Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 9 de maio de 2012 Páx. 17354

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2012 pola que se convoca o curso A función consultiva para o persoal ao servizo da Administración local.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2012 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso A función consultiva para ao persoal ao servizo da Administración local, cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2012.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes.

Poderá participar nas accións formativas convocadas por esta resolución o persoal dos grupos A1, A2 e C1 ao servizo das entidades locais, os seus organismos públicos e demais entes dependentes delas, que estean en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar, e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos casos no anexo II. No caso do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, a situación de expectativa de destino equipárase para estes efectos á de servizo activo, pero terá preferencia o persoal funcionario que se atope nesta última situación fronte aos primeiros.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Actividades de formación.

O curso realizarase cos requirimentos, duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo II. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>

A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos respectivos centros directivos.

Terceira. Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP <http://egap.xunta.es>, e non serán admisibles outras formas de solicitude. Faise recomendable facilitar conta de correo electrónico e teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

e) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas para os efectos da selección, remitirán á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 39, ou correo electrónico ao enderezo <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a alínea f) desta base.

f) O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

g) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

h) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través dos números de teléfono 981 54 62 57 ou 981 54 63 35, enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es> ou fax 981 54 63 39, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Cuarta. Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia n.º 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto na citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40% restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2012, segundo a Resolución do 7 de febreiro de 2012 (DOG n.º 31, do 14 de febreiro), comezarase pola letra Z.

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación da relación do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es a relación de alumnos seleccionados para participar no curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxe telefónica a quen facilite os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren nesta relación ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.

b) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas xustificadas sempre que se acredite o feito alegado a través da documentación pertinente. A renuncia, xunto co documento acreditativo, debe ser comunicada por escrito á EGAP, por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico xestion.egap@xunta.es, cunha antelación de tres (3) días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia fóra de prazo ou non acreditada documentalmente a causa que a produce suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias durante o prazo dun ano contado desde a data de finalización do curso, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

c) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sexta. Asistencia aos cursos.

a) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 10% das horas lectivas. A ausencia, mesmo xustificada, superior ao 10% do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

c) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 10% das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes poderán ser excluídos das convocatorias das actividades formativas da EGAP durante o prazo dun ano contado desde a finalización do curso.

Sétima. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Oitava. Facultades da EGAP.

a) A execución material da acción queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

b) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos do curso, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento do curso serán anunciadas na páxina web da EGAP.

ANEXO II
A función consultiva para o persoal ao servizo da Administración local

1. Obxectivos.

O 29 de novembro do ano 1995 publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei 9/1995, pola que se creaba o Consello Consultivo de Galicia, como órgano superior consultivo da Xunta de Galicia, encargado de velar pola observancia da Constitución, do Estatuto de autonomía e do resto do ordenamento xurídico, e dotado de plena autonomía orgánica e funcional no exercicio das súas funcións.

O presente curso pretende dar a coñecer no ámbito da Administración local a doutrina sentada por este órgano, nas distintas materias en que a súa intervención é preceptiva, e da que conta cunha experiencia de quince anos.

2. Destinatarios.

Persoal dos grupos A1, A2 e C1 ao servizo das entidades locais, os seus organismos públicos e demais entes dependentes dela.

3. Desenvolvemento.

Duración: 20 horas.

Lugares e datas de realización:

A Coruña: 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de xuño de 2012.

Ourense: 12, 14, 19, 21, 26 e 28 de xuño de 2012.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

Prazas: 25 por edición.

4. Contido.

Módulo I: A Administración consultiva da Comunidade Autónoma de Galicia: o Consello Consultivo de Galicia.

Módulo II: A responsabilidade patrimonial da Administración local.

Módulo III: Réxime xurídico das entidades locais: a revisión de oficio en materia local.

Módulo IV: Relacións lei-regulamento nas entidades locais. O recurso extraordinario de revisión.

Módulo V: A contratación administrativa: modificación e resolución dos contratos.

Módulo VI: O territorio das corporacións locais. Alteración dos termos municipais.

Proposta dun suposto práctico cunha duración estimativa de dúas horas.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG n.º 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección, no DOG n.º 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.