Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 8989

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de febreiro de 2012 pola que se establecen os prezos privados pola realización de determinacións analíticas no laboratorio de hixiene analítica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

A Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), configura este como órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais e establece, no seu artigo 4, as funcións que lle corresponden, entre as que se atopan a análise, investigación e avaliación das causas e factores determinantes dos riscos laborais e a realización de controis xerais e sectoriais sobre niveis de seguridade, hixiene e condicións de saúde nas empresas.

Entre as actividades desenvolvidas polo Issga está a realización de determinacións analíticas de mostras ambientais e biolóxicas, que leva a cabo o laboratorio de referencia de hixiene analítica, situado no centro territorial de Pontevedra e que atende as necesidades analíticas do Instituto.

Co obxecto de optimizar os seus recursos materiais e persoais, o Issga pretende ofertar a prestación de servizos especializados aos usuarios que o soliciten, xa sexan servizos de prevención alleos, propios ou mancomunados ou empresas privadas que voluntariamente o requiran, poñendo os seus medios á disposición de todos os axentes implicados na protección e saúde dos traballadores.

En consecuencia, resulta imprescindible determinar as diferentes determinacións analíticas que poden ser realizadas e a correspondente contraprestación económica por cada un dos servizos prestados, para o que deberán aplicarse prezos privados, de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei, no seu artigo 51, sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, e publicados no Diario Oficial de Galicia. Para cumprir este mandato, vista a proposta formulada polo Issga e logo do preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten como obxecto a fixación dos prezos privados que se deberán satisfacer ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral pola realización das determinacións analíticas que se especifican no anexo a esta orde no laboratorio de referencia de hixiene analítica.

Artigo 2. Suxeitos obrigados ao pagamento.

1. Son suxeitos obrigados ao pagamento as persoas físicas e xurídicas que soliciten ao Issga a realización dalgunha das determinacións analíticas establecidas nesta orde.

2. Non obstante o anterior, poderán facerse convenios de colaboración con outras administracións públicas nos que, respectando o equilibrio económico das contraprestacións, se poidan establecer reducións, totais ou parciais, das contías correspondentes aos prezos regulados na presente norma.

3. Os organismos da Administración pública da Xunta de Galicia, definidos no artigo 3 da Lei 6/2003, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, non estarán suxeitos a esta orde.

Artigo 3. Contía dos prezos.

1. Os prezos privados pola realización de determinacións analíticas, por parte do laboratorio de referencia de hixiene analítica do Issga son os que figuran no anexo da presente orde.

2. Os prezos a que se refire esta orde enténdense, se é o caso, co IVE incluído.

Artigo 4. Actualización de prezos.

Os prezos regulados nesta orde actualizaranse o un de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2006), no mes de novembro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberanse facer públicos mediante resolución da persoa titular da dirección do Issga, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Forma de liquidación e pagamento.

O pagamento dos prezos deberá terse realizado no momento de presentar ante o Issga a solicitude de realización dalgunha determinación analítica -requisito previo e necesario para a prestación do servizo-, axustándose ao establecido na normativa pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO
Prestación de servizos e prezos (en euros)

I. Espectrofotometría de absorción atómica (EEA).

1. Preparación do filtro: 9,66.

2. EAA-chama. Análise: 15,38.

3. EAA-forno de grafito. Análise: 28,68.

4. Análise por xerador de hidruros: 28,68.

II. Cromatografía de gases (CG).

1. CG/FID (primeiro composto): 41,42.

2. CG/FID (composto adicional): 7,83.

3. CG/MS-cualitativo fracción volátil de materia prima (ata 5 compostos maioritarios): 56,30.

4. CG/MS-cualitativo fracción tubo absorbente (ata 5 compostos maioritarios): 47,30.

III. HPCL.

1. Cuantitativo (primeiro composto): 45,84.

2. Cuantitativo (composto adicional): 7,83.

IV. Gavimetrías. Análise: 14,78.

V. Microscopía óptica. Análise: 43,80.