Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2012 Páx. 18721

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación dos criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2011 relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas.

A Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 44, do 2 de marzo), establece no seu artigo 3.1. que: «suspéndese para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, namentres estea en vigor esta lei».

En aplicación do dito precepto legal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 10 de maio de 2012, adoptou o acordo de aprobar os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio enonómico do ano 2011.

O artigo 23 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (DOG núm. 106, do 2 de xuño), atribúe á Dirección Xeral da Función Pública a xestión do fondo de acción social.

Visto o texto do acordo e en cumprimento das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se publiquen no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2011 relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas.

Segundo. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 10.1.º a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Igualmente, con carácter previo e postestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte á súa publicación, segundo o disposto nos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2012.

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

En Santiago de Compostela o 10 de maio de 2012, oídos os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF representadas na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e no Comité Intercentros do Persoal Laboral, en virtude do establecido no artigo 38.7 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público en relación ao artigo 13.3 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia acorda aprobar os criterios de repartición do fondo de acción social para o exercicio do ano 2011 relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas.

I. Normas xerais.

1. Ámbito persoal.

1.1. Poderá solicitar as axudas do fondo de acción social o persoal:

– Funcionario de carreira.

– Funcionario interino que ocupe postos incluídos nas relacións de postos de traballo.

– Laboral fixo.

– Laboral temporal que ocupe postos incluídos nas relacións de postos de traballo e laboral declarado indefinido non fixo.

Que prestase servizos na Administración da Xunta de Galicia no ano 2011 e que no prazo de presentación de solicitudes se atope en situación de servizo activo ou en suspensións de funcións de carácter provisorio prevista no artigo 60.3 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

1.2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste acordo o persoal ao servizo de órganos estatutarios e sociedades públicas, o persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza e o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal procedente do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial de Santiago, Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, Hospital Provincial Santa María Nai de Ourense, Hospital Municipal Nicolás Peña de Vigo, Hospital Xeral Provincial de Pontevedra, Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón de Pontevedra e Hospital Militar da Coruña.

1.3. No suposto de que dous/dúas empregados/as tivesen a condición de beneficiarios/as en relación ao/á mesmo/a causante, só un/unha deles/as terá dereito a axuda.

2. Baremo.

2.1. Para a determinación do importe das axudas establécese unha escala en función da renda per cápita da unidade familiar.

O/A solicitante que desexe acollerse ao baremo deberá sinalalo expresamente na solicitude.

O/A solicitante que non se acolla a modalidade de baremo ou, acolléndose a ela, non acredite a renda per cápita da unidade familiar, percibirá o importe mínimo da táboa do baremo.

2.2. Cálculo da renda per cápita.

A renda per cápita (RPC) é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de baremación que se especifican en cada caso. O seu importe é o cociente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao exercicio 2010 por todos os membros da unidade familiar.

A renda da unidade familiar calcularase sumando o importe íntegro dos rendementos obtidos durante o exercicio 2010 por todos os membros da unidade familiar.

Para estes efectos unicamente serán considerados membros da unidade familiar:

– O cónxuxe ou parella de feito.

– Os/As fillos/as.

No caso de divorcio ou separación legal non se considerará membro computable o que non conviva co/a causante. Terá, non obstante, a consideración de membro computable o/a novo/a cónxuxe ou parella de feito do/da solicitante da axuda.

2.3. Documentación para acreditar a renda per cápita:

a) Copia de todas as follas do libro de familia onde figure a edición, serie e número, cónxuxe e todos os fillos.

No caso de non coincidir os membros da unidade familiar co libro de familia deberá presentarse certificado de convivencia ou empadroamento.

b) Certificado de convivencia ou empadroamento expedido polo concello no que figure o proxenitor e os/as fillos/as cos/as que conviva, no suposto de non convivencia dos seus proxenitores, agás que a persoa solicitante fose beneficiaria da axuda no exercicio 2010.

No suposto de separación ou divorcio do solicitante deberá presentarse a sentenza xudicial correspondente para acreditar que o ex-cónxuxe non pertence á unidade familiar.

c) Declaración do IRPF do exercicio 2010 de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos (incluídos os/as fillos/as maiores de 16 anos membros da unidade familiar). Se non estaban obrigados a facer a declaración da renda presentará, segundo o caso:

– Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da dita circunstancia onde constarán os ingresos íntegros que tivo no dito ano.

– Certificado de pensións, positivo ou negativo, expedido polo Instituto Nacional de Seguridade Social.

– Vida laboral negativa expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos membros da unidade familiar maiores de 16 anos que non obtiveron ingresos durante o ano 2010.

Os solicitantes e demais membros da unidade familiar poderán prestar autorización á Administración, para que esta:

• Solicite os datos de carácter tributario ou económicos que fosen legalmente pertinentes á AEAT.

• Solicite datos relativos ao documento nacional de identidade, ou documento equivalente.

• Solicite datos relativos ao padrón municipal.

A autorización asinarase na folla que, para tal efecto, se xera ao mesmo tempo que a solicitude. Na medida en que, a través deste sistema, a Consellería de Facenda poida dispoñer das ditas informacións, non lles esixirá aos interesados achega individual de certificacións relativas aos datos anteriormente sinalados.

3. Incompatibilidades:

As modalidades de axuda obxecto destes criterios son incompatibles coa percepción doutras de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou por outro organismo oficial ou empresa privada.

4. Solicitudes e documentación.

4.1. Os que, atopándose incluídos no ámbito persoal da axuda, desexen optar a ela/s deberán completar en liña a solicitude e anexos que, como formulario electrónico, atoparán na páxina web: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Posteriormente, presentarán esa mesma solicitude impresa debidamente asinada, perante as correspondentes unidades de persoal.

4.2. Os/as solicitantes deben xuntar á petición, ademais dos documentos acreditativos da renda per cápita, aqueles que se exixen para a axuda para a atención de discapacitados e xustificar mediante certificación os feitos que se aleguen.

Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscadas.

Todas as fotocopias que presenten os/as solicitantes como documentación requirida para solicitar a axuda deben ser lexibles e estar debidamente cotexadas.

O Servizo de Relacións Laborais poderá solicitar calquera outra documentación complementaria que considere necesaria.

4.3. O prazo para cubrir na web as solicitudes e para presentalas ante as unidades de persoal unha vez impresas será de 15 días hábiles contados desde o día da publicación no Diario Oficial de Galicia, e de ser o último día do prazo de presentación un sábado, este prorrogarase ata o seguinte día hábil.

4.4. As unidades de persoal deberán completar en liña os datos que figuran no espazo reservado para a certificación da unidade de persoal en todas as solicitudes.

Unha vez cumprido todo o anterior imprimirán a solicitude conformada, asinarana e selarana.

Será causa de denegación toda solicitude que non veña certificada a través da páxina web polas unidades seguintes de acordo co destino de cada traballador:

– Servizos centrais: secretario/a xeral, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se o solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde: subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo da Dirección de Recursos Humanos que teña atribuídas funcións en materia de persoal.

– Servizos periféricos: secretarios/as territoriais, xefes/as territoriais, delegados/as comarcais ou funcionarios/as que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal das consellerías respectivas.

Se o solicitante é persoal con destino en centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: directores/as e secretarios/as de centros.

Se o solicitante é persoal funcionario ou laboral do Servizo Galego de Saúde que preste os seus servizos nas direccións provinciais do organismo ou nos distintos hospitais ou centros de atención primaria: o/a secretario/a da dirección provincial do organismo ou o/a secretario/a da delegación da Consellería de Sanidade, dependendo do ámbito de dependencia funcional do interesado.

4.5. As solicitudes conformadas, unidas ao resto da documentación, entregaranas as unidades de persoal aos/ás respectivos/as peticionarios/as no prazo dos 15 días hábiles seguintes ao remate do prazo do punto 4.3. No suposto que o último día deste prazo sexa un sábado, este entenderase prorrogado ata o día hábil seguinte.

Os certificadores verificarán unicamente os datos persoais e profesionais e imprimirán a solicitude para remitir á Dirección Xeral da Función Pública. O/A solicitante si deberá presentar no rexistro a documentación xustificativa debidamente cotexada.

4.6. Os/as interesados/as presentarán as solicitudes conformadas polas unidades de persoal xunto con toda a documentación requirida en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro) modificado pola Lei 4/1999 (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro). As solicitudes irán dirixidas ao director xeral da Función Pública, edificio administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

O prazo para presentar as solicitudes conformadas polas unidades de persoal rematará no prazo dos 15 días hábiles seguintes ao remate do prazo do punto 4.5. No suposto de que o último día deste prazo sexa un sábado, este entenderase prorrogado ata o día hábil seguinte.

5. Falsidades nas solicitudes.

As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable segundo o disposto no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que houbese lugar.

Así mesmo, poderá dar lugar, logo da proposta favorable da comisión de seguimento deste acordo, a imposibilidade de solicitar as axudas do fondo de acción social durante un prazo de cinco anos.

6. Distribución dos créditos.

6.1. En aplicación do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2012, destínase na partida orzamentaria 23 04 124A 162.04 a cantidade de 1.700.000,00 euros para a axuda para a atención de persoas discapacitadas do fondo de acción social, e 300.000,00 euros ao pagamento de axudas denegadas en anos anteriores estimadas vía administrativa ou xudicial ou emenda de erros no pagamento de axudas de anos anteriores.

6.2. Garantirase a percepción mínima de 1.020 euros.

6.3. Se despois de garantir este importe mínimo aínda quedasen remanentes, estes reservaranse para o pagamento, de ser o caso, de:

– Axudas denegadas en anos anteriores que sexan estimadas por resolución administrativa ou xudicial.

– Axudas admitidas en anos anteriores que por erro administrativo ou problemas coa conta bancaria da persoa beneficiaria non puideron ser efectivamente pagadas.

– Axudas á xubilación denegadas en anos anteriores por non presentar a certificación do importe percibido por Muface ou por calquera outra mutualidade ou organismo público, sempre que os beneficiarios acheguen a dita certificación.

7. Procedemento e resolución.

7.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes procederase ao seu estudo e cualificación.

7.2. Mediante resolución da Dirección Xeral da Función Pública, publicarase o anuncio da exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia, con indicación neste último caso da/s causa/s de exclusión.

Os/as interesados/as poderán formular as reclamacións que estimen pertinentes e emendar os defectos causantes da exclusión provisional no prazo de dez días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación.

7.3. A estimación ou desestimación definitiva da solicitude producirase coa publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos con indicación, de ser o caso, da contía total da axuda.

7.4. Calquera interpretación, aclaración ou dúbida que xurda sobre as presentes bases será resolta pola comisión de seguimento deste acordo.

A comisión estará composta por un membro de cada organización sindical e un número igual de representantes da Administración. Actuará como presidente o titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais e como secretario un representante dos empregados públicos.

7.5. O prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas nesta orde será de cinco meses que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para reclamar contra as listaxes provisionais. O dito prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes así o requira. Se no prazo establecido non se resolvese o expediente entenderase desestimada a solicitude.

8. Renuncia ás axudas.

A renuncia polos/as interesados/as ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución só poderá efectuarse ata o remate do prazo de reclamación contra as listaxes provisionais.

9. Datos bancarios.

A axuda pagarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

10. Axudas de anos anteriores.

As axudas denegadas en anos anteriores que como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa sexan estimadas pagaranse con cargo ao presente fondo de acción social.

II. Normas específicas.

1. Axudas para a atención de discapacitados.

1.1. Beneficiarios:

O persoal ao servizo da Xunta de Galicia recollido na norma xeral 1.1 que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas, cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que sexan discapacitados físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polo organismo competente antes do 1.1.2012.

Para causar dereito a axuda os ingresos íntegros do discapacitado en concepto de rendementos de traballo ou prestación de supervivencia non poderán superar os 8.866,20 euros. Non se terán en conta os ingresos do discapacitado cando a súa discapacidade sexa igual ou superior ao 75%.

O persoal laboral da Xunta de Galicia deberá presentar certificado expedido polo habilitado da consellería de destino daquel en que conste que no ano 2011 non percibiu ningunha das axudas do devandito artigo. Será excluído da axuda o persoal funcionario cuxo cónxuxe sexa persoal laboral.

No suposto que o/a cónxuxe non teña dereito á dita axuda deberá presentarse unha certificación do servizo de persoal desta circunstancia indicando o motivo da exclusión.

1.2. Contido:

Repartición da contía en cómputo anual, sinalada para esta axuda no punto 6 deste acordo, cos seguintes topes dependendo da renda familiar per cápita e do grao de discapacidade:

Renda familiar per cápita do ano 2010 euros

Importes axuda

Discapacidade do 33% ao 64%

Discapacidade do 65% ao 74%

Discapacidade desde 75%

Ata 6.000,00

1.560 euros (130 €/mes)

1.800 euros (150 €/ mes)

2.160 euros (180 €/ mes)

De 6.000,01 ata 9.500,00

1.320 euros (110 €/mes)

1.560 euros (130 €/mes)

1.920 euros (160 €/mes)

De 9.500,01 ata 13.000,00

1.080 euros (90 €/ mes)

1.320 euros (110 €/mes)

1.680 euros (140 €/mes)

Desde 13.000,01

1.020 euros (85 €/ mes)

1.200 euros (100 €/ mes)

1.500 euros (125 €/ mes)

No caso de que o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes que sinala a anterior táboa de baremo, estes importes serán minguados nunha mesma porcentaxe ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe establecido para esta axuda, respectando, en todo caso, o importe mínimo de 1.020 euros establecido na dita táboa.

No caso de que a cualificación da discapacidade fose posterior ao 1.1.2011, ratearase a contía da dita axuda.

Ao persoal laboral solicitante desta axuda aboaráselle unicamente a diferenza do que tivese dereito a percibir consonte o artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que o grao da minusvalidez do causante fose igual ou superior ao 33%. A dedución realizarase aínda que o/a traballador/a non solicitase a axuda prevista no convenio ao órgano competente para a súa concesión.

1.3. Solicitude:

Normalizada e única para todos os causantes discapacitados polos que se solicita esta axuda.

1.4. Documentación:

Toda a que se detalla na norma xeral 2.3 do ámbito persoal de optar á axuda na modalidade de baremo e, en todo caso:

– Para os fillos causantes:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. En caso de renovación ou alteración da porcentaxe de discapacidade no ano 2011, as dúas cualificacións.

b) Copia de todas as follas do libro de familia onde figuren edición, serie e número, cónxuxes e todos os fillos, agás que a persoa solicitante fose beneficiaria da axuda no exercicio 2010.

c) Se a persoa discapacitada é maior de 16 anos deberá presentar certificado de vida laboral desde o 1.1.2010 da Tesouraría Territorial da Seguridade Social e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2010.

d) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo traballado que tiña asinado o posto no ano 2011.

– Para os ascendentes, cónxuxes ou tutelados por sentenza xudicial firme:

a) Copia da cualificación oficial da discapacidade, expedida polo órgano competente. No caso de renovación ou alteración da porcentaxe da discapacidade no ano 2011, achegaranse as dúas cualificacións.

b) Copia do DNI da persoa discapacitada.

c) Fe de vida da persoa discapacitada.

d) Xustificación do parentesco do discapacitado co solicitante.

e) Certificado de convivencia/empadroamento conxunto do concello en que figure a persoa discapacitada co solicitante.

f) Vida laboral da persoa discapacitada da Tesouraría Territorial da Seguridade Social desde o 1 de xaneiro de 2010 e, se é o caso, certificación de Facenda dos ingresos íntegros no ano 2010. Non se precisa a vida laboral se o discapacitado percibe pensión de xubilación ou por incapacidade absoluta.

g) Certificado negativo ou positivo de pensións do Instituto Nacional da Seguridade Social do discapacitado correspondente ao ano 2010.

h) O persoal laboral descontinuo presentará certificado do habilitado da súa consellería relativo ao período do tempo de traballo que tiña asinado o posto no ano 2011.

No suposto de que a persoa discapacitada ou representante asine a autorización para a consulta da documentación prevista nas letras b), e), non será necesaria a súa presentación.