Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Martes, 3 de abril de 2012 Páx. 11850

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2012 de encomenda de xestión a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. da realización das actuacións necesarias para a creación e desenvolvemento da oficina técnica de seguimento (OTS) do servizo loxístico integral para o control, seguimento, supervisión e coordinación do correcto cumprimento da execución do contrato do Servizo Galego de Saúde con Severiano Servicio Móvil, S.A.

Antecedentes.

Primeiro. De conformidade co previsto no artigo 93 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, integran o Servizo Galego de Saúde os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban.

O artigo 94 da mesma lei establece entre as funcións do organismo autónomo citado o goberno, a dirección e a xestión daqueles centros, servizos e establecementos, propios ou adscritos; a planificación, coordinación e xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados; o desenvolvemento de programas de mellora de xestión, así como a aprobación de plans, directrices e criterios de actuación a que se deben someter os centros, servizos e establecementos incluídos no Servizo Galego de Saúde.

Segundo. De conformidade co previsto no artigo 1.2 dos seus estatutos (aprobados polo Decreto 229/1994 e modificados polo Decreto 209/2008, do 28 de agosto), Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. é un medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública, para a execución das actividades que lle sexan encomendadas, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social.

Segundo o artigo 2 dos mesmos estatutos sociais, forman parte do obxecto social de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. o desenvolvemento, execución e explotación de infraestruturas sanitarias, a prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario, así como a prestación de servizos relacionados co ámbito sanitario.

Ademais, de conformidade co previsto no artigo 4.7 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, adscríbese para efectos administrativos á Xerencia do Servizo Galego de Saúde, Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Terceiro. De conformidade co artigo 1 dos estatutos da citada empresa pública, as relacións coas anteriores entidades non se considerarán de natureza contractual e serán, para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado, e articularanse a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que se lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, e requirirán a resolución preceptiva e previa do órgano encomendante, en que se identificarán os termos e condicións en que se realizarán. As retribucións dos traballos que leve a cabo determinaranse na respectiva encomenda, calculándose de xeito que permita a recuperación dos investimentos realizados e os custos de xestión, se é o caso.

O artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula as encomendas de xestión intersubxectivas entre administracións públicas e entidades públicas, recollendo entre os seus supostos habilitantes o de que a entidade que vaia desenvolver a actividade encomendada poida ser considerada como medio propio ou servizo técnico da entidade encomendante (artigo 9.1.b) da Lei 16/2010). Neste caso, a encomenda instrumentarase por medio de resolución da consellería de adscrición da entidade (artigo 9.2 da Lei 16/2010).

Ademais, prevese que, para a efectividade da encomenda, o instrumento en que se formalice deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia (artigo 9.3 da Lei 16/2010).

Cuarto. O artigo 4 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, establece que están excluídos do seu ámbito de aplicación os negocios xurídicos en cuxa virtude se encargue a unha entidade que teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico do poder adxudicador a realización dunha determinada prestación.

Malia o anterior, o mesmo texto refundido desta lei establece no artigo 24 que a condición de medio propio e servizo técnico dos entes, organismos e entidades do sector público en relación cos poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade, cando estes teñan sobre eles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos, deberá recoñecerse expresamente pola norma que os cree ou polos seus estatutos, previsión que aparece cuberta de conformidade co establecido no artigo 1.2 dos estatutos de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Quinto. O 20.1.2012 publicouse no DOG a Resolución do 27 de decembro de 2011, da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, pola que se fai pública a formalización do contrato do servizo loxístico integral do Servizo Galego de Saúde (AB-SER1-11-030) con Severiano Servicio Móvil, S.A., con data do 16 de decembro de 2011.

En virtude das disposicións indicadas anteriormente, así como das facultades conferidas no artigo 3.a) do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Primeiro. Encomendar a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a realización das actuacións necesarias para a creación e desenvolvemento da oficina técnica de seguimento (OTS) do servizo loxístico integral para o control, seguimento, supervisión e coordinación do correcto cumprimento da execución do contrato do Servizo Galego de Saúde con Severiano Servicio Móvil, S.A.

Segundo. As funcións encomendadas, de acordo co establecido nas cláusulas 8.4.6 e 8.4.8 do prego de cláusulas administrativas particulares do expediente AB-SER1-11-030, sen prexuízo doutras que lle sexan expresamente atribuídas polo órgano de contratación, son as seguintes:

a) Actuar como interlocutor entre os centros aos cales se lles prestará o servizo e o adxudicatario.

b) Supervisar a posta en marcha da plataforma loxística.

c) Definir os parámetros loxísticos e os niveis de stocks na plataforma e nos almacéns periféricos, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e o adxudicatario.

d) Definir, xunto co adxudicatario e o Servizo Galego de Saúde, a frecuencia e o calendario de reposición nas unidades de consumo. Xestionar a escaseza.

e) Propoñer a modificación dos modelos de xestión de stocks.

f) Facer o seguimento do grao de cumprimento polo adxudicatario do plan de execución do contrato.

g) Facer o seguimento do grao de cumprimento do contrato polo adxudicatario e das incidencias non solucionadas das unidades de consumo e dos provedores.

h) Validar o número de liñas de pedido servidas mensualmente por tipo de material.

i) Validar as necesidades de equipamento das unidades de consumo en colaboración co Servizo Galego de Saúde.

j) Controlar a calidade do servizo. Facer o seguimento dos indicadores e a proposta de modificación dos parámetros e/ou indicadores establecidos.

k) Calcular e propoñer as penalizacións por incumprimento do nivel de servizo acordado co adxudicatario.

l) Elaborar os informes que lle sexan solicitados polo Servizo Galego de Saúde.

m) Formar parte do equipo de traballo permanente encargado do control, a vixilancia e a mellora da operativa do contrato no que se tratarán todos os aspectos relacionados coa posta en marcha e a operativa da plataforma, tales como:

– A revisión dos indicadores de calidade e do cumprimento do contrato.

– O tratamento das incidencias e as deficiencias do servizo.

– A análise do valor dos procesos e protocolos, identificando e determinando a súa mellora e/ou reducións de custos.

– As accións de mellora continua con axuda do soporte tecnolóxico adecuado.

– Os plans de formación para unha mellor cualificación do persoal.

Terceiro. A xestión que realizará Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. abranguerá as actuacións materiais ou xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos na normativa que disciplina a súa actividade, aínda que poderá, de conformidade co artigo 2 dos seus estatutos, contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso, a actuación axustarase ao disposto no texto refundido da Lei de contratos do sector público.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade de competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e é responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou en que se integren as concretas actividades materiais obxecto da encomenda.

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións do Servizo Galego de Saúde.

Cuarto. Esta encomenda estará vixente desde o 1 de abril de 2012 ata a data en que remate o contrato derivado do expediente AB-SER1-11-030, prevista para o 31.12.2022, salvo causa de resolución anticipada.

Quinto. O importe destinado para a realización das actividades encomendadas será integramente sufragado polo adxudicatario do contrato derivado do expediente AB-SER1-11-030, de conformidade coas condicións establecidas na cláusula 8.4.2 do prego de cláusulas administrativas particulares que rexe o dito contrato. O importe total é de 1.962.614,03 € (IVE incluído) para o período comprendido entre o 1.4.2012 e o 31.12.2022.

Sexto. Esta encomenda extinguirase, ademais de polo cumprimento do seu obxecto, polas seguintes causas de finalización anticipada:

a) Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

b) Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

c) Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

d) As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade e Presidenta do Servizo Galego de Saúde