Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 12 de abril de 2012 Páx. 13089

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda iniciar a tramitación e someter á participación pública as propostas dos decretos polos que se aproban o plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.), o plan de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher) e o plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

O 21 de febreiro de 2012 eleváronse á aprobación polo Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, as propostas de inicio dos procedementos de aprobación dos plans de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.), da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher, en perigo de extinción) e de conservación do píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L., especie vulnerable) en Galicia, en cumprimento do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

En relación co procedemento de aprobación dos plans de xestión de especies ameazadas, no artigo 17 do Decreto 88/2007 establécese que a elaboración destes se iniciará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente,

RESOLVO:

Primeiro. Iniciar a tramitación das propostas dos borradores dos decretos de aprobación dos seguintes plans, dispoñibles no enderezo web:

http://www.medioruralemar.xunta.es/areas/conservacion_da_natureza/biodiversidade/xestion_da_biodiversidade/conservacion_de_especies_ameazadas/plans/

– Plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.), en Galicia.

– Plan de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia.

– Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

Segundo. Abrir un período de participación pública nestas propostas cun prazo dun mes, contado desde a publicación deste anuncio, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir observacións e opinións mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico biodiversidade2.cma@xunta.es

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2012.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza