Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2012 Páx. 22265

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 5 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2012 e 2013.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e a asunción das funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directrices de emprego da Unión Europea e os plans nacionais de acción para o emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información, a formación, a orientación profesional e a práctica laboral.

Con este obxectivo, a Consellería de Traballo e Benestar articulou programas experimentais de emprego dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

A Orde TAS/2643/2003, do 18 de setembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, sinala na súa disposición adicional que «as comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, o emprego e a formación exercerán as funcións que a presente orde atribúe a aquel e que lle correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspaso... de acordo coas particularidades derivadas da organización propia delas».

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio de competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional, intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto e co fin de aumentar as posibilidades de inserción laboral en Galicia establécese unha vía de colaboración dirixida á incorporación ao mercado de traballo de demandantes inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, márcanse obxectivos cuantificados e responsabilízase deles a entidades colaboradoras a través da concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas integrados para o emprego. Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas, tanto á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción, como a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tales como as comprendidas nos Programas Impulsa de Lugo e Ourense, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia. Para iso resulta necesario contar coa colaboración, neste caso, das entidades sen ánimo de lucro e das entidades locais para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa comunidade autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

O Acordo do Diálogo Social en Galicia, asinado o 30 de xullo de 2010, recolle como obxectivo facilitar a inserción das persoas desempregadas a través das políticas activas de emprego para contribuír a acadar emprego, estable e de calidade.

Por outra banda e co obxectivo de favorecer a inserción laboral e o mantemento da vida activa daquelas persoas traballadoras que pasaron a unha situación de desemprego como consecuencia dunha situación de crise empresarial, favorecerase a posta en marcha de programas de emprego especificamente destinados ás ditas persoas.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 12.05.322B.481.2 e 12.05.322B.460.2, código de proxecto 2012 00667, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, e mobilidade xeográfica.

Nestes programas estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego participantes neles.

Artigo 2. Financiamento.

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas: 12.05.322B.460.2 e 12.05.322B.481.2, código de proxecto 2012 00667, polos importes de 423.725 euros e 568.916 euros, respectivamente, na anualidade 2012 e 423.725 euros e 568.916 euros, respectivamente, na anualidade 2013, correspondentes a fondos finalistas transferidos. Os devanditos programas de gasto figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Tipos de programas.

A) Programas integrados para persoas desempregadas, preferentemente perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego e pertencentes aos seguintes colectivos prioritarios:

a) Persoas con discapacidade.

b) Persoas desempregadas en risco de exclusión social.

c) Mulleres (especialmente as que acrediten a condición de vítimas de violencia).

d) Menores de 30 anos.

e) Persoas desempregadas de longa duración (especialmente os maiores de 45 anos).

f) Persoas inmigrantes.

g) Persoas desempregadas como consecuencia dunha crise empresarial, que provoque a extinción da relación laboral por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores e no artigo 64 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

Todos eles deberán figurar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e, polo menos, o 60 por cento deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego. Esta porcentaxe reducirase en proporción ao número de persoas beneficiarias de prestacións ou subsidios inscritos como demandantes de emprego no ámbito de actuación en que se vaia desenvolver o plan.

O obxectivo de inserción laboral para este colectivo de persoas beneficiarias deberá ser, polo menos, do 35 por cento dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

B) Programas integrados para persoas desempregadas admitidas ao programa da renda activa de inserción e que subscribisen o compromiso de actividade ou perceptoras da renda de integración social de Galicia.

O obxectivo de inserción laboral para este colectivo de persoas beneficiarias deberá ser, polo menos, do 30 por cento dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

En ambos os dous casos o número mínimo de persoas desempregadas que se atenderá no programa integrado para o emprego será de 60. O Servizo Público de Emprego seleccionará, mediante un procedemento de selección específico para estes programas, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a eles. A entidade beneficiaria poderá participar no proceso de selección.

Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se acadou cando, durante o prazo de execución do programa, a persoa desempregada participante sexa contratada como traballador ou traballadora por conta allea por unha duración non inferior a seis meses ou se acredite a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia por un período mínimo dun ano. Non obstante, na correspondente resolución de concesión poderase adecuar a definición desta inserción por conta allea, en función de circunstancias como a actividade profesional que desenvolverá o traballador insertado ou a súa pertenza a colectivos de persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción.

O prazo de execución dos programas integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

Artigo 4. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) As deputacións provinciais.

b) Os concellos que, por si sos ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2011 superior a 500 persoas.

c) As mancomunidades, consorcios ou calquera outra forma de agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos.

d) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes. Prazo.

1. A presentación da solicitude poderá facerse por vía escrita ou por vía telemática:

A) Vía escrita:

Formalizarase a correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, e dirixida á Dirección Xeral de Formación e Colocación. Poderase presentar na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Vía telemática:

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet: http://www.xunta.es/servizos, ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

As persoas solicitantes deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509. V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Real Casa da Moeda, ou DNI electrónico.

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os extremos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude e que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de petición dela, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta convocatoria, atópanse á disposición dos interesados, na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas-integrados).

2. A presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude de subvención e a sinatura do anexo I a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderanse exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Consellería de Facenda.

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Documentación.

1. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación (en formato papel ou mediante copia dixitalizada):

a) Memoria explicativa do proxecto, no modelo que se publica como anexo II, e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

– Denominación do programa ou proxecto.

– Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen e atenda aos distintos tipos e programas onde se enmarcan as ditas accións.

– Duración total do programa (número de meses), indicando a data de inicio e fin de cada unha das accións propostas.

– Ámbito xeográfico de actuación do programa e lugar onde se van desenvolver as accións, co enderezo completo.

– Colectivos a que vai dirixido o proxecto e número de persoas participantes (mínimo de 60).

– Valoración económica do custo total do proxecto, e determinación dos conceptos de gastos subvencionables e a estimación por persoa atendida e inserida, conforme o previsto nesta orde, así como o cofinanciamento da entidade subvencionada.

– Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar.

– Relación actual de medios materiais e recursos humanos de que dispón o solicitante, en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral, e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

– Obxectivos de inserción laboral previstos, que deberán ser, polo menos, os indicados no artigo 3 desta orde.

– Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego.

b) Copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade, onde conste que a entidade solicitante dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as entidades locais, salvo que concorran en agrupación de concellos constituída a través dun convenio de colaboración, suposto en que deberán achegar copia do devandito convenio.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario, ou acta, onde se determine tal representación.

d) Tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

2. As entidades que xa participasen con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación exixida nas letras b), c), e d) do punto 1 deste artigo, sempre que o fagan constar así no anexo I da solicitude. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que consta en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente modificada.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos establecidos na presente orde, faráselle un único requirimento á entidade para que, no prazo de 10 días hábiles, emende o erro ou xunte os documentos preceptivos. De non facelo así, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución ditada de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7. Criterios de valoración dos programas.

A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

1. O número e as características dos colectivos desempregados para atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral (puntuación máxima 20 puntos):

Os colectivos atendidos deberán estar incluídos nalgún dos seguintes grupos:

Grupo A:

– Persoas con discapacidade.

– Persoas desempregadas en risco de exclusión social.

– Persoas desempregadas admitidas ao programa da renda activa de inserción e que subscribiran o compromiso de actividade ou perceptoras da renda de integración social de Galicia.

Grupo B:

– Menores de 30 anos.

– Persoas desempregadas como consecuencia dunha crise empresarial, que provoque a extinción da relación laboral por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores e no artigo 64 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

Grupo C:

– Mulleres (especialmente as que acrediten a condición de vítimas de violencia).

– Persoas desempregadas de longa duración (especialmente os maiores de 45 anos).

– Persoas inmigrantes.

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

– No suposto de que todos os usuarios do programa pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo dos sinalados anteriormente:

Colectivos grupo A: 20 puntos. Colectivos grupo B: 15 puntos. Colectivos grupo C: 10 puntos.

– No suposto de que os usuarios do programa pertenzan a colectivos salientados en distintos grupos dos sinalados: obterase, en primeiro lugar, a puntuación parcial que lle corresponde proporcionalmente, polos usuarios pertencentes aos colectivos de cada un dos grupos. Sumaranse as puntuacións parciais resultantes da aplicación da regra proporcional en cada grupo e obterase, desta forma, a puntuación total definitiva nesta epígrafe.

2. O ámbito xeográfico de actuación do programa integrado para o emprego (puntuación máxima 20 puntos):

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

– Programas integrados localizados en concellos cunha media de paro no ano 2011 superior ás 2.000 persoas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2008 superior ao 50%, ou que sufrisen un ERE extintivo no seu ámbito territorial no 2011 que supuxese un incremento da media de paro desde o ano 2008 superior ao 15%: 20 puntos.

– Programas integrados localizados en concellos cunha media de paro no ano 2011 superior ás 1.000 persoas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2008 superior ao 35%: 15 puntos.

– Programas integrados localizados nos restantes concellos: 10 puntos.

No suposto de que no ámbito xeográfico de actuación do programa convivan concellos dos diferentes grupos, a puntuación obterase de xeito proporcional.

3. Recursos humanos e materiais axeitados para a atención aos colectivos correspondentes e accións propostas para a execución do programa (puntuación máxima 20 puntos):

Os recursos humanos valoraranse ata un máximo de 10 puntos, e os materiais, igualmente, ata un máximo doutros 10 puntos.

Nos recursos humanos, valorarase a ratio existente entre o número de persoas demandantes que se pretende atender e o persoal propio da entidade dedicado ao programa. Nos recursos materiais, a calidade das instalacións, medios e sistemas da entidade.

4. Os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo dos demandantes que se pretende atender (puntuación máxima 20 puntos):

A puntuación nesta epígrafe obterase tendo en conta a seguinte escala:

35-36%: 1 punto.

37%: 2 puntos.

38%: 4 puntos.

39%: 5 puntos.

40%: 6 puntos.

41%: 8 puntos.

42%: 9 puntos.

43%: 11 puntos.

44%: 12 puntos.

45%: 13 puntos.

46%: 15 puntos.

47%: 16 puntos.

48%: 17 puntos.

49%: 19 puntos.

50% ou máis: 20 puntos.

5. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, sempre que o cofinanciamento sexa superior ao 10% (puntuación máxima 15 puntos):

10%: 5 puntos.

11%: 6 puntos.

12%: 7 puntos.

13%: 8 puntos.

14%: 9 puntos.

15%: 10 puntos.

16%: 11 puntos.

17%: 12 puntos.

18%: 13 puntos.

19%: 14 puntos.

20% ou máis: 15 puntos.

6. A experiencia acreditada da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego en xeral e, particularmente, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia en anos anteriores (puntuación máxima 20 puntos).

7. Carácter innovador e características técnicas do programa que se vai desenvolver (puntuación máxima 30 puntos):

Valorarase o carácter innovador do programa que faga referencia a aspectos como:

– Aplicacións informáticas de seguimento.

– Metodoloxía que se aplicará.

– Conciliación da vida familiar e laboral.

– Relación do proxecto con outros programas subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

– Inclusión de todas as accións establecidas no artigo 1 da orde.

– Outros aspectos innovadores.

8. O emprego da lingua galega na realización das accións do programa integrado para o emprego debidamente declarado polo representante legal da entidade beneficiaria (puntuación máxima 5 puntos).

2. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 70 puntos.

Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución.

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Aqueles expedientes dos que na primeira fase non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación teraos en consideración o órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Colocación, persoa titular da xefatura do Servizo de Orientación Laboral e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

5. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará dende o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro, debendo terse en conta o disposto nos artigos 59.6.b) e 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

6. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se fose expreso, ou seis meses se non o fose, contados neste caso a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

7. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Contía das subvencións.

Para o desenvolvemento dos programas integrados para o emprego, o financiamento total determinarase en función do número de persoas que se van atender e os obxectivos previstos de inserción de acordo coa seguinte fórmula:

Factor inseridos: 0,70 (70% do total da subvención solicitada).

Factor atendidos: 0,30 (30% do total da subvención solicitada).

Importe total da subvención solicitada= (custo traballador inserido*nº traballadores inseridos)+(custo traballador atendido*nº de traballadores atendidos)

En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, poderá percibirse unha cantidade superior a 2.400 euros de media por persoa desempregada participante no programa (Importe total da subvención solicitada/participantes do programa).

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función dos demandantes de emprego inseridos, tendo en conta, non obstante, os demandantes atendidos.

En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

Artigo 10. Gastos imputables.

A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos:

a) Aos custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para o apoio e/ou formación dos demandantes de emprego, ademais do persoal que presta servizos na entidade beneficiaria e aqueloutro que puidera contratarse para tal fin, ata un límite de 42.000 euros anuais por traballador. Cando se trate de persoal propio da entidade, imputaránselle ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto, tendo en conta que a citada imputación non poderá superar o 80% agás autorización expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

As retribucións refírense á prestación de servizos a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servizos sexa a tempo parcial.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal e dos demandantes que participen no plan. O pagamento destas axudas terá carácter obrigatorio para todas aquelas persoas demandantes que teñan un domicilio de residencia situado nun concello distinto a aquel onde se desenvolva o programa integrado ou acrediten debidamente a necesidade de desprazamento.

c) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación dos desempregados participantes no plan, así como as pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles que teñan o carácter de obrigatorias. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

Se o contrato que vincula a entidade coa persoa que impartirá as accións formativas é de carácter laboral ou funcionario, con independencia de se esta relación existía con anterioridade ou é nova e específica para o desenvolvemento das accións do programa integrado, non terá a consideración de subcontratación.

d) Gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10% do custo total final do proxecto.

e) Gastos xerais, materiais e técnicos co límite do 25% do custo total final do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

1) Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para o participante...) e de execución en material de oficina.

2) Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución:

– Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, efectos e equipamentos de arrendamento.

– Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

– Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento).

– Comunicacións (teléfono, correos...).

– Limpeza.

– Seguridade e vixilancia.

– Seguros de responsabilidade civil.

2. A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables realizarase presentando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

1. Copia cotexada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

2. Copia cotexada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

3. Copia cotexada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

4. Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados pola transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipamentos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios: facturas correspondentes, orixinais ou copias cotexadas, e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención (facendo referencia á denominación do programa integrado e o número de expediente).

Artigo 11. Inicio e período de execución.

1. Na resolución de concesión dos programas integrados para o emprego especificaránse as seguintes datas:

Data de inicio do programa: determinará o comezo do programa e do cómputo do prazo máximo de dous meses para o remate do proceso de selección das persoas participantes, agás autorización de prórroga expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Prazo de desenvolvemento das accións do programa: determinará o período en que, de acordo coa memoria presentada pola entidade beneficiaria, se desenvolverán con carácter efectivo as accións cos demandantes (orientación laboral, activación para o emprego, formación, prácticas en empresas...). Durante este período as persoas participantes non poderán participar noutras medidas activas de emprego que impliquen situacións administrativas incompatibles coa participación en programas integrados para o emprego.

Prazo de execución do programa: determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes inseridas no programa integrado para o emprego, cunha duración máxima dun ano contado a partir da data de inicio do programa.

2. As instrucións para a posta en marcha dos programas e a correcta liquidación da subvención, así como os modelos en que deberán presentarse necesariamente os certificados exixidos, estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas-integrados).

3. No prazo de 10 días hábiles contados desde o remate do proceso de selección das persoas participantes, as entidades beneficiarias deberá remitir a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das accións, en que se incluirá a cronificación das actuacións do programa.

b) Copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta en Seguridade Social do dito persoal.

d) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome, apelidos e o NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

e) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio, asinadas por cada unha das persoas desempregadas participantes no programa, que incluirán a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) e de Residencia (SVDR).

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 13.1.

g) A solicitude do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecido no artigo seguinte.

Artigo 12. Xustificación e pagamento.

1. O pagamento da subvención realizarase en tres fases do seguinte xeito:

A) Anticipo da subvención:

A entidade beneficiaria recibirá un pagamento da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2012, sempre e cando esta non supere o 25 por cento da suma das subvencións do ano 2012 e 2013, en concepto de anticipo á conta da xustificación, no prazo e xunto coa documentación establecida no artigo anterior para o inicio das accións.

B) Liquidación parcial:

As entidades beneficiarias disporán ata o 14 de decembro de 2012 (incluído) para presentar a liquidación parcial da subvención, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención ata o 30 de novembro de 2012. Por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación procederase a liquidar o importe que corresponda, de acordo coa xustificación presentada e co anticipo percibido pola entidade.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1. Certificado do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas-integrados).

2. Documentación xustificativa dos gastos imputados conforme o establecido no artigo 10.2.

C) Liquidación final:

As entidades beneficiarias terán un prazo máximo de dous meses desde a finalización do prazo de desenvolvemento das accións do programa, para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

1. Certificado final do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención desde o 1 de decembro de 2012 ata a data de finalización das actuacións do programa integrado, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas-integrados).

2. Documentación xustificativa dos gastos imputados conforme o establecido no artigo 10.2.

3 Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/programas-integrados).

D) Memoria final:

As entidades beneficiarias terán un prazo máximo dun mes desde a finalización do período de execución do programa para a presentación da memoria final de actividades, onde se faga constar unha descrición detallada do desenvolvemento do programa, dos colectivos atendidos e a identificación das persoas atendidas e/ou inseridas no mercado de traballo, e coa que se achegarán os seguintes datos:

a) Relación dos demandantes de emprego atendidos e dos inseridos. A dita relación remitirase nun ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome e apelidos de cada usuario así como o seu NIF.

b) Fichas de control de accións, que se corresponden coa finalización delas, asinada por cada unha das persoas desempregadas participantes no plan.

O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución. Se nesa verificación se comproba que a porcentaxe de inserción laboral dos usuarios atendidos é menor do obxectivo previsto no programa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 15 desta orde.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Publicidade.

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación na páxina web institucional da Xunta de Galicia, en que constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Xunta de Galicia de acordo co manual de identidade corporativa (http://www.xunta.es/descarga-do-manual).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados cederanse á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 14. Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar realizará e fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións para a comprobacion do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

2. Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar realizará comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Nas visitas de seguimento por parte da Consellería de Traballo e Benestar, as entidades beneficiarias facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como a toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite. Finalmente, elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

3. Transcorridos seis meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos ou dun ano para o caso de que as persoas inseridas o sexan por conta propia, comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención e exixirase, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención.

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo e Benestar, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, na medida en que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, na medida en que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

f) Comunicar á Consellería de Traballo e Benestar e á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan ao programa integrado, así como as baixas e as novas incorporacións a el, de acordo coas instrucións para a posta en marcha dos programas.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a revogación ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16. Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Consello Autonómico de Emprego.

Disposición adicional primeira.

A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin na presente orde, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1.b) do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir do beneficiario o reintegro da subvencións cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adiconal terceira.

En todo o non previsto na presente disposición, será de aplicación a normativa do departamento ministerial competente en materia de emprego relativa a programas intregados para o emprego en materia de emprego (Orde TAS/2643/2003, do 18 de setembro e Orde TAS/816/2005, do 21 de marzo), así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file