Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 8 de marzo de 2012 Páx. 8455

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 2 de marzo de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería para o ano 2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todos/as os/as traballadores/as españois/españolas e os/as seus/súas familiares, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2 define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Traballo e Benestar a través do Decreto 335/2009, do 11 de xuño.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón de dous centros destinados ao gozo do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso das familias a un período de vacacións nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante esta orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e sociofamiliar, co que se cumpre unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos, tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o ano 2012, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Persoas destinatarias.

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañados/as dos/as seus/súas proxenitores/as ou titores/as legais, que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os/as galegos/as residentes no exterior.

Artigo 3. Distribución das prazas.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a Consellería de Traballo e Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

Artigo 4. Tipos de servizo.

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os/as familiares e persoas con relación de amizade cos/as residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o/a director/a de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5. Os prezos.

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para os/as non residentes, establécense no Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre ou na norma que o substitúa.

Artigo 6. Solicitudes e documentación.

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Consellería de Traballo e Benestar, farase unha única solicitude por unidade familiar para as quendas solicitadas.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

1. Os/as solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

Copia do título de familia numerosa.

2. Resto de familias:

Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

Acreditación da discapacidade, de ser o caso.

O/a solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos (anexo I). No caso de que o/a solicitante non queira autorizar a Consellería de Traballo e Benestar para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

Artigo 7. Presentación de solicitudes: lugar e prazo.

1. As solicitudes de estadías na residencia de tempo libre de Panxón presentaranse no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8, 36201 Vigo) e as solicitudes de estadías na residencia de tempo libre do Carballiño presentaranse no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (avda. da Habana, 79, 32004 Ourense), sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes tamén poderán presentarse vía electrónica. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitirase o DNI electrónico, ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persoa solicitante ou representante legal. O dito formulario deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non se admitirán a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado nos enderezos sinalados no punto 1 deste artigo.

3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de marzo de 2012.

Artigo 8. Requirimento de emenda.

As/os directoras/es das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde, en caso contrario procederán a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terán por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do/a xefe/a territorial competente que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9. Adxudicación de estadías.

A adxudicación das prazas correspondentes á Consellería de Traballo e Benestar efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á localidade en que están situadas as residencias. Á data e ao lugar en que se realice o sorteo daráselles publicidade mediante anuncio nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es e www.familiasgalegas.org. No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido.

Todas as datas do prazo establecido no artigo 7.3 entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguíndose para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.

A primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias queda reservada ás familias que acrediten a súa condición de numerosas, podendo estas, non obstante, solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II. A adxudicación desta quenda farase igualmente por sorteo de datas, e as sobrantes serán incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias numerosas que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán preferencia ningunha.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 10. Resolución.

1. Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías; do devandito sorteo levantará acta e remitirá o resultado aos respectivos directores/as das residencias. As ditas resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

A persoa que exerza a dirección de cada residencia notificará ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 11. Pagamento do prezo da estadía.

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 euros por cuarto en concepto da dita reserva, e outro depósito, 30 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía.

Artigo 12. Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

Se a persoa adxudicataria anula as estadías perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causas de forza maior debidamente acreditadas. A dita anulación efectuarase por calquera medio en que quede constancia da data de entrada da anulación e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda. Terá dereito a que se lle devolvan as cantidades que depositase con posterioridade, para o que terá que facer a reclamación correspondente. A continuación, instruirase e resolverase un expediente, e farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

– Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías 100%.

– Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías 75%.

– Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías 50%.

– Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías 25%.

Para calcular a porcentaxe da devolución tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, e non se fará en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposición adicional.

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre do Carballiño) e de Vigo (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre de Panxón).

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a secretaria xeral de Política Social para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO II
Estadías dos residentes

Residencia

Mes

Quenda

Tempada

Panxón

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

O Carballiño

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

missing image file