Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 10 de maio de 2012 Páx. 17485

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de abril de 2012 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para cursar estudos de ensinanzas postobrigatorias non universitarias, no próximo curso académico 2012-2013.

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes (DOG n.º 62 do 31 de marzo), na súa disposición derradeira primeira, faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

Na súa virtude, e consonte o establecido no artigo 8 do citado decreto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

En consecuencia, e en virtude da facultade que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Condicións xerais

Artigo 1.

1. Convócanse prazas nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, para alumnado que curse os estudos que estean autorizados nos centros que se detallan no anexo I; no caso dos centros privados concertados as ensinanzas serán as que estean concertadas, así como para todas aquelas ensinanzas que non sexan obrigatorias non universitarias que os ditos centros teñan autorizadas para o curso 2012-2013,

Os ditos centros permanecerán pechados as fins de semana, tal como se estableza nas normas de réxime interno do centro (venres tarde a domingo tarde).

2. O número de prazas de residencia serán as correspondentes ás vacantes que se produzan para o curso 2012-2013, e faranse públicas no momento de se producir.

Artigo 2.

1. A adxudicación de praza de residencia terá carácter provisional. A adxudicación farase definitiva cando o interesado presente, na secretaría do centro residencial docente respectivo, xustificante acreditativo de que foi admitido no centro no que se imparta a devandita especialidade, que necesariamente ten que ser da mesma localidade que o centro residencial docente. Para estes efectos enténdese que o centro residencial docente da Coruña, comprende as localidades de Culleredo e A Coruña.

2. A adxudicación, con carácter provisional, da praza de residencia, permitiralle ao solicitante considerar como domicilio o centro residencial docente, para os únicos efectos de valoración por proximidade do domicilio no proceso de admisión de centros sostidos con fondos públicos para o curso académico 2012-2013. A certificación que se lle expida equivalerá á certificación do concello para os efectos da Orde do 17 de marzo de 2007, pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e a Orde do 5 de xuño de 2007 que regula os ciclos formativos de grao medio e superior, en centros sostidos con fondos públicos.

Artigo 3.

1. Poderán concorrer a esta convocatoria todas aquelas persoas físicas que posúan a nacionalidade española ou sexan nacionais dun país membro da Unión Europea, estranxeiros residentes en España no momento da solicitude de praza e reúnan os requisitos académicos previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), e que desexen proseguir os seus estudos nos centros indicados no artigo anterior como residentes nos respectivos centros residenciais docentes, así como os actuais residentes dos centros residenciais docentes que rematen un nivel educativo ou ciclo e desexan seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo.

Sempre que existan prazas vacantes e sexan da mesma familia profesional, os residentes poderán solicitar praza para proseguir os seus estudos do mesmo nivel educativo.

2. Para poder optar á praza de residencia os aspirantes deberán acreditar as circunstancias que impidan a súa escolarización nun centro sostido con fondos públicos. Con carácter xeral, esta circunstancia será a de non poder cursar os estudos solicitados por non haber un centro sostido con fondos públicos que imparta os devanditos estudos, ben na localidade de residencia, ben nunha localidade próxima que permita, polos medios de comunicación da zona, un acceso diario con facilidade. Con carácter particular, e documentalmente acreditado, poderanse ter en conta outras circunstancias, como condicións de orfandade, fillos de emigrantes ou situacións familiares moi graves.

3. Se o limiar de renda familiar non excede do que se fixa no Real decreto 557/2010, do 7 de maio, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das becas e axudas ao estudo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o curso 2011/2012 (BOE do 27 de xullo de 2011), os residentes obterán praza gratuíta.

No caso de que o nivel de renda supere o citado limiar, nas porcentaxes que se indican, os residentes deberán aboar as seguintes contías anuais:

Os que o superen ata un 10%: 525,00 €.

Os que superen en máis dun 10% e ata un 20%: 805,00 €.

Os que superen en máis dun 20% e ata un 30%: 1.275,00 €.

Os que superen en máis dun 30%: 1.920,00 €.

O aboamento da participación económica poderase fraccionar ata nun máximo de tres prazos trimestrais anticipados.

Capítulo II
Normas de procedemento

Artigo 4.

1. As solicitudes dos aspirantes formalizaranse de acordo co modelo que figura no anexo II da presente orde e dirixiranse ao director/a do centro residencial docente para o que se solicita praza.

2. As solicitudes poderanse presentar directamente nos centros residenciais docentes ou en calquera dos lugares establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4 da devandita lei.

No caso de optar por presentar as súas solicitudes nunha oficina de Correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Establécese un período extraordinario na primeira quincena do mes de setembro para a presentación de solicitudes destinadas a ensinanzas autorizadas pola Administración educativa con posterioridade á publicación desta orde, así como para os ciclos formativos e extraordinariamente no curso académico 2012/2013 para bacharelato.

4. Unha vez recibidas as solicitudes polos centros residenciais docentes, estes deberán cotexar a veracidade dos datos reflectidos na folla de solicitude, requirindo dos interesados a documentación que para tal efecto consideren necesaria, e comprobar que as follas de solicitude estean cubertas en todos os puntos.

5. Así mesmo, os aspirantes presentarán certificado de empadroamento da unidade familiar (segundo o artigo 10.1), cos datos obrigatorios e número de habitantes do ente de poboación, ademais do certificado oficial de notas do curso escolar 2010/2011.

Capítulo III
Selección de aspirantes

Sección 1.ª Requisitos académicos

Artigo 5.

1. Para poder optar ás prazas reguladas nesta orde será preciso o cumprimento dos requisitos exixidos para o efecto pola lexislación académica vixente para poder acceder ao curso que se solicite, sempre que non teña máis de dúas materias pendentes.

2. Sempre que se cumpran os requisitos académicos previstos no parágrafo anterior e que non variasen as circunstancias que motivaron a concesión, a renovación das prazas para os diferentes cursos dun mesmo nivel ou grao educativo producirase de xeito automático. Con respecto aos estudos universitarios, solicitarán praza só para o curso 2012/2013, tendo en conta que o curso escolar durará o que se especifique no calendario escolar que esta consellería publicará no DOG no seu momento e que, en todo caso, os centros residenciais docentes pecharán as súas portas antes do 30 de xuño de 2013.

Artigo 6.

1. Non se concederá praza de residencia para repetir curso.

Sección 2.ª Criterios de valoración para a concesión de praza

Artigo 7.

A valoración das solicitudes admitidas abranguerá dúas cualificacións: a socioeconómica e a académica.

Artigo 8.

A valoración socioeconómica obterase ao aplicar o baremo establecido de acordo cos seguintes criterios: renda familiar, composición do grupo familiar, condición de orfandade ou calquera outra situación familiar especial e o número de habitantes do lugar de residencia familiar.

Artigo 9.

1. Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos obtidos por todos os membros computables, calquera que sexa a súa procedencia, no ano 2010, e entenderase que son ingresos de base da familia.

2. Os titulares de explotacións agropecuarias computarán como ingresos o valor dos produtos daquelas que sexan utilizadas para o seu propio consumo.

3. Os ingresos familiares dos solicitantes dos que os pais sexan españois residentes no estranxeiro poderanse consignar en moeda propia do país en que se obteñan; o cálculo do seu contravalor en euros farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivese a moeda respectiva o 2 de xaneiro do ano en que se solicite a axuda, e computarase tan só un 75% deste.

4. De conformidade cos artigos 95.1.º, epígrafe k, e 95.2.º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na solicitude de admisión os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización de información de carácter tributario que se precisa para acreditar a renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración entre ambas. A dita información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no que se presenta a solicitude (2010).

Polo tanto, aquelas persoas interesadas, que non presenten a autorización expresa para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria lle subministre á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a información a que se refire o punto anterior, terán cero puntos neste criterio de valoración.

Artigo 10.

1. Consideraranse membros da unidade familiar:

O solicitante, o pai, a nai e os irmáns menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

2. No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable aquel dos pais que non conviva co solicitante, sen prexuízo de que os ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica.

Non obstante, terá a consideración de membro computable, se é o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, tendo que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

3. Nos casos nos que o solicitante alegue a súa independencia familiar, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugueiro da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do solicitante.

Artigo 11.

Ao cociente que resulte de dividir os ingresos anuais polo número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

        Puntos

Ata 4.265,00 € 10

De 4.265,01 a 4.840,00 € 8

De 4.840,01 a 5.420,00 € 7

De 5.420,01 a 5.992,00 € 6

De 5.992,01 a 6.620,00 € 5

De 6.620,01 a 7.145,00 € 4

De 7.145,01 a 7.726,00 € 3

De 7.726,01 a 8.300,00 € 2

De 8.300,01 a 8.878,00 € 1

Máis de 8.878,00 € 0

2. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns residentes no mesmo centro residencial docente ao que aspire o solicitante.

3. Engadirase 0,50 puntos por cada un dos irmáns, incluído o solicitante, que integre o grupo familiar.

4. Aos aspirantes en situación de orfandade incrementaráselle a puntuación en 10 puntos; en 15 se se trata de orfandade absoluta.

5. Aos aspirantes con circunstancias familiares especiais engadiráselles ata 5 puntos. Consideraranse neste punto situacións tales como violencia de xénero no ambiente familiar, fillos/as de españois residentes no estranxeiro; familias con membros diminuídos física, psíquica ou sensorialmente, sempre que da incapacidade se derive a imposibilidade de obter ingresos de natureza laboral; cando o cabeza de familia sexa inválido ou estea afectado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a súa única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego e existan dificultades de escolarización que valorará o tribunal cualificador.

6. En atención ao número de habitantes da entidade singular de poboación na que resida a familia, engadiranse os seguintes puntos, de acordo co previsto no artigo 9:

      Puntos

Entidades de menos de 1.000 habitantes 5

Entidades de 1.001 a 2.000 habitantes 4

Entidades de 2.001 a 5.000 habitantes 3

Entidades de 5.001 a 10.000 habitantes 2

Entidades de 10.001 a 20.000 habitantes 1

Entidades de máis de 20.000 habitantes 0

7. As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán propoñer á consideración do tribunal cualificador casos concretos de solicitantes que presenten unha problemática excepcional ou que residan en zonas con grandes dificultades de escolarización. A comisión de valoración, considerando esta circunstancias, poderalles outorgar a estes aspirantes unha puntuación adicional de ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 12.

O rendemento académico dos aspirantes valorarase numericamente pola nota media das disciplinas correspondentes ao curso 2010/2011. Para efectos do cómputo da nota media, utilizarase a seguinte táboa de equivalencias:

       Puntos

Moi deficiente ou non presentado 1

Insuficiente ou non apto 3

Suficiente, apto ou validado 5,5

Ben 6,5

Notable 7,5

Sobresaliente 9

Capítulo IV
Adxudicación de prazas de residencia

Artigo 13.

Os centros residenciais docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, con anterioridade ao 10 de maio do ano que andamos, o número de vacantes co fin de que a comisión de valoración poida aplicar os criterios para a súa cobertura.

Artigo 14

A comisión de valoración das solicitudes estará composta por:

– Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos, ou persoa en quen delegue.

– Vogais: un representante de cada un dos centros residenciais docentes.

– Un representante do Servizo de Recursos Educativos Complementarios das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas provincias da Coruña, Ourense ou Pontevedra.

– Un representante da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

– Un funcionario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario.

Artigo 15.

1. La comisión de valoración, á vista das solicitudes presentadas e do número de prazas dispoñibles, establecerá unha nota mínima, tanto na fase de valoración socioeconómica como na valoración académica, para cada un dos cursos nos niveis ou graos que os solicitantes vaian realizar. A comisión de valoración excluirá aos aspirantes que non acaden as devanditas notas mínimas, comunicándollelo antes de finalizar o mes de xuño do ano que andamos.

2. Só os solicitantes que acaden as puntuacións mínimas na valoración socioeconómica e académica establecidas pola comisión de valoración terán acceso á fase de selección.

3. A puntuación total obterase da suma das valoracións socioeconómica e académica.

Artigo 16.

1. Antes do 1 de xullo, a comisión de valoración elevará á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos proposta de concesión das prazas de residencia, así como relación de solicitantes declarados suplentes para cubrir as vacantes que se produzan, con indicación de se a gratuidade da praza é total ou parcial, e sinalando, así mesmo, o importe a aboar establecido no artigo 3.3 desta orde.

De acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a resolución provisional da convocatoria comunicaráselles aos interesados e aos centros, e daráselles aos interesados un prazo de reclamación de 15 días, desde a data de notificación desa resolución.

As reclamacións serán resoltas no prazo de quince días naturais pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Antes do 20 de xullo, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolverá con carácter definitivo a convocatoria das prazas de residencia, que lle será comunicada aos interesados indicando a decisión adoptada sobre as súas solicitudes. A resolución definitiva farase pública no taboleiro de anuncios dos respectivos centros residenciais docentes e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no enderezo: http://www.edu.xunta.es. Aos admitidos con praza e aos suplentes indicaráselles o centro asignado.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de seis meses, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. Na mesma data remitirase aos centros residenciais docentes a relación de residentes que obteñen praza nestes, así como os suplentes que se nomeasen para cubrir as posibles vacantes que se produzan.

Artigo 17.

As prazas de residencia convocadas para cada centro cubriranse tendo en conta a puntuación total obtida polos aspirantes e a localización do seu domicilio en relación coa dos centros residenciais docentes respectivos e as posibilidades de desprazamento aos seus domicilios, co obxecto de facilitar a convivencia familiar durante os días non lectivos, as fins de semana e as vacacións.

Capítulo V
Comprobación de requisitos

Artigo 18.

Os centros residenciais docentes poñeranse en contacto cos residentes titulares e suplentes que lles fosen destinados, e reclamaranlle a documentación necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Capítulo VI
Recursos

Artigo 19.

Contra a resolución de adxudicación definitiva de prazas de residencia, os interesados poderán interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación. Contra a resolución do recurso de alzada, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Capítulo VII
Incorporación dos alumnos seleccionados

Artigo 20.

1. Os centros residenciais docentes, unha vez coñecidos os residentes titulares que se van incorporar por reunir os requisitos exixidos na convocatoria e por aceptar a praza, procederán a avisar aos suplentes por orde de lista para cubrir as vacantes que se producisen. Para tal efecto formularán consulta previa á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para coñecer se hai que reservar praza para algún aspirante unha vez resoltas as posibles reclamacións recibidas.

2. Aos suplentes que non pasen a titulares seralles comunicada esta circunstancia polos respectivos centros residenciais docentes.

3. Queda absolutamente prohibida a incorporación de residentes non beneficiarios mentres non se esgote a relación de residentes que superasen as notas mínimas.

4. Os residentes incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

5. O estado de saúde do residente, que se acreditará documentalmente no momento da incorporación ao centro, deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial ou docente, se é o caso (deberase achegar certificado médico oficial).

6. Os residentes que non se incorporen aos centros residenciais docentes nas datas que cada centro sinale para o inicio do curso escolar non poderán beneficiarse da praza de residencia e perderán os seus dereitos, salvo nos casos de forza maior, apreciados polo director, oído o consello de residencia.

7. As normas de incorporación serán elaboradas polos respectivos centros residencias docentes, que deberán poñelas en coñecemento dos seus residentes con 10 días de antelación. Cada centro enviará copia das súas normas de incorporación á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no momento do seu envío aos residentes.

8. Cada centro residencial docente será responsable de que todos os residentes que efectúen a súa incorporación reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o establecido no artigo 22.

Artigo 21.

A falsidade de datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda total dos dereitos do solicitante, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 22.

1. A perda da condición de alumno do centro onde debía cursar os estudos para os que lle foi concedida a praza, determinará a perda da condición de residente do centro residencial docente.

2. Igualmente, perderanse as prazas como consecuencia de sanción disciplinaria, baixo rendemento académico ou faltas reiteradas de asistencia a clase sen xustificar, de acordo coa normativa vixente, logo do oportuno expediente.

Disposición adicional primeira.

Os estudantes que non teñan concedida praza poderán beneficiarse dalgún ou varios dos servizos de residencia, sempre que exista dispoñibilidade para iso, mediante o aboamento do seu importe, de acordo coas cantidades fixadas para os residentes que excedan dos módulos máximos. Nese caso, a utilización dos devanditos servizos suporá o compromiso tácito do estrito cumprimento da normativa de convivencia establecida polos respectivos centros residenciais docentes.

Disposición adicional segunda.

Estas prazas poderán ser compatibles coa axuda compensatoria e a axuda para gastos determinados por razón de material escolar da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición adicional terceira.

Para o curso 2012/2013, e de xeito excepcional, sempre que queden prazas vacantes a partires do 30 de setembro, estas poderán ser cubertas con alumnado universitario, facendo efectivo o seu pagamento por trimestres adiantados e con importe para o curso 2012/2013 de 2.805,00 €.

Disposición adicional cuarta.

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación as normas vixentes en materia de bolsas e axudas ao estudo.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

• Centro Residencial Docente da Coruña.

IES Universidade Laboral.

IES Urbano Lugrís.

IES Fernando Wirtz Suárez.

CIFP Ánxel Casal.

CIFP Someso.

IES Adormideras.

IES Monte das Moas.

IES Imaxe e Son.

IES n.º 1 A Sardiñeira.

IES Eusebio da Guarda.

IES Agra do Orzán.

IES Paseo das Pontes.

IES Ramón Menéndez Pidal.

Escola de Arte Pablo Picasso.

Conservatorio de Música Superior.

CEE Nosa Sra. do Rosario.

CPR Cervantes.

CPR Cruz Roja Española.

CPR Hogar de Santa Margarita.

CPR Karbo.

CPR López y Vicuña.

CPR Nebrija.

CPR San Andrés.

CPR Caixa Galicia.

• Centro Residencial Docente de Ourense.

IES Universidade Laboral.

IES Portovello.

IES 12 de Outubro.

IES A Carballeira.

CIFP A Farixa.

IES As Lagoas.

IES Xulio Prieto Nespereira.

Escola de Arte Antonio Faílde.

CPR San Martín.

CPR Santo Cristo.

CPR Valle Inclán.

• Centro Residencial Docente de Vigo.

IES Manuel Antonio.

IES Carlos Casares.

IES Ricardo Mella.

IES Teis.

IES n.º 1 de Vigo Politécnico.

IES A Guía.

IES Valentín Paz Andrade.

IES audiovisual.

IES Alexandre Bóveda

Conservatorio de Música Superior.

Centro de Ensinanzas Artísticas Superiores.

CPR Aloya.

CPR Cebem.

CPR Colexio Fogar Caixanova.

CPR Daniel Castelao.

CPR Divino Maestro.

CPR Mendiño.

CPR Montecastelo.

CPR San Miguel.

CPR Vivas.

CPR San José de la Guía.

CPR Fillas de María Inmaculada.

missing image file
missing image file
missing image file