Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13614

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

A través do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, establécese a estrutura orgánica de Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro.

Con data do 4 de xaneiro de 2012 publícase o Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia que, baixo os criterios de eficacia, economía e austeridade que debe inspirar a actuación e organización administrativa, estará integrada por oito departamentos.

Posteriormente, a través do Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, fixouse a estrutura orgánica básica das consellerías da Xunta de Galicia, segundo o cal a Consellería de Traballo e Benestar, no seu artigo 7, está integrada polos seguintes órganos superiores e de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Secretaría Xeral de Política Social, a Dirección Xeral de Relacións Laborais, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Quedan adscritos á consellería o organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, órgano consultivo.

Consonte o anterior e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a nova estrutura da Consellería de Traballo e Benestar recolle os principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública.

Na área de Benestar, a estrutura que se presenta recolle a reordenación das liñas básicas de actuación nos órganos superiores e de dirección da consellería derivada da supresión da extinta Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, en virtude do Decreto 194/2011, do 20 de outubro.

Na área de Traballo, as direccións xerais de Relacións Laborais, Promoción do Emprego e Formación e Colocación manteñen o ámbito competencial coincidente co vixente na actualidade, revisando nalgúns casos as funcións dos distintos órganos.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado mantén a súa estrutura actual.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Traballo e Benestar mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Ámbito competencial.

A Consellería de Traballo e Benestar é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autonoma ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, propoñer e executar as directrices xerais do goberno nos ámbitos laborais e do benestar, que engloban as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, formación e colocación, así como as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de xuventude e voluntariado, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería.

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Traballo e Benestar estrutúrase nos seguintes órganos:

I. O/a conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral Técnica.

III. Secretaría Xeral de Política Social.

IV. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

V. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

VI. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

VII. Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

VIII. Xefaturas territoriais.

Artigo 3. Organismos autónomos, entes públicos e órganos colexiados.

1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

a) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, creado pola Lei 14/2007, do 30 de outubro.

b) O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, creado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería os órganos colexiados en que así o determine a súa normativa reguladora.

TÍTULO II
Servizos centrais

Artigo 4. O/a conselleiro/a.

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, desempeña e exerce as atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO I
Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións.

Á Secretaría Xeral Técnica, órgano de dirección da Consellería de Traballo e Benestar, con relación xerárquica directa co/a conselleiro/a, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) As establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e organismos do sector público, entre elas coordinar, baixo a dirección da persoa titular da consellería, os programas e actuacións das diferentes dirección xerais e entes do sector público adscritos á consellería, actuar como órgano de comunicación coas demais consellerías e dirixir e xestionar os servizos comúns da conselleria e velar pola organización, simplificación e racionalización administrativa.

b) Exercer as funcións relativas ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, o réxime de autorizacións, inspección, acreditación e sancionador, de ser o caso, así como a súa coordinación cos demais órganos e coas xefaturas territoriais en aplicación e de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, sen prexuízo das encomendadas aos órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) As derivadas da aplicación da Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, no ámbito da consellería.

d) As que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da consellería.

Artigo 6. Estrutura.

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal.

c) Subdirección Xeral de Contratación e Control.

d) Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

e) Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

f) Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información.

g) Unidade Administrativa de Igualdade.

2. De conformidade co disposto no artigo 29.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral:

a) A Intervención Delegada da consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

b) A Asesoría Xurídica de Traballo e a Asesoría Xurídica de Benestar, que se rexerán polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Estas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións do artigo 13.2 do mencionado Decreto 343/2003, no seu correspondente ámbito funcional.

Artigo 7. Vicesecretaría Xeral.

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica en cantos asuntos lle encomende, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Corresponderalle a coordinación e xestión dos servizos de carácter xeral; da organización do rexistro xeral e do arquivo; do sistema de xestión dos procedementos administrativos; do inventario dos bens e o mantemento de instalacións e vehículos adscritos á consellería, así como das publicacións e estatísticas.

3. Corresponderalle a coordinación en materia de contratación administrativa e o impulso da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a elaboración do da Secretaría Xeral Técnica e a coordinación, seguimento e control da súa execución e a planificación e seguimento dos investimentos da consellería.

Así mesmo, corresponderalle a xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de contratación e xestión do gasto que lle asigne o/a secretario/a xeral técnico/a para unha óptima racionalización dos recursos de que a dita Secretaría Xeral Técnica dispón.

4. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

4.1. Servizo de Xestión do Gasto e Control Orzamentario.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e impulso da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, elaboración do da Secretaría Xeral Técnica, coordinación, seguimento e control da súa execución, así como a proposta e xestión das súas modificacións.

b) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

c) A planificación e habilitación orzamentaria para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas de emprego, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos para xustificar.

d) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

4.2. Servizo de Investimentos e Xestión Contractual.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e elaboración de instrucións e fixación de criterios en materia de contratación.

b) A tramitación dos expedientes de contratación non atribuídos expresamente a outros órganos da consellería, así como calquera outra xestión vinculada a estes expedientes.

c) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido por todos os órganos da consellería.

d) O apoio á Vicesecretaría Xeral na planificación, impulso e control das necesidades en materia de contratación dos distintos centros dependentes da consellería e xefaturas territoriais.

e) O seguimento, impulso e control dos investimentos dos servizos xerais da consellería.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Persoal.

1. A Subdirección Xeral de Persoal, como órgano de dirección, exercerá as funcións de xestión de persoal, a coordinación dos asuntos de réxime interno, a coordinación das xefaturas territoriais da consellería en materia de persoal, o plan de formación da consellería e outras de contido administrativo que lle atribúa o/a secretario/a xeral técnico/a.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Persoal na área de Traballo.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da consellería na área de Traballo, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral da consellería na área de Traballo.

c) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, a custodia e o arquivo dos seus expedientes.

d) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da consellería na área de Traballo.

e) O cumprimento das obrigas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos na área de Traballo.

f) A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral na área de Traballo.

g) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da consellería na área de Traballo e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

2.2. Servizo de Persoal na área de Benestar.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da consellería na área de Benestar, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral da consellería na área de Benestar.

c) O mantemento e a actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, a custodia e o arquivo dos seus expedientes.

d) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da consellería na área de Benestar.

e) O cumprimento das obrigas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos na área de Benestar.

f) A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral na área de Benestar.

g) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da consellería na área de Benestar e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Contratación e Control.

1. Á Subdirección Xeral de Contratación e Control, como órgano de dirección, corresponderalle a elaboración do plan de necesidades e a fixación de directrices en materia de obras e equipamentos vinculados aos programas de gasto de benestar, así como a planificación e o desenvolvemento da súa execución tanto no referidos a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia como a fondos Feder; a xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de contratación e xestión económica que lle asigne a Secretaría Xeral Técnica para unha óptima racionalización de recursos e a coordinación e o seguimento da execución dos investimentos, vinculados aos programas de gasto de benestar, coas xefaturas territoriais e outros órganos e centros dependentes da consellería.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, cos seguintes órganos de apoio:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Administración.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A habilitación de pagamentos dos servizos centrais e a coordinación das habilitacións periféricas, así como a adquisición, a xestión e o control dos medios materiais para o funcionamento ordinario da consellería.

b) A realización de traballos de coordinación na elaboración do anteproxecto de orzamentos dos programas de benestar, así como as modificacións orzamentarias.

c) O control da seguranza na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia xunto co mantemento e asesoramento ás persoas usuarias da consellería no seu funcionamento.

d) A xestión de taxas e de prezos públicos da consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

2.2. Servizo de Contratación e Obras.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa vinculados a programas de gasto de benestar, cando se trate de obras, servizos relacionados coas obras, subministracións ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A programación da execución de fondos Feder do capítulo VI destinado a investimentos nos centros dependentes da consellería na área de Benestar e a súa xestión.

c) A xestión ante as entidades, órganos ou organismos públicos correspondentes das autorizacións sectoriais preceptivas e das licenzas necesarias para a execución dos expedientes de obras que sexan da súa competencia.

d) A coordinación dos contratos administrativos que, vinculados aos programas de benestar, se tramiten nas xefaturas territoriais en materia de obras e de subministracións.

e) O apoio á subdirección na planificación de investimentos en materia de obras e subministracións.

2.3. Servizo de Proxectos e Obras.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a consellería; o seguimento das obras que realice a consellería e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

b) A supervisión, dirección e control dos proxectos de obras en que participe a consellería e da súa execución material, de acordo co establecido na normativa técnica vixente e, en especial, a relativa á aplicación de criterios de sustentabilidade e adecuación ao medio.

c) A participación, o asesoramento e a elaboración de informes en materia de accesibilidade.

Artigo 10. Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

1. Á Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico, como órgano de dirección, corresponderalle a elaboración de informes e o estudo das propostas de disposicións normativas que elaboren os distintos órganos da consellería; a preparación dos expedientes que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos; o estudo dos recursos e reclamacións administrativas; a coordinación das demandas e os recursos contencioso-administrativos; o exercicio das funcións que lle correspondan á consellería en relación coas fundacións declaradas de interese galego; a tramitación dos actos administrativos referidos ao patrimonio competencia da consellería, así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados polo/a secretario/a xeral técnico/a.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo Técnico-Xurídico.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos órganos da Consellería de Traballo e Benestar, así como o estudo das compilacións e da refundición das normas emanadas desta.

b) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

c) Estudo das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da consellería.

d) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e entidades adscritas, se é o caso, que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

e) A tramitación das actuacións necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego.

f) A coordinación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos órganos xudiciais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo, os/as cidadáns e outros órganos e institucións.

g) A tramitación dos actos administrativos referidos ao patrimonio, en canto sexa competencia desta consellería.

2.2. Servizo de Recursos e Reclamacións.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e dos recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería cando non estean atribuídos a outros órganos.

b) O estudo, coordinación e a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, cuxa resolución corresponda ao/á conselleiro/a nas materias competencia da consellería.

c) O estudo, a coordinación e a proposta de resolución dos expedientes disciplinarios cuxa resolución corresponda ao/á conselleiro/a ou ao Consello da Xunta de Galicia con respecto ao persoal dependente desta consellería.

d) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial.

Artigo 11. Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes relativos ao Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de autorización en materia de servizos sociais e a tramitación e proposta de resolución dos procedementos de acreditación en materia de servizos sociais.

b) Coordinar o control e inspección dos servizos, os centros e os programas de servizos sociais que se desenvolvan no territorio da comunidade autónoma, sen prexuízo das funcións encomendadas ao órgano da Xunta de Galicia competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Elaborar o plan de inspección anual das entidades, servizos, programas e centros de servizos sociais.

d) A proposta de adopción de medidas cautelares e de incoación de expedientes sancionadores en relación coas entidades prestadoras de servizos sociais en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

e) Verificar o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e formular propostas de mellora na súa calidade.

f) Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través dos instrumentos establecidos na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lles correspondan aos outros órganos en virtude da normativa específica.

g) Investigar e contestar queixas e reclamacións que presenten as persoas usuarias, no ámbito das funcións de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

h) Colaborar cos órganos da consellería na elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas funcións da subdirección.

i) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Inspección de Familia e Menores.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das funcións atribuídas á subdirección xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a menores, familia e infancia.

2.2. Servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á subdirección xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas dirixidos a maiores, persoas con discapacidade e a persoas con dependencia.

2.3. Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

Corresponderalle a este servizo o desenvolvemento das funcións atribuídas á subdirección xeral no ámbito das entidades, servizos, centros e programas destinados á igualdade e os dirixidos á comunidade e ás persoas en risco de exclusión social.

Artigo 12. Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información.

1. Á Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información, como órgano de dirección, corresponderalle a elaboración dos plans de necesidades da consellería vinculados ás tecnoloxías de información, o seu impulso e coordinación; a coordinación e execución dos investimentos en materia informática e a coordinación de todas as unidades informáticas dependentes doutros órganos da consellería; o aseguramento da calidade e seguridade sobre os sistemas de información da consellería, en especial no relativo ao cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo Xeral de Informática.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Funcións de estratexia, soporte á dirección, asesoramento TIC ao resto dos órganos e unidades da consellería, participación nos instrumentos dos que se dote a Xunta de Galicia para o goberno das TIC.

b) Adquisición, xestión, soporte, mantemento e aseguramento da operatividade e dispoñibilidade das infraestruturas TIC da consellería.

c) Xestión de proxectos e do ciclo de vida completo dos sistemas de información dependentes da consellería, desde a detección da necesidade ata a implantación, o mantemento, soporte e explotación dos sistemas.

d) Aseguramento da calidade e seguridade sobre os sistemas de información da consellería, en especial no relativo ao cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

2.2. Servizo de Administración Informática do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A administración dos sistemas de información do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

b) Adquisición, xestión, soporte, mantemento da operatividade e dispoñibilidade de toda a infraestrutura TIC do SPEG.

c) Estatísticas, informes de xestión e cadros de mandos á dirección das competencias do SPEG.

d) Soporte ás persoas usuarias dos aplicativos do SPEG.

e) Propostas e, de ser o caso, desenvolvemento e xestión dos proxectos TIC do SPEG.

f) Asesoramento e formación nas tecnoloxías do SPEG.

g) Participación activa dentro das actividades do Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego (SISPE).

h) Desenvolvemento, xestión, adquisición e soporte dos medios físicos e lóxicos para as persoas usuarias do SPEG.

i) Xestión e aseguramento da calidade e dos elementos TIC do SPEG.

j) Seguridade dos sistemas de información do SPEG.

Artigo 13. Unidade Administrativa de Igualdade.

A Unidade Administrativa de Igualdade, con dependencia directa do/a secretario/a xeral técnico/a e categoría de servizo, é o órgano de apoio que integrará a dimensión de xénero no ámbito das competencias atribuídas á consellería e estará coordinada co órgano da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Desenvolverá as funcións recollidas no artigo 8 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

CAPÍTULO II
Da Secretaría Xeral de Política Social

Artigo 14. Competencias.

1. Á Secretaría Xeral de Política Social, órgano superior da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Dirixir, controlar e exercer o conxunto das políticas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de benestar.

b) Exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e a protección e tutela dos/as menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

c) Impulsar o deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar social, inclusión social e servizos comunitarios.

d) O exercicio das políticas da Consellería de Traballo e Benestar en materia de atención ás persoas maiores, ás persoas discapacitadas e ás declaradas dependentes e a súa atención, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

e) A xestión e coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de benestar social.

f) O exercicio da potestade sancionadora no ámbito das súas competentencias, de conformidade coa normativa de aplicación.

g) A elaboración do anteproxecto do orzamento e da memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Política Social conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos Económicos

b) Subdirección Xeral de Familia e Menores.

c) Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

d) Subdirección Xeral de Dependencia.

f) Subdirección Xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidades.

g) Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal.

Artigo 15. Subdirección Xeral de Recursos Económicos.

1. Á Subdirección Xeral de Recursos Económicos, como órgano de dirección, corresponderalle a coordinación e xestión dos procedementos de disposición de recursos de natureza económica competencia da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaria Xeral Técnica, e concretamente:

a) A preparación do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento da Secretaría Xeral de Política Social, con base nas propostas de gastos elaboradas polos distintos órganos e unidades da dita Secretaría Xeral.

b) A preparación de propostas normativas relativas a taxas, prezos públicos e demais ingresos en relación a actividades ou servizos competencia da Secretaría Xeral de Política Social, así como o seguemento da xestión e recadación dos existentes, sen prezuízo das competencias que lle correspondan á consellería competente en materia de facenda.

c) A coordinación da xestión económica e da contratación administrativa para os programas e actuacións correspondentes aos capítulos de gasto corrente competencia da Secretaría Xeral de Política Social.

d) A xestión e control de fondos finalistas, así como a elaboración das propostas necesarias para a tramitación dos expedientes correspondentes ás súas modificacións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación da contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola Secretaría Xeral de Política Social.

b) A coordinación da xestión económica dos restantes programas e actividades xestionados pola Secretaría Xeral de Política Social.

c) O apoio á subdirección na planificación do orzamento e na elaboración da memoria de funcionamento da Secretaría Xeral de Política Social.

d) A coordinación da xestión económica dos centros propios competencia da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos da consellería.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Familia e Menores.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) As funcións de planificación, xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros relativos á protección da familia, á atención dos/as menores en situación de risco ou desamparo ou suxeitos a medidas de responsabilidade penal, en aplicación do previsto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da consellería.

b) A elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

c) A tramitación dos expedientes sancionadores en aplicación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

d) A coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de familia e infancia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Familia.

A este servizo corresponderanlle as funcións relativas ao estudo, implantación, seguimento e avaliación dos programas, servizos e centros destinados á familia, en especial os contidos no Plan Integral de Apoio á Familia.

2.2. Servizo de Protección de Menores.

A este servizo corresponderanlle as funcións de estudo, implantación, seguimento e avaliación dos programas, servizos e centros, dirixidos á defensa dos dereitos da infancia e á prevención ante situacións de desprotección que poidan afectar os/as menores, en especial os contidos no Plan Integral de Apoio á Infancia e á Adolescencia; a coordinación dos equipos técnicos do menor das xefaturas territoriais da consellería.

2.3. Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

A este servizo corresponderanlle as funcións da execución das medidas xudiciais e o estudo, a implantación, o seguimento e a avaliación dos programas, centros e servizos dirixidos aos/ás menores aos cales se lles aplique a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

Artigo 17. Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, a realización dos programas de inclusión social en relación coas problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando proxectos de traballo social personalizado ou de grupos; as funcións de planificación, coordinación, seguimento, avaliación e control da xestión das prestacións sociais e económicas nas súas áreas de actuación; a xestión, programación, asesoramento técnico e seguimento dos programas, centros e servizos sociais de actuación comunitaria, sen prexuízo das que lle correspondan ao órgano responsable da autorización e inspección de servizos sociais da consellería, e a coordinación do funcionamento dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de servizos sociais e a avaliación da renda de integración social de Galicia.

Así mesmo, corresponderalle a coordinación da Rede Galega de Centros Sociocomunitarios, así como coas entidades locais e entidades de iniciativa social para o desenvolvemento dos programas sociais, en colaboración con outros órganos da Secretaría Xeral de Política Social.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Inclusión Social.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das funcións de coordinación, execución e seguimento dos plans e programas de actuación da subdirección xeral, concretados no Plan de inclusión social de Galicia; de equipamentos e servizos sociais e dos programas xurdidos da participación en iniciativas comunitarias dirixidas a paliar estas problemáticas, así como a execución dos proxectos que, se é o caso, deriven.

2.2. Servizo de Cooperación coas Corporacións Locais.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servizos sociais do nivel de actuación comunitaria.

b) A coordinación das actividades formativas relativas ao desenvolvemento e á execución dos programas do nivel de actuación comunitaria e o asesoramento, a coordinación e o control dos servizos sociais dependentes das entidades locais.

c) A implantación e o seguimento do Sistema de Información dos Usuarios de Servizos Sociais (SIUSS) e do Manual para os Profesionais de Traballo, Información e Asesoramento de Servizos Sociais (Matiass).

d) A preparación, xestión, seguimento e control das axudas destinadas a programas de prestación de servizos sociais polas corporacións locais, nas materias anteriormente citadas.

e) A coordinación da Rede Galega de Centros Sociocomunitarios, así como coas entidades locais e entidades de iniciativa social para o desenvolvemento dos programas sociais destinados ás súas persoas usuarias.

2.3. Servizo de Prestacións.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión das prestacións previstas na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

b) A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

c) A preparación, xestión, seguimento e control das axudas destinadas a programas de prestación de servizos sociais no seu ámbito competencial, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Dependencia.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e o apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao e nivel de dependencia, en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, en coordinación co sistema de servizos sociais establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Así mesmo, asegurar a elaboración dos correspondentes programas individuais de atención.

b) As propostas de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia no marco de cooperación interadministrativa no Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia e a avaliación e aplicación dos criterios adoptados no dito consello.

c) A coordinación cos demais órganos da consellería para as medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado, así como na proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

d) Colaborar co órgano responsable de autorización e inspección de servizos sociais da consellería no procedemento de acreditación en materia de atención á dependencia que garantan a calidade da dita atención.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Atención á Dependencia, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

a) O apoio ás xefaturas territoriais nos procedementos de acceso ao recoñecemento de grao e nivel de dependencia en aplicación; a coordinación da xestión das medidas e prestacións derivadas do recoñecemento da situación de dependencia e dos programas de prevención e promoción da autonomía persoal e de atención e coidado e o estudo da proposta de elaboración do catálogo dos servizos.

b) O seguimento e a avaliación de prestacións e servizos de atención á dependencia, garantindo a calidade da dita atención.

c) Elaborar a información precisa para a aplicación dos criterios de financiamento determinados na Lei 39/2006, do 14 de decembro, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidades.

1. Corresponderanlle a esta subdirección xeral, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A coordinación e supervisión dos equipamentos e servizos dependentes da Secretaría Xeral de Política Social; a elaboración da proposta do catálogo de servizos e medidas de planificación; a programación, coordinación e control dos programas, servizos e equipamentos do nivel de actuación especializada ás persoas maiores e discapacitadas, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral Técnica.

b) A coordinación da atención sociosanitaria no que atinxe ao ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Política Social.

c) Colaborar co órgano responsable de autorización e inspección de servizos sociais da consellería no control dos requisitos de acreditación en materia de atención ás persoas maiores e discapacitadas, que garantan a calidade da dita atención.

d) O regulamento e execución do sistema de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas maiores e con discapacidade.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Equipamentos e Servizos para Maiores.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, a xestión e o control dos centros e servizos dirixidos ao sector das persoas maiores.

b) A elaboración, seguimento e control dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen ao antedito colectivo.

c) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias e de procedementos para a calidade da atención dos centros e servizos para persoas maiores.

d) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos nas materias encomendadas por razón da súa competencia, con atencion especial á área sociosanitaria.

f) Tramitación e seguimento da admisión nos centros e servizos para as persoas maiores, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

2.2. Servizo de Equipamentos e Servizos para Persoas con Discapacidade.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, a xestión e o control dos centros e servizos dirixidos ao sector das persoas con discapacidade.

b) A elaboración, o seguimento e o control dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen ao antedito colectivo.

c) O estudo das necesidades organizativas, orzamentarias e de procedementos para a calidade da atención dos centros e servizos para persoas con discapacidades.

d) A elaboración de informes e estatísticas, a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

f) A coordinación con outras áreas de actuación dependentes doutros órganos nas materias encomendadas por razón da súa competencia, con atención especial á área sociosanitaria.

g) Tramitación e seguimento da admisión nos centros e servizos para as persoas con discapacidade, así como os traslados entre centros e/ou servizos.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores e con discapacidades, así como á promoción da accesibilidade e á prevención das situacións de dependencia.

b) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e o fomento das relacións interxeracionais, así como o apoio aos programas de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da consellería.

d) A coordinación dos órganos de participación e o asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Promoción da Accesibilidade.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A preparación, coordinación e control dos convenios e as convocatorias de subvencións de investimento en obras e equipamento coas entidades prestadoras de servizos sociais e as de axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e a accesibilidade.

b) O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras, así como a proposta de actuacións e de normativa na materia competencia do servizo.

c) A promoción da divulgación, información e o estudo da accesibilidade e supresión de barreiras.

d) O apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

e) A promoción e xestión dos servizos de apoio á mobilidade para persoas con discapacidade ou dependencia.

2.2. Servizo de Programas de Promoción da Autonomía Persoal.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas maiores e con discapacidades e á prevención das situacións de dependencia.

b) O deseño e a posta en marcha de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, promoción do envellecemento activo e o fomento das relacións interxeracionais, así como o apoio aos programas de inserción sociolaboral das persoas con discapacidade.

c) A preparación, coordinación e control dos convenios e convocatoria de subvencións para programas de promoción da autonomía persoal e de prevención da situación de dependencia coas entidades prestadoras de servizos sociais.

d) A preparación e o seguimento da colaboración para a formación e especialización dos profesionais da área de atención a persoas maiores e persoas en situación de discapacidade.

CAPÍTULO III
Da Dirección Xeral de Relacións Laborais

Artigo 21. Competencias.

1. Corresponderalle á Dirección Xeral de Relacións Laborais a dirección, coordinación, control e execución das competencias da comunidade autónoma en materia laboral, seguranza e saúde laboral, responsabilidade social empresarial, cooperativas e outras entidades de economía social, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da Xunta de Galicia.

Correspóndelle á persoa titular da dirección xeral, no ámbito das competencias da dirección xeral, o coñecemento e a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas nos procedementos tramitados para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrucción do labor inspector, polos órganos territoriais, de conformidade coa norma de aplicación.

Así mesmo, correspóndelle a elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Direccion Xeral de Relacións Laborais conta coas seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Traballo.

b) Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

c) Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 22. Subdirección Xeral de Traballo.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da comunidade autónoma en materia laboral, responsabilidade social empresarial, así como a modulación das relacións cos axentes sociais.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como á súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio, co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Relacións Laborais.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de regulación de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas competencia da subdirección.

c) O depósito, rexistro e publicación de convenios colectivos, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) Depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) Execución e coordinación das funcións que lle corresponden á autoridade laboral en materia de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) Desenvolvemento de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) Todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

2.2. Servizo de Informes, Sancións e Recursos.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e instrución dos expedientes sancionadores na orde social, segundo o ámbito competencial establecido pola normativa reguladora da distribución de competencias entre órganos da Administración autonómica galega, para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector.

b) Seguimento das sancións impostas ata o seu pagamento efectivo.

c) Coordinación coa Inspección de Traballo e Seguridade Social para a elaboración e resolución dos expedientes sancionadores e a unificación de criterios.

d) Coordinación cos gabinetes xurídicos para a mellora do procedemento sancionador.

e) Coordinación coa xurisdición competente respecto dos procedementos sancionadores.

f) Coordinación cos xefaturas territoriais na tramitación dos expedientes sancionadores e na unificación de criterios.

g) Coordinación coa Administración da Seguridade Social nos procedementos con recarga de prestacións.

h) Mantemento do Rexistro de Sancións.

i) Elaboración de disposicións, informes e recursos en materia de relacións laborais.

j) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Artigo 23. Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

1. Á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, como órgano de dirección, corresponderalle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da comunidade autónoma en materia de cooperativas e outras empresas de economía social, así como as relacións coas súas entidades representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materia de cooperativas.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do estudo do anteproxecto de orzamentos anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Desenvolverá as funcións de apoio e impulso do funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e asesor en materia de cooperativas, creado pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará co Servizo de Cooperativas e Economía Social, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) A cualificación, inscrición e certificación dos actos que deben acceder ao Rexistro Central de Cooperativas e os depósitos relativos ás asociacións de cooperativas.

b) A tramitación de expedientes sancionadores por infracción da normativa cooperativa, así como de procedementos de adopción de medidas de intervención temporal e de descualificación de cooperativas.

c) A cualificación e a inscrición no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais e de Centros Especiais de Emprego, así como a expedición de certificacións.

d) Información e asesoramento en materia de cooperativas e de empresas de economía social, elaboración de estatísticas e estudos, así como o impulso das relacións intercooperativas.

e) A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

f) Planificación, xestión e control das axudas a cooperativas, sociedades laborais e ás súas asociacións.

g) Execución dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social, así como os de fomento do emprego nas empresas e nas entidades de economía social.

h) O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

i) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

Artigo 24. Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.

Ao Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo baixo a dependencia directa do/a director/a xeral, corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A promoción, coordinación e execución das competencias da comunidade autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e á consellería competente no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, execución, seguimento e avaliación.

c) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir cursos de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

d) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos e auditorías de prevención.

e) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de axudas a entidades para a mellora das condicións de seguranza e saúde laboral.

f) Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

CAPÍTULO IV
Da Dirección Xeral de Promoción do Emprego

Artigo 25. Competencias.

1. Á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, órgano de dirección, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego e das que lle atribúan as normas de desenvolvemento en Galicia do Estatuto do traballo autónomo, así como no eido da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro.

b) A programación, o seguimento, o control e, se é o caso, a xestión das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

c) A coordinación da xestión e supervisión do funcionamento dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, así como a prestación da asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica.

d) O exercicio das competencias atribuidas pola normativa reguladora dos órganos colexiados de asesoramento e participación en materia de emprego e de persoas traballadoras autónomas.

e) Así mesmo, a elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo.

b) Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

c) Servizo de Coordinación dos Plans de Verificación.

Artigo 26. Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo.

1. A Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación dos programas de fomento do emprego correspondentes aos incentivos á contratación por conta allea, ao apoio ao traballo autónomo, ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego e aos programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade, así como ás accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

Exercerá as competencias da Dirección Xeral de Promoción do Emprego sobre os rexistros administrativos das iniciativas locais de emprego (ILE), das iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), o rexistro de asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e o rexistro das empresas de inserción laboral (EIL).

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Apoio á Contratación por Conta Allea.

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas de fomento da contratación por conta allea e de todas as actuacións da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para a mellora do emprego estable. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Será o responsable do Rexistro Administrativo das Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica.

2.2. Servizo de Apoio ás Persoas Emprendedoras e á Integración Laboral das Persoas con Discapacidade.

A este servizo correspóndelle a xestión dos programas e accións de apoio ás persoas emprendedoras e á iniciativa empresarial, así como dos programas de fomento da integración laboral das persoas con discapacidade e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional. No seu ámbito competencial exercerá os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control e avaliación, así como a execución e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Será o responsable do Rexistro Administrativo das Iniciativas Locais de Emprego.

2.3. Servizo das Persoas Traballadoras Autónomas e Inserción Laboral.

A este servizo correspóndenlle as funcións propias da xestión do Rexistro de Asociacións Profesionais de Persoas Traballadoras Autónomas da Comunidade Autónoma de Galicia e aqueloutras que as normas de desenvolvemento en Galicia da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, atribúan á Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Levará a cabo as funcións inherentes á xestión administrativa do Rexistro de Empresas de Inserción Laboral, creado polo Decreto 156/2007, do 19 de xullo, e á xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral, así como os labores de información, asesoramento, difusión, coordinación, execución, elaboración de estatísticas, seguimento, control, avaliación e xustificación contable das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 27. Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

1. A Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, dos de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutros programas de cooperación competencia da dirección xeral.

Exercerá, así mesmo, esas funcións en relación coas accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión de Escolas Obradoiro.

A este servizo corresponderalle a xestión técnica dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servizo de Programas de Cooperación.

A este servizo corresponderalle a xestión técnica dos programas de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutras accións e programas de cooperación competencia da subdirección xeral, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

Artigo 28. Servizo de Coordinación dos Plans de Verificación.

Ao Servizo de Coordinación dos Plans de Verificación, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, baixo a dependencia directa do/a director/a xeral, corresponderanlle as seguntes funcións:

a) A planificación, coordinación e verificación do cumprimento da normativa comunitaria, estatal e autonómica, con posterioridade á súa execución, dos programas de axudas e subvencións en materia de promoción do emprego xestionados na dirección xeral.

b) A elaboración anual dos plans de verificación e control posteriores ao pagamento das axudas concedidas pola dirección xeral e a coordinación das auditorías e as actuacións de verificación e control realizadas dentro destes plans anuais, tanto na dirección xeral como nas xefaturas territoriais, co fin de determinar os resultados das verificacións realizadas e os importes elixibles para a súa certificación ao Fondo Social Europeo, sen prexuízo das competencias de seguimento e control que, no procedemento de tramitación, concesión e pagamento dos incentivos, corresponden tanto á Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo como á Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

c) O seguimento e a coordinación dos asuntos que se traten no Grupo Interconferencias Sectoriais de Preparación do Consello de Ministros da Unión Europea de Política Social, Sanidade e Consumidores, do cal forma parte a Dirección Xeral de Promoción do Emprego, así como o estudo e a compilación da normativa comunitaria existente en materia de emprego e a busca daqueles proxectos existentes en materia de cooperación territorial europea nos cales a consellería puidese participar.

CAPÍTULO V
Da Dirección Xeral de Formación e Colocación

Artigo 29. Competencias.

1. Corresponderanlle a esta dirección xeral, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión das funcións atribuídas á consellería en materia de formación para o emprego, cualificacións profesionais e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo.

b) As funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios/as e traballadores/as e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

c) As que lle correspondan a esta consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente. Así mesmo, desenvolverá e aplicará as competencias da consellería para a execución do procedemento establecido para a avaliación e acreditación das competencias da poboación activa de Galicia.

d) A resolución dos procedementos de inscrición e acreditación ou, de ser o caso, de baixa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido na súa normativa reguladora.

e) A elaboración do anteproxecto do orzamento e a memoria de funcionamento do seu centro directivo así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Formación e Colocación contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

b) Subdirección Xeral de Colocación.

c) Subdirección Xeral das Cualificacións.

d) Centro de Novas Tecnoloxías.

Artigo 30. Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

1. A Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, como órgano de dirección, levará a cabo as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de formación para o emprego, o mantemento do Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia e a xestión administrativa dos programas de formación dirixida ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, así como o seguimento da inserción laboral resultante delas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Planificación de Formación para o Emprego.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación para o emprego, así como da inserción laboral resultante delas.

b) O exercicio das funcións que, en relación ao Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, lle correspondan á Dirección Xeral de Formación e Colocación segundo a normativa reguladora de aplicación.

c) A programación das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas e ocupadas, coordinando as súas actuacións de seguimento e avaliación e a coordinación da programación das accións formativas dos centros propios dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

d) A xestión da tramitación dos procedementos de contratación para a dotación dos centros propios dependentes da consellería.

e) A coordinación e soporte técnico ás distintas aplicacións informáticas de xestión da formación para o emprego.

f) A organización, inspección e xestión da rede de centros integrados de titularidade da Consellería de Traballo e Benestar.

2.2. Servizo de Xestión Administrativa de Formación para o Emprego.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas de formación para o emprego, a execución orzamentaria, o seguimento contable e a xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación para o emprego.

b) Xestionar os procedementos de xustificación e liquidación das accións formativas e os pagamentos que se van xustificar dos centros propios dependentes da consellería.

c) A xestión dos procedementos de xustificación do Fondo Social Europeo e dos proxectos europeos de formación e a coordinación das accións de auditoría en materia de formación.

Artigo 31. Subdirección Xeral de Colocación.

1. A Subdirección Xeral de Colocación, como órgano de dirección, asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inserción e rexistro das persoas demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services).

Así mesmo, corresponderalle a xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión e Coordinación.

A este servizo correspóndelle a coordinación e o soporte técnico da actividade das oficinas de emprego, a coordinación da Rede Eures-Galicia e o seguimento na actividade desenvolvida polas entidades colaboradoras, así como vixiar o cumprimento da lexislación vixente, impartir as instrucións precisas para a mellora da calidade dos servizos de intermediación e procurar unha atención axeitada ás persoas usuarias dos servizos públicos de emprego, coordinando e organizando para tal efecto o Centro de Atención Telefónico.

2.2. Servizo de Orientación Laboral.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas de axuda á busca de emprego, de mellora de emprego ou de reciclaxe profesional, así como os relativos ao asesoramento e á orientación profesional e laboral, análise e información do mercado de traballo, a súa evolución e a adecuación entre a oferta formativa e a demanda laboral.

Artigo 32. Subdirección Xeral das Cualificacións.

1. A Subdireccion Xeral das Cualificacións, como órgano de dirección, desenvolverá as funcións necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións en Galicia, así como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, órganos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo; coordinación dos distintos órganos e organismos competentes en materia de formación profesional, co fin de promover a integración efectiva dos subsistemas de formación profesional e entre estes e o mundo sociolaboral que lle serve de marco de referencia.

Asumirá as funcións recollidas no Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea o Instituto Galego das Cualificacións, e correponderalle a xestión única do procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, dará cumprimento ao Plan Galego de Formación Profesional, elaborará cantos estudos, informes e plans de actividades lle sexan requiridos polo Consello Galego de Formación Profesional.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Observatorio Ocupacional.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A análise permanente da situación laboral dos distintos colectivos de traballadores/as na nosa comunidade autónoma e das necesidades da súa cualificación, de xeito que sirvan de marco de referencia para poder orientar as políticas activas de emprego, así como dispor de ferramentas analíticas que sirvan para a elaboración e articulación das ofertas formativas dos subsistemas de formación profesional e para a súa actualización permanente e, en particular, que sirvan para adaptar a programación de formación para persoas desempregadas ás necesidades formativas detectadas no mercado de traballo galego.

b) Proporcionar información sobre a evolución no mercado laboral galego das estruturas ocupacionais, as ocupacións, profesións e perfís profesionais asociados ás cualificacións profesionais coa finalidade de adaptalas ás necesidades do mercado laboral de Galicia.

c) Así mesmo, corresponderalle realizar a análise do mercado de traballo galego co fin de proporcionar información que sirva de referencia estatística aos/ás profesionais do emprego e aos/ás profesionais da formación e da orientación laboral.

2.2. Servizo de Deseño e Acreditación das Cualificacións.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A participación na confección do Catálogo Nacional das Cualificacións, así como na súa actualización permanente; elaborará propostas para o catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

b) A regulación dos métodos básicos que deben observarse na avaliación da competencia e o procedemento para a concesión de acreditacións e determinará correspondencias e validacións dentro dos principios, bases e directrices fixados polo Instituto Nacional de Cualificacións.

c) A expedición e rexistro dos certificados de profesionalidade.

d) A realización das tarefas necesarias para o establecemento dun marco de referencia da programación xeral de todos os subsistemas de formación e apoiará a tarefa normativa e de regulamentación realizada polos órganos competentes da comunidade autónoma.

Artigo 33. Centro de Novas Tecnoloxías.

O Centro de Novas Tecnoloxías, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo baixo a dependencia do/a director/a xeral, ten como obxectivo e competencia a impartición de formación profesional para o emprego dirixida aos/ás profesionais do sector das novas tecnoloxías e a sociedade da información.

Correspóndelle ao centro a realización de actividades formativas e cursos técnicos especializados destinados aos/ás profesionais do sector das TIC, a detección de tendencias tecnolóxicas que permitan ofertar actividades formativas actualizadas e adaptadas ás innovación tecnolóxicas e as necesidades e demanda do mercado, e a organización e o apoio loxístico para a realización de actividades, foros, seminarios e xornadas que supoñan transferencia de coñecemento para os/as profesionais do sector.

CAPÍTULO VI
Da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Artigo 34. Competencias.

1. Á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, órgano de dirección da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da mocidade na vida social. Impulsar, coordinar e supervisar o funcionamento dos centros destinados á mocidade, tanto propios como dependentes doutras entidades, e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade sen prexuízo da que lle corresponda a outros órganos da consellería. Así mesmo, corresponderalle o fomento das relacións e da cooperación con outras comunidades autónomas e intercambios co estranxeiro en materia de xuventude e dos programas de turismo para a mocidade.

b) A xestión e funcionamento do Observatorio Galego da Xuventude.

c) O impulso e seguimento na xestión da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, a súa promoción e desenvolvemento en coordinación con centros de información do Estado español e das comunidades autónomas; a coordinación das funcións informativas e de documentación do conxunto dos servizos da rede e a coordinación dos servizos prestados nas casas de xuventude propias.

d) A dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

e) A elaboración do anteproxecto de orzamento e a memoria de funcionamento correspondente ao órgano, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Programas.

b) Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

c) Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

d) Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

Artigo 35. Subdirección Xeral de Programas.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Promoción, difusión e seguimento de programas, actividades e a elaboración de convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados en actividades dirixidas á mocidade.

b) Promoción e seguimento do asociacionismo xuvenil.

c) O fomento e a promoción de intercambios e mobilidade de mozos/as con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

d) A promoción e difusión dos distintos carnés dirixidos á mocidade.

e) O desenvolvemento das funcións propias da Escola Galega de Lecer.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará cos seguintes órganos de apoio con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Programas.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento, coordinación, xestión e seguimento dos programas e servizos a prol da mocidade que lle correspondan á subdirección xeral.

b) A participación na xestión e programación das actividades que se realizan en campamentos, albergues e centros de xuventude.

c) A promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

d) Elaboración e tramitación dos convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, respecto da organización de actividades dirixidas á xuventude.

2.2. Servizo de Participación Xuvenil.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación e o seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias da subdirección xeral.

b) A promoción e xestión dos carnés nacionais e internacionais para a mocidade.

c) A coordinación e xestión do Rexistro de Instalacións Xuvenís.

d) As funcións de fomento e seguimento de todas as actividades relacionadas co asociacionismo xuvenil e a coordinación e xestión do Censo de Asociacións Xuvenís.

e) A programación e ordenación de ensinanzas a través da Escola Galega de Lecer, así como a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados pola subdirección xeral.

f) A coordinación dos servizos prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís.

Artigo 36. Subdirección Xeral de Promoción de Actividades.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Promocionar, organizar e coordinar actividades destinadas á mocidade, ben directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados.

b) Coordinar e fomentar actividades que se realicen no ámbito das residencias xuvenís.

c) Promocionar e fomentar os programas de turismo para a mocidade.

d) Coordinar, promocionar e informar dos programas e proxectos da Unión Europea dirixidos á mocidade.

e) Promover a formación da mocidade galega na realización de proxectos europeos e a cooperación de entidades xuvenís asociativas galegas con outros de carácter europeo.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Promoción de Actividades e Mobilidade Xuvenil, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Desenvolver, coordinar e xestionar as actividades dirixidas á mocidade que lle corresponden á subdirección xeral.

b) Coordinar a xestión dos proxectos europeos que estean en funcionamento e dos que a dirección xeral forme parte e asesorar e capacitar a mocidade galega na realización de proxectos europeos de ámbito competencial da dirección xeral.

c) Promover a cooperación de entidades xuvenís asociativas galegas con outras de carácter europeo.

d) Participar e representar a Galicia na Axencia Nacional do programa Xuventude en Acción e promocionar entre a mocidade galega o devandito programa, así como xestionar, avaliar e facer seguimento dos proxectos galegos presentados ao seu abeiro.

Artigo 37. Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación.

1. Corresponderanlle a esta subdirección, como órgano de dirección, as seguintes funcións:

a) Promover a participación e o voluntariado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia directamente e en colaboración coas entidades de acción voluntaria e fomentar a cooperación cos órganos ou órganismos competentes en materia de voluntariado doutras comunidades autónomas e do Estado.

b) Elaborar e realizar o seguimento da execución dos instrumentos de planificación de conformidade coa norma reguladora de acción voluntaria.

c) Planificar os programas formativos en colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

d) Fomentar o traballo en rede coas entidades de acción voluntaria a través da web.

e) Desenvolver campañas de sensibilización e difusión do voluntariado entre a poboación galega en xeral e, en particular, entre os/as escolares.

f) Realizar os labores de coordinación do órgano colexiado consultivo e de participación do voluntariado, exercendo as funcións de secretariado deste.

g) Planificar o desenvolvemento normativo e as liñas de colaboración para proxectos de voluntariado.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa Servizo de Voluntariado, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá o exercicio das seguintes funcións:

a) Xestionar o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Tramitar e realizar o seguimento dos expedientes de subscrición de convenios, concertos ou calquera outro medio de colaboración con entidades públicas ou privadas e a convocatoria de axudas e subvencións a entidades e concellos.

c) Redactar propostas normativas, informes, estudos e estatísticas.

d) Executar e facer o seguimento dos programas de formación.

e) Xestionar os proxectos europeos de política social en relación coas áreas de voluntariado en Galicia.

f) Prestar servizos de información, documentación e asesoramento ás organizacións de voluntariado.

g) Executar e xestionar programas específicos en materia de voluntariado.

Artigo 38. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servizo, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo con dependencia directa do/a director/a xeral de Xuventude e Voluntariado, corresponderalle a xestión e o control do pagamento das axudas e subvencións, así como a xestión económica e de contratación administrativa para os programas e actividades xestionados pola dirección xeral, sen prexuízo do control e coordinación que lle corresponda á secretaría xeral técnica.

Título III
Das xefaturas territoriais

Artigo 39. Organización.

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Traballo e Benestar organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, que desenvolverán as súas funcións nas áreas competencias da dita consellería no ámbito territorial da provincia correspondente, de conformidade coa normativa de aplicación, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. A Xefatura Territorial de Vigo contará cunha oficina coordinadora en Pontevedra que, baixo as directrices do/da xefe/a territorial de Vigo, prestará funcións de apoio técnico e administrativo ás unidades administrativas existentes no ámbito da Delegación Territorial de Pontevedra.

Artigo 40. Funcións.

1. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/da que dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. As persoas titulares das xefaturas territoriais dependerán funcionalmente do/da conselleiro/a, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar dos órganos superiores e de dirección da consellería.

2. As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, baixo a autoridade e supervisión da persoa titular da dita xefatura territorial, estarán integradas polos seguintes órganos de apoio, con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Coordinación Administrativa.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da xefatura territorial.

b) A habilitación e xestión do persoal que preste servizos na xefatura territorial e nos centros dependentes.

c) As cuestións de réxime interior, información e atención ao/á cidadán/á, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario de bens.

d) A execución de actuacións de inspección da organización e o funcionamento dos servizos administrativos da xefatura territorial.

e) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao/á xefe/a territorial e substituílo/la en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

f) Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da xefatura territorial.

2.2. Servizo de Xestión Económica.

Este servizo desenvolverá as seguintes funcións:

a) O control contable, a xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

b) A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente aos programas de gasto da xefatura territorial e dos centros dela dependentes.

c) A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da xefatura territorial e dos centros dependentes del.

d) A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á xefatura territorial.

e) A habilitación dos medios materiais.

f) A tramitación dos expedientes de contratación.

2.3. Servizo de Familia e Menores.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral de Política Social, nas áreas sociais de familia e menores no respectivo ámbito territorial.

2.4. Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral de Política Social, nas áreas sociais de persoas maiores e discapacitadas no respectivo ámbito territorial.

2.5. Servizo de Prestacións e Inclusión.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral de Política Social, nas áreas sociais de servizos comunitarios e inclusión social no seu respectivo ámbito territorial.

2.6. Servizo de Promoción do Emprego.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Promoción do Emprego no respectivo ámbito territorial.

2.7. Servizo de Formación e Colocación.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Formación e Colocación no respectivo ámbito territorial.

2.8. Servizo de Relacións Laborais.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Relacións Laborais no respectivo ámbito territorial, entre elas a instrución e tramitación dos expedientes sancionadores na orde social que lles corresponda.

Así mesmo, asumen a coordinación cos/as xefes/as dos centros provinciais do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) nos supostos de investigación de accidentes laborais e naqueloutros asuntos que se determinen.

2.9. Servizo de Xuventude e Voluntariado.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no respectivo ámbito territorial.

Disposición adicional primeira.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos titulares da Secretaría Xeral de Política Social e direccións xerais das áreas da Consellería de Traballo e Benestar, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola orde que a continuación se indica:

a) Na área de Traballo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Na súa falta, pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego e, na súa falta, pola persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

b) Na área de Benestar, a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Social será suplida pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e viceversa. Na súa falta asumirá a suplencia a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda.

As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais dos órganos con competencia en materia de traballo e benestar non previstas neste decreto enténdense atribuídas ás persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería.

Disposición adicional terceira.

A Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información e os servizos TIC manteranse coas características e competencias que figuran na estrutura orgánica regulada polo presente decreto ata que se produza a integración na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, creada polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a dita axencia e se aproban os seus estatutos, integración que terá lugar no prazo máximo de seis meses desde a constitución efectiva da dita axencia, mediante acordo entre a consellería e a axencia, momento en se que suprimirán e o persoal afectado adscribirase aos órganos da estrutura orgánica da axencia previstos nos seus estatutos mediante resolución do órgano competente de función pública, por proposta da dirección da axencia.

Disposición adicional cuarta.

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo que se detallen no acordo de traspaso manteranse coas mesmas características e competencias ata que transcorra o prazo de seis meses desde a constitución efectiva da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, momento en que quedarán adscritos aos órganos da estrutura orgánica da axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución do órgano competente en materia de función pública por proposta da dirección da Amtega.

Disposición adicional quinta.

A determinación dos servizos, recursos económicos e orzamento dedicados á TIC por parte da Consellería de Traballo e Benestar que se transferirán á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levarase a cabo no prazo de seis meses desde a constitución efectiva da dita axencia, mediante o correspondente acordo de traspaso entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Disposición transitoria primeira.

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda.

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da persoa titular da consellería por proposta da secretaría xeral técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición transitoria terceira.

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar