Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Luns, 2 de abril de 2012 Páx. 11601

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de marzo de 2012 pola que se modifica a Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais desta consellería.

Exposición de motivos.

A actividade administrativa da Consellería de Traballo e Benestar comporta unha concentración de funcións ao redor do/a seu/súa titular que aconsella recorrer á delegación de competencias nas distintas xefaturas territoriais da consellería, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos/as administrados/as, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Segundo o establecido no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, así como no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Administración autonómica a que lle corresponde, entre outras e de conformidade coa Constitución española e co Estatuto de autonomía, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar.

O artigo 42 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, establece que a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no sistema galego de servizos sociais será competente para resolver a concesión do financiamento regulado neste capítulo, así como para a autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos. A concesión efectuarase logo da planificación e proposta da comisión de análise e avaliación técnica regulada neste artigo, excepto no caso dos gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar na súa modalidade de atención a persoas valoradas como dependentes, que se efectuará mediante procedemento separado, de acordo co expresado no artigo 58. As competencias referidas nesta alínea poderán ser obxecto de delegación.

Pola súa banda, o artigo 58 do citado decreto establece un sistema de financiamento específico en canto ao servizo de axuda a domicilio para persoas en situación de dependencia, e no seu punto 4 prevé que: «A Xunta de Galicia liquidará e transferirá trimestralmente ás corporacións locais as cantidades que correspondan en función das horas de atención efectivamente prestadas, unha vez regularizadas as contías de acordo coas incidencias rexistradas no período de referencia», polo que se fai necesario establecer unha delegación de competencias acorde coa nova estrutura orgánica recollida no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que consiga a máxima axilidade, coordinación e eficacia na xestión dos servizos.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3.º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar; o artigo 72.4.º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

A Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos/as xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar queda modificada como segue:

Un. Inclúese unha letra l) no artigo 3 «Delegación de competencias nos/as xefes/as territoriais das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar».

l) A autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos en relación coas transferencias trimestrais ás corporacións locais das cantidades que correspondan en función das horas de atención efectivamente prestadas derivadas da prestación do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia.

Artigo 2. Crédito orzamentario.

Para os efectos da execución das competencias delegadas que se relacionan no artigo anterior, trimestralmente realizarase a desconcentración do crédito suficiente por cada xefatura territorial, con cargo á partida orzamentaria 2012.12.08.312D.460.0 e de acordo con establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias dos/as conselleiros/as nos/as xefes/as territoriais en materia de axudas e subvencións capítulos IV e VII e as disposicións ditadas no seu desenvolvemento, e conforme o previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, en relación ás horas de atención efectivamente prestadas do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia correspondentes ás corporacións locais de cada provincia.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar