Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2012 Páx. 23588

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2012 pola que se regula o procedemento para a concesión de axudas para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2012.

Desde o ano 2009 a Unión Europea, no marco da política agrícola común, conta co plan Froita nas escolas, destinado á distribución de froita e hortalizas nestas. O dito plan ten por obxectivo, a curto prazo, potenciar o consumo destes produtos pola xuventude en virtude do seu aprovisionamento aos centros escolares, e, a longo prazo, trata de desempeñar un papel pedagóxico nos hábitos alimentarios, constituíndo unha auténtica acción educativa destinada a manter ou a fomentar nas escolas o hábito de consumo de froita.

O Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, modificado polo Regulamento (UE) nº 261/2012, do 14 de marzo, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM). No seu artigo 103 octies bis prevé unha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas, froitas e hortalizas transformadas, plátanos e os seus produtos derivados, aos/ás nenos/as.

O Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril, modificado polos regulamentos (UE) nº 245/2010, da Comisión, do 23 de marzo, e 34/2011, da Comisión, do 18 de xaneiro, e recentemente polo Regulamento de execución (UE) nº 1208/2011, da Comisión, do 22 de novembro, establece as disposicións de aplicación do antedito regulamento, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a distribución de froitas e hortalizas, froitas e hortalizas transformadas e produtos do plátano aos/ás nenos/as nos centros escolares.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta Comunidade Autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), así como, no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria –Fogga– (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo –DOG nº 251, do 30 de decembro–), o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, e o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndenlle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agraria común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento da organización común de mercados agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

No presente exercicio 2012, logo de analizar as cargas administrativas que comportaba o plan para os centros escolares en Galicia, procedeuse á simplificación do procedemento de xestión, dentro do marco comunitario. Así, entre outros aspectos, elimináronse os requisitos de documentación adicional previstos para a autorización como solicitantes da axuda, así como a renovación de autorización mediante unha validación anual, supresión de calquera previsión de silencio administrativo negativo, así como a determinación dun prazo máximo de tres meses para o pagamento das axudas. De igual modo, procederase a efectuar accións divulgativas específicas nos centros escolares, así como a través da sede electrónica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994, do 29 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á distribución de froita ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia e á convocatoria das ditas axudas para o ano 2012, de conformidade co previsto no artigo 103 octies bis do Regulamento (CE) nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, e no Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril.

Capítulo I
Bases reguladoras

Artigo 2. Destinatarios/as

Deberán ser destinatarios/as da axuda os/as alumnos/as que asistan regularmente aos centros escolares situados na Comunidade Autónoma, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes que pertenzan aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil segundo ciclo.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3. Custos que se subvencionan e restricións

1. As actividades que se subvencionan son os custos de adquisición no mercado da froita fresca.

2. A axuda concederase para as seguintes froitas frescas: albaricoque, cereixa, chirimoia, ameixa, framboesa, amorodo, amorodo grande, granada, figo, kiwi, mandarina, mazá, pexego, melón, laranxa, néspera, pera, plátano, sandía e uvas.

En atención a criterios de dispoñibilidade e ambientais, preferentemente optarase por froitas frescas de tempada obtidas na Comunidade Autónoma de Galicia empregando na súa obtención sistemas de produción sustentables (agricultura ecolóxica ou integrada).

3. As froitas frescas distribuídas aos/ás escolares serán sempre de excelente calidade e atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo.

4. As froitas frescas terán que ser consumidas nas dependencias do establecemento escolar no momento do recreo.

Artigo 4. Contía da axuda e período de reparto

1. O importe máximo da axuda é de 0,25 euros por alumno/a e día lectivo.

2. O período de reparto da froita entre os/as alumnos/as do centro escolar será de 5 días lectivos consecutivos por mes natural, cun mínimo dun mes e un máximo de catro, e os meses poden ser consecutivos ou non.

3. No suposto de que a contía das axudas solicitadas, que cumpran os requisitos exixidos, supere as dispoñibilidades orzamentarias da convocatoria, a concesión destas realizarase priorizando as solicitudes conforme o seguinte criterio: terán prioridade os/as solicitantes de subministración para un mes fronte aos/ás de dous, os/as de dous fronte aos/ás de tres, e estes/as sobre os/as de catro, reducindo sucesivamente nun mes os estratos que fosen necesarios, pasando de catro a tres, de tres a dous e de dous a un mes respectivamente, empezando a supresión polo último mes de subministración prevista.

Se for necesario reducir entre os/as solicitantes dun mesmo número de meses, e para axustar as solicitudes á cantidade orzada, darase preferencia aos/ás solicitantes con menor número de alumnos/as.

Artigo 5. Presentación e tramitación da solicitude de autorización e de axuda

1. Os/as solicitantes das axudas serán os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2 que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e sexan autorizados conforme o disposto neste artigo, e que cumpran o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os centros escolares que pretendan subministrar as froitas frescas deberán ser autorizados/as pola persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Para estes efectos, presentarán a solicitude de autorización, contida no anexo IIA desta resolución, e a solicitude de axuda, contida no anexo IIB desta resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. A solicitude presentarase no servizo territorial do Fogga que corresponda no enderezo que se indica, ou por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderase presentar por vía telemática no enderezo web: https://sede.xunta.es

Xefatura Territorial da Coruña-Servizo Territorial do Fogga. Praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña.Teléfono: 981 18 45 25. Fax: 981 18 45 59.

Xefatura Territorial de Lugo-Servizo Territorial do Fogga. Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo. Teléfono: 982 29 44 62. Fax: 982 29 44 11.

Xefatura Territorial de Ourense-Servizo Territorial do Fogga. Rúa Curros Enríquez, 1-6ª, 32003 Ourense. Teléfono: 988 38 69 48. Fax: 988 38 69 40

Xefatura Territorial de Pontevedra-Servizo Territorial do Fogga. Paseo de Cervantes, 7-1º, 36002 Pontevedra.Teléfono: 986 80 54 55. Fax: 986 80 55 69

4. A ordenación e instrución do procedemento de autorización e concesión da axuda corresponderá á Subdirección Xeral de Xestión da Política Agrícola Común integrada organicamente no Fondo Galego de Garantía Agraria.

5. Non poderá obter a autorización, nin por tanto concedérselle a axuda, quen estea incurso nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de beneficiario previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 6. Resolución de autorización e concesión da axuda

Tendo en conta a solicitude e a documentación presentada o director do Fogga, unha vez rematado o prazo previsto no punto 2 do artigo 5, resolverá no prazo de dous meses, entendendo aceptadas por silencio positivo aquelas solicitudes de autorización que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo.

Artigo 7. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para o mesmo proxecto, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 8. Obrigas dos beneficiarios das axudas

Os centros escolares que distribúan froitas de acordo con esta resolución deberán:

a) Destinar a froita subvencionada exclusivamente ao alumnado de asistencia regular ao centro escolar, nas condicións previstas na resolución de concesión da axuda, para o consumo dentro do centro escolar, durante o horario de recreo.

b) Manter os produtos subministrados en correctas condicións de conservación, ata o momento da distribución ao alumnado.

c) Reembolsar o valor dos produtos recibidos, polas cantidades que corresponda, en caso de comprobar que os produtos non foron subministrados ás persoas beneficiarias.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

e) Ter visible un cartel que se axuste aos requisitos mínimos establecidos no Regulamento (CE) nº 288/2009, modificado polo Regulamento (UE) nº 34/2011, da Comisión, do 18 de xaneiro, que se reflicten no anexo I desta resolución, e que estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros, nun lugar onde se poida ver e ler claramente.

f) Manter permanentemente actualizado un rexistro das compras e subministracións aos/as alumnos/as dos produtos, que conterá como mínimo os datos que se recollen no anexo III.

Artigo 9. Solicitudes de pagamento da axuda

1. Os/as solicitantes autorizados/as solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV desta resolución ante o servizo territorial do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán facer tamén a solicitude por vía telemática no enderezo web: https://sede.xunta.es

2. A solicitude de pagamento farase unha vez rematado o período de subministración correspondente a un mes. Se o centro solicitou a subministración por un período superior, deberá presentar unha solicitude de pagamento por cada período mensual concedido.

3. Xunto coa solicitude, os/as peticionarios/as das axudas cubrirán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas, e doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. O prazo de presentación da solicitude de pagamento mensual rematará o último día do terceiro mes seguinte ao mes en que se subministraron os produtos. Non obstante, cando o citado prazo se supere en menos de dous meses, admitiranse as solicitudes presentadas, reducindo o seu importe nun 5% se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10% se é superior a un mes pero inferior a dous. Cando o prazo fixado se supere en dous meses, a axuda reducirase nun 1% máis por cada día adicional.

5. Coa solicitude de pagamento da axuda achegaranse as correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado, así como unha proba do seu pagamento.

6. O centro escolar comprométese a establecer unha conta corrente que manterá para todo o curso, salvo causa debidamente xustificada que se comunicará no prazo dun mes desde que se produza o cambio.

Artigo 10. Controis das axudas

O Fogga establecerá un plan de controis por período comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo, co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 288/2009.

Artigo 11. Pagamento das axudas

1. Unha vez efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga remitirán a oportuna proposta sobre as solicitudes presentadas coa conformidade do subdirector xeral de xestión da PAC, na cal se certificará a adecuada xustificación da axuda e a concorrencia dos requisitos para o pagamento desta.

2. O prazo máximo de pagamento das axudas será de tres meses, contados a partir do día de presentación da solicitude no rexistro do servizo territorial do Fogga, correctamente cuberta e válida.

Artigo 12. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades nos tipos de produtos subministrados, na calidade sanitaria ou comercial destes, na distribución incorrecta aos/ás alumnos/as participantes, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio dos/as alumnos/as, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no artigo 13 desta resolución.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada, de conformidade co disposto no artigo 14 desta resolución.

3. En todo caso, os beneficiarios das axudas están suxeitos ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Suspensión e retirada da autorización

1. A autorización poderá ser suspendida por un período dun a doce meses ou retirada polo director do Fogga, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo/a solicitante autorizado/a ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 12 desta resolución. As devanditas medidas non se imporán en caso de forza maior ou cando o Fogga determine que a infracción non se cometeu deliberadamente ou por neglixencia, ou que sexa de pouca importancia.

2. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de polo menos doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do/da interesado/a, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 14. Recuperación de pagamentos indebidos

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e dos xuros de mora producidos desde a notificación da obriga de reembolso segundo o establecido no artigo 80.2 do Regulamento (CE) nº 1122/2009, da Comisión, do 30 de novembro, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

2. De conformidade co disposto no artigo 7.1.d) do Regulamento (CE) nº 288/2009, da Comisión, do 7 de abril, en caso de fraude ou de neglixencia grave, ademais da recuperación dos pagamentos indebidos, o/a solicitante deberá aboar un importe igual á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe a que ten dereito.

Artigo 15. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución polo director do Fogga poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Se a resolución non for expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Capítulo II
Convocatoria das axudas para o ano 2012

Artigo 16. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o ano 2012 as axudas para a subministración das froitas frescas incluídas no Plan de Consumo de Froita nas Escolas sinalada no artigo 3 desta resolución aos/as alumnos/as que asistan regularmente aos centros escolares.

Artigo 17. Autorización como subministrador/a de produtos subvencionados e solicitude de axuda

Os/as solicitantes que queiran participar na liña de axuda de subministración de produtos incluídos no Plan de Consumo de Froita nas Escolas deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo o modelo que figura no anexo IIA e IIB, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Solicitudes de pagamento

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e no prazo dispostos no artigo 9 desta resolución, nos servizos territoriais do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 19. Financiamento

1. Estas axudas cofinanciaranse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nunha porcentaxe dun 75% e ao orzamento da Xunta de Galicia nunha porcentaxe dun 25%.

2. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 13.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2012-2013 por importe máximo de 131.000 €.

Da contía máxima serán imputables á anualidade corrente 10.000 €.

As ditas dotacións orzamentarias poderán incrementarse, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma.

Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou transferencia de crédito.

3. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 20. Controis

Para o curso escolar 2012-2013 a porcentaxe de controis sobre o terreo previstos no artigo 10 abranguerá polo menos un 5% da axuda e un 5% dos/das solicitantes.

Artigo 21. Publicidade das axudas

Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional única. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como das sancións impostas, de ser o caso.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

José Álvarez Robledo
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Requisitos mínimos que debe cumprir o cartel sobre o
Plan de Consumo de Froita nas Escolas

Tamaño do cartel: A3 ou maior.

Letras: 1 centímetro ou máis.

Título: Plan de Consumo de Froita nas Escolas.

Contido: deberá figurar, cando menos, a seguinte frase, que se adaptará en función do tipo de centro escolar:

«O noso (tipo de centro escolar (xardín de infancia, centro de preescolar, escola) participa no Plan de Consumo de Froita nas Escolas coa axuda financeira da Unión Europea».

O cartel levará o emblema da Unión Europea.

ANEXO III
Rexistro de compras e subministración de produtos

Data de compra

Nome ou razón social do/da subministrador/a

NIF do/da subministrador/a

Produto

Quilos

Data de repartición

Produto

Nivel de ensino

Número de alumnos/as aos/ás que se reparte

Quilos

missing image file
missing image file