Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20750

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de maio de 2012 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Cheque infantil, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23.º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3, como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, darlles protección e oportunidades sociais e educativas aos menores de idade.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Secretaría Xeral de Política Social, entre outras competencias, as de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.08.312B.481.0, recollida na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. Dado que este programa se estende na súa execución a parte do ano 2013 trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá á cantidade de 511.461 euros na anualidade de 2012 e de 1.193.409 euros na anualidade de 2013, correspondente ao curso 2012/2013.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación do proceso de concesión de axudas económicas e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención de nenas/os de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Tipo de axuda.

1. A axuda convocada consiste nunha cantidade para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos, ás persoas solicitantes con nenas/os entre 0 e 3 anos a cargo, por un período máximo de 11 meses.

2. A contía da axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, non podendo superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Atención educativa

Atención educativa
con comedor

Contía máxima
mensual de axuda
por praza

Contía máxima
mensual de axuda
por praza

Inferior ao 30% do IPREM

De 0 a 159,74 €

180,00 €

250,00 €

Entre o 30% e inferior ao 50% do IPREM

De 159,75 a 266,25 €

180,00 €

233,00 €

Entre o 50% e inferior ao 75% do IPREM

De 266,26 a 399,37 €

147,00 €

200,00 €

Entre o 75% e inferior ao 100% do IPREM

De 399,38 a 532,50 €

115,00 €

159,00 €

Entre o 100% e inferior ao 125% do IPREM

De 532,51 a 665,63 €

75,00 €

109,00 €

Entre o 125% e inferior ao 150% do IPREM

De 665,64 a 798,76 €

55,00 €

74,00 €

Entre o 150% do IPREM e 1.000 €

De 798,77 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

No caso de media xornada a contía da axuda reducirase nun 50%, segundo corresponda en función do tipo de asistencia (con ou sen comedor).

3. Para os efectos desta orde, considérase que as/os nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 3. Persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

1.1. Renovación de praza.

Co obxecto de dar continuidade á escolarización das nenas e dos nenos do curso 2011/2012, terán preferencia para a concesión das axudas previstas nesta orde as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos que no dito curso tiveran recoñecida esta axuda. En todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria e renovar a praza do curso anterior.

1.2. Novas solicitudes.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias da axuda a través do programa Cheque infantil, as persoas con responsabilidade sobre nenas/os de 0 a 3 anos:

a) Solicitantes de prazas, nas modalidades de atención educativa e atención educativa con comedor, en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que non resultaran adxudicatarias/os dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Consideraranse solicitantes sempre que exercesen a opción polo programa Cheque infantil na solicitude da praza. Neste caso, estas persoas solicitantes en lista de agarda, non terán que presentar a solicitude da axuda regulada nesta orde.

b) Solicitantes residentes en localidades onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e desexen obter a axuda para unha praza nas modalidades de atención educativa ou atención educativa con comedor, nalgún centro privado existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen as/os nais/pais ou titores legais. Neste suposto, deberán presentar a solicitude e a documentación correspondente de acordo co establecido no artigo 6.2 desta orde.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta de Galicia, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á primeira infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

3. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitantes que optaran polo programa do Cheque infantil, deberán remitila á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar xunto cunha certificación da puntuación acadada por cada epígrafe do baremo e a renda per cápita da unidade familiar, antes do 22 de xuño. A dita remisión de información virá acompañada de xeito complementario polo seu envío mediante medios telemáticos a través da ferramenta ou do formato de arquivo que a Consellería comunique ás entidades. Se no prazo establecido non se presentaran as listas de agarda dos centros sostidos con fondos públicos non se procederá á súa tramitación.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias e dos centros.

1. Para ser persoa beneficiaria das axudas as/os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter unha/un nena/o a cargo nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2009.

b) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

2. Os centros a que acudan as persoas beneficiarias deberán contar coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG 20.1.2012).

Artigo 5. Renda per cápita mensual.

Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2010.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formara parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Solicitudes e documentación.

1. Solicitudes de axuda para a renovación de praza.

Aquelas/es beneficiarias/os que no curso 2011/2012 gozasen da axuda do programa Cheque infantil e continúen interesados na praza do ano anterior, deberán presentar a solicitude que figura como anexo I a esta orde, marcando a opción que corresponda.

A esta solicitude xuntarase a documentación a que se refiren os puntos 6.2.d) e 6.2.e), así como a demais documentación no caso de producirse cambios nas circunstancias familiares.

2. Novas solicitudes de axuda.

No caso das/dos interesadas/os que se atopen no suposto do artigo 3.1.2.b), as peticións de axuda presentaranse mediante solicitude segundo o modelo oficial anexo I, marcando a opción que corresponda, subscrita polas/os nais/pais ou representantes legais das/os nenas/os. A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade. Para que o seu cónxuxe ou parella autorice a Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade, deberá presentar o anexo IV asinado. No caso de que o solicitante e/ou o seu cónxuxe ou parella non queiran dar esta autorización, terán que achegar a copia dos ditos documentos.

Xunto á solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Datos complementarios (anexo II).

b) No caso de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, declaración responsable do/a solicitante (anexo V) ou, no caso de dispor del, informe do equipo de valoración e orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da Administración local ou autonómica ou órganos competentes da Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas, sobre a súa necesidade de integración.

c) Fotocopia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Declaración responsable de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas ou entidades privadas ou, de ser o caso, relación das solicitadas (anexo III).

e) Xustificación de ingresos:

A presentación da solicitude comportará a autorización á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar para solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, tal e como se establece no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Do mesmo xeito, tamén é necesaria a autorización expresa do seu cónxuxe ou parella, para o cal deberá asinar o modelo do anexo IV. No caso de non prestar autorización deberán achegar, xunto coa solicitude, copia cotexada da declaración do IRPF ou certificado emitido pola Axencia Tributaria relativo ao ano 2010.

Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica actual.

f) Outros documentos, se procede, en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– Responsabilidades familiares, no caso de que existan membros que, non formando parte da unidade familiar, estean ao seu cargo.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia alegado polos membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado médico no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar.

– Xustificante de ocupación ou de desemprego (últimas nóminas, vida laboral, certificación de empresa, último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no caso de traballadores autónomos ou certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes) da nai, pai, titora ou titor legal.

– Condición de familia monoparental, entendida como a unidade familiar definida no artigo 5.c), acreditada mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia, sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución xudicial sobre as medidas paterno-filiais.

– Ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.

– Familia numerosa.

g) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

– Calquera outra forma establecida regulamentariamente.

h) De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas na letra f), poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a xefatura territorial correspondente requirirá a/o solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, considerarase que desistiu da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixidas á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a/o solicitante, presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda será dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. No caso das/dos posibles beneficiarias/os do artigo 3.1.2.a) non será precisa a presentación de solicitudes, considerándose como interesadas/os desde o momento en que, formando parte das listas de agarda definitivas en centros sostidos con fondos públicos, exercesen a opción polo programa Cheque infantil.

Artigo 8. Tramitación e avaliación das solicitudes.

1. Os servizos de Familia e Menores das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar serán os órganos responsables da tramitación dos expedientes.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada pola comisión de avaliación, que se constituirá en cada xefatura territorial.

3. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

– Presidencia: a/o xefa/e do Servizo de Familia e Menores, ou persoa que o substitúa.

– Vogais: tres persoas traballadoras da respectiva xefatura territorial, nomeadas pola/o xefa/e territorial competente na materia, unha das cales actuará como secretaria, cos seus respectivos suplentes.

A esta comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha/un representante da intervención competente.

Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes.

1. As comisións de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado e unha vez comprobado que reúnen os requisitos establecidos no artigo 4, elaborará a relación priorizada de persoas beneficiarias segundo os seguintes criterios:

a) Persoas beneficiarias no ano anterior e que pola súa vez opten por solicitar a axuda para renovar a praza do curso 2011/2012.

b) O resto das peticións que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4 serán avaliadas de acordo co baremo publicado na Orde do 24 de febreiro de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2012/2013 (DOG n.º 42, do 29.2.2012).

Unha vez avaliadas as solicitudes, as comisións territoriais de avaliación emitirán informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Servizo de Familia e Menores elaborará a relación provisional de beneficiarios/as na cal constará a contía da axuda, coa seguinte orde de prelación:

a) Solicitantes de axuda para renovar a praza do ano anterior (sen indicación de puntuación).

b) Resto de beneficiarios (ordenada pola puntuación obtida).

3. O Servizo de Familia e Menores elevará o informe, xunto coas propostas de resolución, ao órgano competente para resolver propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola/o interesada/o, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Na proposta de resolución figurará a relación de beneficiarias/os ordenados segundo os criterios indicados no punto 2, co importe da axuda concedida.

As persoas que non obtivesen axuda pasarán a formar parte dunha lista de agarda segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo.

5. Con posterioridade á primeira, poderanse realizar novas propostas de concesión de axudas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e respectando a orde da lista de agarda, sen necesidade de que se reúna de novo a comisión de avaliación.

A/o solicitante que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluído da lista de agarda a que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 10. Resolución.

1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta do Servizo de Familia e Menores, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles por delegación ás/aos xefas/es territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. As/os xefas/es territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, á vista da proposta que lles foi elevada, ditarán a resolución pertinente, en que se fixarán os termos da axuda. O seu contido seralles notificado ás/aos interesadas/os de acordo co establecido no artigo 58.2.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte á data da publicación da presente orde, transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11. Procedemento de materialización da axuda e xustificación.

1. Notificada a resolución, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días para presentar na xefatura territorial correspondente orixinal ou copia cotexada do impreso de matrícula no centro a onde vaia acudir a nena ou neno, en que deberá constar o horario de asistencia, a data de comezo e o importe da mensualidade desagregada por conceptos.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O primeiro pagamento realizarase logo da presentación da seguinte documentación:

– Orixinal ou copia cotexada do recibo mensual emitido polo centro con indicación da cota aboada e servizos a que corresponde.

– Declaración de non percibir outras axudas para o mesmo concepto, ou de percibilas coa indicación da súa contía (anexo III).

– Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social (anexo VI).

– Número da conta corrente en que se ingresará a axuda.

4. As familias beneficiarias deberán xustificar cuadrimestralmente que durante este período mantiveron os requisitos para o desfrute da axuda concedida e que utilizaron o servizo a que está vinculada, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden. A xustificación consistirá na presentación dos recibos mensuais emitidos polo centro, declaración responsable de non percibir axudas para o mesmo concepto (anexo III) e declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social (anexo VI). Esta xustificación deberá realizarse nos cinco primeiros días do mes seguinte ao do vencemento de cada período.

Artigo 12. Baixas.

Serán causas de baixa no programa Cheque infantil, o que suporá a perda da axuda, algunha das circunstancias seguintes:

1. Non presentar o documento acreditativo de ter efectuada a matrícula no centro elixido.

2. Non presentar a documentación xustificativa relacionada nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

3. A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 14. Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Disposición adicional primeira.

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de competencias nas/nos xefas/es territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional quinta.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos nas solicitudes incorporaranse a un ficheiro baixo a responsabilidade da Consellería de Traballo e Benestar, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica. Edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a secretaria xeral de Política Social para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file