Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 23 de maio de 2012 Páx. 19383

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de maio de 2012 pola que se determinan as distincións e recompensas que se concederán ao persoal dos corpos de policía local durante o ano 2012.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte con esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a placa colectiva e a placa individual, así como a medalla ao mérito da policía local.

De acordo co anterior procedeuse a estudar por parte da unidade directiva competente en materia de coordinación as propostas achegadas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión destas distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, foron amplamente documentadas, informadas e avaliadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ditame desta consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 98 e pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, antes citado, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 14 de maio de 2012, ao abeiro do disposto no artigo 17.1.º a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar de acordo co previsto no artigo 99.5 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a relación de persoas propostas como candidatas á Placa Individual ao Mérito da Policía Local, ás cales se lles outorga esta distinción.

2. Publicar esta relación no anexo a esta orde:

Anexo. Concesión da Placa Individual ao Mérito da Policía Local.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Concesión da Placa Individual ao Mérito da Policía Local aos policías locais María del Carmen Martínez Fernández e Antonio Carbajal González, do corpo de Policía Local do Concello do Carballiño.

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Placa Individual ao Mérito da Policía Local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na reunión do 14 de maio de 2012, e logo de avaliar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolveu conceder a Placa Individual ao Mérito da Policía Local, pola súa intervención nun acto de servizo, evidenciando un sobresaliente e excepcional valor, con risco grave e inminente para as propias vidas, aos policías locais do Concello do Carballiño María del Carmen Martínez Fernández e Antonio Carbajal González.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e darase conta ao Concello do Carballiño para os efectos do seu expediente persoal.