuda.

Axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

– Ter polo menos 3 investigadores.

– Que o conxunto dos membros do grupo non sexan investigadores principais de máis dun proxecto activo do INCITE do Programa de promoción xeral da investigación (PXI) ou dos programas sectoriais de investigación aplicada para equipos de investigación.

– Cumprir como mínimo catro dos seguintes requisitos de actividade nos tres anos anteriores á solicitude:

• Ingresos medios anuais por actividades de I+D: superior a 100.000 euros (ou superior a 50.000 euros cando se trate de grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• N.º de proxectos competitivos activos: polo menos 2 proxectos de importe superior a 15.000 euros cada un.

• Contratos ou convenios con empresas ou institucións: polo menos 2 contratos o convenios, dun importe medio superior a 15.000 euros.

• Sexenios de investigación recoñecidos aos doutores do grupo: polo menos 2 sexenios.

• N.º de artigos en publicacións SCI/SSCI: polo menos 3 publicacións.

• N.º de libros publicados: polo menos 2 (só para grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• N.º de capítulos de libros publicados: polo menos 3 (só para grupos das áreas de coñecemento Humanidades e Arte ou Ciencias Sociais e Xurídicas).

• Teses dirixidas e lidas: polo menos 2 teses.

• N.º de patentes rexistradas: polo menos 1 patente.

• Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo: polo menos 1 empresa.

• Participación, como socio ou líder, en proxectos de Programa marco da UE: polo menos 1 participación.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de dúas anualidades, mediante o pagamento anual dunha contía fixa de 35.000 euros.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10 desta orde.

Se un grupo de investigación cumpre os requisitos das modalidades de grupo de referencia competitiva e de grupos con potencial de crecemento, poderá presentar a solicitude a ambas, pero só poderá ser beneficiaria dunha delas. Entenderase que cando un grupo teña posibilidade de ser financiado en ambas as modalidades, optará sempre pola de maior contía, polo que renunciará á outra.

Os grupos de investigación que perciban esta axuda e obteñan unha cualificación favorable ao seu remate, poderán optar á modalidade de grupos de referencia competitiva ao ano seguinte, sempre que cumpran os requisitos de entrada establecidos. Aqueles grupos que non obteñan unha cualificación final favorable, non poderán presentar solicitude de axudas desta convocatoria, en ningunha das dúas modalidades, durante un período de dous anos.

A porcentaxe de axudas desta modalidade concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Socias e Xurídicas; Enxeñería e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior ao 15% das axudas concedidas, sempre que o número de solicitudes o permita. O 25% restante será distribuído por puntuación con independencia da área de coñecemento a que pertenza.

ANEXO III

Redes de investigación

1. Obxecto da axuda.

Axudas a grupos de investigación para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación.

2. Requisitos.

O solicitante será un grupo de investigación do SUG (denominado coordinador) que, coa adhesión de polo menos outros tres grupos, promova o desenvolvemento dun plan de actividades conxuntas e complementarias no marco dunha rede. A rede poderá estar constituída por socios non pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia, pero non se computarán para efectos do mínimo requirido.

3. Contía e duración.

A axuda consistirá nunha contía fixa anual de 60.000 euros. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos, mediante o pagamento anual ao grupo que coordine a rede.

Ao final da segunda anualidade realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos da rede que fosen recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10 desta orde.

Estes criterios enténdense avaliables no marco da rede actual, isto é, non para os seus membros de xeito individual nin para os seus futuros membros.

ANEXO IV

Agrupacións estratéxicas

1. Obxecto da axuda.

Axudas ás universidades para que desenvolvan estruturas organizativas de investigación máis eficientes mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos dos actuais grupos de investigación.

Por agrupacións estratéxicas enténdense unidades organizadas cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación que, establecidas pola universidade propoñente, teñan por obxectivo desenvolver unha actividade colaborativa estable e planificada con obxectivos de I+D e transferencia propios.

A necesidade da agrupación quedará xustificada se demostran contribución aos seguintes obxectivos:

a) Combinación dos recursos e capacidades dos grupos de investigación coa finalidade de acadar mellores resultados científicos e tecnolóxicos.

b) Realización de investigación en colaboración e interdisciplinar de calidade.

c) Establecemento de estratexias comúns de xestión e transferencia de resultados de investigación.

d) Aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do Sistema Universitario de Galicia.

e) Incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran.

f) Incorporación racional e sustentable de persoal de apoio para o desenvolvemento de tarefas de xestión, comerciais, informáticas, de laboratorio, ou outras similares que sexan necesarias para a realización máis eficiente da actividade investigadora.

g) Maior presenza de investigadores do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais.

Estas axudas poderán ir destinadas tanto a agrupacións estratéxicas novas como ás agrupacións estratéxicas xa existentes que recibiron axudas deste programa nas convocatorias de 2008 e 2009.

2. Requisitos.

Ser unha agrupación de grupos de investigación do SUG recoñecidos pola universidade de orixe que conxuntamente cumpra os criterios seguintes:

• Que un ou máis dos grupos que forman a agrupación recibise en anos anteriores a axuda do Programa de consolidación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

• Que a solicitude veña apoiada polo menos por 5 grupos de investigación do SUG ou un mínimo de 10 investigadores. A inclusión de grupos procedentes de universidades alleas ao SUG será valorada positivamente.

• Que dispoñan dun plan de actuación da agrupación.

Ademais de presentar a documentación acreditativa dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6 desta orde, será imprescindible que se achegue a seguinte información da agrupación:

a) Presentación da agrupación, incluíndo: (i) nome e acrónimo, (ii) grupos que a compoñen, (iii) nomeamento dunha persoa que liderará a agrupación e que actuará como coordinador da actividade e contacto coa Administración durante a vixencia da axuda, (iv) resumo dos obxectivos da agrupación e da xustificación da súa existencia.

b) Descrición da situación actual da agrupación, incluíndo: (i) detalle dos ingresos dos grupos por I+D, (ii) das súas actividades de formación de novos investigadores e da súa produción científica e técnica mais relevante, (iii) descrición das relacións dos grupos con outros grupos de investigación, con empresas ou con outras entidades, así como a súa participación en redes de ámbito científico ou tecnolóxico.

c) Contido mínimo do plan de actuación da agrupación:

• Xustificación da existencia da agrupación para a universidade propoñente.

• Estratexia da agrupación que detalle os obxectivos da agrupación e o seu interese científico e técnico, así como os mecanismos que se aplicarán para mellorar a calidade e produtividade da súa actividade investigadora, mellorar o impacto dos seus resultados de investigación sobre o contorno socioeconómico, así como para paliar os puntos febles dos grupos.

• Organización científica e funcional da agrupación en unidades de investigación ou nos seus grupos, así como os criterios de adscrición de investigadores á agrupación.

• Organización de xestión da agrupación.

• Previsión de orzamento dos próximos catro anos da agrupación.

• Mecanismos de avaliación externa periódica.

• Planificación de actividades para os próximos catro anos, atendendo a:

– Política de persoal da agrupación: deseño dos cadros de persoal referidos a investigadores, bolseiros de investigación, técnicos e persoal de laboratorio ou similar, e persoal de xestión, así como o establecemento dos mecanismos de incorporación deste persoal (contratación, adscrición temporal, etc).

– Instalacións e medios: detalle dos medios actuais que se incorporan á nova estrutura así como das instalacións e dos medios novos que serán necesarios.

– Actividades: proxectos de I+D financiados ou orientados a convocatorias públicas; estratexias ou actividades de I+D de especial relevancia orientadas a empresas ou administracións públicas; programas de doutoramento; organización de actividades de carácter científico-técnico; actividades de formación distintas do doutoramento.

– Viabilidade económica: valorar a capacidade da agrupación para obter recursos económicos e a súa correlación cos seus gastos.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período máximo de dúas anualidades, cunha contía máxima de 250.000 euros por anualidade.