Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15671

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de abril de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Decreto 191/2007, do 20 de setembro, establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio. Esta norma dispón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o procedemento de avaliación, promoción e permanencia do alumnado destas ensinanzas.

A Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula, nos seus artigos 3 e 4, o proceso de avaliación do alumnado e as probas parciais de progreso e finais de promoción, e no seu artigo 5, o procedemento que se debe seguir para a elaboración, administración e cualificación das probas terminais de certificación. Así mesmo, o artigo 8 da citada orde regula as convocatorias, permanencia e asistencia do alumnado.

Posteriormente, o Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón, no seu artigo 2.3, que a consellería competente en materia de educación establecerá o procedemento para concorrer ás probas de certificación dos distintos niveis das ensinanzas de idiomas polo réxime libre. Igualmente, no seu artigo 27.g), que unha das funcións dos departamentos didácticos consiste en organizar, administrar, avaliar e, cando for o caso, elaborar as diferentes probas encomendadas pola consellería competente en materia de educación.

A experiencia acadada no relativo á elaboración de criterios para o deseño unificado de probas nos distintos niveis a partir das especificacións deseñadas pola administración educativa, aconsella, xa que logo, que sexan os departamentos correspondentes das escolas oficiais de idiomas os responsables da elaboración das probas de certificación, dentro da súa autonomía pedagóxica e organizativa, co obxecto de facilitar a organización e o de-senvolvemento destas.

Polo que se refire ao réxime libre, e tendo en conta o seu carácter diferenciado respecto ao réxime oficial en relación ao proceso de aprendizaxe, cómpre adecuar o procedemento para a administración das probas de certificación destinadas ao alumnado que opte por este réxime.

Así mesmo, e co fin de equiparar as modalidades presencial e a distancia das ensinanzas de idiomas de réxime especial no relativo ao idioma inglés, no curso 2011-2012 iniciouse a introdución progresiva dun novo plan de estudos para o programa That’s English!, de xeito que a modalidade a distancia permita cursar os niveis básico, intermedio e avanzado. Polo tanto, procede fixar a realización das probas finais de certificación para a superación do módulo final de cada un dos citados niveis.

Así pois, en virtude do exposto e no uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Modifícase o punto 3 do artigo 3 da Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Proceso de avaliación do alumnado.

3. Programa That’s English!.

As escolas oficiais de idiomas e as súas seccións, se é o caso, deberán examinar o alumnado que estea a cursar o programa de inglés a distancia That’s English! da proba final de certificación do nivel que corresponda, ao remate do módulo final do segundo curso dos niveis básico, intermedio e avanzado, respectivamente, para que este alumnado acade a certificación do dito nivel».

Artigo 2.

Modifícase a epígrafe c) do punto 1 do artigo 4 da devandita orde, que queda redactado como segue:

«Artigo 4. Proba parcial de progreso e proba final de promoción.

c) No mes de xuño, nos cursos non terminais de nivel, levarase a cabo unha proba final de promoción, cuxa cualificación global terá un valor porcentual do 70% respecto da cualificación final do curso. No caso de que a cualificación global da proba final de promoción sexa superior á da proba de progreso, prevalecerá aquela. Do mesmo xeito, esta proba final de promoción terá un valor do 100% para o alumnado que perda o dereito á avaliación continua».

Artigo 3.

Modifícanse os puntos 2 e 5 do artigo 5 da devandita orde, que quedan redactados como segue:

«Artigo 5. Probas terminais de certificación.

2. Elaboración, administración e cualificación:

a) As probas correspondentes ao nivel básico serán elaboradas polos correspondentes departamentos didácticos seguindo as instrucións establecidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no correspondente documento de especificacións.

b) As probas correspondentes ao nivel intermedio e avanzado serán deseñadas, a partir de tarefas redactadas polos departamentos didácticos das distintas escolas, por unha comisión de validación que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa designará para tal efecto na correspondente resolución. Desta comisión formará parte, polo menos, unha persoa por idioma, naqueles idiomas que sexan impartidos en máis dunha escola, que deberá pertencer ao corpo de catedráticos/as ou de profesores/as de escolas oficiais de idiomas.

c) Nos idiomas impartidos nunha soa escola oficial de idiomas da comunidade, as probas serán elaboradas polo departamento didáctico correspondente de acordo co establecido no documento de especificacións do nivel correspondente.

d) O proceso de elaboración das tarefas e as probas de certificación contará coa supervisión da inspección educativa.

e) A administración, corrección e cualificación das probas será responsabilidade dos departamentos didácticos».

«5. Convocatoria das probas:

a) As escolas oficiais de idiomas e as súas seccións, se é o caso, deberán realizar as probas terminais de certificación no mes de xuño en convocatoria ordinaria para o alumnado do réxime oficial e en convocatoria única para o alumnado do réxime libre. No mes de setembro os centros realizarán a convocatoria extraordinaria para o alumnado do réxime oficial, na que este alumnado só terá que examinarse das destrezas non superadas na convocatoria ordinaria.

b) As datas e o horario para a realización das probas de certificación dos diferentes niveis serán establecidas anualmente pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para aqueles idiomas que se impartan en máis dunha escola.

c) As probas terminais de certificación correspondentes aos cursos intensivos realizaranse ao finalizar o correspondente cuadrimestre. Cando o curso teña lugar no primeiro cuadrimestre as probas terminais de certificación correspondentes serán elaboradas polos departamentos didácticos de acordo co establecido no documento de especificacións do nivel correspondente, e no caso dos niveis intermedio e avanzado, deberán contar coa supervisión da comisión de validación. A convocatoria extraordinaria para estes cursos terá lugar no mes de setembro».

Artigo 4.

Modifícase o artigo 8 da devandita orde, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Convocatorias, permanencia e asistencia.

1. O alumnado oficial presencial poderá permanecer en cada un dos niveis o dobre de anos establecidos para cada un deles pola lexislación vixente. Logo de esgotadas as convocatorias, o alumnado non poderá cursar as ensinanzas na modalidade presencial, pero poderá inscribirse na modalidade a distancia ou realizar as probas terminais de certificación polo réxime libre.

2. O alumnado poderá solicitar ao centro a renuncia de matrícula ata o 30 de abril. A mencionada renuncia constará no expediente académico e nas actas de avaliación do alumnado mediante a oportuna dilixencia. Esta renuncia non computará para os efectos de permanencia no curso e nivel correspondente. O alumnado que renuncie á matrícula e desexe, con posterioridade, continuar os seus estudos nas escolas oficiais de idiomas, deberá someterse de novo ao proceso de admisión.

3. Con carácter excepcional, poderase autorizar a ampliación nun ano de permanencia nun nivel en supostos de doenza que perturbe significativamente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración. Correspóndelle á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria outorgar a correspondente autorización, logo de solicitude do alumnado, que irá acompañada de xustificación documental.

4. O alumnado oficial presencial non poderá superar un número de faltas sen xustificar superior ao 20% das horas totais do curso. De facelo, nos cursos non finais de nivel perderá o dereito a que se teña en conta a cualificación da proba de progreso do mes de febreiro e á valoración da súa participación nas actividades lectivas. En todo caso, o alumnado terá dereito a realizar a proba final de promoción ou a terminal de certificación».

Disposición transitoria primeira.

En tanto non sexa designada a comisión de validación recollida nesta orde, as probas de certificación dos niveis intermedio e avanzado serán elaboradas por equipos de redactores/as designados/as pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Disposición transitoria segunda.

O número de convocatorias de probas de certificación para o alumnado de réxime libre establecido na presente orde será de aplicación a partir do curso 2012-2013.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria