Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7849

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 1 de marzo de 2012 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar en réxime de oferta concertada, durante a campaña de verán de 2012.

A través da presente orde preténdese articular a utilización das instalación xuvenís das cales é titular a Consellería de Traballo e Benestar, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a mocidade non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para iso. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro, durante a campaña de verán 2012, isto é, durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A Consellería de Traballo e Benestar convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano que corre -que comprende do 15 de xuño ao 30 de setembro-, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I.

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas.

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

– Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

– Do material (excepto o correspondente ás actividades específicas) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

– Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I desta orde.

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estancia concedido.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios.

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. O Consello da Xuventude de Galicia e os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa mocidade.

5. Grupos de mozos e mozas galegos e galegas non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Un dos membros do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Solicitude.

4.1. As solicitudes, subscritas por persoa suficientemente acreditada, presentaranse conforme o modelo normalizado recollido no anexo II desta orde, no rexistro xeral da Xunta de Galicia, nos rexistros das súas xefaturas territoriais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

4.2. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes aos membros do equipo de animación.

4.3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Criterios de adxudicación.

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

1) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e censadas ou rexistradas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2) Consello da Xuventude de Galicia e os consellos locais e municipais de xuventude.

3) Corporacións locais.

4) Grupos de mozos e mozas galegos e galegas non asociados/as que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

5) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e escolas de tempo libre domiciliadas noutras comunidades autónomas.

6) Outras entidades públicas ou privadas que o soliciten con fins asistenciais.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas e/ou de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no citado anexo I.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos seus membros ou aos/ás seus/súas asociados/as.

c) As entidades domiciliadas na Comunidade Autónoma galega.

d) As entidades que soliciten instalacións das cales non gozaron nos dous últimos anos.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar os/as participantes.

3. Sen prexuízo do disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, as entidades que en anos anteriores non fixeron uso das instalacións unha vez adxudicadas, sen presentaren causa xustificada no seu momento, pasarán a ocupar o último lugar dentro dos criterios de prioridade descritos nos puntos anteriores.

No caso de que algunha entidade renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos exixidos no artigo 3. As renuncias serán sempre respecto do total das prazas adxudicadas e deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.es

As entidades que, tendo remitido o anexo II en prazo, non resulten adxudicatarias, poderán realizar novas solicitudes das prazas sobrantes a través do enderezo electrónico arriba indicado e terán prioridade respecto doutros/as solicitantes que as demanden por primeira vez.

Artigo 6. Instrución e resolución.

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

– O/a xefe/a do Servizo de Programas, que a presidirá.

– Os/as xefes do Servizo de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou o/a funcionario/a en quen deleguen.

– Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado designado/a polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

Esta comisión, valoradas as solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 5 desta orde, elevará proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que deberá ditar a correspondente resolución nun prazo de 10 días.

A resolución seralles notificada a todos/as os/as solicitantes no prazo máximo de dous meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución non esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A antedita resolución publicarase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 7. Reserva de prazas e primeiro pagamento.

1. Recibida a resolución, os/as beneficiarios/as están obrigados/as, no prazo de 10 días:

– A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25% do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación, reducise o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

– A presentar, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada, a seguinte documentación:

a) Breve proxecto de actividades que se van realizar.

b) Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

c) Xustificante do aboamento do 25% expresado anteriormente.

2. Se transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumprisen os requisitos anteriores, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, a desistencia da solicitude efectuada ofertándose as prazas aos/ás demais solicitantes. No caso de non cubrirse as prazas desta forma, a xefatura territorial correspondente reservarallas a quen as demande.

Artigo 8. Autorización de uso temporal.

1. Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75% do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de usuarios/as ao inicio da actividade é menor do confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación dos/as responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG número 49, do 10 de marzo).

Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo as entidades beneficiarias non fixesen os pagamentos correspondentes, procederase de acordo co disposto no parágrafo segundo do artigo 7 desta orde.

Artigo 9. Obrigas dos/as beneficiarios/as.

Os/as adxudicatarios/as estarán obrigados/as:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG número 49, do 10 de marzo) e demais lexislación vixente.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación de que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto.

4. A aboar o importe dos danos que produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor dos/as seus/súas propios/as socorristas.

Artigo 10. Tarifas.

Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da orde pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2012.

Aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar como entidades prestadoras de servizos sociais, gozarán dun desconto do 50% sobre os prezos sinalados no punto anterior.

O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición dos interesados na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 11. Protección de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, informámolo de que a través dos datos recompilados nos diferentes anexos desta orde, presta o seu consentimento á incorporación dos datos persoais achegados a un ficheiro do que é responsable a Consellería de Traballo e Benestar, e inscrito na Axencia Española de Protección de Datos, coa finalidade de xestión da actividade. O/a responsable do ficheiro comprométese a respectar a confidencialidade da información de carácter persoal e a garantir o exercicio dos dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, que se poden exercer ante o centro directivo competente en materia de mocidade no enderezo: Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, edificio administrativo San Lázaro, s/n , 3.º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou ben enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: lopd.xuventude@xunta.es

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

N.º prazas ofertadas

Total de prazas

A Coruña

Albergue xuvenil Gandarío-Bergondo

16-30 de xuño

30

870

16-30 de setembro

100

Albergue xuvenil Mariña Española-Sada

20-31 de agosto

100

1-15 de setembro

100

Campamento xuvenil Furelos-Melide

18-29 de agosto

60

Campamento xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son

17-28 de xullo

50

2-13 de agosto

80

18-29 de agosto

150

Campamento xuvenil Espiñeira-Boiro

2-13 de agosto

100

18-29 de agosto

100

Lugo

Albergue xuvenil Area-Viveiro

15-29 de xuño

120

445

Campamento xuvenil A Devesa-Ribadeo

2-13 de agosto

50

18-29 de agosto

175

Albergue xuvenil Benigno Quiroga-Portomarín

11-18 de agosto

50

20-27 de agosto

50

Ourense

Campamento xuvenil Penedos de Xacinto-Entrimo

15-26 de agosto

50

50

Pontevedra

Campamento xuvenil Illa de Ons-Bueu

18-29 de agosto

60

320

Campamento xuvenil Pontemaril-Forcarei

18-29 de agosto

140

Albergue xuvenil As Sinas

Vilanova de Arousa

1-15 setembro

120

1.685

missing image file