Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Xoves, 10 de maio de 2012 Páx. 17508

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2012 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG n.º 24, do 5 de febreiro), establece no seu artigo 6.1 que para desenvolver a función de control de acceso deberá contarse coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, tras a obtención do certificado acreditativo de superar as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Igualmente, o artigo 2 de Orde do 21 de abril de 2010 pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG n.º 78, do 28 de abril), establece que corresponde ao director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, mediante resolución, proceder á convocatoria das probas para a obtención da habilitación a que se refire o citado Decreto 8/2010.

Como consecuencia do anterior, e en virtude das competencias que me foron conferidas

DISPOÑO:

Convocatoria e réxime xurídico.

Convócanse as probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As probas rexeranse polo establecido nesta resolución e nas bases xerais recollidas na Orde de 21.4. 2010 (DOG n.º 78, do 28 de maio).

Documentación das solicitudes.

Todos/as os/as aspirantes que desexen realizar as probas, deberán presentar solicitude debidamente cuberta axustada ao modelo oficial que se publica no anexo desta resolución.

Xunto co modelo normalizado de solicitude os/as aspirantes deberán presentar a seguinte documentación:

– Fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia. Os/as aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar fotocopia compulsada do documento que acredite a súa nacionalidade e, no suposto de non pertencer á Unión Europea, tarxeta de residencia e permiso de traballo en vigor.

– Certificado de antecedentes penais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

– Fotocopia compulsada do curso de iniciación, perfeccionamento ou equivalentes de coñecemento básico da lingua galega. Os aspirantes que acrediten documentalmente este coñecemento quedarán exentos da realización da proba consistente na tradución dun texto do galego ao castelán, que se realizara xuntamente coa proba de coñecemento.

– Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

– Dúas fotografías tamaño carné de identidade.

As solicitudes presentaranse no rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública ou a través das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es/

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Taxa por participación nas probas.

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación, será de 49,90 euros, que serán ingresados, mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

As/os aspirantes deberán cubrir, nos puntos habilitados para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, os seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo da Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa: denominación: participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación.

Código: 30.48.01.

Total: 49,90 euros.

Ademais as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nos puntos reservados para tal fin no devandito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. As/os aspirantes que figuren inscritas/os como desempregados no Instituto Nacional de Emprego.

2. As/os aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

En ambos os casos, deberán presentar coa solicitude, certificados acreditativos de tales situacións.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da/do aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

En ningún caso, o pagagamento da taxa por dereitos de exame suporá substitución do trámite de presentación da solicitude de participación nas presentes probas, no prazo, lugares e forma establecidas nas bases xerais.

Admisión de aspirantes.

A admisión dos aspirantes realizarase nos prazos e na forma prevista no artigo 5 das bases xerais.

Data e composición do tribunal cualificador.

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidas/os á realización destas.

A actuación das/os aspirantes terá lugar por orde alfabética e estes deberán acudir ás probas portando o DNI, pasaporte ou o permiso de residencia e traballo en vigor en España.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Contido e desenvolvemento das probas.

Para obter a habilitación de persoal de control de acceso será necesario superar a proba de coñecementos e a proba psicolóxica, referidas no artigo 7 das bases xerais.

Cualificación das probas.

As probas cualificaranse como apto ou non apto e será necesario alcanzar a cualificación de apto nas dúas probas para poder obter a habilitación.

Aspirantes declarados/as aptos/as.

Concluídas as probas, o tribunal cualificador fará públicas e elevará á Dirección Xeral da Agasp a relación das/os aspirantes declaradas/os aptas/os, segundo o disposto no artigo 10 das bases xerais.

A Dirección Xeral da Agasp remitirá á Dirección Xeral de Urxencias e Interior, a listaxe definitiva das/os aspirantes declaradas/os aptos/as e procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios da Agasp e na súa páxina web http://agasp.xunta.es/

Recursos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dentro do prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o establecido no artigo 115, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 17 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública.

A Estrada, 2 de maio de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file