Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17933

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 8 de maio de 2012 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23.º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal familiar e laboral, e no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Secretaría Xeral de Política Social, entre outras competencias, as de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, que contribúa tanto á corresponsabilidade como á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, a constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 como proxecto artellado e de calidade na que participen as entidades privadas de iniciativa social, é peza fundamental para o logro diste obxectivo. Esta orde de axudas ten como finalidade materializar neste momento de redefinición do modelo da educación infantil 0-3 anos a contribución da Administración galega no sostemento dos centros existentes e fomentar a mellora da súa calidade.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.08.312B.481.3, recollida na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, e o importe destinado a elas ascenderá a 3.285.787,00 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ao que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

2. Para efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos, as/os nacidas/os con posterioridade a 31 de decembro de 2009.

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que estean debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, no relativo aos rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais (DOG do 20 de xaneiro de 2012), e teñan en funcionamento unha/s escola/s infantil/is 0-3 que desenvolva/n as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos xerais desta orde.

Artigo 3. Requisitos xerais.

1. Serán requisitos imprescindibles para resultar entidade beneficiaria das axudas:

a) Que a escola infantil 0-3 cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) A adaptación da tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 9 desta orde.

c) A adaptación do proxecto educativo da escola infantil 0-3 á estrutura establecida no anexo VII desta orde.

d) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo VI.

e) Ter xustificado, nos prazos previstos, e en todo, caso no momento de presentar a solicitude de axuda, os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais ou representantes legais dos usuarios, as escolas infantís 0-3 prestarán servizos cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral, e salvo causa xustificada logo de autorización da Consellería de Traballo e Benestar.

3. O cumprimento dos obxectivos específicos establecidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega para a educación infantil 0-3.

Artigo 4. Tipo de axuda.

As axudas convocadas teñen como finalidade o mantemento dos centros co obxecto de compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

– Gastos de persoal (non se subvencionarán aqueles importes que excedan dos salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil).

– Gastos de alimentación.

– Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5. Criterios de valoración e concesión.

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) As escolas infantís 0-3 que nalgún dos dous anos anteriores recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.

b) Segundo o tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

– Inferior a 3 anos: 1 punto.

– Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

– Superior a 5 anos: 3 puntos.

Artigo 6. Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do número de unidades da escola infantil 0-3 e da prestación do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía anual por unidade en funcionamento

21.500 €

20.500 €

19.500 €

16.000 €

De non estar en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional segundo o tempo de funcionamento.

Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor, cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), incluídos os alimentos. En todo caso, este servizo incluirá o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir a disposición dos pais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e axeitada á idades dos/das nenos/as.

Artigo 7. Límite das axudas.

1. O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolva a entidade beneficiaria.

2. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

3. A contía que se subvencionarán non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2012, segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo II).

Artigo 8. Renda per cápita mensual.

Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar, computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i) Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii) Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii) Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente a 31 de decembro do ano 2010.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire a letra a) cando formara parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias á data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 9. Prezos.

1. As entidades que sexan beneficiarias destas axudas deberán establecer os prezos por servizos prestados pola escola infantil 0-3 de acordo coas contías máximas reguladas no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar. Entenderase que cumpren con este réxime de prezos, cando as cantidades cobradas ás/aos usuarias/os non superen, en cómputo anual, a contía que lle corresponda aboar en función da renda da unidade familiar.

2. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto dos regulados no decreto indicado no punto anterior, só poderá percibir prezo polos relacionados a continuación e coas condicións e contías máximas indicadas para cada un deles. Agás aqueles que dispoñan de transporte que poderán seguir percibindo o importe correspondente.

a) Matrícula (prezo máximo por curso 80,00 euros).

b) Material (prezo máximo por curso 50,00 euros).

c) Cociña, entendida como o servizo de quentar os alimentos que levan as/os nais/pais ou representantes legais e que non poderá cobrarse simultaneamente ao servizo de comedor (prezo máximo por mes 25,00 euros).

d) Actividades complementarias, que deberán ter carácter voluntario para as/os usuarias/os e garantir que as/os nenas/os que non as realicen permanecerán na súa aula de referencia co seu educador ou educadora, desenvolvendo outra actividade incluída na programación didáctica. Só se considerarán actividades complementarias as seguintes:

– Natación.

– Lingua estranxeira, entendida coma a impartida por persoal con formación específica e titulación oficial e nunha aula diferente.

Calquera outra actividade distinta das anteriores non se consideran actividades complementarias, senón que forman parte do currículo.

Artigo 10. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos do centro (anexo II).

b) Declaración da entidade conforme contan con Proxecto educativo, así como, coa Proposta pedagóxica de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, que deberán estar á disposición da Secretaría Xeral de Política Social para calquera comprobación que sexa precisa.

c) Resumo da memoria do centro do curso escolar 2010/2011.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia cotexada ou dixitalizada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración de todas as subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas (anexo IV).

g) Plan específico do centro sobre o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

2. As entidades que no ano 2011 percibiran axudas para o mantemento da escola infantil 0-3 deberán presentar copia da tarifa de prezos vixente na escola infantil 0-3, adaptada ao disposto no artigo 9. As entidades que soliciten por primeira vez as axudas desta orde, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, no caso de que a tarifa de prezos sufra modificacións durante o ano 2012, deberán enviar información destas modificacións no prazo dun mes dende que estas teñan lugar.

3. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións nestes, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Todos os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal, fotocopia cotexada ou dixitalizada.

5. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.

Artigo 11. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude, dirixida á Secretaría Xeral de Política Social, e mais a documentación requirida presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Tramitación dos expedientes.

1. A Subdirección Xeral de Familia e Menores, como órgano responsable da tramitación dos expedientes realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica sobre, as condicións actuais dos centros solicitantes, para os efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais, así como a data do permiso de inicio de actividades.

c) Remitir os expedientes unha vez revisados e completados, se é o caso, á comisión de valoración.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección de Familia e Menores.

Vogais: tres traballadoras/es designadas/os pola/o secretaria/o xeral de Política Social por proposta do/a subdirector/a xeral de Familia e Menores, actuando un deles como secretaria/o.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de valoración emitirá informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. A persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores elevará o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para a súa resolución, propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Resolución.

1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle á secretaria xeral de Política Social, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral de Política Social, no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da notificación, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Alternativamente ou sucesivamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 14. Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 5 de decembro de 2012, e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades segundo o modelo que figura como anexo IV, e certificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ao pagamento e xustificación da seguinte forma:

A) Para aquelas que non superen o importe de 18.000 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade a documentación xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 25% da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.

b) As contías restantes aboaranse a medida que se presente a xustificación mediante pagamentos parciais que non superarán, sumado o anticipo, o 80% da cantidade subvencionada. O 20% restante, unha vez presentada pola entidade a documentación final xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

3. Para xustificar o gasto realizado as entidades presentarán a seguinte documentación:

a) Orixinal ou ben copia compulsada ou cotexada de facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa, acompañadas dos xustificantes dos pagamentos efectivamente realizados. En todo caso, as facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido (BOE do 29 de decembro).

b) Unha relación valorada e ordenada cronoloxicamente, por tipo de gasto, onde se reflicten as facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa.

Artigo 15. Outras obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

A) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2012/2013:

a) Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo V a esta orde aos solicitantes de praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha axuda do Programa Cheque Infantil en caso de figurar en lista de espera no centro.

b) Remitir á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da súa provincia, antes do 15 de xuño de 2012, a relación de solicitantes de prazas do centro que se atopen en lista de espera para o curso 2012/2013 e que, pola súa vez, optan polo Programa Cheque Infantil. A esta relación xuntaranse as solicitudes de axuda do Programa Cheque Infantil efectuadas polos solicitantes, segundo o modelo que figura no anexo V.

B) O cumprimento pola escola infantil 0-3 do proxecto educativo.

C) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

D) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar respecto dos centros subvencionados.

E) Enviar á Secretaría Xeral de Política Social antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte a documentación:

a) Un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o modelo establecido no anexo III.

b) Unha relación das/dos usuarias/os do centro relativos ao curso 2012/2013, onde se indique a seguinte información:

– Nome do pai, nai ou representante legal.

– Nome da/do nena/o.

– Cotas mensuais que aboaron.

– Meses de asistencia ao centro.

O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

F) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

G) As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultaren beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 9, no prazo de 2 meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 16. Reintegro.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. No suposto previsto no punto 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

Disposición adicional primeira.

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2012.

Disposición adicional segunda.

Sen prexuízo do disposto no título noveno da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Consellería de Traballo e Benestar, así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Disposición adicional terceira.

As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no titulo IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

Apróbase a delegación de competencias na secretaria xeral de Política Social, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase á secretaria xeral de Política Social para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO VI
Baremo

As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:

A) Solicitudes de renovación de praza das/os nenas/os matriculadas/os no curso 2011/2012.

B) Solicitantes cunha/cun irmá/n con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso para o curso 2012/2013).

C) O resto de solicitudes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do seguinte baremo:

1.º Situación socio-familiar:

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para o que se solicita a praza nacera nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.8. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.

2.º Situación laboral familiar:

2.1. Situación laboral de ocupación:

– Nai: 4 puntos.

– Pai: 4 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

– Nai: 2 puntos.

– Pai: 2 puntos.

(1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

3.º Situación económica:

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

Inferior ao 30% do IPREM: +4 puntos.

Entre ao 30% e inferior ao 50% do IPREM: +3 puntos.

Entre ao 50% e inferior ao 75% do IPREM: +2 puntos.

Entre ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: +1 punto.

Entre ao 100% e inferior ao 125% do IPREM: -1 punto.

Entre ao 125% e inferior ao 150% do IPREM: -2 puntos.

Entre ao 150% e ó 200% do IPREM: -3 puntos.

Superior ao 200% do IPREM: -4 puntos.

• En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar ás solicitudes de xornada completa con servizo de comedor e, en segundo, as de xornada partida sobre as solicitudes de media xornada, e despois deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

• Para os efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

• No caso de ausencia do fogar familiar de ámbolos dous membros parentais adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2.º e 3.º do baremo.

ANEXO VII
Proxecto educativo

O proxecto educativo da escola infantil 0-3 adaptarase á seguinte estrutura:

a) Análise do contexto.

a.1) Características do centro.

– Titularidade e financiamento.

– Niveis educativos que escolariza: número de unidades.

– Situación xeográfica.

– Descrición breve das instalacións.

– Servizos que ofrece.

– Proxección social do centro na zona.

– Relación coas familias.

– Descrición breve dos recursos e materiais.

– Horario do centro.

a.2) Características do alumnado.

– Número de alumnas e alumnos, idades e agrupamentos.

– Características das familias.

– Tipo de relacións entre o alumnado.

– Nenos e nenas con necesidades de apoio educativo: cómo se integran, apoios cos que se conta.

– Procedementos de información ás familias.

a.3) Características do persoal que traballa no centro.

– Número e funcións.

– Formación.

– Forma de traballar (en equipo ou individualmente).

– Distribución das tarefas.

– Mecanismos de información entre o persoal.

– Criterios que se seguen para a distribución do alumnado.

a.4) Características do contorno.

– Emprazamento.

– Características socioculturais e económicas.

– Lingua empregada.

– Servizos que nos ofrecen para os nenos e as nenas.

– Relacións que mantén a escola cos recursos do entorno.

– Relación con outros centros.

– Como se traballa cos nenos e nenas o coñecemento do contorno social e natural.

b) Sinais de identidade.

Definición da escola:

– Confesionalidade da escola segundo a lexislación vixente.

– Lingua de aprendizaxe segundo a lexislación vixente.

– Liña metodolóxica.

– Coeducación: a educación para a igualdade.

– Colaboración cos pais e nais.

c) Obxectivos.

Obxectivos do centro a nivel:

– Pedagóxico (incluíndo a adecuación dos obxectivos xerais de etapa/ciclo).

– Administrativo.

– Organizativo.

– Institucional.

– Normalización lingüística.

d) Estrutura organizativa.

Organización do centro para o logro dos obxectivos:

– Órganos unipersoais e colexiados.

– Asignación de educadores aos grupos.

– Número de educadores por grupo.

– A dimensión do grupo.

– A composición do grupo.

– A titoría na escola infantil.

– A utilización dos espazos escolares.

– O equipamento e os recursos didácticos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file