Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27125

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 5 de xullo de 2012 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

No Diario Oficial de Galicia número 7, do 11 de xaneiro, publicouse a Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego (procedemento TR331A).

A aprobación por parte do Consello de Ministros do Goberno de España, na súa reunión do día 30 de marzo, do proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012 supón a plasmación dun importante esforzo no control do gasto co fin de reducir o déficit público e acadar o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun axuste de 27.300 millóns de euros.

Este importante axuste supón unha redución media de case o 17% na capacidade de gasto dos ministerios e, no caso das políticas activas de emprego implica a redución de 1.557 millóns de euros para este exercicio no conxunto do Estado, tanto para o Servicio Público de Emprego Estatal como para os autonómicos.

A orde de convocatoria citada, competencia da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, ditouse e publicouse coa correspondente autorización do gasto con base nos créditos contidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, de acordo coas previsións de fondos finalistas facilitadas polo Servicio Público de Emprego Estatal.

Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, na súa reunión do día 24 de maio de 2012, a distribución de fondos en materia laboral dos orzamentos xerais do Estado para a súa xestión polas comunidades autónomas no ano 2012 e, en concreto, para Galicia, en materia de medidas de políticas activas de emprego, procede realizar o correspondente e necesario axuste nas diferentes partidas destinadas ao financiamento destas medidas, de conformidade coas normas e previsións da Estratexia española de emprego 2012-2014, aprobada polo Real decreto 1542/2011, do 31 de outubro, e do Plan anual de política de emprego para 2012.

Por todo o anterior e en coherencia cos principios da política orzamentaria, que implican o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, procede, neste momento, efectuar medidas de reaxuste dos créditos financiados con fondos finalistas de emprego autorizados para o financiamento de subvencións e modificar as correspondentes ordes de convocatoria, neste caso concreto en materia de información, orientación e busca de emprego.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Modifícase o artigo 2. Financiamento, que queda redactado como segue:

«1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas: 12.05.322B.460.0 e 12.05.322B.481.0, código de proxecto 2012 00666, polos importes 1.100.000 e 1.931.500 respectivamente na anualidade 2012 e 440.000 e 772.600 respectivamente na anualidade 2013, correspondentes a fondos finalistas transferidos, e dos programas 12.05.322B.461.0 e 12.05.322B.481.3, código de proxecto 2010 00762, polos importes de 482.378 e 707.600, respectivamente na anualidade 2012 e 192.952 e 283.040 respectivamente na anualidade 2013, correspondentes a fondos procedentes do Fondo Social Europeo, a través do Programa operativo de Galicia 2007-2013 CCI2007ES051PO004 cun cofinanciamento do 80% correspondente ao Fondo Social Europeo e do 20% correspondente á Xunta de Galicia. Todos eles figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012».

Segundo. Esta modificación non afecta os prazos establecidos na Orde do 30 de decembro de 2011, para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta o resto do articulado da dita orde.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar