Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 27 de abril de 2012 Páx. 15508

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de abril de 2012 pola que se amplía o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no exercicio 2012.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo de 2012, establece, na súa disposición derradeira primeira, un prazo dun mes, desde a súa entrada en vigor, para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais a que se refiren os seus artigos 43 e seguintes. En consecuencia, este prazo remata o vindeiro 30 de abril de 2012.

Este ano 2012 foi necesario actualizar a aplicación informática posta en marcha o pasado ano 2011 para facilitar a tramitación deste procedemento de cofinanciamento dos servizos sociais municipais, para os efectos de adaptar a súa transformación desde o esquema anterior dun procedemento de concesión de subvencións á súa regulación actual, ao abeiro do antedito decreto, como un procedemento de asignación de financiamento mediante transferencias finalistas. A través desta aplicación informática teñen que elaborar necesariamente os formularios para a presentación do dito proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais mediante o cal as corporacións lles solicitan financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia.

Non obstante, debido a problemas técnicos e a certo atraso no desenvolvemento da aplicación informática derivado da complexidade deste procedemento, esta aplicación informática non puido estar dispoñible, polo que se fai necesario ampliar o prazo de presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais neste exercicio 2012 para os efectos de compensar estas deficiencias e de garantir que as corporacións locais poidan presentar o seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais dentro de prazo.

Por todo anterior, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto, e en concreto para o desenvolvemento mediante orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíase o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no presente exercicio orzamentario 2012 en 15 días hábiles a partir da data da publicación da presente orde.

Disposición derradeira única.

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar