Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 10 de maio de 2012 Páx. 17520

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2012 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña.

De conformidade co que está previsto no artigo 320 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, así como no artigo 21 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 30/2007, de contratos do sector público, esta reitoría, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 do Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aprobaron os estatutos da Universidade da Coruña, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro,

RESOLVE:

Primeiro.

Designar os membros da Mesa de Contratación da Universidade da Coruña, con carácter permanente e en razón dos postos que actualmente desempeñan, que se citan a continuación:

1. Presidencia: será exercida pola persoa titular da Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas ou persoa en que delegue.

2. Vogais permanentes:

a) Secretario/a xeral da Universidade.

b) Xerente/a da Universidade.

c) Xefe/a do Servizo de Intervención.

d) Xefe/a do Servizo de Asesoría Xurídica.

3. Secretaría: será exercida pola persoa titular da Sección de Contratación.

4. Vogais non permanentes: ás reunións da Mesa poderán incorporarse, por iniciativa da Presidencia, un membro da unidade directamente relacionada co expediente de que se trate ou especialistas que resulten necesarios en función da complexidade técnica do expediente que vaia tratarse na sesión.

Segundo.

No caso de vacante, enfermidade ou ausencia, establécese o seguinte réxime de suplencias para os membros da Mesa de Contratación:

1. Presidencia: a persoa titular da Presidencia será suplida polo/a titular da Vicerreitoría que corresponda, de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 1 da Resolución do 16 de xaneiro de 2012, pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.

2. Vogais permanentes:

a) Secretario/a xeral da Universidade: será suplido/a pola persoa en que delegue.

b) Xerente/a da Universidade: será suplido/a pola persoa en que delegue, que dependa do órgano de contratación.

c) Xefe/a do Servizo de Intervención: será suplido/a pola persoa titular da sección ou, na súa ausencia, pola dun dos negociados do dito servizo.

d) Xefe/a do Servizo de Asesoría Xurídica: será suplido/a pola persoa titular da sección ou, na súa ausencia, pola dun dos negociados do dito servizo.

3. Secretaría: a persoa titular da Secretaría será suplida pola titular do Negociado de Contratación ou, na súa ausencia, pola dun dos negociados da Sección de Xestión Económica.

Terceiro.

Para á valida constitución da Mesa deberán estar presentes a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico-orzamentario do órgano de contratación.

Cuarto.

Terán voz e voto todos os membros da Mesa sinalados no punto primeiro, excepto o/a secretario/a da Mesa e os vogais non permanentes, que actuarán con voz e sen voto.

Quinto.

A Resolución do 20 de xullo de 2010 pola que se nomeaban os membros da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña, deixará de ser efectiva desde o momento en que produza efectos a presente resolución.

Sexto.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de abril de 2012.

Xosé Luís Armesto Barbeito
Reitor da Universidade da Coruña