Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7114

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2012 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2012, en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, nas súas xuntanzas dos días 13 de outubro de 2011 e 19 de decembro de 2011, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas á internacionalización das empresas galegas, facultando o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao 70%, eixo 2, tema prioritario 08, actuación 5.

Segundo.

Convocar, para o exercicio 2012, en réxime de concorrencia non competitiva, as seguintes liñas de axuda das bases reguladoras das axudas do Igape á internacionalización das empresas galegas:

1. Liña participación en eventos expositivos que se realicen fóra de España (procedemento IG110).

2. Liña márketing, comunicación e marca (procedemento IG172).

3. Liña misións inversas (procedemento IG124).

4. Liña prospección internacional (procedemento IG173).

5. Liña primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex (procedemento IG158).

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte) e rematará o 30 de marzo de 2012 para a liña sinalada co número 2 do punto segundo anterior, o 30 de abril de 2012 para as liñas sinaladas cos números 1 e 4 e o 31 de maio de 2012 para as liñas sinaladas cos números 3 e 5.

No caso de que en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgotase o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape ww.igape.es

Cuarto.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria das liñas anteriores aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2012

2013

2014

2015

08.A1.741A.7708

2.000.000,00 €

2.000.000,00 €

1.500.000,00 €

600.000,00 €

08.A1.741A.7814

800.000,00 €

800.000,00 €

800.000,00 €

300.000,00 €

08.A1.741A.7451

200.000,00 €

200.000,00 €

200.000,00 €

100.000,00 €

Quinto.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Sexto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica
(Igape) á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do
Programa operativo Feder Galicia 2007-2013

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das nosas empresas.

Unha aposta que se plasma no plan re-Forza, o plan Estratéxico 2010-2014 e o diálogo social cos axentes sociais. En todos os casos, a internacionalización empresarial constitúe en si mesma un obxectivo estratéxico para Galicia, para o cal se dispoñen recursos humanos e orzamentarios moi importantes para acadar o salto de calidade das nosas empresas nos mercados exteriores.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance liñas de axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países receptores das exportacións galegas e a diversificación dos sectores exportadores.

Con esta finalidade ofrécese axuda económica para o desenvolvemento da estratexia de internacionalización das empresas, contribuíndo financeiramente á execución de plans específicos de promoción. Así mesmo, considérase tamén que se deben primar as accións promocionais conxuntas por parte de empresas galegas mediante maiores niveis de apoio en tanto que permiten un uso máis eficiente dos recursos.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles.

Estas liñas de axuda compleméntanse coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización e cos servizos do Igape á internacionalización, entre os cales cabe destacar o apoio en destino a través da Rede PEXGA de plataformas da Xunta no exterior, o diagnóstico de capacidade de internacionalización empresarial, o asesoramento e asistencia técnica en orixe, plans país sectoriais, información sobre mercados, así como os servizos de formación e información, organización de accións promocionais de participación agrupada, rede de empresarios e profesionais de orixe galega, rede empresarial europea, difusión da oferta exportadora galega e calquera outro que solicite o empresariado galego dentro dos medios e recursos dispoñibles do Igape (detállanse no portal www.exportgalicia.com).

Artigo 1. Proxectos subvencionables.

1.1. Os proxectos obxecto de apoio serán aqueles que promocionen e faciliten o acceso das empresas galegas ao exterior e incentiven a súa internacionalización. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido sobre os gastos subvencionables realizados polas empresas ou organismos intermedios que teñan a sede efectiva da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia na execución de actuacións dirixidas á promoción internacional de produtos elaborados, comercializados e/ou servizos prestados, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos nestas bases para cada unha das liñas de axuda.

1.2. As liñas de axuda do Igape serán as seguintes:

1. Liña participación en eventos expositivos que se realicen fóra de España.

2. Liña márketing, comunicación e marca.

3. Liña misións inversas.

4. Liña prospección internacional.

5. Liña primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex).

1.3. Quedan excluídas as axudas á exportación. Debe entenderse por axudas á exportación aquelas directamente asociadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e ao funcionamento dunha rede de distribución e aos gastos correntes derivados da actividade exportadora.

1.4. No caso de solicitudes de empresas, o solicitante debe ser o beneficiario final dos servizos para os cales se solicita axuda, é dicir, debe tratarse de servizos encamiñados a internacionalizar a propia empresa solicitante.

1.5. O prazo de execución dos proxectos subvencionables,

a) Iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda. En consecuencia, a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria. O prazo de execución finaliza para as liñas 1 e 2 o 30 de setembro do exercicio da convocatoria, para a liña 3 finaliza o 31 de outubro do exercicio da convocatoria, para a liña 4 finaliza o 30 de setembro do exercicio seguinte ao da convocatoria, e para a liña 5 finaliza o 31 de maio do terceiro exercicio posterior ao da convocatoria.

b) Tamén serán subvencionables aqueles proxectos das liñas de participación en eventos expositivos e misións inversas (liñas sinaladas cos números 1 e 3), executados no exercicio anterior ao da convocatoria –cunha data de execución posterior á data límite establecida na convocatoria correspondente ao devandito exercicio–, e sempre que a dita data de execución posterior dependese exclusivamente da data de celebración dun evento expositivo organizado por terceiros.

Enténdese que a acción está finalizada transcorrido o último día do evento, misión ou data de finalización do proxecto manifestada polo solicitante no cuestionario de solicitude. Neste último caso o Igape pode adiantar a data última de execución do proxecto manifestada polo solicitante atendendo a criterios de eficiencia na execución orzamentaria.

1.6. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 2.000 € polo que se refire á liña 1 no anexo I «participación en eventos expositivos que se realicen fóra de España», nin inferior a 3.000 € polo que se refire ao resto das liñas establecidas no dito anexo.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación.

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada en rexistro do expediente completo, e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto neste casos non semella posible a comparación de proxectos entre si pola casuística ampla e heteroxénea que permiten as bases reguladoras e, en consecuencia, a imposibilidade de fixar criterios de valoración comparativos entre as diferentes solicitudes.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

2.2. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. Para as empresas do sector pesqueiro as axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro).

2.3. A subvención aos proxectos estará cofinanciada nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular nos regulamentos (CE) n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006 (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE n.º 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que se respecten as intensidades de axuda máximas indicadas nos regulamentos da UE aplicables. Non serán compatibles –para os mesmos conceptos subvencionables– con outros programas de apoio financiados pola Xunta de Galicia.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector de transporte por estrada. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro, de acordo co establecido no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo (DOUE do 25 de xullo) e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, de acordo co establecido no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 21 de decembro).

Artigo 4. Beneficiarios.

4.1. Poderán ser beneficiarios os especificados no anexo I para cada liña de axuda.

4.2. Os beneficiarios deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Desenvolver nun centro radicado en Galicia calquera actividade económica, incluso a prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, non excluída no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas conforme o establecido no Regulamento (CE) 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro, conforme o establecido no Regulamento (CE) 875/2007, da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro.

No que se refire a empresas non domiciliadas en Galicia, a subvención correspondente reducirase en proporción ao número de empregados nos centros radicados en Galicia respecto do conxunto total de empregados da empresa. Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas empresas non domiciliadas en Galicia e que unicamente teñan radicados na Comunidade Autónoma centros con actividade estritamente comercial.

b) Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño).

c) Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estivesen en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

d) Tamén será requisito a inscrición no Rexistro de establecementos industriais de Galicia para as empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio (DOG núm. 100, do 24 de maio) polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

e) As condicións específicas citadas en cada liña de axuda.

4.3. Por beneficiarios organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas galegas e centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o Rexistro de tales centros (BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Artigo 5. Gastos non subvencionables.

5.1. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE e que esa operación concreta non foi incluída na declaración do IVE.

5.2. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (no caso de organismos intermedios sen ánimo de lucro non se entende que haxa vinculación coas empresas asociadas ou representadas). Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán xuntarse ao cuestionario de solicitude (agás na liña 5 do anexo I, que deberán achegarse na xustificación), realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

5.4. Nun mesmo exercicio orzamentario non poderá percibir un mesmo solicitante, ao abeiro destas bases, unha subvención total por máis de 50.000 euros no caso solicitudes de empresas e 150.000 euros no caso de solicitudes de organismos intermedios. Neste caso, o Igape procederá ao reaxuste correspondente.

Para o cómputo destes límites exceptúase a subvención obtida na liña de primeira implantación promocional conxunta, que ten outros límites específicos, establecidos no anexo I a estas bases, e non computan para efectos dos límites anteriores.

5.5. Para estes efectos, o establecemento dos distintos límites computarase en todo caso en termos de subvención bruta.

5.6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5.7. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación de internacionalización concreta que se propón para a subvención e calquera outro gasto derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.

5.8. Non serán subvencionables gastos correspondentes a actuacións que o solicitante poida realizar cos seus propios medios materiais e persoais, o que se determinará polo tipo de actividade da empresa –IAE ou CNAE–, e/ou porque o solicitante pola súa vez figure como provedor para outra empresa solicitante destas axudas –nesta e anteriores convocatorias– para o mesmo tipo de actuacións e gastos.

5.9. No caso de actuacións en que participen un grupo de empresas e/ou organismos intermedios, entre os cales se inclúa algún participante que non cumpra os requisitos para ser beneficiario do artigo 4 destas bases ou os especiais para cada unha das liñas de axuda do anexo I, os gastos que poidan individualizarse correspondentes a tales participantes non serán subvencionables, e polo que respecta aos gastos de tipo xeral ,a subvención reducirase en función da porcentaxe de participantes que non cumpran os requisitos para ser beneficiarios.

5.10. Os gastos subvencionables serán os establecidos nestas bases para cada liña de axuda e reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE n.º 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.

6.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6.2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

6.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o Rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE n.º 223, do 16 de setembro) no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro, unha vez que este estea operativo.

6.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

6.5. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

6.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 7. Solicitudes.

7.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar unha solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicitan a subvención a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es/.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario e, no caso de que se conceda a axuda, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.

7.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

7.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo II, nas cales será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda), non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivo.

Na solicitude debe explicarse o proxecto e detallar os traballos que se van realizar por cada un dos conceptos subvencionables.

7.5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7.6. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG n.º 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente durante a tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE n.º 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

7.7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións.

Artigo 8. Órganos competentes.

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 9. Entidades colaboradoras.

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei e coas formalidades do seu artigo 13. As entidades colaboradoras designaranse con base na súa experiencia no eido do comercio internacional e da cooperación exterior. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras, agás que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións; neste caso prevese que as entidades previstas no artigo 13.4 da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1% do orzamento previsto.

Artigo 10. Instrución dos procedementos.

10.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos da Área de Internacionalización «Galicia@World» do Igape ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no cuestionario.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o cuestionario non reúnen algunha das informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.4 destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

10.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

10.4. Instruído o procedemento formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados, concedéndolles un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidos polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, e a proposta de resolución formulada, terá o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas se é o caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

10.5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Resolución.

11.1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

11.2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a presentación da solicitude completa no Igape, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

11.3. Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Feder, segundo os modelos establecidos no manual de comunicación da Xunta de Galicia. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

11.4. As resolucións de concesión condiciónanse á efectiva presentación da documentación relativa ao beneficiario e ás condicións do proxecto, que será presentada xunto coa solicitude de aboamento da subvención.

11.5. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

11.6. O beneficiario das axudas terá un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación, cubrindo a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. Unha vez transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape por delegación do Consello de Dirección, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

13.1. Unha vez ditada a resolución non se admitirán a trámite máis modificacións das súas condicións que as indicadas a continuación:

a) As solicitudes da liña 3 citada no artigo 1.2, que se refiran á modificación do país obxectivo, á modificación do orzamento subvencionable á baixa, ou á modificación no prazo de execución do proxecto, sempre que non exceda a data límite de execución dos proxectos establecida no anexo I a estas bases.

A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima dun mes ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

b) As solicitudes de calquera beneficiario das liñas de prospección internacional ou primeira implantación promocional conxunta no exterior (liñas 4 e 5 citadas no artigo 1.2) e que se refiran á modificación do país obxectivo, orzamento subvencionable á baixa, ou á modificación no prazo de execución do proxecto, sempre que non exceda a data límite de execución dos proxectos establecida no anexo I a estas bases. No caso da liña 5, dada a plurianualidade do proxecto e a pluralidade de participantes permítese, así mesmo, o cambio de socios do proxecto durante a súa duración sempre que se respecten os mínimos exixidos, así como modificación do prazo de constitución da sociedade ou filial en destino (proxectos tipo I) ou modificación do prazo de posta en marcha (proxectos tipo II).

A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

13.2. En ningún caso se admitirán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50% do gasto subvencionable inicialmente aprobado, que danen dereitos de terceiros ou teñan en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

13.3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o cuestionario sinalado no artigo 7 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior.

13.4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e, se é o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, ao cesamento da actividade ou aos postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, especialmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. O beneficiario deberá conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entres públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100% do custo elixible total da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder de Galicia 2007-2013, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Darlle publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria e Feder, así como lendas relativas ao financiamento público nos postos, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención con inclusión da imaxe institucional do Igape, Consellería de Economía e Industria e Feder.

No caso de campañas de publicidade, o solicitante poderá substituír a inserción dos logotipos anteriores nos anuncios pola constancia na web do solicitante da axuda da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención con inclusión da imaxe institucional do Igape, Consellería de Economía e Industria e Feder.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 e no Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG n.º 227, do 19 de novembro) así como ás instrucións contidas no manual de identidade corportativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) n.º 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na «Guía de Publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación da subvención.

15.1. O beneficiario ten un prazo improrrogable dun mes para presentar a solicitude de cobramento da subvención concedida. O dito prazo comezará a contar desde o día seguinte á data límite de execución do proxecto subvencionado indicado na resolución de concesión, ou se a data de notificación da resolución de concesión fose posterior, desde o día seguinte á dita notificación.

Nos supostos de accións ou proxectos de carácter plurianual da liña 5 citada no artigo 1.2), as solicitudes de cobramento para cada anualidade terán como data límite de presentación o 10 de outubro de cada anualidade (pasando a xustificación dos gastos restantes de cada anualidade á seguinte anualidade).

No caso de presentación de recurso administrativo contra resolución de concesión a data límite de presentación da solicitude de cobramento establecerase na resolución que o resolva.

15.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o cuestionario de liquidación a través da aplicación de axuda establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es/. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente o cuestionario de liquidación. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algarismo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

15.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que se xunta como anexo III, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (xa sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

15.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderá asinar electronicamente o formulario de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 7.6, e que a documentación que se xunte á solicitude de cobramento sexa apta para a súa presentación telemática. Neste último caso, a aplicación de xeración de cuestionarios de liquidación permitirá xuntar estes documentos e remitilos electronicamente.

15.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que a presente ou corrixa os erros ou defectos observados no prazo improrrogable de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.6. Xunto á solicitude de cobramento, o beneficiario achegará en orixinal ou copia cotexada:

15.6.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

a) Sociedades mercantís:

– Escritura de constitución e modificacións.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

b) Autónomos:

– Último recibo do imposto sobre actividades económicas (IAE) ou alta no imposto en caso de estar exento do pagamento.

c) Consellos reguladores:

– Documentación acreditativa da representación con que actúa.

– Certificación expedida pola Secretaría-Intervención, que declare que o Consello está exento de pagamento do IVE na actividade subvencionada e que, polo tanto, non repercute este imposto.

d) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

– Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio da convocatoria e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

– No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2011.

e) Agrupación de persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución.

– Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, indicando a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios.

– Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio da convocatoria e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

– Para cada un dos membros da agrupación, a documentación correspondente citada nos puntos anteriores.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, non será necesario que presente a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o Igape poderá requirirlle que a presente ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

A falta de achegamento da documentación xustificativa establecida neste punto será motivo de perda do dereito á subvención e arquivo do expediente de concesión da axuda, logo de requirimento de emenda ao beneficiario.

15.6.2. Conta xustificativa con achega de informe de auditor. A conta xustificativa, segundo o cuestionario de liquidación, contará cos seguintes elementos:

1.º Unha memoria técnica que acredite a realización da actuación.

2.º Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

1) Fichas xustificativas normalizadas dos gastos e pagamentos realizados (os documentos orixinais acreditativos do gasto e do pagamento quedarán en poder dos beneficiarios, á disposición dos órganos de comprobación e control, ata a total prescrición dos dereitos da Administración segundo o establecido no artigo 90 do Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006. O beneficiario deberá indicar o lugar de custodia e depósito da documentación orixinal).

Os beneficiarios deberán xuntar ao cuestionario de liquidación as copias dixitalizadas dos seguintes documentos, nos cales será visible o selo e o visado por parte do auditor que emite informe sobre a conta xustificativa:

a) Xustificantes do gasto da actividade: as facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente deberanse presentar por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda.

b) Xustificantes do pagamento das facturas (presentaranse xunto con cada documento de gasto por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda):

– Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de liquidación, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter o selo orixinal da entidade financeira.

– Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do período de liquidación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Só se admitirán os pagamentos en efectivo para importes inferiores aos 1.000 € por provedor.

– No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar a relación destas.

– No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento debe realizarse sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

– As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dalgún destes xustificantes de tipo de cambio a euros:

• Documentos bancarios de cargo en euros en que conste o tipo de cambio empregado.

• Cotización oficial publicada polo Banco de España ou Banco Central Europeo correspondente á data do pagamento da factura.

• Para outros tipos de cambio atenderase a tipos de cambio do mercado de divisas na data do pagamento das facturas.

2) De ser o caso, a relación detallada doutros ingresos ou subvencións percibidas que financiasen a actividade incentivada, con indicación do seu importe e procedencia.

3.º Un informe realizado por un auditor de contas inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas. Nel efectuarase unha verificación de que os investimentos e os gastos realizados se corresponden cos aprobados na resolución de concesión da axuda. A actuación dos auditores de contas para a elaboración do citado informe rexerase polo disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio.

4.º Incluirase a acreditación do cumprimento das normas de publicidade exixidas tanto pola normativa galega de subvencións como polos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006. Para este efecto, achegarase o material gráfico (fotografías, exemplares de publicacións, etc.) indicado para cada liña de axuda no anexo I que evidencie o cumprimento destas normas. Os documentos que sirvan para verificar o cumprimento deste requisito estarán selados polo auditor e anexaranse á lista de comprobación Feder.

15.6.3. A documentación que para cada liña de axuda resulta do establecido no anexo a estas bases.

15.6.4. Calquera outra documentación que o Igape considere necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento, sinalada na resolución de concesión.

15.6.5. As datas das facturas, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas no período de liquidación, é dicir, entre a data de inicio do prazo de execución dos proxectos subvencionables e a data de remate do prazo de presentación da solicitude de cobramento establecido no artigo 15.1 destas bases. Exceptúanse do antes indicado as facturas de viaxes e as emitidas por organizadores de eventos expositivos subvencionables, de acordo co disposto nestas bases, que poden ser de data anterior ao exercicio económico da convocatoria, así como facturas e pagamentos de proxectos executados en 2011 subvencionables, segundo o establecido no artigo 1.5.b) destas bases.

15.6.6. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

15.6.7. Agás para aqueles conceptos de gasto con límites cuantitativos específicos, na xustificación da subvención admitiranse compensacións entre os distintos gastos subvencionables, sempre que non se desvirtúe o obxecto da subvención, que non se altere a contía total da subvención concedida, e que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen prexuízo das sancións que poderían corresponder ao beneficiario conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aboamento das axudas.

16.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

No caso da liña de primeira implantación promocional conxunta no exterior (liña 5 citada no artigo 1.2), poderase facer unha liquidación ao final de cada exercicio polos gastos incorridos en cada anualidade do proxecto. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Neste suposto, exímense os/as beneficiarios/as da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

16.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

16.3. No caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión –e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50% do gasto subvencionable máximo establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade–, o pagamento realizarase –sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro–, pola cantidade resultante de aplicar a porcentaxe de subvención aplicable sobre o gasto subvencionable xustificado. A xustificación inferior ao 50% do gasto subvencionable máximo establecido na resolución de concesión dará lugar ao inicio do expediente de incumprimento total.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas.

17.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

17.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50% deste, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

En todo caso, cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución, omitíndose o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o Igape poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros e sen que a aceptación das alteracións exima o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Réxime sancionador.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control.

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Comprobación de subvencións.

20.1. O órgano concedente ou as súas entidades colaboradoras comprobarán a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de tres anos posteriores o peche do Programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal e como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Durante o dito prazo os beneficiarios e/ou as entidades colaboradoras terán que conservalas e telas á disposición da Administración.

20.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Publicidade.

21.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

21.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

21.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE n.º 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, unha vez que este estea operativo, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

Artigo 22. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis ao sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro); no Regulamento (CE) n.º 1083/2006 Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) n.º 846/2009), no Regulamento (CE) n.º 1080/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e o resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO I

1. Liña de participación en eventos expositivos que teñan lugar fóra de España (procedemento IG110).

Finalidade da axuda: favorecer a participación agrupada en eventos expositivos que teñan lugar fóra de España. Contribuír a incrementar o coñecemento e capital intelectual das empresas galegas favorecendo o intercambio de coñecementos entre os distintos participantes, o coñecemento de primeira man de tendencias do mercado e novas tecnoloxías, así como o incremento da carteira de clientes, e contribuír á promoción das empresas galegas no estranxeiro.

Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas:

a) As empresas que teñan domicilio social ou algún centro de actividade radicado na Comunidade Autónoma de Galicia con entidade suficiente que xustifique a realización da actividade subvencionable desde ese centro de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Os consorcios de exportación con personalidade xurídica propia domiciliados en Galicia.

c) As asociacións empresariais, consellos reguladores de denominación de orixe e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas galegas, é dicir, empresas que teñan domicilio social ou algún centro de actividade radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o Rexistro de tales centros BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Proxectos subvencionables: será subvencionable a participación agrupada en eventos expositivos que teñan lugar fóra de España, organizada ben pola Xunta de Galicia, polo ICEX –en ambos os casos directamente ou a través de organismos intermedios– ou por un organismo intermedio do tipo dos citados na letra c) e d) de beneficiarios.

A mera participación de forma individual nun evento expositivo non é subvencionable.

Conceptos subvencionables: considéranse subvencionables os seguintes conceptos inherentes ao proxecto de promoción e incremento do capital intelectual da beneficiaria:

– Gastos de aluguer do espazo expositivo (poden incluír servizos básicos directamente vinculados ao aluguer e á participación como expositor e facturados pola organización).

– Gastos de aluguer de mobiliario e equipamentos audiovisuais.

– Gastos de envío e, de ser o caso, de retorno de catálogos, produtos, postos e outros materiais necesarios para o proxecto. Non serán subvencionables estes gastos se este traballo é realizado directamente polo beneficiario da axuda con medios persoais propios ou medios materiais propios ou alugados.

– Gastos de deseño, montaxe e desmontaxe e construción do posto.

– Gastos de viaxe e aloxamento desde Galicia –por persoal da empresa ou organismo con posto de traballo en Galicia, ou profesionais contratados mediante contrato de arrendamento de servizos para facer os labores propios de internacionalización da empresa–. Só gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo. Máximo unha viaxe co seu límite de axuda por empresa ou organismo intermedio solicitante. Dentro dese límite por viaxe admítense gastos de viaxe desde Galicia correspondentes a unha ou a varias persoas por solicitante á cidade obxecto do evento. Polo que respecta ao número de días de estancia en hoteis, serán subvencionables un máximo de dúas pernoctas adicionais ao número de días de duración do evento para os efectos de poder preparar o posto e poder levar a cabo reunións con outras empresas ou organismos do país estranxeiro.

Contía e límites de axuda:

a) Límites por solicitude:

– 50% do gasto subvencionable cun límite máximo de 10.000 € no caso de participación organizada ou promovida pola Xunta de Galicia ou polo ICEX.

– 70% do gasto subvencionable cun límite máximo de 15.000 € no caso de participación organizada por organismos intermedios do tipo dos citados nas letras c) e d) de beneficiarios.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En cinco puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

b) Límites por concepto:

– Gastos de deseño, montaxe e desmontaxe, e construción do posto: o importe máximo de subvención por este concepto será de 150 € por metro cadrado de posto. Os metros cadrados alugados acreditaranse mediante mención expresa destes nas facturas por este concepto, ou mediante certificación do organizador, entendendo por organizador tanto o promotor do evento expositivo como o organizador da participación agrupada.

– Gastos de viaxe: establécense as seguintes cantidades máximas de subvención en concepto de gastos de viaxe e aloxamento:

* Para viaxes con destino Portugal: 500 € por viaxe subvencionable.

* Para viaxes con destino resto de Europa: 1.000 € por viaxe subvencionable.

* Para viaxes con destino fóra de Europa: 1.500 € por viaxe subvencionable.

Requisitos para a concesión da subvención:

As meras visitas a feiras e outros eventos internacionais non son subvencionables.

Cada empresa ou organismo intermedio participante como expositor que desexe acollerse a esta axuda debe presentar a súa propia solicitude. No caso de participacións agrupadas organizadas por un organismo intermedio do tipo dos citados nas letras c) e d) de beneficiarios, o dito organismo intermedio pode presentar solicitude de axuda para a súa asistencia ao evento aínda que non figure como expositor.

Por participación enténdese participación efectiva con presenza de persoal representativo de cada participante.

No cuestionario de solicitude debe constar o organizador da participación agrupada en que forma parte o solicitante da axuda.

Para poder acceder a estas axudas o solicitante, excepto no caso de que sexa un organismo intermedio dos citados no artigo 4.3 destas bases, debe manifestar mediante declaración responsable que xa ten experiencia previa en exportación (exportación nos dous últimos anos consecutivos anteriores ao da convocatoria), ou se aínda non a ten ou só fixo operacións esporádicas ou puntuais, que dispón dun diagnóstico positivo do potencial exportador da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos catro exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. O diagnóstico deberase xuntar ao cuestionario de solicitude.

Documentación específica desta liña que se debe entregar coa solicitude de cobramento: ademais da documentación común para todas as liñas indicada no artigo 15, para esta liña terase que presentar –en función dos conceptos subvencionables aprobados–:

– Informe de execución e resultados do proxecto.

– Fotografía do posto en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14 destas bases. No caso de publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda, debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases.

– Catálogo de expositores asistentes ao evento obxecto da subvención, abonda copia cotexada da portada e páxina onde consta citado o beneficiario da axuda como expositor, directorio de expositores publicado na web do evento, ou certificación do organizador do evento do seu carácter internacional e da participación do beneficiario como expositor.

– No caso de solicitar axuda para gastos de viaxe, xustificación do orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante orixinal ou copia cotexada de tarxetas de embarque ou billetes.

– Calquera outra documentación que o Igape considere precisa para a correcta análise da solicitude de cobramento.

2. Liña márketing, comunicación e marca (procedemento IG172).

Finalidade da axuda: favorecer o recoñecemento e a revalorización da marca e propiedade industrial en novos mercados internacionais.

Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas:

a) As pequenas e medianas empresas –segundo a definición da Comisión Europea–, que teñan radicado algún centro de actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Os consorcios de exportación con personalidade xurídica propia domiciliados en Galicia.

c) As asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas galegas.

d) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros; BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Proxectos subvencionables: serán subvencionables as actuacións dirixidas a mercados estranxeiros para:

– Execución de plans de márketing dirixidos ao estranxeiro, incluso plans de márketing na internet, márketing en medios de comunicación social ou redes sociais e outros tipos márketing dixital co obxecto de abordar novos mercados internacionais. Só é subvencionable o custo de difusión nos países obxecto do proxecto subvencionable.

– Protección e defensa xurídica da marca e a propiedade industrial, en xeral, nos mercados internacionais.

Conceptos subvencionables relativos ao proxecto de recoñecemento e revalorización de marca e propiedade industrial en mercados internacionais:

– Gastos de inserción en medios de difusión no estranxeiro. Non é subvencionable a adquisición de dominios na internet. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de márketing.

– Gastos de rexistro da propiedade industrial nos países obxecto do proxecto subvencionable.

– Gastos de defensa xurídica fronte a infraccións da propiedade industrial.

– Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.

Contía e límites de axuda:

– 50% do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan empresas cun límite máximo de 20.000 €.

– 60% do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan organismos intermedios cun límite máximo de 30.000 €.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

Requisitos para a concesión da subvención:

Será subvencionable unha única solicitude desta liña por solicitante e convocatoria. Nesa única solicitude poderá solicitarse axuda para diversas actuacións das citadas como subvencionables nesta liña, e incluso para actuacións en varios mercados.

Non serán subvencionables os proxectos referidos a mercados (países ou zonas xeográficas determinadas dentro dun país) onde o solicitante sexa exportador habitual, é dicir, que se dispoña de importador ou carteira de clientes que sexan obxecto de exportación periódica e constante durante os últimos catro anos –incluído o ano da solicitude da axuda–, excepto que se trate do lanzamento de novos produtos ou servizos.

Os servizos que se contratarán deben ser realizados por profesionais con experiencia e habitualidade no tipo de tarefas citadas. Esta experiencia debe acreditarse mediante relación nos últimos tres anos de traballos similares á tarefa que se vai realizar, incluíndo descrición e obxecto, data de realización, país e sector.

Só serán subvencionables os gastos de consorcios, asociacións, consellos reguladores e clústers cando se trate de actuacións para abordar novos mercados cunha única marca común.

Para poder acceder a estas axudas o solicitante, excepto no caso de que sexa un organismo intermedio dos citados no artigo 4.3 destas bases, debe manifestar, mediante declaración responsable, que xa ten experiencia previa en exportación (exportación nos dous últimos anos consecutivos anteriores ao da convocatoria), ou se aínda non a ten ou só fixo operacións esporádicas ou puntuais, que dispón dun diagnóstico positivo do potencial exportador da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos catro exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. O diagnóstico deberase xuntar ao cuestionario de solicitude.

Non se apoiarán gastos que se refiran á promoción de produtos ou servizos non producidos ou transformados en Galicia.

Cando se trate de solicitantes cuxa actividade empresarial sexa a prestación de servizos, e o proxecto para o que solicitan o apoio non procure a prestación de servizos en destino ou a implantación comercial no exterior senón a mera internacionalización inversa –é dicir, captar clientes do estranxeiro para a prestación do servizo en orixe–, só se apoiarán solicitudes de organismos intermedios sen ánimo de lucro que beneficien a un conxunto de empresas cos mesmos intereses.

Documentación específica desta liña para entregar coa solicitude de cobramento: ademais da documentación común para todas as liñas indicada no artigo 15, para esta liña terase que presentar –en función dos conceptos subvencionables aprobados–:

– Informe de execución e resultados do proxecto. Este informe cubrirase no cuestionario de solicitude de cobramento.

– Documentación da publicidade realizada en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14 destas bases (arquivo en formato dixital a xuntar á liquidación). No caso de publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda, debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases.

– Calquera outra documentación que o Igape considere necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento.

3. Liña misións inversas (procedemento IG124).

Finalidade da axuda: impulsar a organización e coordinación de misións inversas do estranxeiro a Galicia que favorezan un colectivo de empresas galegas para as dar a coñecer, e para facilitar o contacto con potenciais clientes ou socios. Contribuír a incrementar o coñecemento e capital intelectual das empresas galegas favorecendo o intercambio de coñecementos e tecnoloxías, contribuír á promoción das empresas galegas no exterior, ao incremento da carteira de clientes e á cooperación con empresas do exterior, así como contribuír ao investimento do exterior en Galicia.

Beneficiarios: poderán ser beneficiarios desta liña de axudas as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas galegas. E centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros; BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Proxectos subvencionables: será subvencionable a organización de misións empresariais inversas de calquera país estranxeiro a Galicia, de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores co obxecto de dar a coñecer ao exterior as empresas galegas e as posibilidades dos sectores empresariais galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación entre empresas galegas e do exterior e oportunidades de expansión exterior das empresas galegas.

Conceptos subvencionables: considéranse conceptos subvencionables os seguintes dentro do proxecto de promoción e incremento de capital intelectual da empresa:

a) Gastos de consultoría ou asistencia externa especializada no mercado obxectivo tanto de forma previa como durante a misión para detección de contrapartes en destino e organización da misión cara a Galicia. Só serán subvencionables traballos que se vaian realizar por profesionais con experiencia e habitualidade –en materia de consultoría ou asistencia técnica para internacionalización empresarial– e que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais –profesionais do mesmo tipo– que fagan os labores propios deste proxecto. A experiencia citada tanto da consultora/profesionais en destino como, se é o caso, da consultora/profesionais en orixe debe acreditarse mediante relación nos últimos tres anos de traballos similares á tarefa que se vai realizar, incluíndo descrición do obxecto, data de realización, país e sector.

Límite de axuda por este concepto: 500 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participante na misión.

b) Gastos de servizos de interpretación na misión.

c) Gastos de viaxe e aloxamento en Galicia dos representantes de cada empresa, medio de comunicación ou prescritores estranxeiros participantes na misión. Só gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.

Contía e límites da axuda: 80% do gasto subvencionable, cos seguintes límites cuantitativos: subvención máxima de 2.000 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participantes en misións con orixe europea, e de 3.000 € por empresa/medio de comunicación/prescritor do estranxeiro participantes en misións con orixe fóra de Europa, ata un límite máximo total de 36.000 € de axuda por proxecto.

Esta porcentaxe incrementarase adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

Requisitos para a concesión da subvención:

Nestas misións inversas deberán estar involucradas, como mínimo, 5 empresas galegas. Enténdese por empresa galega aquela empresa que teña domicilio social ou algún centro de actividade radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

A participación do estranxeiro subvencionable estimada –detalle dos participantes previstos–, deberá constar no cuestionario previo de solicitude e a participación do estranxeiro subvencionable definitiva deberá acreditarse na fase de liquidación mediante certificación do solicitante da axuda. A eventual variación na participación, se é o caso, dará lugar á minoración da subvención.

O solicitante debe achegar no cuestionario de solicitude información que identifique os profesionais que se contratarán para labores de consultoría ou asistencia obxecto desta liña, que acredite a súa experiencia no tipo de traballos obxecto da subvención, e que acredite que dispoñen de medios persoais propios ou concertados con terceiros para poder realizar de maneira efectiva os traballos subvencionables (a non acreditación desta capacitación implicará a denegación ou perda da subvención). Este requisito non será necesario no caso de profesionais con experiencia contrastada polo Igape como é o caso dos axentes comerciais mediadores no exterior para os países para os que foron cualificados. Estes axentes poden consultarse na web do Igape www.igape.es

Documentación específica desta liña que se debe entregar coa solicitude de cobramento: ademais da documentación común para todas as liñas indicada no artigo 15, para esta liña terase que presentar –en función dos conceptos subvencionables aprobados–:

– Informe de execución e resultados do proxecto por participante e relación de participantes tanto de Galicia como do exterior con información, polo menos, do nome e cargo do asistente, datos de contacto, nome da empresa, enderezo, datos de actividade e axenda de reunións mantidas por cada participante. Este informe cubrirase no cuestionario de solicitude de cobramento.

– Copia dos traballos de consultoría sobre o mercado obxectivo (arquivo en formato dixital que se xuntará á liquidación).

– No caso de que os profesionais que se contraten, pola súa vez, contraten con empresas ou profesionais con medios persoais en destino, declaración responsable do dito consultor en destino da parte do traballo realizada por el e acordo entre as consultoras de orixe e destino. No caso de desprazar persoal da consultora en orixe, acreditación da viaxe e estancia en destino durante o tempo indicado polo solicitante para a realización do traballo de campo en destino, mediante billetes ou facturas de viaxe e aloxamento.

– Xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante orixinal ou copia cotexada de tarxetas de embarque ou billetes.

– Acreditación da publicidade do financiamento citada no artigo 14 destas bases (arquivo en formato dixital que se xuntará á liquidación).

– Calquera outra documentación que o Igape considere precisa para a correcta análise da solicitude de cobramento.

4. Liña prospección internacional (procedemento IG173).

Finalidade da axuda: apoiar a prospección en novos mercados do estranxeiro, previa a unha posible implantación comercial estable, favorecendo así a promoción no exterior e o incremento da competitividade da empresa mediante o establecemento en novos mercados.

Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas:

a) As pequenas e medianas empresas -segundo a definición da Comisión Europea-, que teñan algún centro de actividade radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) As asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas galegas.

c) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o Rexistro de tales centros; BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Proxectos subvencionables:

– Actuacións de promoción a través de oficinas de promoción, espazos e salas de exhibición, e showrooms, localizados fóra de España, de cara a estudar as posibilidades de expansión mediante implantación comercial en novos mercados (países ou zonas xeográficas determinadas dentro dun país). Non debe tratarse de eventos puntuais dos citados na liña de participación en eventos expositivos internacionais

– Prospección en puntos de venda no estranxeiro incluídos os mercados duty free no estranxeiro.

Conceptos subvencionables: terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes gastos do proxecto en destino –de promoción e prospección–, durante un máximo de 12 meses comprendidos entre o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e ata o 30 de setembro do exercicio posterior ao da convocatoria:

– Aluguer de oficinas, locais, salas de exhibición, showrooms e outros espazos fóra de España cando a actividade do proxecto subvencionable o xustifique. É necesario que a empresa dedique persoal propio ou contratado para o efecto á atención do proxecto.

– Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade de prospección dentro de centros de negocios subvencionarase o custo do aluguer ou cota correspondente. É necesario que a empresa dedique persoal propio ou contratado para o efecto á atención do proxecto. Non se subvencionan por esta liña nin gastos de persoal nin gastos de consultoría.

– Gastos de viaxe e aloxamento desde Galicia –por persoal da empresa ou organismo con posto de traballo en Galicia– ao estranxeiro. Só gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo. Aplicarase un límite de axuda por empresa ou organismo intermedio solicitante. Dentro dese límite por viaxe admítense gastos de viaxe desde Galicia correspondentes a unha ou a varias persoas por solicitante ao país obxecto do proxecto. Este concepto de gasto só é admisible no caso de proxectos que requiran, pola súa vez, algún dos conceptos subvencionables citados anteriormente (o cal se comprobará na fase de estudo previo á resolución e na fase de liquidación). É dicir, non se subvencionarán por esta liña os gastos de viaxe.

Contía e límites de axuda:

– 50% do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan empresas cun límite máximo de 20.000 €.

– 60% do gasto subvencionable de proxectos cuxos solicitantes sexan organismos intermedios cun límite máximo de 30.000 €.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

Límites por concepto:

– Gastos de viaxe: establécense as seguintes cantidades máximas de subvención en concepto de gastos de viaxe e aloxamento:

* Para viaxes con destino Portugal: 500 € por viaxe subvencionable.

* Para viaxes con destino resto de Europa: 1.000 € por viaxe subvencionable.

* Para viaxes con destino fóra de Europa: 1.500 € por viaxe subvencionable.

Subvencionarase un máximo de 3 viaxes –en datas diferentes acordes coa acción subvencionable– por solicitude.

Requisitos para a concesión de subvención:

Será subvencionable unha única solicitude desta liña por solicitante e convocatoria. Nesa única solicitude poderá solicitarse axuda para diversas actuacións das citadas como subvencionables nesta liña, e incluso para actuacións en varios mercados.

Non serán subvencionables os proxectos referidos a mercados (países ou zonas xeográficas determinadas dentro dun país) onde o solicitante sexa exportador habitual, é dicir, que se dispoña de importador ou carteira de clientes que sexan obxecto de exportación periódica e constante durante os últimos catro anos -incluído o ano da solicitude da axuda-, excepto que se trate do lanzamento de novos produtos ou servizos.

Non serán subvencionables aqueles proxectos que consistan en poñer en marcha un mero establecemento comercial dirixido ao consumidor final.

Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto deste tipo subvencionado polo Igape noutras convocatorias.

Non será subvencionable por esta liña un proxecto de mera de asistencia externa sen presenza do solicitante de forma permanente no exterior durante o período subvencionable.

Non serán subvencionables por esta liña proxectos de participación en eventos expositivos puntuais do tipo feiras, festivais, desfiles, catas...

Para poder acceder a estas axudas o solicitante, excepto no caso de que sexa un organismo intermedio dos citados no artigo 4.3 destas bases, debe manifestar mediante declaración responsable que xa ten experiencia previa en exportación (exportación nos dous últimos anos consecutivos anteriores ao da convocatoria), ou se aínda non a ten ou só fixo operacións esporádicas ou puntuais, que dispón dun diagnóstico positivo do potencial exportador da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 exercicios anteriores a través de programas do Igape ou Icex. O diagnóstico deberase xuntar ao cuestionario de solicitude.

Documentación específica desta liña que se debe entregar coa solicitude de cobramento: ademais da documentación común para todas as liñas indicada no artigo 15, para esta liña terase que presentar –en función dos conceptos subvencionables aprobados–:

– Informe de execución e resultados do proxecto. Este informe cubrirase no cuestionario de solicitude de cobramento.

– No caso de solicitar axuda para gastos de viaxe, xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante orixinal ou copia cotexada de tarxetas de embarque ou billetes.

– Calquera outra documentación que o Igape considere necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento.

5. Liña primeira implantación promocional conxunta no exterior-Plan Primex (procedemento IG158).

Finalidade da axuda: este programa está dirixido a empresas galegas que acaden un acordo de cooperación entre elas para aunar esforzos, compartir custos e, se é o caso, estratexia e marca para establecerse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos en novos mercados (países ou zonas xeográficas determinadas dentro dun país).

Así mesmo, coa mesma finalidade de cooperación, para a introdución en novos mercados internacionais, apoiaranse as accións que realicen os organismos intermedios beneficiarios para os asociados que participen no proxecto baixo as regras de funcionamento que establezan co organismo intermedio beneficiario.

Beneficiarios. Poderán presentar solicitudes:

1. Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro:

1.1. As agrupacións de polo menos tres empresas -non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia-, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino, entendendo como tal unha sociedade con personalidade xurídica propia ou calquera tipo de agrupación empresarial admitida en dereito no país de destino.

Conforme o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

Xunto coa solicitude de axuda deberase presentar acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o que se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, os membros da agrupación –coa súa porcentaxe de participación nel– e o representante ou apoderado único dela.

1.2. Os consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente formados polo menos por tres empresas galegas –non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino.

2. Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

2.1. Asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), de carácter eminentemente empresarial que representen un colectivo de empresas –con domicilio social ou algún centro de actividade en Galicia–. E centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2011 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (R.D. 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o Rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009). Sempre que o obxectivo sexa a exposición e promoción comercial dos produtos das empresas asociadas. Os produtos deberan ter orixe galega ou ter sufrido algunha transformación produtiva ou valor engadido en Galicia.

As agrupacións destes organismos intermedios non vinculados previamente entre si poderán ser beneficiarias sempre que acaden un acordo formal para a realización deste tipo de accións e nomeen un/unha deles/as representante legal perante o Igape para a solicitude da axuda.

Neste segundo caso, conforme o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

Xunto coa solicitude de axuda deberase presentar acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o que se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, os membros da agrupación –coa súa porcentaxe de participación nel– e o representante ou apoderado único desta.

En ambos os casos deste punto 2.1., o solicitante debe identificar as empresas que participen no proxecto. O número mínimo de empresas galegas que deberán comprometerse no proxecto será de cinco.

2.2. As agrupacións de polo menos tres empresas –non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a establecer de forma conxunta un centro de promoción comercial no estranxeiro.

Conforme o artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

Xunto coa solicitude de axuda deberase presentar acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o que se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, os membros da agrupación –coa súa porcentaxe de participación nel– e o representante ou apoderado único dela.

Requisitos dos beneficiarios de ambos os tipos de proxectos:

– A non vinculación previa implica que unha empresa socia non pode ter participación do capital doutra empresa socia, nin dúas empresas socias poden ter un accionista común maioritario nalgunha delas. Ademais, dúas empresas socias non poden ter antes da solicitude de axuda un mesmo representante legal ou administradores comúns.

– Admitirase a existencia no proxecto de socios non galegos ou socios con vinculación previa pero as ditas partes non recibirán axuda do Igape. No caso de vinculación previa, só un dos socios vinculados terá dereito á subvención, que será ademais o que se compute para efectos de contabilizar o número mínimo de socios do proxecto.

– Admítese a participación dun socio financeiro (entidade financeira, de capital risco, xerente do consorcio, etc.) español ou estranxeiro. A parte do socio financeiro non recibirá axuda por parte do Igape.

– A maioría das empresas participantes nos proxectos deben ser pequenas e medianas empresas galegas –segundo a definición da Comisión Europea–, non vinculadas previamente entre si. Así mesmo, en caso de constituír unha sociedade no estranxeiro, a maioría de capital debe corresponder a empresas ou a organismos intermedios galegos e ningún socio da sociedade en destino poderá posuír a maioría do capital, salvo disposicións legais no país de destino que o impidan, o que deberá quedar suficientemente acreditado ante o Igape.

Proxectos subvencionables: actuacións para realizar entre o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e o 31 de maio do terceiro exercicio posterior ao da convocatoria.

Serán subvencionables os seguintes proxectos:

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro: os proxectos de prospección e primeira implantación promocional conxunta de empresas galegas no estranxeiro, que teñan uns obxectivos de cooperación semellantes, para afrontaren en destino unha estratexia de promoción comercial que as beneficie a todas elas.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro: os proxectos desta natureza teñen por obxectivo dar a coñecer e promocionar produtos e servizos de empresas galegas amparadas baixo os organismos intermedios (beneficiarios 2.1.), sendo estes organismos intermedios os aglutinantes da estratexia e das accións comúns. Na resolución de concesión poderán establecerse condicionantes de publicidade como made in Galicia e semellantes.

Os proxectos propostos por agrupacións de empresas individuais (beneficiarios 2.2.) teñen por obxecto facilitar a loxística de transporte, a exposición, a promoción e almacenaxe en destino, reducindo custos e incentivando un conxunto de empresas que por si soas atoparían importantes barreiras para acceder aos mercados internacionais; malia isto, cada empresa poderá manter a súa autonomía xurídica e respecto das accións que considere máis convenientes aos seus obxectivos.

Conceptos subvencionables:

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro: serán subvencionables os seguintes gastos de funcionamento da sociedade que se constitúa no país de implantación durante como máximo os dous primeiros anos de funcionamento desde a data da súa constitución (e en todo caso como data límite ata o 31 de maio do terceiro exercicio posterior ao da convocatoria):

– Gastos de estrutura:

a) Gastos de constitución: escrituras, inscricións, permisos administrativos, licenzas e outros gastos legais e administrativos que se realizan unha soa vez ao comezo da actividade. Non se admitirán por este concepto gastos de asistencia técnica que incremente o custo destes servizos.

b) Gastos de asistencia técnica: gastos que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto, e coa súa posta en marcha.

c) Gastos de persoal: soldos e salarios do xerente e persoal relacionado coa actividade promocional da sociedade en destino, así como as cotizacións á Seguridade Social e seguros de asistencia médica naqueles países onde non exista un sistema público obrigatorio de cobertura médica. É preciso que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. Exclúense de xeito xeral comisións, gastos de representación e de axencia.

d) Gastos de servizos profesionais externos en destino: gastos que estean directamente relacionados co funcionamento administrativo da sociedade ou filial en destino (xurídicos, administrativos, tradución, contables e fiscais). Os traballos realizaranos profesionais con experiencia e habitualidade nos traballos para os cales se solicita axuda, e que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais –profesionais do mesmo tipo– no país obxecto do proxecto. A experiencia citada debe acreditarse mediante relación nos últimos tres anos de traballos similares á tarefa que se vai realizar, incluíndo descrición do obxecto, data de realización, país e sector.

e) Gastos de aluguer: aluguer de locais e inmobilizado cando a actividade promocional o xustifique.

f) Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade dentro de centros de negocios, subvencionarase o custo do aluguer ou cota correspondente.

– Gastos de promoción relacionados co país de implantación:

a) Material promocional: elaboración (impresión, reprodución e tradución) de catálogos, folletos, carteis, páxina web (non se inclúen os gastos de mantemento) e demais material informativo impreso ou audiovisual e expositores punto de venda. Un exemplar de cada material impreso ou audiovisual deberá achegarse no momento da xustificación do gasto.

b) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional. Deberá achegarse documentación da publicidade realizada no momento da xustificación do gasto. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.

c) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como showrooms, catas, presentacións de empresa e/ou produto: só gastos de aluguer de espazo e gastos de decoración.

d) Viaxes relacionadas co proxecto: viaxes de representantes da sociedade ou filial en destino a Galicia así como dentro do país onde estea a sociedade ou filial. Só son subvencionables os gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo. Non son subvencionables as viaxes previas á constitución da sociedade en destino.

– Outros gastos relacionados co país de implantación:

a) Gastos de rexistro da propiedade industrial no país obxecto do proxecto subvencionable.

b) Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

1. Para un ou conxuntamente varios organismos intermedios (beneficiarios do punto 2.1.) serán subvencionables os seguintes gastos de funcionamento do centro de promoción no estranxeiro durante como máximo os dous primeiros anos de funcionamento desde a data da súa posta en marcha (e, en todo caso, ata o 31 de maio do terceiro exercicio posterior ao da convocatoria).

a) Gastos de aluguer do local para o centro de promoción.

b) Gastos de aluguer do inmobilizado adecuado para o funcionamento do centro de promoción.

c) Soldos e salarios dun promotor e dun encargado do centro, así como as cotizacións á Seguridade Social e seguros de asistencia médica naqueles países onde non exista un sistema público obrigatorio de cobertura médica. É necesario que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. Exclúense de xeito xeral comisións, gastos de representación e de axencia.

d) Material promocional: elaboración (impresión, reprodución e tradución) de catálogos, folletos, carteis, páxina web (non se inclúen os gastos de mantemento) e demais material informativo impreso ou audiovisual e expositores punto de venda. Un exemplar de cada material impreso ou audiovisual deberá achegarse no momento da xustificación do gasto.

e) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional conxunta. Deberá achegarse documentación da publicidade realizada no momento da xustificación do gasto. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.

f) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como showrooms, catas, presentacións de empresa e/ou produto: só gastos de aluguer de espazo e gastos de decoración.

2. Para agrupacións de polo menos tres empresas (beneficiarios 2.2.), serán subvencionables os seguintes gastos de funcionamento do centro de promoción no estranxeiro durante como máximo os dous primeiros anos de funcionamento desde a data da súa posta en marcha (e, en todo caso, ata o 31 de maio do terceiro exercicio posterior ao da convocatoria).

a) Gastos de asistencia técnica: gastos que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto, e coa súa posta en marcha.

b) Gastos de aluguer do local para o centro de promoción.

c) Gastos de aluguer do inmobilizado adecuado para o funcionamento do centro de promoción.

d) Soldos e salarios do encargado do centro, así como as cotizacións á Seguridade Social e seguros de asistencia médica naqueles países onde non exista un sistema público obrigatorio de cobertura médica. É necesario que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. Exclúense de xeito xeral comisións, gastos de representación e de axencia.

Contía e límites da axuda:

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro: 45% de subvención sobre os gastos subvencionables. Esta porcentaxe incrementarase nun 5% por cada empresa galega participante na agrupación ou consorcio (excluído, se é o caso, o socio financeiro) a maiores do número mínimo requirido de 3 empresas galegas, ata un máximo do 70% de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

1. Para organismos intermedios: 45% de subvención sobre os gastos subvencionables. Esta porcentaxe incrementarase nun 5% por cada organismo intermedio galego adicional que participe no proxecto, ata un máximo do 70% de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

2. Para agrupacións de empresas: 35% de subvención sobre os gastos subvencionables. Esta porcentaxe incrementarase nun 3% por cada empresa galega participante na agrupación ou consorcio (excluído, se é o caso, o socio financeiro) a maiores do número mínimo requirido de 3 empresas galegas, ata un máximo dun 50% de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo IV destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

Límites da axuda: (sen que se excedan os pertinentes límites de minimis).

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro:

– O límite máximo de axuda por proxecto en que participe o número mínimo de tres empresas galegas será de 160.000 €/ano, e por cada empresa adicional, incrementarase o límite anterior en 30.000 €/ano, ata acadar un límite máximo conxunto de 250.000 €/ano.

O importe subvencionable máximo polo concepto de gastos de servizos profesionais externos en destino do tipo dos citados na letra d) de gastos de estrutura de proxectos tipo I non superará os 24.000 €/ano.

O importe subvencionable máximo polo concepto de viaxes do tipo dos citados na letra d) de gastos de promoción de proxectos tipo I non superará os 10.000 €/ano.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

– Para beneficiarios 2.1. Organismos intermedios, o límite máximo da axuda por proxecto será de 100.000 €/ano cando a solicitude a realice un só beneficiario. Cando a solicitude sexa conxunta de máis dun beneficiario incrementarase en 50.000 €/ano por beneficiario ata acadar un limite máximo conxunto de 250.000 €/ano.

– Para beneficiarios 2.2. Agrupacións de polo menos tres empresas galegas, o límite máximo de axuda por proxecto para o mínimo de tres empresas será de 80.000 €/ano, por cada empresa adicional, incrementarase o límite anterior en 25.000 €, ata acadar un límite máximo conxunto de 155.000 €/ano.

Límites de axuda por concepto para ambos os tipos de proxectos:

O importe subvencionable máximo polo concepto de gastos de asistencia técnica do tipo da citada na letra b) de gastos de estrutura de proxectos tipo I, e letra a) de proxectos tipo II (beneficiarios 2.2) será de 5.000 € –para proxectos que cumpran os mínimos exixidos de 3 empresas galegas participantes no proxecto– e 1.000 € de importe subvencionable máis por cada empresa adicional das que computan como subvencionables ata un máximo de 10.000 € de importe subvencionable por este concepto cuxo gasto deberá executarse o primeiro ano do proxecto.

O importe subvencionable máximo polo concepto de gastos material promocional do tipo dos citados en proxectos tipo I e II non superará os 20.000 €/ano.

Requisitos para a concesión da subvención:

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro:

– Requisitos comúns aos beneficiarios do proxecto tipo I:

* O prazo para a constitución sociedade ou filial en destino é de catro meses desde a data en que se notifique a resolución de concesión da axuda.

* A sociedade ou filial en destino contará cun xerente en exclusiva, independente das empresas socias, excepto se o xerente forma parte do consorcio como socio financeiro. O xerente deberá estar nomeado no prazo máximo de catro meses desde a data en que se notifique a resolución de concesión da axuda.

* As facturas xustificativas dos gastos deberán ser de terceiros contra a sociedade en destino, non contra as empresas beneficiarias, excepto os gastos subvencionables de constitución e asistencia técnica –citados nas letras a) e b) de gastos de estrutura–, que poderán ser facturados ao consorcio en orixe, ou no caso de agrupacións de empresas aos seus membros na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos por cada compoñente da agrupación. Non se admitirá a autofacturación, isto é, facturas emitidas por unha empresa participante no proxecto. Polo que respecta aos gastos de constitución e asistencia técnica –citados nas letras a) e b) de gastos de estrutura–, admitirase unha facturación dos provedores aos membros da agrupación distinta aos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación para efectos de facilitar a operatividade en destino, sempre e cando posteriormente se fagan as respectivas reparticións vía refacturación sen custo adicional, entre os ditos membros.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

O prazo para a posta en marcha do centro de promoción no estranxeiro é de catro meses desde a data en que se notifique a resolución de concesión da axuda.

O solicitante considerarase que representa ante o Igape a todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e pagamento da subvención.

As facturas xustificantes do gasto poderán estar xiradas e pagadas a nome da sociedade creada en destino, ou ben a nome dos beneficiarios en Galicia na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos por cada compoñente da agrupación, se é o caso. Abrirase para tal efecto unha conta bancaria onde se rexistrarán todos os movementos referidos exclusivamente a gastos en que se incorre polo proxecto en destino. Non se admitirá a autofacturación, isto é, facturas emitidas por unha empresa participante no proxecto. Admitirase unha facturación dos provedores aos membros da agrupación distinta aos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación para efectos de facilitar a operatividade en destino, sempre e cando posteriormente se fagan as respectivas reparticións vía refacturación sen custo adicional, entre os ditos membros.

Nos proxectos de tipo II o persoal do centro de promoción en destino deberá ser contratado polo dito centro de promoción, e no caso de que o centro non teña personalidade xurídica, o contrato deberao formalizar un dos participantes no proxecto e considerar o dito gasto na súa porcentaxe de participación no proxecto.

Os produtos ou servizos que se promocionen a través do centro deberán ser producidos ou transformados en Galicia.

Requisitos para ambos os tipos de proxectos:

Non serán subvencionables os proxectos referidos a mercados (países ou zonas xeográficas determinadas dentro dun país) onde o solicitante sexa exportador habitual (é dicir, que se dispoña de importador ou carteira de clientes que sexan obxecto de exportación periódica e constante durante os últimos catro anos –incluído o ano da solicitude da axuda–, agás no caso de que se trate do lanzamento de novos produtos ou servizos).

Para poder acceder a estas axudas cada solicitante, excepto no caso de que sexa un organismo intermedio dos citados no artigo 4.3 destas bases, debe manifestar mediante declaración responsable que xa ten experiencia previa en exportación (exportación nos dous últimos anos consecutivos anteriores ao da convocatoria), ou se aínda non a ten ou só fixo operacións esporádicas ou puntuais, que dispón dun diagnóstico positivo do potencial exportador da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 exercicios anteriores a través de programas do Igape ou Icex. O diagnóstico deberase xuntar ao cuestionario de solicitude.

Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto subvencionado polo Igape noutras convocatorias.

Unha mesma empresa non poderá recibir subvención para máis dun proxecto por país, non incluído no cómputo do número mínimo de empresas para os proxectos adicionais.

Documentación específica desta liña que se debe entregar coa acreditación de condicións: a partir da data de constitución da entidade en destino ou posta en marcha do centro de promoción no estranxeiro o beneficiario dispón dun prazo máximo dun mes para acreditar ante o Igape o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución. Para isto deberá achegar a seguinte documentación en orixinal ou copia cotexada:

Proxectos de tipo I, primeira implantación conxunta no estranxeiro:

1. Escritura de constitución e estatutos, se é o caso, inscritos no correspondente rexistro da sociedade en destino (tradución xurada para o galego ou o castelán). Será suficiente coa presentación dunha copia cun cotexo notarial no país de destino.

2. Contrato de traballo do xerente da sociedade en destino (os contratos deberán achegarse con tradución xurada ao galego ou castelán). Será suficiente coa presentación dunha copia cun cotexo notarial no país de destino.

3. Certificación do representante legal da beneficiaria (agrupación ou consorcio que solicitou a axuda) de que: 1) A sociedade en destino desempeña con normalidade a súa actividade. 2) A composición do capital da sociedade en destino, se non viñese detallado nas escrituras.

Entenderase realizada a implantación cando estea formalmente constituída a sociedade en destino. Considerarase como data de constitución a que figure na escritura ou acta de constitución.

Proxectos de tipo II, centros de promoción no estranxeiro:

1. Contrato de traballo do encargado do centro (o contrato deberase presentar con tradución xurada para o galego ou o castelán). Será suficiente coa presentación dunha copia cun cotexo notarial no país de destino.

2. Certificación do representante legal do beneficiario/os de que o centro en destino desempeña con normalidade a súa actividade.

Documentación específica desta liña que se debe entregar coa solicitude de cobramento: ademais da documentación común para todas as liñas indicada no artigo 15 das bases, para esta liña terase que presentar –en función dos conceptos subvencionables aprobados–, en orixinal ou copia cotexada:

– Informe de execución e resultados do proxecto. Este informe cubrirase no cuestionario de solicitude de cobramento.

– Gastos de persoal: nóminas do persoal da sociedade en destino, copia do seguro concertado, copia do contrato de traballo e os demais xustificantes dos gastos de persoal adecuados á lexislación do país.

– Alugueres: factura do gasto e, se é o caso, copia do contrato de aluguer.

– Material de promoción: un exemplar de cada tipo de material impreso ou audiovisual en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14 destas bases (arquivo en formato dixital que se xuntará á liquidación).

– Publicidade: documentación da publicidade realizada en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14 destas bases (arquivo en formato dixital que se xuntará á liquidación). No caso de publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda, debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases.

– Feiras: fotografía do posto en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14 destas bases (arquivo en formato dixital que se xuntará á liquidación). No caso de publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda, debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases.

– Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras.

-Calquera outra documentación que o Igape considere necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento.

Con relación a declaración responsable incluída na solicitude de cobramento acerca da veracidade dos datos relativos á conta bancaria en España en que vaia ser ingresada a subvención, no caso de solicitantes que sexan agrupacións de empresas ou organismos intermedios, o pagamento realizarase nas contas bancarias individuais que cada beneficiario indique ou nunha soa se así o acordan todos os beneficiarios, o que deberá constar na solicitude de cobramento.

En relación co idioma dos documentos (excepto os que deben achegarse coa acreditación de condicións), se están en inglés ou francés non é necesaria tradución; se están noutro idioma distinto dos anteriores, será necesaria tradución xurada.

missing image file
missing image file

ANEXO IV
LOCALIZACIÓNS PREFERENTES

Asudas do Igape á internacionalización das empresas galegas, cofinanciadas
polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do
Programa operativo Feder Galicia 2007-2013

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo, Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.