Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2012 Páx. 19191

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de maio de 2012 pola que se fan públicas as bases do concurso XXIV Cata dos Viños de Galicia.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten encomendadas, entre outras funcións, actividades relacionadas coa política alimentaria, dentro das cales se enmarcan as de defensa e promoción dos produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Nos últimos anos os concursos de viños experimentaron un auxe importante na súa difusión, o que sen dúbida contribúe á promoción e prestixio destes produtos entre os consumidores. Ademais, esta difusión ten efectos positivos tanto na mellora tecnolóxica da vitivinicultura coma na calidade final do produto.

O Real decreto 1679/1999, do 29 de outubro, establece as normas básicas reguladoras dos concursos de viños oficiais e oficialmente recoñecidos que teñen lugar no territorio do Estado español, así como as distincións outorgadas ás partidas ou lotes de viños que resulten premiados en tales concursos e a súa posterior utilización.

A Resolución do 21 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios (BOE n.º 314, do 30 de decembro), pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, publicou o calendario de concursos de viños que terán lugar durante o ano 2012 no territorio nacional, que inclúe os recoñecidos para a Comunidade Autónoma de Galicia, entre os que se encontra a XXIV Cata dos Viños de Galicia. As bases deste concurso foron elaboradas pola Secretaría Xeral de Medio Rural e de Montes coa colaboración dos consellos reguladores dos viños de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 5.1 do Real decreto 1679/1999, procede dar publicidade ás devanditas bases no Diario Oficial de Galicia.

Por iso, de conformidade co artigo 30.1.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria.

Convócase o concurso oficial de viños XXIV Cata dos Viños de Galicia, que se desenvolverá na Comunidade Autónoma de Galicia neste ano 2012.

Artigo 2. Bases.

As bases do concurso oficial de viños XXIV Cata dos Viños de Galicia son as que figuran no anexo desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Bases da XXIV Cata de Viños de Galicia 2012

Organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, coa colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra, terá lugar a XXIV Cata dos Viños de Galicia 2012, que consistirá nunha fase inicial de precata ou cata de selección e unha cata final.

Bases da cata

1. Nesta cata poderán participar os viños elaborados polas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das denominacións de orixe existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como os viños elaborados polas adegas produtoras de viños con indicación xeográfica protexida (viños da terra) da Comunidade Autónoma de Galicia, con produción controlada na campaña 2011. Estas indicacións xeográficas protexidas son: Val do Miño-Ourense, Betanzos e Barbanza e Iria.

2. As adegas que desexen participar cos seus viños nesta cata deberán enviar no prazo de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta orde o correspondente boletín de inscrición debidamente cuberto aos consellos reguladores en que estean inscritos. Para o caso dos viños da terra enviaranse á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, sita na avenida do Camiño Francés, 10, en Santiago de Compostela.

Os consellos reguladores certificarán que as adegas que se inscriban para participar neste concurso cumpren os requisitos e condicións establecidas nestas bases.

3. Todos os viños que se presenten á cata terán que ser da colleita do ano 2011, agás os que nalgunha das fases de elaboración estivesen en contacto con madeira que poderán ser do ano 2010.

As marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis de dous viños brancos e dous viños tintos. Non obstante, para os grupos viños de colleiteiro e viños da terra as marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis dun viño branco e un viño tinto.

Todas as mostras que se presenten a concurso corresponderán a marcas que se estean comercializando, etiquetadas segundo a normativa vixente. Todas as marcas deberán contar coa autorización de uso dos distintos consellos reguladores.

4. Non será admitido ningún participante que nos dous anos anteriores á data de presentación da solicitude fose sancionado por infracción moi grave á lexislación agroalimentaria mediante resolución firme de calquera das administracións públicas.

5. As adegas indicarán no boletín de inscrición o volume total (litros) de viño elaborado na colleita para cada marca concursante, que non deberá ser inferior a 10.000 litros. Tamén se indicará o volume de viño (litros) que forma o lote da mostra de cada marca que participará na cata-concurso. No caso das denominacións de orixe cada consello regulador certificará o cumprimento deste requisito con anterioridade ao inicio da recolla das mostras e para os viños con indicación xeográfica protexida corresponderá ao Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal).

As existencias mínimas na adega do lote concursante no momento da recolla das mostras serán de 5.000 litros, dos que cando menos 1.000 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados e contarán coa contraetiqueta do consello regulador correspondente, para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

Non obstante o establecido nos dous parágrafos anteriores, para poder participar no grupo de viños de colleiteiro, establecido no punto 13 das bases, as adegas terán unha capacidade final de elaboración e embotellamento non superior a 60.000 litros. Os viños serán de colleita propia e o volume de viño elaborado na colleita para a marca concursante non deberá ser inferior a 5.000 litros. As existencias mínimas na adega no momento da recolla das mostras do lote concursante serán de 2.500 litros, dos que cando menos 500 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados e contarán coa contraetiqueta do consello regulador correspondente para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

Para poder participar no grupo de viños da terra, o número de litros de viño elaborado na colleita para a marca concursante non será inferior a 2.500 litros, e o lote concursante deberá ter unhas existencias mínimas na adega de 1.250 litros no momento da recolla das mostras e, cando menos, 500 litros deberán estar embotellados e correctamente etiquetados para a obtención da mostra que se presente ao concurso.

A identificación e recollida das mostras será realizada pola organización, contando no caso dos viños con denominación de orixe con apoio de persoal do consello regulador de acordo co programa que previamente se estableza.

Para compoñer a mostra elixiranse ao chou seis botellas do lote concursante. Un representante da organización e un representante da adega asinarán na etiqueta de cada unha das botellas.

Unha das botellas da mostra quedará na adega e as cinco restantes, unha vez envoltas en material opaco, introduciranse nas caixas que se precintarán e selarán cun selo oficial.

No exterior da caixa figurará unicamente o nome da denominación de orixe ou as mencións viño de colleiteiro ou viño da terra e se o viño é branco ou tinto, e serán transportadas ata o lugar da cata-concurso onde permanecerán depositadas e debidamente precintadas ata a realización desta.

Da recolla de mostras levantarase a correspondente acta, na cal asinarán un representante da industria e outro da organización.

6. Para a supervisión da cata existirá un xurado, presidido polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, e actuarán como secretario un funcionario da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria e, como vogais, ata un máximo de cinco representantes dos consellos reguladores.

7. Para a cualificación dos viños contarase cun panel de catadores, formado por un máximo de 12 expertos na análise sensorial, procedentes de asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, consellos reguladores dos viños, restauración, distribución e medios de comunicación especializados de Galicia e do resto do territorio español.

Para as catas de selección, e en razón do número de mostras, constituiranse varios paneis de expertos. Cada un deles contará, en todo momento, co material e elementos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo de cata.

8. Empregarase o tipo de fichas oficiais aprobadas pola O.I.V.-U.I.O.E. e as súas normas de aplicación. Para a puntuación de cada viño obterase a media das puntuacións individuais dadas polos catadores que compoñen o panel de cata, desprezando previamente as puntuacións extremas. Nos casos de empate calcularíase a mediana para determinar a mostra seleccionada.

9. O secretario e dous membros do xurado de cata comprobarán as actas de recolla e os precintos das caixas almacenadas e procederán a numeralas de forma correlativa por tipo de viño e denominación de orixe. A continuación procederase á apertura das caixas, das que se extraerán dúas botellas que se numerarán co mesmo número da caixa. Cada caixa, en que quedarán tres botellas, será precintada de novo, e permanecerá convenientemente custodiada.

As dúas botellas numeradas por mostra para a cata de selección pasarán aos refrixeradores onde permanecerán debidamente pechadas e precintadas ata o momento de iniciarse a cata de selección. Se neste acto de numeración de caixas e botellas aparecese algunha marca ou sinal que poida permitir a súa identificación, a mostra sería anulada.

10. Os viños cataranse por cada grupo, por tipo e por series, realizando os descansos precisos, ata a conclusión da análise sensorial das mostras.

O número máximo de viños seleccionados que pasarán á cata final será de seis para cada un dos grupos e tipos definidos no punto 13 destas bases.

Establecidos polo xurado os viños seleccionados nas precatas, o secretario procederá a separalos dándolles un novo número correlativo dentro de cada grupo e tipo, pasando a continuación aos refrixeradores que deberán estar totalmente baleiros e nos que, debidamente pechados e precintados, permanecerán ata a iniciación das catas finais.

11. As catas finais realizaranse seguindo as mesmas normas establecidas para as catas de selección.

Finalizada a cata-concurso, o secretario do xurado de cata procederá a identificar os viños premiados, tomando nota por escrito das marcas e adegas premiadas, e introducindo o documento cos citados datos en sobre pechado e lacrado. Este sobre será aberto no momento da entrega dos premios, permanecendo mentres tanto en poder do secretario do xurado.

12. O xurado desta cata-concurso coidará especialmente que se conserve en todo momento o anonimato das mostras. O seu ditame nos premios será inapelable.

A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, ao que se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada.

13. Tanto para as catas de selección como para as catas finais establécense os grupos ou categorías seguintes:

Denominación de Orixe Monterrei.

Denominación de Orixe Rías Baixas.

Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Denominación de Orixe Ribeiro.

Denominación de Orixe Valdeorras.

Viños de colleiteiro.

Viños con indicación xeográfica (viños da terra).

Dentro de cada un destes grupos diferenciaranse dous tipos: viño branco e viño tinto.

Se nalgunha das categorías non se contase cun mínimo de 5 mostras para a cata, esta non terá lugar.

14. Nesta XXIV Cata dos Viños de Galicia establécense os seguintes premios:

Mellor viño branco de Galicia e mellor viño tinto de Galicia.

Para a selección destes dous premios realizarase unha cata final cos viños brancos e tintos mellor puntuados en cada denominación.

Entregarase un trofeo e un diploma acreditativos para o viño branco e o viño tinto que resulten mellor puntuados na cata final arriba mencionada.

A continuación, e para cada denominación de orixe de viños de Galicia, outorgaranse tres premios (trofeo e diploma acreditativo do posto acadado) aos tres viños mellor puntuados, coa exclusión, se é o caso, dos premiados como mellor branco e mellor tinto de Galicia, así como diplomas para o resto dos finalistas en cada categoría.

Para o grupo viños de colleiteiro outorgarase premio para o mellor viño branco e mellor viño tinto de colleiteiro de todas as denominacións. Non obstante o anterior, se o número de mostras presentadas nalgún dos tipos (branco ou tinto) superase as 15, outorgaranse dous premios, e tres premios no caso de se superaren as 25 mostras.

As adegas que se inscriban para participar na categoría de viños de colleiteiro quedarán excluídas de concursar e optar a premios nas outras categorías do concurso.

Para o grupo viños da terra outorgarase premio para o mellor viño da terra de todas as indicacións xeográficas.

15. Todos os participantes nesta XXIV Cata dos Viños de Galicia comprométense a acatar as presentes bases de cata.

16. O secretario xeral de Medio Rural e Montes ditará cantas instrucións sexan necesarias de cara ao correcto desenvolvemento desta XXIV Cata dos Viños de Galicia.

missing image file