Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 25 de xuño de 2012 Páx. 25243

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 19 de xuño de 2012 pola que se abre o prazo posesorio das prazas adxudicadas na Orde do 14 de maio de 2012, pola que ser resolve o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do grupo V da Administración da Xunta de Galicia.

Unha vez que o persoal laboral que superou os últimos procesos selectivos convocados para o acceso ás distintas categorías do grupo V do persoal laboral da Administración da Xunta de Galicia elixiu destino definitivo, procede abrir os prazos posesorios dos postos adxudicados na Orde do 14 de maio de 2012 (DOG número 101, do 29 de maio), pola que se resolve o concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do dito grupo.

Entre as prazas adxudicadas no concurso atópanse 129 postos adscritos ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais das categorías 10B (vixilante fixo), 10 C (emisorista), 14 (peón) e 14A (peón condutor).

Por Orde do 4 de xuño de 2012 (DOG número 114, do 15 de xuño), a Consellería do Medio Rural e do Mar declarou como época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2012 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.

Toda vez que nesta época o despregamento de medios de extinción e alerta debe ser máximo e que durante os prazos posesorios dos postos adxudicados o número de compoñentes do servizo pode verse diminuído, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar solicitou o aprazamento da toma de posesión ata o remate da época de perigo alto de incendios.

Para garantir a adecuada prestación do servizo, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. A apertura do prazo de toma de posesión dos postos adxudicados pola Orde do 14 de maio de 2012 reservados ás categorías 1, 2, 3, 9, 10, 10E, 11 e 12.

O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento e será de tres días hábiles se o posto de traballo radica na mesma localidade de residencia habitual do concursante ou dun mes se radica en localidade distinta e supón un cambio de residencia debidamente xustificado.

O cesamento deberá ser efectuado pola consellería a que figure adscrito o traballador, dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a adxudicación comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, que deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. O adiamento do prazo de toma de posesión dos postos adxudicados pola Orde do 14 de maio de 2012 reservados ás categorías 10B, 10C, 14 e 14 A.

O persoal destas categorías que obtivo postos no concurso tomará posesión unha vez que remate a época de perigo alto de incendios.

Os prazos para o cesamento e toma de posesión deste persoal comezarán o día seguinte ao da publicación da orde que se dite para este efecto.

Terceiro. Contra esta orde pódese interpoñer reclamación administrativa previa, ante a conselleira de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, en aplicación do artigo 120 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións concordantes.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda