Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 9 de febreiro de 2012 Páx. 5492

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de xaneiro do 2012 pola que se modifica a Orde do 6 de xuño de 2011 pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

A Orde do 6 de xuño de 2011, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se aproba a convocatoria para a concesión, con cargo ao exercicio orzamentario 2011 e 2012, de subvencións públicas para a execución de plans de formación intersectoriais e sectoriais mediante convenios de ámbito autonómico, dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, establece no seu artigo 3 a duración dos plans de formación.

O período de execución dos plans de formación, previsto no dito artigo, finaliza o 30 de abril de 2012, no entanto valorouse a conveniencia neste momento de ampliar o devandito prazo coa finalidade de posibilitar o óptimo desenvolvemento dos plans de formación financiados.

Por todo o exposto e logo de consulta das organizacións empresariais e sindicais máis representativas, dispoño:

Artigo único.

O artigo 3 da Orde do 6 de xuño de 2011 pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, queda redactado nos seguintes termos:

Os plans de formación poderán executarse desde o día 1 de maio de 2011 ata o 30 de xuño de 2012 e deberán estar xustificados todos os gastos no prazo dun mes desde o seu remate.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar