Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 3 de maio de 2012 Páx. 16164

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2012 pola que se convoca un curso superior de coordinación e xestión de emerxencias para organismos asociados ao CAE 112 Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso superior de coordinación e xestión de emerxencias para organismos asociados ao CAE 112 Galicia, con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: curso.

Denominación: superior de coordinación e xestión de emerxencias para organismos asociados ao CAE 112 Galicia.

Modalidade: presencial.

Edicións: 2.

Horas lectivas: 30.

Prazas: 25 por edición.

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: formarse como coordinador e xestor de emerxencias de organismos que sexan ou prevexan ser servizos xestores asociados, integrados co CAE 112 Galicia mediante o sistema de xestión de emerxencias Remoto EGA Web.

Contido:

Parte teórica:

• Aplicacións informáticas de xestión de emerxencias nos organismos xestores asociados ao CAE 112 Galicia:

– Sistema EGA (Emerxencias Galicia):

1. Remoto EGA Web. Aplicación de xestión e despacho de incidencias.

2. GIS EGA. Aplicación que integra funcionalidades propias dun GIS (sistema de información xeográfica) con funcionalidades dun sistema de xestión de flotas.

3. EGA Móbil. Aplicación de xestión e despacho de incidencias instalada en dispositivos móbiles (PDA, Tablet PC, etc.).

– Portal web da AXEGA e do CAE 112 Galicia (www.axega112.org).

– Catálogo de Medios e Recursos de Galicia.

– Sistema de información territorial da AXEGA de apoio á xestión de emerxencias.

– Sistema de aviso á poboación para emerxencias de risco químico.

• O sistema de atención ás emerxencias do CAE 112 Galicia.

– Obxectivo do CAE 112 GALICIA. Marco legal en que se desenvolve: Decisión do Consello da Unión Europea (29 xullo de 1991), R.D. 903/1997 e Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

– A comunicación no CAE 112 Galicia: atención telefónica, comunicación escrita, comportamentos anómalos das persoas que chaman e técnicas de localización.

– Recepción da chamada: datos máis importantes.

– Procedementos de actuación do CAE 112 Galicia: preguntas de protocolo, mobilización de recursos e seguimento do incidente.

• O grupo de apoio loxístico ás emerxencias da AXEGA (GALI).

– Fundamento da creación dun grupo de apoio loxístico ás emerxencias da AXEGA (Lei de emerxencias de Galicia 5/2007, do 7 de maio).

– Medios e recursos.

– Organización, funcionamento e mobilización.

– Funcións.

– Dependencia orgánica e funcional.

Parte práctica:

• Laboratorio Informático de utilización do Sistema EGA. Alta de incidencias, cooperación de varios organismos nunha mesma incidencia, xeoposicionamento das incidencias, creación de puntos de interese, asociación de documentos e fotografías, etc.

• Visita á base operativa do GALI e demostracións prácticas.

• Visita guiada ao CAE 112 Galicia: visita ás instalacións e posta en práctica da operativa do centro.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: o curso vai dirixido a persoal de organismos que xa estean ou prevexan estar integrados co CAE 112 Galicia como servizo xestor asociado mediante o sistema de xestión de emerxencias Remoto EGA Web, e que pertenzan a algunha das seguintes categorías profesionais:

• Persoal profesional de servizos municipais de extinción de incendios e salvamento.

• Persoal profesional de extinción de incendios e salvamento dos consorcios comarcais e provinciais.

• Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

• Profesionais dos servizos municipais de protección civil (grupos municipais de intervención rápida Grumir e outros servizos municipais de intervención en emerxencias).

• Persoal doutros organismos que non pertenzan aos enumerados anteriormente, pero que si dispoñan ou desexen dispor do sistema de xestión de emerxencias Remoto EGA Web do CAE 112 Galicia.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación:

1. O persoal de protección civil debe ter realizado o curso básico de protección civil antes do inicio do curso.

2. As/os solicitantes seleccionadas/os deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da súa xefatura de persoal.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas:

Edición

Datas

1.ª

11, 12, 18 e 19 de xuño

2.ª

8, 9, 15 e 16 de outubro

Horario: mañá e tarde das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.00 horas.

Uniformidade: as persoas admitidas deberán asistir ao curso co uniforme de traballo.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) Prazos para a presentación de solicitudes:

• 1.ª edición: 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

• 2.ª edición: do 1 de xuño ao 31 de xullo de 2012.

Se o último día de calquera dos dous prazos fose inhábil, entenderanse prorrogados ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúna os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

1.º Criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

2.º Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 26 de abril de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública