Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso básico de auxiliares de policía local, conforme as seguintes bases:
1. Datos da actividade.
Denominación: básico de auxiliares de policía local.
Tipo: curso.
Horas lectivas: 35.
Modalidade: presencial.
Obxectivos: dotar os auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais dos corpos de policía local.
Contido:
– Intervención policial.
– Tráfico e seguridade viaria.
– Policía administrativa.
– Primeiros auxilios.
– Aplicacións policiais básicas do dereito penal e procesual-penal.
– Relacións co cidadán.
2. Desenvolvemento da convocatoria.
Destinatarios/as: persoal seleccionado e proposto polos concellos, que puider prestar servizo como auxiliar de policía local de forma temporal, de acordo co previsto nos artigos 47 a 48 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais. Para estes efectos, como se recolle no artigo 48.2 do citado decreto, non terán a obriga de facer o dito curso, as persoas que o tivesen superado nos últimos 4 anos, é dicir, a partir do ano 2008.
Prazas ofertadas: sen límite.
3. Solicitudes de participación.
Prazo de inscrición e presentación: o prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 21 de maio de 2012.
Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito asinado polo/a alcalde/esa á Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Fax: 886 20 61 22), no que figure a lista de persoas seleccionadas segundo o artigo 47 do Decreto 243/2008, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 23 de maio de 2012 a Academia Galega de Seguridade publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación recibidas que cumpran os requisitos anteriores.
4. Desenvolvemento da actividade.
Presentación: as persoas admitidas a este curso deberán presentarse ás 9.30 horas do día 28 de maio de 2012.
Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.
Horario lectivo: do 28 ao 31 de maio das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 20.00 horas, o 1 de xuño das 10.00 ás 13.00 horas.
Datas: do 28 de maio ao 1 de xuño de 2012.
Certificado de superación do curso: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada, e superen as probas que se determinen, se é o caso.
5. Modificacións e incidencias.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 27 de abril de 2012.
José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública