Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 21 de marzo de 2012 Páx. 9828

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se declara de interese galego a Fundación Comedor San Froilán e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Comedor San Froilán, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

Primeiro. Miguel Ángel Gómez Vázquez, en representación do fundador da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Comedor San Froilán foi constituída en escritura pública outorgada en Sarria, o 24 de agosto de 2011, ante o notario Juan J. López Yáñez, co número de protocolo 2.314, pola Diocese de Lugo, representada polo seu bispo Alfonso Carrasco Rouco.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto dar cobertura asistencial, atendendo en primeiro lugar ás súas necesidades básicas, asegurar o sustento alimenticio de persoas desfavorecidas e axudarlles na súa promoción.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado polo vicario xeral da Diocese de Lugo, Luciano Armas Vázquez, como presidente; o ecónomo diocesano da Diocese de Lugo, Miguel Ángel Álvarez Pérez; o delegado episcopal de acción caritativa e social da Diocese de Lugo, Antonio Negro Expósito; unha representante das Fillas da Caridade de San Vicente de Paul, Asunción Abad González; José Pérez Barreiro e Miguel Ángel Gómez Vázquez, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Comedor San Froilán, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 14 de novembro de 2011 (DOG n.º 229, do 30 de novembro), clasificouse como de interese asistencial a Fundación Comedor San Froilán, e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26.º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2.º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Comedor San Froilán, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Comedor San Froilán, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Comedor San Froilán, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Comedor San Froilán no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución, pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2012.

Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar