Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2012 Páx. 18799

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 16 de maio de 2012 pola que se amplía o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no exercicio 2012.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo de 2012, establece, na súa disposición derradeira primeira, un prazo dun mes, desde a súa entrada en vigor, para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais ao que se refiren os seus artigos 43 e seguintes. En consecuencia, este prazo remata o vindeiro 30 de abril de 2012.

Este ano 2012 foi necesario actualizar a aplicación informática posta en marcha o pasado ano 2011 para facilitar a tramitación deste procedemento de cofinanciamento dos servizos sociais municipais, para os efectos de adaptar a súa transformación, desde o esquema anterior dun procedemento de concesión de subvencións, á súa regulación actual, ao abeiro do antedito decreto, como un procedemento de asignación de financiamento mediante transferencias finalistas. A través desta aplicación informática teñen que elaborar necesariamente os formularios para a presentación do dito proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais mediante o cal as corporacións solicítanlle financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia.

A causa de problemas técnicos e a certo retraso no desenvolvemento da aplicación informática derivado da complexidade deste procedemento, esta aplicación informática non puido estar dispoñible, o que deu lugar á publicación dunha orde para a ampliación do devandito prazo no Diario Oficial de Galicia do pasado 27 de abril (DOG núm. 81, do 27 de abril de 2012. Corrección de erros n.º 82, do 30 de abril de 2012), a Orde do 25 de abril de 2012 pola que se amplía o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no exercicio 2012.

Debido á persistencia dalgúns problemas técnicos no seu despregue, a dita aplicación informática aínda non está dispoñible, polo que, tendo en conta que o prazo ampliado está cerca de rematar, cómpre ampliar novamente o dito prazo de presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais neste exercicio 2012 para os efectos de compensar estas deficiencias e de garantir que as corporacións locais poidan entregar o seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais dentro de prazo.

Por todo anterior, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto, e en concreto para o desenvolvemento mediante orde dos aspectos procedimentais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo único.

Amplíase o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no presente exercicio orzamentario 2012 en 15 días hábiles a partir do día seguinte ao 19 de maio.

Disposición derradeira única.

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar