Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20826

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo sobre xestión das listaxes de vinculacións temporais de curta duración nas institucións sanitarias deste organismo.

O pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (DOG n.º 89, do 9 de maio de 2011) prevé, no seu punto II.8, os nomeamentos de curta duración que se realizarán, con obxecto de daren cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a 4 días.

As categorías en que se oferta a posibilidade de vinculacións de curta duración son as que figuran no propio pacto: enfermeiro/a, TCAE, celador/a, pinche, sen prexuízo doutras que, nun momento posterior, poida acordar a comisión central de seguimento do pacto.

De conformidade co disposto no pacto sobre selección temporal, as listas elaboraranse por centro ou complexo, agás na categoría de enfermeiro/a. Nesta última categoría, confeccionaranse dúas listas por área sanitaria e, se é o caso, zonificación, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e especializada comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición, indicando o ámbito de prestación de servizos polo que optan, nos termos que se sinalan no parágrafo anterior. Cada persoa aspirante só poderá inscribirse nunha lista de curta duración por categoría/área.

Os centros ou complexos interesados nas ditas listas, logo do seu tratamento na xunta de persoal da área respectiva, farán a oportuna proposta á comisión central de seguimento do pacto, que resolverá sobre a súa pertinencia e o número de aspirantes que proceda incluír, en atención ás circunstancias concorrentes e ás necesidades reais de vinculación manifestadas por aqueles.

Co obxecto de desenvolver a nova regulamentación das listaxes de vinculacións temporais de curta duración, por mor das importantes modificacións do pacto actual con respecto ao pacto anterior, revísase e substitúese polos seguintes criterios a Instrución 2/2005, do 30 de marzo (DOG n.º 73, do 18 de abril); esta Dirección de Recursos Humanos, logo do acordo acadado no seo da comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal do 9 de maio de 2012, en uso das competencias conferidas no Decreto 311/2009, do 28 de maio (DOG n.º 109, do 5 de xuño), polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, resolver publicar o acordo sobre os citados criterios,

Acordo:

Primeiro. Ámbito de aplicación e obxecto.

Estes criterios teñen por obxecto establecer as pautas de actuación da lista prevista no punto II.8 (nomeamentos de curta duración) do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Segundo. Regulamentación da orde de chamamentos de aspirantes.

2.1. Os/as aspirantes poderán figurar como titulares ou reservas, no número que se determine coa publicación das listaxes provisionais. Os aspirantes que figuren como titulares serán chamados de xeito rotatorio, segundo a súa orde de prelación nas listaxes.

2.2. Nos chamamentos para vinculacións de curta duración e/ou de carácter urxente, efectuaranse dúas chamadas. Se realizadas estas, non se contactase coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

A persoa localizada deberá comunicar a aceptación do nomeamento proposto no momento do chamamento, agás en supostos excepcionais en que, por criterio do órgano que efectúe o chamamento e sempre que medie un prazo de antelación suficiente ao inicio da vinculación, ese prazo pode ser ampliado.

A falta de confirmación pola persoa aspirante nos prazos indicados, así como o rexeitamento ao nomeamento proposto sen causa xustificada, penalizarase nos termos dispostos na cláusula IV do pacto.

2.3. A incorporación da persoa aspirante a unha lista especial para nomeamentos de curta duración non impedirá o seu chamamento para as vinculacións de duración igual ou superior a tres meses que lle correspondan pola orde de prelación que ocupe na lista ordinaria.

Terceiro. Número máximo total de días de vinculación.

As vinculacións que se subscriban mensualmente con cada aspirante chamado pola listaxe de curta duración non poderán exceder os 4 días, en cómputo máximo de 12 días por mes.

Despois de acadado tal límite de 12 días cada mes, o/a aspirante será suspendido/a para chamamentos en virtude da listaxe de curta duración nese mes, e será chamado cando lle corresponda, polo seu número de orde, pola listaxe xeral para contratos superiores a tres meses. O suposto de suspensión por exceso de tempo dun titular non suporá a inclusión dun aspirante reserva no seu lugar.

Cuarto. Suspensión de chamamentos.

4.1. Procederá a suspensión de chamamentos por solicitude dos interesados, e sen penalización nos supostos previstos na norma III.4.1. do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, con expresión da causa xustificada. A devandita causa deberá ser comunicada e acreditada debidamente a súa concorrencia ante o órgano competente para efectuar o chamamento, no momento en que se produza a circunstancia alegada; en todo caso, con anterioridade á formalización do nomeamento. A suspensión de chamamentos estenderase a todas as listaxes en que figure inscrita a persoa aspirante. Como excepción, as persoas aspirantes que, figurando nas listaxes especiais de curta duración previstas no punto II.8 do pacto, acrediten a concorrencia sobrevida do suposto recollido no punto III.4.1.a) e j) do pacto, poderán solicitar a suspensión de chamamentos sen penalización para nomeamentos de curta duración, manténdose como dispoñibles para nomeamentos correspondentes á listaxe xeral da respectiva categoría.

4.2. A suspensión de chamamentos manterase ata que a persoa interesada comunique a súa dispoñibilidade, alegando o remate da causa de suspensión e sexa aceptada a súa reposición na lista.

Para tal efecto, a persoa interesada deberá presentar solicitude de reposición ante o órgano competente para efectuar o chamamento.

4.3. As reposicións en lista derivadas das solicitudes presentadas entre o día 1 e 15 de cada mes activaranse con efectos do día 1 do mes seguinte, e as presentadas entre o día 16 e o derradeiro día de cada mes faranse efectivas o día 15 do mes seguinte.

Informarase a respectiva comisión periférica de seguimento do pacto das suspensións e reposicións en lista que se acorden.

Quinto. Nomeamentos.

5.1. O chamamento das persoas aspirantes incluídas nas listaxes especiais para nomeamentos de curta duración previstas na cláusula II.8 do pacto levarao a cabo o órgano da estrutura de xestión integrada, con competencias en materia de recursos humanos, que determine a respectiva xerencia, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acadada por aquelas e de xeito rotatorio entre as persoas que figuren como titulares na listaxe correspondente.

Transitoriamente, mentres non se desenvolvan as estruturas de xestión integrada no respectivo ámbito, o chamamento continuarán a efectualo as unidades que determinen as direccións xerencias de atención primaria e especializada.

5.2. Cada nomeamento que se expida a favor das persoas aspirantes incluídas nas citadas listaxes non poderá exceder os 4 días. O número máximo total de días de vinculación por persoa aspirante e mes non será superior a doce.

Sexto. Penalizacións.

6.1. As renuncias a ofertas de vinculacións polas listaxes de curta duración terán o mesmo tratamento que as renuncias pola listaxe xeral, e seranlles de aplicación as penalizacións previstas no punto IV do pacto sobre selección temporal, que son as relativas a renuncia, non superación do período de proba e incumprimentos graves.

6.2. A penalización terá unha duración dun ano e será comunicada, en canto se produza, a persoa interesada e a respectiva comisión periférica de seguimento do pacto.

Sétimo. Listaxes de vinculacións de curta duración. Titulares e reservas.

O número de aspirantes titulares determinado na publicación das listaxes provisionais non poderá ser ampliado sen tratamento previo e acordo no seo da comisión central de seguimento do pacto sobre selección temporal.

7.1. Titulares.

A determinación do número de persoas que deben configurar a listaxe de curta por cada ámbito convocado farase logo de proposta dos centros respectivos, tras o tratamento na xunta de persoal e con resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, despois do acordo na comisión central.

Non computarán no número anterior as persoas suspendidas de chamamentos nas listaxes de curta duración por seren aspirantes que figuran como titulares e que no momento da súa publicación teñan vínculos de longa duración vixentes. No intre en que perdan o vínculo de longa duración serán repostos nas listaxes de curta duración correspondentes. Nese intre pasarán a reservas as persoas de lista de curta duración con menor puntuación, co fin de manter o número de titulares e a súa rotación.

7.2. Reservas.

En caso de indispoñibilidade ou esgotamento de aspirantes determinados como titulares na listaxe principal de curta duración, efectuaranse os chamamentos pola listaxe de reserva. O número de reservas será determinado da mesma forma que o número de titulares.

Os reservas pasarán a ser titulares cando algún deles cause baixa por penalización, renuncia ou suspensión xustificada. En caso de reincorporación do titular, pasará a reserva a persoa con menor puntuación.

A comisión periférica de seguimento do pacto do respectivo ámbito será informada da situación desta indispoñibilidade de aspirantes na listaxe xeral, que deberá ser debidamente acreditada polo órgano que teña atribuída a competencia na xestión da devandita listaxe.

Oitavo. Seguimento dos nomeamentos de curta duración.

Nas reunións mensuais que se fagan nas comisións periféricas de área integrada de seguimento do pacto incluirase na orde do día o seguimento da xestión das listaxes de curta duración.

Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura de xestión integrada e mentres non se implante esta, as comisións periféricas de seguimento do pacto continuarán a ser de ámbito provincial.

A estas reunións serán convocados os representantes das xerencias, que informarán das incidencias e xestión das listaxes de vinculacións de curta duración.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2012.

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos