Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2012 Páx. 22158

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se procede a convocar axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2012 (código de procedemento PR852A).

En cumprimento do disposto no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, polo que se regulan as axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, modificado polo Decreto 96/2004, do 13 de maio, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión radicadas en Galicia para o ano 2012, de acordo coas súas bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 16 de maio de 2012, da Secretaría Xeral de Medios (DOG núm. 97, do 23 de maio).

Artigo 2. Solicitudes

1. Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta resolución poderaos obter, cubrir, validar e imprimir facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR852A na páxina web oficial http://medios.xunta.es/axudas-e-subvencions

A presentación de solicitudes farase en soporte papel no correspondente rexistro ou en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, logo de obter e cubrir os formularios de acordo co establecido nesta resolución.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. As solicitudes, en formato papel, dirixidas ao secretario xeral de Medios, presentaranse preferentemente no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, Santiago de Compostela (A Coruña).

Poderán, así mesmo, presentarse por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. De acordo co establecido nas bases as solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante ou persoa que a represente, que deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 8 das bases reguladoras.

5. De acordo co artigo 8 das bases reguladoras as solicitudes de axuda deberanse presentar acompañadas da documentación correspondente, utilizando os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nas propias bases:

a) Modelo anexo I. Solicitude de axuda.

b) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

c) Modelo anexo III. Declaración responsable da porcentaxe de publicacións encamiñadas a normalización e difusión da identidade de Galicia.

d) Modelo anexo IV. Declaración responsable de compromisos futuros.

Artigo 3. Financiamento

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.30.461A.470.1, por importe de 1.420.035 euros, e 04.30.151A.470.1, por importe de 300.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos para o exercicio 2012 efectuarase do seguinte xeito:

– Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos: 1.320.035 €.

– Axudas a empresas radiofónicas privadas: 300.000 €.

– Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet: 100.000 €.

Artigo 4. Distribución do crédito total entre os criterios de valoración das solicitudes

I) Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos.

a) Criterio referido á difusión de exemplares. Distribuirase segundo este criterio o 65% do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total.

c) Criterio referido á porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións encamiñadas á normalización da lingua galega e á difusión da identidade e cultura de Galicia. Distribuirase segundo este criterio o 5% do crédito total.

II) Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Criterio referido ao número de oíntes. Distribuirase segundo este criterio o 70% do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total.

III) Axudas a empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet o calquera outra nova tecnoloxía da comunicación.

a) Criterio referido ao número de visitas. Distribuirase segundo este criterio o 70% do crédito total.

b) Criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio. Distribuirase segundo este criterio o 30% do crédito total.

Artigo 5. Composición da comisión de valoración

1. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

Presidenta: a directora xeral de Comunicación.

Vogais:

– O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con categoría non inferior á de xefe de servizo.

– Un funcionario proposto pola Secretaría Xeral de Política Lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios.

Artigo 6. Xustificación e pagamento

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación que se establece no artigo 14 das bases reguladoras. Utilizaranse os modelos normalizados seguintes e que figuran como anexos numéricos nas propias bases:

a) Modelo anexo II. Declaración responsable acreditativa de requisitos e doutras axudas.

b) Modelo anexo IV. Declaración responsable de compromisos futuros.

c) Modelo anexo V. Declaración responsable acreditativa da titularidade de conta bancaria.

Artigo 7. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2012

Alfonso Cabaleiro Durán
Secretario xeral de Medios