Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 11 de abril de 2012 Páx. 12810

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 108/2012, do 29 de marzo, polo que se regula o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O presente decreto, polo que se regula o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, dítase coa finalidade de que aqueles organismos ou entidades pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia que teñen entre as súas funcións ou fins sociais a promoción de solo empresarial poidan planificar as súas actuacións atendendo ás necesidades reais da demanda e a criterios de racionalidade, eficacia e optimización de recursos. Por este motivo, os referidos órganos ou entidades precisan de instrumentos que lles proporcionen a información adecuada sobre a demanda de solo empresarial en cada concello ou comarca, co fin de poderen atender esta demanda de conformidade cos principios antes citados.

A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), establece no seu artigo 4, entre as funcións do IGVS, a de elaborar e propoñer á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (hoxe Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) os plans e programas en materia de vivenda e solo. Asemade, o citado precepto sinala como funcións do IGVS a de propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, o desenvolvemento e a xestión da política de vivenda e solo, e realizar estudos sobre oferta e demanda de vivendas e solo.

O Decreto 167/2008, do 3 de xullo, declara medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Xunta de Galicia as catro sociedades anónimas de xestión urbanística de Galicia (Xestur Coruña, S.A., Xestur Lugo, S.A., Xestur Ourense, S.A. e Xestur Pontevedra, S.A.). Asemade, estas sociedades públicas teñen dentro do seu obxecto social a realización das actividades dirixidas á promoción e xestión de solo empresarial.

O Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo establece no seu artigo 91 que o alleamento do solo empresarial promovido polo devandito organismo será efectuado polo IGVS ou polas empresas públicas en cuxo capital participe o IGVS e entre cuxo obxecto figure a creación de solo industrial, logo da subscrición dos convenios ou encomendas de xestión para tal efecto precisos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou as directrices de ordenación do territorio e o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a elaborar un novo Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e ambos constituirán os instrumentos de planificación e ordenación das áreas de solo empresarial de promoción autonómica. No marco dos ámbitos de solo industrial establecidos no instrumento antes citado, o presente decreto pretende servir de instrumento para acomodar as actuacións que se emprendan ás necesidades reais da demanda de solo empresarial.

En síntese, o presente decreto responde, en definitiva, á necesidade de dotar o IGVS e as sociedades públicas adscritas a el, que teñen dentro do seu obxecto social a promoción e xestión de solo empresarial dun instrumento axeitado que permita levar a cabo as súas actuacións naqueles lugares onde non hai solo empresarial ou está esgotado ou xa executado, adecuándose ás necesidades reais da demanda de solo empresarial e actuando neste labor de conformidade cos principios de racionalidade, eficacia e optimización dos recursos públicos. Pola súa vez, permite aos/ás demandantes de solo empresarial disporen dunha canle pola cal transmitir as súas demandas, de xeito que as actuacións que se leven a cabo en materia de promoción de solo empresarial respondan ás necesidades manifestadas polas persoas empresarias e permitan adecuarse a elas, executando actuacións onde verdadeiramente sexan necesarias e coas características que os/as demandantes precisen para as súas empresas.

Unha vez iniciada a actuación, as empresas que se inscribisen nela, e logo de formalizaren un compromiso de compra co promotor, terán dereito á adxudicación directa da superficie de solo solicitada e a unha bonificación do 5% do prezo definitivo da parcela. Ademais, a persoa solicitante terá dereito a renunciar á adxudicación e a que se lle devolvan as cantidades ingresadas cos correspondentes xuros legais xerados ata a data de devolución, cando o prezo definitivo resulte superior en máis dun 20% ao fixado con carácter mínimo estimativo.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de marzo de 2012,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto crear e regular o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para estes efectos, entenderase por solo empresarial de promoción pública aquel cuxa promoción levan a cabo os organismos ou entidades pertencentes á Comunidade Autónoma que teñan entre as súas funcións ou fins sociais a promoción de solo empresarial.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás actuacións incluídas no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia que aínda non foron iniciadas, ou ás cales se acorden iniciar ao amparo dos planeamentos municipais naqueles concellos que carezan de actuacións de solo empresarial, ou nos que, contando con tales actuacións, non dispoñan de superficie industrial libre ou a existente sexa insuficiente ou inadecuada para as necesidades previstas.

Artigo 3. Natureza do rexistro.

O rexistro terá carácter administrativo e será público.

Artigo 4. Órgano responsable.

O órgano responsable do rexistro é a dirección xeral do IGVS, ante o cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación dos datos persoais.

Artigo 5. Información.

Co fin de facilitar á cidadanía o coñecemento sobre os requisitos e funcionamento do rexistro, o IGVS adoptará as medidas oportunas para dispor da información necesaria nas sociedades públicas adscritas a el, nas áreas provinciais e nos servizos centrais do IGVS, na páxina web do citado organismo e no teléfono número 981 54 19 15.

Artigo 6. Protección de datos.

1. Os datos do rexistro poderán ser comunicados a outras administracións públicas ou entidades cando estas sexan responsables dun procedemento de adxudicación de solo de promoción pública.

2. En todo caso, a comunicación ou cesión de datos do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública a terceiros terá lugar conforme o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 7. Estrutura do rexistro.

O rexistro estará estruturado por actuacións, de xeito que facilite o coñecemento da demanda real de solo empresarial para cada unha das áreas empresariais ou actuacións sinaladas no artigo 2.

CapÍtulo II
A inscrición no rexistro

Artigo 8. A inscrición.

1. Poderanse inscribir todos os/as demandantes de solo empresarial de promoción pública naquelas actuacións incluídas no ámbito de aplicación sinalado no artigo 2 do presente decreto.

2. En todo caso, non é necesaria a inscrición para aqueles demandantes de solo empresarial que se atopen nalgún dos supostos previstos nas letras b), d), e) e f) do artigo 92.5 do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Asemade, tampouco será necesaria a inscrición para aqueles demandantes de solo empresarial en actuacións xa executadas ou en execución, que teñan solo dispoñible e este sexa suficiente para as necesidades do demandante.

Artigo 9. Condicións da inscrición.

1. Poderán solicitar a inscrición como demandantes de solo empresarial as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que pretendan desenvolver unha actividade empresarial e estean interesadas en acceder a unha superficie de solo empresarial de promoción publica dentro do ámbito de aplicación previsto no presente decreto.

2. A inscrición da persoa solicitante deberá especificar, ademais da actuación onde pretende implantarse, polo menos, o concello, a superficie que se solicita, a actividade que se pretende desenvolver nelas, os postos de traballo que se proxecta crear, así como o prazo en que se prevé poder iniciar as obras unha vez realizada a posta á disposición dos terreos.

3. A inscrición no rexistro con carácter previo á resolución de inicio da actuación e a posterior formalización do compromiso de compra dará dereito á adxudicación directa da superficie de solo solicitada e reservada.

Artigo 10. Apertura do rexistro.

1. O Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma abrirase respecto de cada actuación de que se trate, por resolución do director ou directora xeral do IGVS, no momento en que estea aprobado definitivamente o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

2. Así mesmo, por resolución do director ou directora xeral do IGVS, poderase acordar a apertura do Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma para actuacións non previstas no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que estean previstas nos correspondentes planeamentos municipais.

3. No momento en que se acorde a apertura do Rexistro, fixarase un prezo mínimo estimado do solo que resulte da actuación. Este prezo terá carácter meramente estimativo, sen que se fixe definitivamente ata que se conclúan as obras de urbanización. Non obstante, se o prezo definitivo resultar superior en máis dun 20% ao fixado con carácter mínimo estimado, a persoa terá dereito a renunciar á súa solicitude de adxudicación e a que se lle devolvan as cantidades ingresadas cos correspondentes xuros legais xerados ata a data de devolución.

Artigo 11. Procedemento de inscrición.

1. As solicitudes de inscrición no Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma presentaranse debidamente cubertas no modelo oficial que se xunta como anexo a este decreto, o cal deberá vir acompañado da documentación especificada no dito anexo segundo que a persoa solicitante sexa física ou xurídica.

2. As solicitudes presentaranse nas oficinas do Rexistro do IGVS, das súas áreas provinciais ou nos seus servizos centrais, ou en calquera dos rexistros ou oficinas previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e durante o prazo que se determine na resolución do director ou directora xeral do IGVS pola que se proceda á apertura do Rexistro para actuación de que se trate, segundo o establecido no artigo anterior.

Así mesmo, a súa presentación poderá facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es, de conformidade co disposto no artigo 2 da Orde do 15 de setembro de 2011, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Examinadas as solicitudes presentadas, cando existan defectos emendables requirirase o/a interesado/a para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. No caso de non facelo así, terase por desistido/a da súa petición.

4. O IGVS poderá solicitar cantos documentos complementarios coide necesarios para a comprobación dos datos fornecidos.

Artigo 12. Cotas de inscrición e reserva de solo.

1. A persoa solicitante deberá aboar, en concepto de cota de inscrición e reserva de solo, un importe de 1 euro por cada metro cadrado de superficie solicitada, cun mínimo de 1.000 euros, cando a superficie sexa ata 15.000 m2. Para solicitudes de maior superficie, a cantidade anterior se incrementará en 0,50 euros por metro cadrado da superficie que exceda aquela. A contía correspondente deberá ser ingresada na conta que o IGVS mantén aberta na entidade Banco Pastor, conta n.º 0072 0134 48 0000112798.

A referida contía tamén poderá ser aboada por calquera das formas establecidas no artigo 96 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP).

A tal fin, achegarase coa solicitude copia do resgardo bancario que acredite o devandito ingreso, ou copia do documento que acredite o aboamento por calquera outra forma prevista na Lei de contratos do sector público (TRLCSP).

2. A cantidade ingresada pola persoa solicitante en concepto de cota de inscrición e reserva de solo servirá como garantía ou fianza do mantemento da súa solicitude, polo que, para o caso de que a persoa solicitante desista da súa solicitude antes do transcurso do prazo de 1 ano, contado desde a súa presentación, perderá a cantidade ingresada.

3. Para o caso de que no prazo de 1 ano, contado desde a notificación da resolución administrativa de inscrición da solicitude, non se acorde o inicio da actuación obxecto da solicitude conforme o sinalado no artigo 18, a persoa solicitante poderá reclamar a devolución da cota de inscrición e reserva de solo correspondente, incrementada, se for o caso, na contía correspondente á variación experimentada polo índice de prezos do consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística para o período de tempo transcorrido desde o ingreso da citada cota ata a súa devolución.

4. Para o caso de que se faga efectiva a formalización de compromiso de compra de solo empresarial coa persoa solicitante, o IGVS devolveralle o importe da cota total de inscrición logo da súa sinatura. Se for o caso, e sempre que a persoa solicitante dea o seu consentimento, a cota total de inscrición do rexistro formará parte das cantidades anticipadas á conta do prezo total estimado.

Artigo 13. Resolución de inscrición.

1. A inscrición no rexistro, a súa denegación ou, se for o caso, o arquivamento da solicitude de inscrición acordarase mediante resolución do director ou directora xeral do IGVS, que será ditada no prazo de tres meses desde a data de presentación e será notificada á persoa solicitante.

2. A resolución indicará, cando menos, a actuación elixida, a superficie solicitada, así como o tipo de actividade que se pretende implantar.

3. Coas limitacións sinaladas no artigo 20 do presente decreto, a antigüidade na inscrición dará preferencia para a elección da súa parcela.

Artigo 14. Vixencia da inscrición.

1. A inscrición no rexistro terá unha vixencia dun ano desde a resolución administrativa de inscrición, na cal figurará expresamente a data de finalización do dito prazo.

2. No período dos tres meses anteriores á data de finalización do prazo, o demandante poderá solicitar a renovación da inscrición. No caso de non se ditar a resolución denegatoria da inscrición, o demandante entenderá estimada a súa solicitude de renovación, de acordo co previsto no artigo 43.2.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para o caso de renovación, manterase o ingreso da cota de inscrición inicial.

3. En todo caso, o rexistro só conservará a súa vixencia en cada unha das actuacións que se vaian desenvolver ata a resolución de inicio da actuación prevista no artigo 18 do presente decreto.

Artigo 15. Actualización de datos.

1. As persoas solicitantes deberán comunicar ao rexistro calquera modificación dos datos achegados coa solicitude inicial.

2. Cando a persoa demandante non comunicase as modificacións, estas non serán tidas en conta para os efectos de adxudicacións futuras.

Artigo 16. Baixa no rexistro.

Son causas de baixa no rexistro as seguintes:

a) Ter desistido da solicitude.

b) A falta de formalización do compromiso de compra previsto no artigo 19 por causa imputable á persoa solicitante.

c) Incorrer en falsidade ou ocultación nos datos que se achegan ao rexistro.

d) Falta de solicitude de renovación da inscrición ao finalizar o prazo de vixencia.

Capítulo III
Criterios aplicables no desenvolvemento de actuacións de solo empresarial
de promoción pública

Artigo 17. Execución de actuacións de solo empresarial.

1. O IGVS ou as entidades instrumentais adscritas a el terán en conta os datos da demanda de solo empresarial que resulten do rexistro para priorizar as actuacións que deberán emprender para a creación de solo empresarial.

2. Para estes efectos, considerarase como indicio de suficiente demanda de solo empresarial as solicitudes de, polo menos, o 30% da superficie lucrativa da actuación prevista ou da fase correspondente no caso de que así estivese prevista, sen que a superficie resultante da aplicación desta porcentaxe poida ser inferior a 15.000 m2.

3. O IGVS ou as entidades instrumentais adscritas a el, en función dos datos antes referidos, establecerán as prioridades e prazos das actuacións que se acometarán en materia de solo empresarial.

Artigo 18. Inicio da actuación.

1. O desenvolvemento de cada unha das actuacións iniciarase por resolución do director ou directora xeral do IGVS, logo de proposta, se for o caso, do Consello de Administración das sociedades públicas adscritas a este.

2. A resolución de inicio conterá a identificación da actuación e fixará os criterios que se terán en conta para a adxudicación das parcelas.

3. Con carácter previo á resolución de inicio da actuación, o IGVS exixira ás persoas solicitantes, no prazo que para tal efecto se indique, que dupliquen a cota de inscrición referida no artigo 12. De non facer efectiva a cantidade requirida no prazo estipulado, a persoa solicitante perderá as cantidades ingresadas con anterioridade.

Artigo 19. Formalización do compromiso de compra e entrega de cantidades á conta.

1. Unha vez aprobado definitivamente o planeamento urbanístico ou o instrumento de ordenación do territorio correspondente de cada actuación, o IGVS ou as entidades instrumentais adscritas ao mesmo exixirán ás persoas solicitantes a formalización de compromiso de compra da superficie de solo solicitada, coas garantías que logo se indican.

2. Se a persoa solicitante non formaliza o dito compromiso de compra co IGVS ou as entidades instrumentais adscritas a el no prazo que se indique, perderá todas as cantidades ingresadas ata o momento.

3. Para a formalización do compromiso de compra, o IGVS ou as entidades instrumentais adscritas a el percibirán das persoas compradoras, cantidades anticipadas á conta do prezo total estimado da futura ou futuras parcelas. As contías e condicións de entrega destas cantidades determinaranse mediante resolución do director ou directora xeral do IGVS, e serán comúns para todas as actuacións.

4. Sempre que se reciban cantidades á conta das parcelas, deberán sinalarse no pacto subscrito as características esenciais de situación dentro do contorno, a superficie aproximada e o prezo mínimo estimado de venda en que se considera que poderá ofrecerse finalmente a parcela. Igualmente, deberán constar as datas estimadas de inicio e remate de obra.

5. No caso de que a compravenda finalmente se perfeccione, as cantidades aboadas polo interesado na adquisición da parcela consideraranse, en todo caso, como cantidades adiantadas á conta do prezo total dela, incluída, se for o caso, a cota total de inscrición no rexistro.

6. Se durante a execución da actuación, a persoa demandante que subscribiu o acordo co IGVS ou coas entidades instrumentais adscritas a este, incumprir as obrigas establecidas ou renunciar á parcela ou parcelas, ou ben, se xa iniciado o proceso de venda, decidir non formalizar a escritura de compravenda dentro do prazo establecido, perderá todas as cantidades aboadas con anterioridade.

7. No obstante, procederase á devolución das cantidades anticipadas cos correspondentes xuros legais, cando non se puider formalizar a escritura de compravenda dentro do prazo previsto por causa imputable ao IGVS ou ás entidades instrumentais adscritas a este, ou cando o prezo definitivo resultar superior en máis dun 20% ao fixado con carácter mínimo estimativo, conforme o sinalado no artigo 10.3.

Capítulo IV
Adxudicación das parcelas

Artigo 20. Adxudicación.

1. O IGVS ou as sociedades públicas de xestión urbanística adscritas a aquel adxudicarán directamente as parcelas aos que figuren inscritos no Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgándolle preferencia á antigüidade da inscrición e de conformidade cos criterios que se determinen na resolución de inicio da actuación, na cal, en todo caso, deberán ter prioridade sobre calquera outra circunstancia os proxectos empresariais singulares declarados ao abeiro do previsto no Decreto 253/2007, do 13 de setembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

2. A adxudicación directa deberá recoller o prezo definitivo, a forma de pagamento, incluíndo o IVE correspondente de toda a operación, as obrigas do/a adxudicatario/a, as penalizacións a que pode ser sometido/a, as garantías e o dereito ao tanteo e retracto do IGVS ou das entidades instrumentais adscritas a este.

3. As parcelas de cada actuación que non sexan adxudicadas por falta e/ou renuncia de persoas inscritas rexeranse para a súa adxudicación e alleamento polo previsto no Decreto 253/2007, do 13 de setembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

Artigo 21. Prezo de alleamento.

1. Co remate das obras, e con carácter previo á sinatura da escritura de compravenda, producirase unha regularización do prezo final da parcela e determinaranse nese momento o seu prezo definitivo.

2. O IGVS ou as entidades instrumentais adscritas a este aplicaranlle ao prezo definitivo unha bonificación consistente nun desconto dun 5% por ser adxudicatario/a polo procedemento deste rexistro.

Disposición transitoria única.

Actuacións con planeamentos en tramitación.

Por resolución do director ou directora xeral do IGVS poderá acordarse a apertura do rexistro para cada unha das actuacións que á data de entrada en vigor do presente decreto estean en tramitación ou execución, unha vez que o instrumento urbanístico ou de ordenación do territorio sexa aprobado definitivamente.

Disposición derradeira primeira.

Modifícase o artigo 91.1.º do Decreto 253/2007, do 13 de setembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. O prezo de venda do solo empresarial regulado neste capítulo determinarase, partindo do fin social do alleamento, e considerando inicialmente o investimento realizado. Para establecer o prezo de cada unha das parcelas resultantes dunha determinada actuación, deberanse ter en conta, entre outros factores, a súa accesibilidade, situación, superficie, forma e uso.

Se, tras celebrar dous procedementos de adxudicación a través de concurso e transcorrido máis dun ano desde o último procedemento aínda resultaren parcelas pendentes de adxudicar dunha determinada actuación, a Dirección Xeral do IGVS poderá establecer unha minoración do prezo inicialmente establecido para cada unha das parcelas pendentes de venda. No caso de producirse esta minoración, deberase iniciar un novo procedemento de adxudicación».

Disposición derradeira segunda.

Modifícase o artigo 92 nos seus números 1 e 5 do Decreto 253/2007, do 13 de setembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, cunha nova redacción para o número 1 e 5.c) e engadindo dúas novas letras g) e h) para os supostos de adxudicación directa de parcelas. Tamén se engade un novo punto 6 a este artigo 92, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. A adxudicación de solo empresarial realizarase a través de concurso, como regra xeral e, excepcionalmente, mediante adxudicación directa ou poxa».

«5.c) Que as parcelas obxecto de adxudicación fosen reservadas para proxectos empresariais singulares.

Esta reserva poderase facer antes ou, para casos excepcionais, durante as obras de urbanización e, en todo caso, antes da inscrición no Rexistro da Propiedade da división material do parque, cando así se xustifique polas características especiais que debe reunir a parcela para desenvolver a actividade empresarial de que se trate. Enténdese por proxectos singulares aqueles que xustifiquen o carácter estratéxico da súa actividade ou localización na política económica ou as especiais necesidades de solo da empresa pola actividade desenvolvida, e así o declare a Dirección Xeral do IGVS. A reserva terá que ser garantida mediante depósito de, polo menos, un vinte e cinco por cento (25%) do prezo estimado da parcela. Esta reserva será devolta no momento de elevación a escritura pública».

«g) Que as parcelas obxecto de adxudicación fosen reservadas polo procedemento establecido no Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial».

«h) Que as parcelas alleadas proveñan de compromisos recollidos en escritura pública no momento de compravenda de parcelas de fases ou polígonos anteriores, as cales son necesarias para expansión do adxudicatario/a».

«6. A adxudicación por poxa poderase efectuar cando concorra a circunstancia prevista no segundo parágrafo do artigo 91.1».

Disposición derradeira terceira.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira cuarta.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de marzo de dos mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file