Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 29 de febreiro de 2012 Páx. 7316

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de febreiro de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2012/2013.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e, no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6.2.c.1. que se atenderán, apoiarán e se protexerán as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar, os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

Conforme o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2012/2013.

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o.

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que a/o nena/o teña a súa residencia en Galicia e que xa nacese no momento de presentación da solicitude.

b) Idade da/o nena/o:

– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.

– Non ter cumpridos os 3 anos de idade en 31 de decembro de 2012.

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, por petición das/dos nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as e a través do centro onde soliciten praza.

c) Para a reserva de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

2. No caso de integrarse nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dunha nena ou dun neno con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Artigo 3. Criterios de prioridade para a adxudicación das prazas.

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1.a) Reserva de praza.

Os nenos e as nenas escolarizados/as durante o curso 2011-2012 en calquera das escolas infantís obxecto desta orde terán dereito preferente á renovación da súa praza sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.

As/os nenas/os matriculadas/os en xornada de tarde só poderán reservar praza nese mesmo horario.

Poderá reservarse praza noutro centro, xustificando cambio de domicilio e/ou lugar de traballo, cando, logo de rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola, existan prazas suficientes.

1.b) Novo ingreso.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1.º As/os fillas/os do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, cando soliciten a praza para o centro onde prestan servizo a nai, pai, acolledor/a, titora ou titor legal.

2.º As/os solicitantes con irmá/án con praza (renovada ou de novo ingreso) no centro para o cal solicitan a praza.

3.º Menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

4.º As prazas que queden vacantes adxudicaranse ás/aos solicitantes segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo que figura no anexo II. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas para calquera das dúas opcións solicitadas.

2. Procedemento extraordinario.

2.a) Ingresos urxentes.

Para os ingresos de máxima urxencia reservarase un 5% das prazas de cada centro.

Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:

– As/os menores tuteladas/os pola Consellería de Traballo e Benestar.

– As/os fillas/os das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

– Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola secretaria xeral de Política Social, por proposta do/a xefe/a territorial de Traballo e Benestar correspondente, nun prazo de cinco (5) días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, perante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, no caso de resolución expresa, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2.b) Solicitudes fóra de prazo.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9 nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecien as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/o nena/o no centro onde se solicita a praza.

Artigo 4. Horario e calendario das escolas.

1. Horario.

A relación de escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar xunto cos seus enderezos e o seu horario de apertura para o curso 2012-2013 poderá consultarse nos taboleiros de anuncios dos Servizos de Familia e Menores da xefatura territorial correspondente e nas páxinas web http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfantis.net.

As/os usuarias/os, dentro do horario de apertura do centro, poderán optar por xornada completa, partida ou continuada, ou por media xornada. A media xornada de tarde só se ofertará nos centros con horario ampliado ata as 20.00 horas. A permanencia das/dos nenas/os no centro non pode superar as 8 horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando por circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas a/o nena/o teña que permanecer un tempo superior, que será autorizado pola xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente.

2. Calendario.

Nas escolas infantís reguladas pola presente orde, o curso escolar dará comezo o día 5 de setembro.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro.

Durante o mes de agosto e durante os períodos comprendidos entre o 26 e o 28 de decembro e o 25 e o 29 de marzo, abrirá un só centro por localidade, sempre e cando exista unha demanda igual ou superior a 15 nenas/os e, de ser o caso, o seu peche diario efectuarase ás 17.00 horas.

Durante o curso 2012/2013, a escola que permaneza aberta nos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa será a que abra no mes de agosto, agás nos casos en que esta sexa obxecto dun peche temporal por obras ou calquera outra continxencia. As/os nenas/os doutras escolas da mesma localidade serán atendidas/os na que permaneza aberta. Os/as pais/nais, titoras/es ou acolledoras/es deberán xustificar a necesidade de levar ás/aos nenas/os aos centros nos citados períodos.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once (11) meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2012-2013.

En casos excepcionais e debidamente xustificados poderase admitir a asistencia da/o nena/o os 12 meses. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes que será estudada e, se procede, autorizada pola xefatura territorial correspondente.

Artigo 5. Prestacións.

As/os usuarias/os poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor. O horario para as/os usuarias/os que opten por esta modalidade de servizo será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

c) Aquelas/es solicitantes que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos solicitándoo con antelación suficiente sempre que xustifiquen a súa necesidade e aboen o prezo estipulado.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manteranse durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 6. Prezos.

1. Os prezos que deberán pagar as/os usuarias/os serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Todas/os as/os usuarias/os aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49 /2012, do 19 de xaneiro.

3. A inasistencia da/o usuaria/o durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do dito decreto de prezos.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que cómpre pagar.

Para a determinación do importe mensual que deberán pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos para as escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2010.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un/unha dos/as membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos.

Artigo 8. Solicitudes e documentación.

1. As/os interesadas/os poderán solicitar praza a través dos modelos normalizados recollidos nesta orde:

a) Reserva de praza.

Para a reserva de praza as/os interesadas/os presentarán a solicitude segundo o modelo oficial do anexo I desta orde, cubrindo a opción correspondente.

b) Novo ingreso.

Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta orde, cubrindo a opción correspondente. Neste impreso pódese solicitar praza para dous centros indicando a orde de preferencia.

As/os interesadas/os en participar nas prazas de escolas infantís 0-3 conveniadas coa Consellería de Traballo e Benestar a través do programa Cheque infantil, dirixido a aquelas/es solicitantes que non obteñan praza en ningunha das dúas opcións solicitadas, deberán cubrir a epígrafe correspondente no anexo I desta orde.

2. Todas/os as/os solicitantes achegarán, xunto coa solicitude, a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar; deberán asinar a epígrafe correspondente da solicitude. Para estes efectos, o/a cónxuxe ou parella do/da solicitante/a deberá asinar o anexo III. No caso de non prestar autorización, a/o interesada/o achegará, xunto coa solicitude, copia compulsada da declaración do IRPF ou, de ser o caso, certificado emitido pola AEAT, relativos ao ano 2010.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro (4) meses para ser tomadas en consideración.

3. No caso das solicitudes de novo ingreso presentarán, ademais, a seguinte documentación:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os seus datos, ou fotocopia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as, segundo proceda.

b) Unha fotocopia compulsada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) No caso de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, declaración responsable do/a solicitante ou, no caso de dispor del, informe do Equipo de Valoración e Orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da Administración local ou autonómica ou órganos competentes na materia da Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas, sobre a súa necesidade de integración.

d) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) No caso de familias acolledoras, estas deberán presentar aquela documentación que non conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Outros documentos, se procede, en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– As responsabilidades familiares, no caso de que existan membros que, non formando parte da unidade familiar, estean a cargo dela, acreditaranse mediante informe dos Servizos Sociais do concello correspondente.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da/o nai/pai, acolledor/a ou titor/a legal e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– As enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos/as membros da unidade familiar acreditaranse mediante informe médico expedido polos servizos públicos de saúde.

– Xustificación de ocupación actualizada (fotocopia das últimas nóminas, certificación de empresa ou vida laboral, no caso de traballadores/as por conta allea, ou do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia, no caso de traballadoras/es autónomas/os).

– Certificación de ser demandante de emprego (con efectos desde o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes) da nai, pai, titor/a legal ou acolledor/a.

– A condición de familia monoparental, entendida como unidade familiar formada por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento, acreditarase mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais.

– A ausencia do fogar familiar de ambos os/ambas/as dous/dúas membros parentais acreditarase mediante informe dos Servizos Sociais do concello correspondente.

– O título de familia numerosa, só no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG núm. 152, do 7 de agosto).

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

h) No caso de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas, certificado de empadroamento expedido polo concello correspondente, no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes, que en todo caso deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicita a praza.

De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas nesta epígrafe, poderase presentar informe dos Servizos Sociais do concello correspondente. A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude establecido suporá a renuncia implícita a ser valorado na epígrafe correspondente do baremo que se recolle no anexo II.

4. O impreso de solicitude –anexo I– facilitarase nos propios centros en que se solicite praza, nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfantis.net.

5. A información relativa ao procedemento poderase consultar na páxina web:

http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos así como nos teléfonos: 012, 981 18 57 55, 982 29 43 54, 988 38 65 95, 986 81 77 04 e 981 54 56 66.

Artigo 9. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes coa documentación requirida presentaranse nos rexistros únicos das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro) modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro e BOE núm. 30, do 4 de febreiro), en diante LRX-PAC. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es.

2. O prazo para a presentación das solicitudes tanto de reserva de praza como de novo ingreso será desde o día 1 ao 31 de marzo, ambos os dous incluídos.

Artigo 10. Tramitación dos expedientes.

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a/o interesada/o para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da LRX-PAC, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Secretaría Xeral de Política Social poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos, e a súa debida acreditación documental, que coiden precisos para a máis eficaz realización do seu cometido.

Artigo 11. Avaliación das solicitudes.

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo II. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor e, en segundo lugar, as solicitudes de xornada partida sobre as solicitudes de media xornada, e despois da aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

– Presidencia: a/o xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

– Vogais: o/a director/a do centro, un/unha representante das/os nais/pais, titores/as, acolledores/as das/os nenas/os do centro do cal se estean a baremar as solicitudes e un/unha funcionario/a da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar designada/o pola/o xefa/e territorial que actuará como secretario/a.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

3. A dirección de cada centro convocará as/os nais/pais, titoras/es, acolledoras/es a unha reunión que se celebrará anualmente antes de rematar o prazo de solicitudes, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, do/a seu/súa representante na comisión de baremación e selección.

4. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de selección á/ao xefa/e territorial.

A relación provisional de admitidas/os e a lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública o día 11 de maio e poderase consultar nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou http://www.escolasinfantis.net e nos respectivos centros.

Artigo 12. Reclamacións.

As/os solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Relación definitiva de adxudicatarias/os de praza.

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, a/o xefa/e territorial aprobará a relación definitiva de admitidas/os e a lista de espera coa puntuación obtida, así como a cota mensual que corresponda aboar en cada caso.

A relación coa puntuación poderase consultar desde o día 11 de xuño nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou http://www.escolasinfantis.net e nos respectivos centros.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada, perante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As/os solicitantes admitidas/os disporán desde o día 12 ata o día 30 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado de certificado médico da/do nena/o. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfantis.net. Para os ingresos fóra de prazo disporase de dez (10) días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, considérase decaída/o na súa solicitude.

4. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de seis (6) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. Na relación definitiva de admitidos/as estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación, que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da antedita relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 14. Lista de espera.

1. A lista de espera estará constituída polas/os solicitantes que non obteñen praza na 1.ª e 2.ª opción, ordenadas/os segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as/os solicitantes en lista de espera.

3. As/os integrantes da lista de espera que se inscriban como candidatas/os ao programa de cheque infantil serán excluídas/os dela ao concedérselles a axuda para a praza participada por este programa, mesmo no caso de que renuncien a ela.

4. As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, referidas no punto 2.b do artigo 3, non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación, que, no caso de non adxudicarlles unha praza as incluirán na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

5. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación, que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da citada relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 15. Revisión do prezo.

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos, que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de catro (4) meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, ao xuízo da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se for o caso.

Neste sentido, a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, de ser o caso, será resolta pola/o xefa/e territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 16. Baixas.

1. Causarase baixa nas escolas infantís por algunha das circunstancias seguintes:

a) Polo cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) Pola solicitude das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as.

c) Polo impagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación da débeda polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Pola incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) Pola falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes, haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola Secretaría Xeral de Política Social, por proposta da/o xefa/e territorial, unha vez oida a dirección do centro en que estea a/o nena/o matriculada/o. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da/do xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

4. As baixas producidas durante o curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos, serán cubertas polas/os solicitantes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposición adicional primeira.

As/os solicitantes de praza nas escolas infantís da Casa do Mar de Celeiro e Marín, dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, que pertenzan ao réxime especial do mar, tanto de reserva de praza como de novo ingreso, aboarán os prezos públicos regulados polo ISM (Instituto Social da Mariña) para este tipo de servizos.

Disposición adicional segunda.

Durante o curso 2012-2013, a escola infantil Santa Susana pechará ás 18.00 horas. De haber nenas/os con dereito a reserva de praza con horario ata as 20.00 horas, admitiráselles a reserva para a escola infantil de Vite.

Disposición adicional terceira.

Na presente convocatoria, unicamente se poderán presentar solicitudes de novo ingreso para a escola infantil As Mariñas (A Coruña) para o grupo de 0-1 anos, por mor das obras de remodelación que se van levar a cabo nas súas instalacións. Este alumnado será atendido na escola infantil O Ventorrillo durante o tempo que duren as obras, e trasladado ás instalacións da escola infantil As Mariñas, xunto co persoal que atende o grupo, unha vez que estas estean dispostas para a súa reapertura.

Así mesmo, as familias dos nenos e das nenas con dereito a reserva de praza nesta escola infantil poderán presentala para a escola infantil O Ventorrillo. Este alumnado será igualmente trasladado á escola infantil As Mariñas, unha vez rematadas as obras que motivaron o seu peche.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a secretaria xeral de Política Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file