Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 18 de abril de 2012 Páx. 13948

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de abril de 2012 pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 147/2011, do 30 de xuño, créase o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e determínanse os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade. Este consello ten natureza de órgano colexiado e correspóndelle declarar, mediante resolución administrativa, a condición de asociación profesional representativa dos traballadores autónomos no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

O artigo 8.1 do dito decreto dispón que, con carácter cuadrienal, se publicará mediante orde da consellería competente en materia de traballo a convocatoria pública que determine as cuestións referentes ao procedemento de declaración de representatividade, de acordo co disposto no artigo 9.

Esta orde establece a convocatoria pública para determinar a representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia e nela regúlanse os requisitos de admisibilidade das solicitudes das asociacións, o prazo de presentación das solicitudes e a documentación que se debe xuntar, o órgano competente para a recepción das solicitudes, o prazo para a emisión da resolución polo Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e o desenvolvemento dos criterios obxectivos establecidos no artigo 11 e de valoración fixados no artigo 12 do decreto.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto publicar a convocatoria cuadrienal para a determinación e a declaración da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 8 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade.

Artigo 2. Requisitos de admisibilidade.

1. Para poder participar nesta convocatoria pública, as entidades solicitantes deberán reunir, no momento de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica propia e independente.

b) Estar inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter carácter intersectorial.

d) Desenvolver a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

2. Para os efectos desta orde, teñen a consideración de asociacións profesionais de traballadores autónomos de carácter intersectorial aquelas que conten con persoas asociadas que pertenzan, como mínimo, a tres das seccións incluídas no anexo do Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009).

3. Non se admitirán as solicitudes daquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presenten a solicitude ao abeiro desta convocatoria.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, como órgano competente para a súa recepción, e presentaranse, segundo o modelo normalizado que se insire como anexo I desta orde, nos rexistros da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares e das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da anterior. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

3. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http//traballo.xunta.es

Artigo 4. Documentación.

1. As solicitudes deberán ir acompañadas, do orixinal ou copia compulsada ou cotexada, da documentación que se relaciona:

a) DNI ou NIE da persoa representante e escritura de poder suficiente para actuar en nome da entidade perante a administración pública, agás que a capacidade de representación se recolla nos estatutos.

b) Acta de constitución e estatutos da entidade.

c) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

2. Co obxecto de acreditar a suficiente implantación no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia a través dos criterios obxectivos de valoración establecidos no artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, as entidades solicitantes deberán presentar a documentación específica que se relaciona no artigo 6 desta orde, e que servirá de base para declarar a condición de asociacións profesionais de traballadores autónomos máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non será necesario presentar os documentos exixidos nos puntos anteriores cando xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar por escrito a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación, ou no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Artigo 5. Ordenación e instrución do procedemento.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de 15 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. O órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento será o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá a composición e as funcións que se establecen, respectivamente, nos artigos 3 e 6 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

3. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia examinará a documentación achegada e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe efectuarse a valoración e a orde de puntuación das solicitudes presentadas.

Artigo 6. Desenvolvemento e acreditación dos criterios obxectivos de valoración.

1. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia avaliará os criterios obxectivos de valoración que se establecen no artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, coa finalidade de elaborar a resolución que declare a condición de asociacións profesionais representativas dos traballadores autónomos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os criterios obxectivos de valoración serán baremados de conformidade co disposto no artigo 12 e na disposición transitoria do Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

3. Para acreditar os criterios obxectivos de valoración do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, as entidades solicitantes deberán presentar, en orixinal ou copia compulsada ou cotexada, a seguinte documentación:

a) Certificación da persoa representante legal da entidade en que figure o número de persoas traballadoras autónomas afiliadas, na cal se desagregue esta información a nivel provincial e por sectores económicos, segundo o modelo do anexo II.

Este certificado acompañarase dunha listaxe individualizada e actualizada das persoas traballadoras autónomas afiliadas, en que se especifiquen os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo e sector económico de actividade o que pertenzan. No caso de federacións, confederacións e unións de asociacións, deberán achegar unha relación das asociacións que as integran, na cal se especificarán os seguintes datos: denominación, enderezo e NIF de cada unha delas; así como o nome, apelidos, DNI, enderezo e sector económico de actividade das persoas traballadoras autónomas de cada unhas das asociacións.

b) Certificación da persoa representante legal da entidade do número de sedes permanentes da entidade solicitante na data de publicación do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, co seu enderezo completo e o número de teléfono, segundo o modelo do anexo III, acompañada dos títulos de propiedade, contratos de arrendamento ou contratos de cesión de uso e a relación nominal do persoal da entidade que traballa en cada sede permanente.

c) Convenios ou acordos de colaboración e representación institucional vixentes na data de publicación do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, en materia de traballo autónomo asinados con asociacións profesionais de traballadores autónomos, acompañados dunha declaración responsable da persoa representante legal da entidade do número de persoas traballadoras autónomas afectadas por cada acordo ou convenio e a relación individualizada das persoas asociadas de cada entidade colaboradora ou representada.

d) Certificación da persoa representante legal da entidade do número de persoas traballadoras por conta allea ou por conta propia que na data de publicación do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, prestan os seus servizos nela ou para ela, segundo o modelo do anexo IV, e achegaranse os contratos de traballo e os documentos de cotización á Seguridade Social TC-2, así como os contratos mercantís, cando se trate de persoas traballadoras autónomas, dos últimos 36 meses.

e) Certificación da persoa representante legal da entidade, segundo o modelo do anexo V, en que se especifiquen os recursos materiais empregados e cuxa finalidade sexa contribuír ao desenvolvemento ordinario da actividade da entidade en todas as súas sedes. Os recursos materiais acreditaranse mediante facturas de compra ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil anteriores á data de publicación do Decreto 147/2011, do 30 de xuño.

f) Acordos de interese profesional subscritos ao abeiro do artigo 13 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

g) Memoria descritiva das actividades desenvolvidas pola entidade nos últimos 36 meses directamente relacionadas co fomento do traballo autónomo, principalmente accións formativas, informativas e de difusión do traballo autónomo.

h) Orzamentos de ingresos e gastos e a súa execución correspondente aos exercicios económicos de 2008, 2009 e 2010.

4. Para os efectos desta orde, o sector económico de actividade a que pertencen as persoas traballadoras autónomas afiliadas a cada asociación, identificarase cos códigos numéricos de tres cifras (grupos) que se establecen no anexo do Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE 2009).

Artigo 7. Desenvolvemento da valoración dos criterios obxectivos da representatividade.

1. En canto ao criterio establecido na letra d) do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, valoraranse prioritariamente as persoas traballadoras por conta allea contratadas directamente polas entidades asociativas para o exercicio das súas actividades.

A profesionalización dos recursos humanos será valorada en función da relación directa existente entre:

– O maior número de persoas traballadoras por conta allea das entidades asociativas, nos termos expresados neste punto, a antigüidade das persoas traballadoras por conta allea nas entidades asociativas e a vixencia futura da súa relación laboral con elas.

– A vixencia futura dos recursos humanos acreditarase mediante a modalidade do contrato de traballo subscrito coas entidades asociativas, e nos casos en que sexa posible, a data de finalización daquel.

Na valoración deste criterio terase en conta, en segundo lugar, a prestación de servizos por parte de persoas traballadoras autónomas alleas ás entidades asociativas, especialmente, aqueles dirixidos ás persoas afiliadas á entidade solicitante, tales como información, asesoramento, consultoría, xestión de axudas ou formación.

2. En canto ao criterio establecido na letra e) do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, valoraranse os recursos materiais acreditados polas entidades asociativas cuxa finalidade sexa contribuír ao desenvolvemento ordinario das súas actividades nas súas sedes, mediante a desagregación delas. A dita acreditación realizarase por medio de factura de compra ou por calquera outro medio que acredite a súa utilización efectiva nas ditas sedes.

As achegas realizadas polas persoas afiliadas mediante as cotas á afiliación terán a consideración de recursos materiais e serán acreditadas polas entidades asociativas de forma que faga fe.

A profesionalización dos recursos materiais será valorada en función da relación directa existente entre o maior número de recursos materiais, a súa vixencia no tempo e calquera outros datos pertinentes que acrediten as entidades asociativas co fin de xustificar a súa contribución a un mellor desenvolvemento das súas actividades.

3. En canto ao criterio establecido na letra g) do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, valorarase a relación directa entre o número das actividades desenvolvidas polas entidades asociativas en materia de fomento do traballo autónomo e a maior difusión das ditas accións.

Para iso, para os efectos de valorar a difusión das accións, o Consello terá en conta a relación directa entre o período de tempo durante o cal a entidade asociativa desenvolveu as actividades, a materia obxecto da actividade, e o número de persoas traballadoras autónomas destinatarias delas.

Estes e calquera outro aspecto que consideren as entidades asociativas concorrentes como pertinentes para acreditar o carácter cualitativo e cuantitativo das actividades desenvolvidas deberase recoller necesariamente nunha memoria que comprenderá as actividades desenvolvidas nos 36 meses anteriores á data de publicación desta orde, valorándose a concreción das actividades programadas para o ano en curso.

4. En canto ao criterio establecido na letra h) do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, só se terán en consideración aqueles orzamentos de gastos cuxo grao de execución fose como mínimo do 75%.

5. En canto ao criterio establecido na letra i) do artigo 11 do Decreto 147/2011, do 30 de xuño, tomarase como referencia a data de outorgamento da acta fundacional da entidade solicitante.

Artigo 8. Resolución e recursos.

1. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ditará, no prazo de catro meses desde a entrada en vigor desta orde, a resolución que declare a condición de asociacións profesionais representativas de traballadores autónomos no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

2. A dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo publicará no Diario Oficial de Galicia, a resolución que declare a condición de representativa das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A resolución que declare a condición de representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse con carácter potestativo recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da anterior.

Disposición adicional primeira. Remisión de datos en formato electrónico.

Os datos e as relacións individualizadas que se solicitan nas letras a), b), c), d) e e) do punto 3 do artigo 6 deberán achegarse en formato electrónico respectando as características e as propiedades que se establezan na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http//traballo.xunta.es

Disposición adicional segunda. Indemnizacións.

O exercicio das funcións dos membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia non implicará remuneración ningunha por tal concepto, agás a persoa experta de recoñecido prestixio, imparcial e independente que terá dereito á percepción da indemnización pola asistencia ás reunións do citado consello.

Disposición adicional terceira. Financiamento.

Os créditos necesarios para o funcionamento do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia consignaranse nos orzamentos da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de traballo, sen que en ningún caso poida orixinarse un incremento do gasto público.

Disposición adicional cuarta. Ficheiro de datos de carácter persoal.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais das persoas traballadoras autónomas afiliadas ás entidades asociativas de traballadores autónomos, das persoas traballadoras por conta allea que prestan os seus servizos nelas, así como dos membros que formen parte dos órganos de goberno ou desempeñen a representación das asociacións, federacións, confederacións e unións de asociacións profesionais de traballadores autónomos, estarán protexidos por un ficheiro de datos de carácter persoal.

Disposición derradeira primeira. Facultades de execución.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o cumprimento e a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file