Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2012 Páx. 24631

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de xuño de 2012 pola que se aproban as bases para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de actividades de formación académica de curta duración, desenvolvidas fóra da comunidade autónoma, destinadas a grupos de alumnos universitarios que cursen os seus estudos oficiais nas universidades do SUG.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia, a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A plena adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior require cambios no modelo metodolóxico, no que o concepto de presencialidade clásica na aula debe combinarse con outras fórmulas máis abertas. Ao lado das consolidadas materias teóricas son necesarias outras de carácter aplicado que necesariamente terán que realizarse en contextos profesionais en que o/a estudante poida experimentar situacións reais do traballo ou actividade profesional para a que se está a preparar.

A formación e o perfeccionamento dos futuros graduados galegos constitúe a base para incrementar o coñecemento e capital humano, técnico e investigador da comunidade autónoma, que os capacite para afrontar os retos que a sociedade actual demanda.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico e, así mesmo, fomentar e impulsar unha formación de calidade en todas as ramas de coñecemento así coma o intercambio de ideas e destrezas adquiridas.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse axudas destinadas a grupos de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) co fin de posibilitar que melloren a súa formación académica adquirindo coñecementos de materias específicas por medio de estadías formativas de curta duración noutros centros de estudos superiores, empresas ou institucións, contribuíndo ao establecemento e fomento do contacto entre estudantes das universidades galegas e a realidade práctica de fóra da comunidade.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 15.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, cunha contía máxima de 36.000 euros.

Artigo 3. Período e dotación da axuda

1. As actividades formativas de curta duración, máximo sete días, que se subvencionan nesta convocatoria terán que ser realizadas no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2012.

2. A contía da axuda será repartida en subvencións individualizadas para cada membro do grupo seleccionado que cumpra os requisitos establecidos nesta convocatoria e aboarase unha cantidade de 45 euros por alumno e día, ata esgotar o orzamento.

Artigo 4. Requisitos dos solicitantes

Poderán solicitar estas axudas grupos de estudantes dun mesmo centro universitario matriculados no último curso da mesma titulación e que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar matriculados no derradeiro curso dos seus estudos universitarios de carácter oficial conducentes a un título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, mestre ou diplomado nalgunha das universidades do SUG.

2. Participar na realización dunha actividade formativa como compoñente dun grupo de 10 alumnos como mínimo e de 15 como máximo, cunha duración máxima da estadía de 7 días, incluídos os días da viaxe. No caso de que a duración total sexa superior só se concederá axuda polo período máximo de duración establecido nesta orde.

3. Cursar a mesma titulación todos os alumnos membros dese grupo e estar matriculados neste curso académico, polo menos, nunha materia coa que se relacione a actividade formativa proposta.

4. Elixir entre todos os membros do grupo a un representante ou apoderado único da agrupación, que será un alumno do grupo, que actuará como coordinador, e será o responsable do obxecto da axuda ante a Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude será subscrita directamente polo representante ou apoderado do grupo de alumnos.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes servizos de mensaxaría privados.

3. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED441A que se publica como anexo I a esta orde, a autorización de representante da agrupación (anexo II) e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo III estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.

5. Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude, a autorización de representante e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude, da autorización de representante e da declaración responsable en formato papel una vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, para a presentación de instancias.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441A), a autorización de representante (anexo II) e a declaración responsable (anexo III, asinada por todos os membros do grupo onde se relacionen todas as axudas solicitadas ou concedidas polas distintas administracións públicas, ou privada para este fin) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria breve dixitalizada, cun máximo de tres folios, asinada polo coordinador e co visto e prace do director/a ou secretario/a do departamento co cal está relacionada a actividade formativa proposta, en que se indique o tipo de actividade que se vai realizar, a vinculación cos estudos cursados, os centros ou institucións que se pretenden visitar, a súa importancia na formación dos alumnos, o lugar onde se realizarán, a especificación do período de tempo (inicio e remate) de realización da actividade e a adecuación da estadía cos obxectivos que se propoñen, a relación nominal dos alumnos que conforman o grupo e orzamento detallado desglosado por partidas básicas de ingresos e gastos que comporta a actividade.

b) Certificación dixitalizada expedida pola/o secretaria/o do departamento valorando a adecuación da actividade proposta coa formación académica do seu alumnado.

c) Copia dixitalizada do xustificante de matrícula neste ano académico de cada un dos membros do grupo.

No suposto de que o representante ou apoderado do grupo de alumnos non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da documentación, orixinal ou copia cotexada, e dos anexos en formato papel, que se presentarán no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, para a presentación de instancias.

Artigo 7. Exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 26 de xullo. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 27 de xullo ao día 8 de agosto de 2012, ambos os dous incluídos, podendo durante ese prazo formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión integrada por:

Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades, ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais:

O titular da Vicerreitoría de estudantes, cultura e formación continua da Universidade de Santiago de Compostela.

O titular da Vicerreitoría de estudantes, deportes e cultura da Universidade da Coruña.

O titular da Vicerreitoría de alumnado, docencia e calidade da Universidade de Vigo.

O titular do servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da secretaría xeral de universidades ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 9. Selección e contía

1. Na selección dos grupos de alumnos beneficiarios realizada pola comisión avaliadora terase en conta a actividade programada segundo a documentación presentada, de acordo cos seguintes criterios xerais de avaliación:

a) Memoria da actividade, ata 4 puntos.

• Tipo de actividade que se vai realizar: ata 1 punto.

• Vinculación da actividade cos estudos cursados: ata 1 punto.

• Centros ou institucións que se pretenden visitar: ata 1 punto.

• Adecuación da estadía cos obxectivos que se propoñen: ata 1 punto.

b) Valoración da actividade polo departamento, ata 2 puntos.

c) Número de alumnos do grupo, ata 1 punto.

• 10-12 alumnos: 0.5 puntos.

• 13-15 alumnos: 1 punto.

d) Lugar de destino, ata 1 punto.

• Estado Español: 0.5 puntos.

• Estranxeiro: 1 punto.

e) Adecuación da actividade á duración da viaxe, ata 1 punto.

f) Contar con invitación ou aceptación de centros ou institucións de destino segundo a programación, 1 punto.

2. Unha vez aplicados os criterios xerais de avaliación a contía da axuda será outorgada a cada membro do grupo de alumnos ao que lle foi concedida a subvención, aboándose unha cantidade de 45 euros por alumno e día, ata esgotar o orzamento.

Artigo 10. Proposta de resolución, resolución e publicación

1. Unha vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará unha relación de beneficiarios, outra de suplentes, se os houber, e outra de solicitudes denegadas coas causas de denegación.

A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa neste prazo.

No caso de quedar un remanente que non sexa suficiente para subvencionar a todos os alumnos do grupo con esta contía, o importe sobrante repartirase equitativamente entre todos os membros ata esgotar o orzamento.

Artigo 11. Aceptación da axuda

1. A aceptación da axuda formalizarase mediante documento normalizado, asinado por todos os alumnos que constitúen o grupo, na que se comprometen a cumprir os requisitos e obrigas fixadas na convocatoria, e que deberá presentarse no prazo de 10 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de concesión no DOG.

O modelo normalizado de aceptación poderá obterse nas dependencias da Secretaría Xeral de Universidades (Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, así como no portal educativo http://www.edu.xunta.es

2. Os grupos de alumnos beneficiarios que renuncien á axuda serán substituídos, de acordo coa relación de suplentes, se a houber, que se estableza na resolución. Entenderase por renuncia cando o beneficiario non presente o documento de aceptación ou do resto da documentación requirida no prazo e condicións que se sinalan nesta orde.

Artigo 12. Xustificación, prazo de xustificación e pagamento

1. Logo de realizada a actividade, e sempre antes do 15 de outubro de 2012, o coordinador do grupo de alumnos deberá presentar ante a Secretaría Xeral de Universidades os documentos xustificativos seguintes:

a) Memoria co visto e prace do secretario/a ou director/a do departamento, sobre o cumprimento da actividade subvencionada, incluíndo a relación nominal de cada alumno que realizou a actividade, así como un breve resumo e valoración desta e o detalle dos gastos realizados na súa execución. Así mesmo, deberá conservar os xustificantes de todos os gastos ocasionados pola actividade xa que poderán ser requiridos pola Secretaría Xeral de Universidades para a súa verificación.

b) Unha nova declaración responsable (anexo III) actualizada, de cada un dos alumnos que participou na actividade na cal debe indicar se lle foi ou non concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos.

2. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada no anexo II por cada un dos compoñentes do grupo.

Artigo 13. Incompatibilidades

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, punto 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión destas axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións concedidas para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos ou privados que superen o custo da actividade subvencionada dará lugar á modificación da resolución de concesión, e os beneficiarios deberán proceder ao reintegro das cantidades percibidas.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. O representante ou apoderado do grupo de estudantes será a persoa responsable ante a Secretaría Xeral de Universidades, asumindo a delegación que nel fan os compoñentes do grupo para a tramitación da axuda obxecto desta orde.

2. Os alumnos participantes do grupo comprométense a cumprir as obrigas seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da axuda, sen que caiba cambio ou modificación ningunha do obxecto e da finalidade para a que foi concedida. En calquera caso, toda incidencia que supoña modificación do programa inicial da actividade deberá ser autorizada pola Secretaría Xeral de Universidades.

b) Comunicar por escrito, á Secretaría Xeral de Universidades, a renuncia á axuda tan pronto como se produza a causa que determine dita renuncia.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes da calquera Administración ou ente público ou privado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente.

3. Os beneficiarios farán constar, sempre que sexa posible, nas publicacións e materiais que se utilicen para a difusión das actividades subvencionadas a seguinte expresión «Co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia».

4. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro segundo o disposto no artigo 33 da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas. A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda

Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, de acordo con establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file