Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2012 Páx. 6771

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2012 pola que se publican os modelos de solicitude de certificacións persoais e de autorización de centros para a impartición dos programas formativos referidos á manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles.

Antecedentes.

1. Os Regulamentos (CE) n.º 303/2008 e 304/2008 da Comisión, do 2 de abril de 2008, estableceron os requisitos mínimos e as condicións de recoñecemento mutuo da certificación de empresas e persoal no que se refire aos equipamentos fixos de refrixeración, aire acondicionado e bombas de calor que conteñan determinados gases fluorados de efecto invernadoiro.

2. Os ditos regulamentos foron traspostos á normativa nacional polo Real decreto 795/2010, do 16 de xuño, polo que se regula a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles, así como a certificación dos profesionais que os utilizan (BOE número 154, do 25 de xuño).

3. No artigo 4.3 do dito real decreto establécese que as comunidades autónomas designarán o órgano competente para a expedición, suspensión e retirada das certificacións persoais relacionadas no seu anexo I, e que, segundo o artigo 5.1 establecerán os modelos de solicitude de certificacións e presentación da documentación xustificativa do cumprimento das condicións necesarias para a súa expedición.

4. No artigo 7.1 do dito real decreto establécese que as comunidades autónomas designarán o órgano competente para o mantemento dun rexistro dos certificados expedidos.

5. Así mesmo, o artigo 8.2 do R.D. 795/2010 establece que os programas formativos do seu anexo II poderán ser impartidos e avaliados polos centros autorizados pola administración competente.

6. Finalmente, o Decreto 100/2011, do 19 de maio, polo que se regula a distribución de competencias en materia de expedición de certificados para a comercialización e manipulación de gases fluorados e equipamentos baseados neles (DOG número 105, do 1 de xuño) establece a competencia da consellería con competencias en materia de traballo tanto para a expedición de certificacións persoais como para a autorización dos centros autorizados previstos no artigo 8.2 do R.D. 795/2010, do 16 de xuño, así como para o mantemento dun rexistro actualizado dos certificados expedidos.

Consideracións legais e técnicas.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación é competente para resolver segundo o establecido no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Aprobar o modelo de solicitude de certificación persoal para a manipulación de gases fluorados, que figura como anexo I a esta resolución. Só poderán solicitarse, ante esta consellería, aqueles certificados acreditativos cando a persoa estea en posesión dun certificado de profesionalidade, ou ben como consecuencia da realización da formación prevista no anexo II do R.D. 795/2010, do 16 de xuño, cando esta se realizase nun centro autorizado pola Consellería de Traballo e Benestar.

Aprobar o modelo de solicitude de autorización de centros autorizados previstos no artigo 8.2 do R.D. 795/2010, do 16 de xuño, e no artigo 5 do Decreto 100/2011, que se inclúe como anexo III a esta resolución.

A Consellería de Traballo e Benestar manterá un rexistro actualizado das certificacións expedidas, de acordo co previsto no artigo 7 do R.D. 795/2010 e co disposto no artigo 4 do Decreto 100/2011, do 19 de maio.

Os interesados deberán presentar estas solicitudes nos modelos que figuran no anexos desta resolución. Tamén se poderán xerar da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es). Unha vez cuberta, preferentemente en soporte dixital, a solicitude deberase imprimir para a súa presentación.

Estas solicitudes deberanse dirixir á Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar. Presentaranse no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, tamén se poderán presentar en calquera oficina de rexistro da Xunta de Galicia ou do Portelo Único, ou por calquera das formas establecidas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Calquera das solicitudes se poderá presentar a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE número 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE número 16, do 19 de xaneiro, e BOE número 30, do 4 de febreiro).

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2012.

Ana M.ª Díaz López
Directora xeral de Formación e Colocación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file