Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20018

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convocan, para o ano 2012, as axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero establece, no seu artigo 27, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.

En aplicación da disposición derradeira cuarta desta lei aprobouse o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, e que se xustifica na necesidade de concretar os factores que inflúen na capacidade de inserción profesional das mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén nas posibilidades de modulación da contía da axuda en atención ás distintas circunstancias en que se poden encontrar as vítimas. Estas axudas fináncianse con cargo aos orzamentos xerais do Estado, polo que o importe dos pagamentos será reembolsado polo ministerio competente na súa integridade; non obstante, a concesión correspóndelle ás administracións competentes en materia de servizos sociais. Así, o artigo 40 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, determina que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas que se definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero.

Por outra banda, o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, indica que a Xunta de Galicia concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados, e que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento implique unha situación de precariedade económica.

O Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior dependente desta. De acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 215/2010, do 16 de decembro, e polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro, e polo Decreto 82/2012, do 23 de febreiro, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da violencia de xénero.

A través da Resolución do 8 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, publicada no Diario Oficial de Galicia número 49, do 11 de marzo de 2011, aprobáronse as bases reguladoras, e convocáronse para o ano 2011, as axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Mediante esta resolución procédese a convocar para o ano 2012 as axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, réxime e finalidade.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o ano 2012, as axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

2. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, tendo en conta en todo caso os principios recollidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A finalidade das axudas establecidas na antedita Lei orgánica é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; a das indemnizacións previstas na Lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

4. A convocatoria rexerase polas bases reguladoras recollidas na Resolución do 8 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (Diario Oficial de Galicia núm. 49, do 11 de marzo).

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2012 no caso da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2012 para a indemnización recollida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

O formulario da solicitude así como os demais formularios normalizados referidos nas bases reguladoras e que figuran como anexos desta resolución estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es

As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Para a presentación electrónica a solicitante deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia no artigo 4 das bases reguladoras da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais do formato electrónico admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no edificio administrativo de San Lázaro s/n en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Orzamento.

Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:

–Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 300.000 euros na aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.2.

–Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 45.000 euros na aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.1.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4. Contía das axudas.

1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

1.1. O importe desta axuda será, con carácter xeral, equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.

1.2. O importe desta axuda será equivalente a doce meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido/a.

b) Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, tivese unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

1.3. O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou a persoa dependente.

1.4. O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou algunha das persoas dependentes.

b) Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva tivese recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65%.

2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A contía da indemnización a aboar será, sen prexuízo do disposto no seguinte parágrafo, a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a este.

A contía máxima da indemnización establécese en 6.000 euros por cada persoa beneficiaria.

Artigo 5. Instrución e resolución.

A instrución e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 95 76 99 no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición adicional primeira.

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda.

A Secretaría Xeral da Igualdade instará a tramitación das modificacións orzamentarias necesarias para recoñecer as obrigas e realizar os pagamentos correspondentes ás axudas aprobadas en cumprimento do disposto no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Disposición adicional terceira.

As solicitudes recibidas no prazo establecido na Resolución do 8 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Disposición derradeira primeira.

Para os efectos desta convocatoria substitúense os formularios normalizados de solicitude publicados como anexos na Resolución do 8 de marzo de 2011.

Disposición derradeira segunda.

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira terceira.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2012.

P.D.S. (Resolución 18.5.2012)
Fe Alvedro Riveiro
Subdirectora xeral de Xestión Técnico-Administrativa e Orzamentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file