Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 26959

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, obriga ao rexistro de todas as explotacións gandeiras. O Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral das Explotacións Gandeiras desenvolve a prescrición legal e inclúe expresamente as explotacións equinas.

As bases do actual sistema de identificación individual dos cabalos quedou definida no Regulamento (CE) 504/2008, da Comisión, do 6 de xuño, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos. Esta norma establece a utilización de transpondedores electrónicos como método xeral de identificación, aínda que permite aos Estados membros a utilización de marcas alternativas en certas condicións. Igualmente, a disposición comunitaria faculta as autoridades competentes dos Estados membros a eximir da obriga de identificación determinadas poboacións de équidos salvaxes que se manteñen confinadas en áreas definidas, mentres non as abandonen.

O Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, modificado polo Real decreto 1701/2011, do 18 de novembro, sinala as condicións de aplicación da normativa comunitaria no Estado español e prescribe a marca auricular electrónica como a única alternativa autorizada na identificación de animais nados en explotacións de produción e reprodución cuxo obxectivo sexa a produción de équidos de abasto.

Con base no decreto estatal, co obxecto de ditar as disposicións particulares de execución do sistema de identificación e rexistro dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia, publicouse a Orde do 29 de marzo de 2010 pola que se establecen medidas en relación co sistema de identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino, establece con carácter básico o marco normativo da ordenación zoosanitaria das explotacións equinas en España e dita normas relativas ao rexistro de explotacións, á infraestrutura zootécnica e normas de sanidade e benestar animal. Nesta normativa estatal recóllense as directrices marcadas pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, polo que en consonancia con esta normativa, é necesario recoller neste decreto a posibilidade, segundo o tipo de explotación que se trate, da existencia dunha declaración responsable do titular de explotación ou ben da autorización expresa por parte da autoridade competente, como requisitos para o inicio da actividade nestas explotacións.

Con anterioridade a estas normas, publicarase o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas. Esta disposición quedou en moitos aspectos superada pola normativa básica estatal posterior. Precisa, por tanto, dunha ampla revisión que aconsella, por razóns de seguridade xurídica, optar pola derrogación da norma e ditar un novo decreto de aplicación en Galicia que integre nun único documento o marco dispositivo comunitario e estatal que, ademais, facilite a comprensión do texto por parte dos destinatarios da norma.

Galicia conta cun sistema de explotación de cabalos en réxime de liberdade que, pola súa dimensión e dispersión, non ten parangón noutros puntos do Estado. Varios aspectos deben ser recollidos para o seu tratamento.

En primeiro termo, só unha pequena parte destes cabalos de monte carecen de propietario. O feito da propiedade efectiva sobre os animais elimina de facto a súa condición de fauna silvestre, entendida esta como un ben natural de dominio público. Esta realidade non é contraditoria coa vida en liberdade dos animais en hábitats de extensión limitada, en xeral baixo o control de asociacións de gandeiros que en moitos casos levan anos a traballar na conservación desta secular forma de explotación. As súas importantes implicacións ambientais, sociais, culturais, históricas, turísticas e patrimoniais xustifican a súa conservación e a protección dos cabalos fronte a prácticas incompatibles co benestar animal.

Por outra parte, son igualmente manifestas as múltiples incursións dos cabalos en estradas, poboacións ou propiedades públicas e privadas provocando danos a terceiros ou poñendo en perigo a seguridade viaria. De feito, non se constata a existencia en Galicia de áreas poboadas por cabalos xeograficamente illadas.

Resulta, por fin, innegable que boa parte do territorio sobre o que se asentan as eguadas é monte que, en ocasións, non pertence aos propietarios dos animais. Cómpre, por tanto, definir unha base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os lexítimos propietarios das terras e os gandeiros que as utilizan ou pretenden utilizar.

Con estas premisas, non resulta adecuado establecer unha excepción á obriga de identificación dos équidos que viven en liberdade nos montes de Galicia. Antes ben, convén buscar un ordenamento equilibrado entre o interese xeral de conservación dos cabalos como elemento diferencial de Galicia e os intereses particulares das distintas partes implicadas: gandeiros, comunidades de montes, propietarios de superficies agrícolas e forestais e cidadanía en xeral.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu título II as competencias da Comunidade. Segundo o seu artigo 30.3º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución.

En consecuencia, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de xuño de dous mil doce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é o seguinte:

1. Regulamentar o desenvolvemento da aplicación en Galicia das medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas.

2. Crear o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

3. Establecer o réxime dos pastos de uso en común.

4. Establecer e regular o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro.

5. Regular o control e a comunicación de movementos de équidos.

6. Regular as bases de administración e réxime dos équidos mostrencos.

7. Ditar as normas de aplicación ás paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

As disposicións contidas no presente decreto son de aplicación para todos os équidos e as explotacións equinas radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, será de aplicación para équidos cuxa estancia temporal na Comunidade Autónoma de Galicia supere o período de tres meses.

Artigo 3. Definicións

1. Para os efectos deste decreto, serán de aplicación as definicións contidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), no Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, e no Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino.

2. Así mesmo, entenderase como:

a) Persoa titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común que sexa propietaria ou responsable, por calquera título distinto ou de dominio, dunha explotación equina.

b) Pastos de uso en común: son terreos forestais ou agrícolas,independentemente da súa titularidade, sobre os que se poden asentar explotacións equinas de varias persoas titulares autorizadas polos propietarios dos terreos ao aproveitamento en común das producións forraxeiras desas superficies.

c) Persoa responsable de pasto de uso en común: a persoa, física ou xurídica ou unha comunidade veciñal de montes en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas do negocio xurídico privado de explotación que corresponda, as establecidas neste decreto derivadas do aproveitamento en común dos pastos.

d) Documento de identificación equina (DIE): documento identificador do équido cuxo formato e contidos están de acordo co disposto no Regulamento (CE) 504/2008 e o Real decreto 1515/2009, e que para os équidos de crianza e rendemento identificados en Galicia responderá ao modelo do anexo IV deste decreto.

e) Parada de sementais equinos: establecementos autorizados que, con carácter temporal ou permanente, se destinan á monta natural para dar servizo a terceiras persoas e/ou á extracción de seme para a inseminación, en fresco ou refrixerado, de eguas que acudan á propia instalación.

f) Semental: exemplar équido macho, enteiro, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que diminúa ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.

g) Femia para a cubrición en parada: exemplar équido femia, de desenvolvemento e idade suficiente para a reprodución, non enfermo, exento dalgunha tara ou defecto que reduza ou anule a súa capacidade reprodutiva e que non transmita características negativas á súa descendencia.

h) Équido mostrenco: animal equino que deambula en liberdade nos espazos agrícolas ou forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación terrestre, sen identificación constatada pola autoridade competente.

i) Autorización expresa de pastoreo: documentación acreditativa da autorización expresa do propietario dos terreos ao pastoreo. No caso dos montes veciñais en man común, a autorización debe ser por acordo expreso da Asemblea Xeral da comunidade propietaria cos requisitos establecidos na lexislación de montes veciñais en man común. En todo caso, o pastoreo estará expresamente regulado no correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal e a súa práctica levarase a cabo consonte o establecido nel.

Capítulo II
Ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas

Artigo 4. Clasificación das explotacións equinas

1. Sen prexuízo do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, as explotacións equinas de Galicia clasificaranse consonte as especificacións do artigo 3 e do anexo I do Real decreto 804/2011.

2. As explotacións extensivas clasifícanse en dous subgrupos:

a) Explotacións extensivas de équidos en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos agrícolas ou forestais, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan baixo control os animais en completa liberdade.

b) Explotacións extensivas en réxime pechado: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos pechados perimetralmente que impidan eficazmente a saída de animais dos terreos de pastoreo.

Artigo 5. Inicio da actividade das explotacións equinas

Os centros de concentración de équidos, incluíndo os depósitos e paradas de sementais e os centros de reprodución, os centros de animais de experimentación, os matadoiros de équidos, os postos de control, as explotacións de reprodución para produción de carne ou mixtas e as explotacións de ceba precisarán de autorización previa da autoridade competente con anterioridade ao inicio das súas actividades. O resto das explotacións equinas definidas no anexo I do Real decreto 804/2011 só precisarán da presentación dunha declaración responsable, conforme o modelo do anexo II.

Artigo 6. Requisitos de instalación das explotacións equinas

1. As explotacións equinas cumprirán coas condicións de localización e requisitos xerais das construcións e instalacións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 4 do Real decreto 804/2011.

2. As explotacións extensivas en réxime de liberdade están exentas da obriga de disposición dun valado perimetral ou sistema equivalente establecida na alínea a) do artigo 4.3 do Real decreto 804/2011, salvo nos casos en que por resolución motivada do órgano forestal a actividade gandeira poida xerar un risco manifesto para as explotacións agroforestais ou para a seguridade viaria ou persoal. Así mesmo, nestas explotacións considérase aceptable a dispoñibilidade de auga proveniente dos recursos naturais, sen menoscabo da subministración adicional de auga de calidade cando as circunstancias climáticas así o exixan.

3. As explotacións de pequena capacidade e as explotacións extensivas de équidos en liberdade estarán exentas de cumprir os requisitos de distancias mencionados no artigo 4.2 do Real decreto 804/2011, agás que a unidade competente en materia de gandaría considere que existe risco para a sanidade animal.

4. A consellería competente en materia de gandaría poderá autorizar a instalación doutras explotacións equinas que non cumpran as distancias establecidas no artigo 4.2 do Real decreto 804/2011. Esta autorización estará baseada en motivos de sanidade, benestar animal, reordenación ou concentración de explotacións ou por motivo das particulares condicións xeográficas da área en cuestión.

Artigo 7. Condicións sanitarias e de benestar animal das explotacións equinas

1. As explotacións equinas disporán dun programa hixiénico-sanitario básico supervisado pola persoa veterinaria designada polo titular da explotación, consonte co disposto no artigo 4.4 do Real decreto 804/2011.

2. As explotacións de pequena capacidade e os centros de concentración de équidos de carácter temporal, salvo as paradas, quedan eximidas do cumprimento do mencionado programa hixiénico-sanitario.

3. Nas explotacións extensivas, o programa de bioseguridade e benestar animal será axeitado ás características das explotacións e recollerá expresamente o control da non utilización de instrumentos que limiten a mobilidade dos animais.

4. As explotacións extensivas de équidos en liberdade poderán optar polo enterramento dos subprodutos animais e cadáveres de équidos mortos dentro da propia explotación, logo de autorización da entidade propietaria dos terreos e da consellería competente en materia de gandaría.

Artigo 8. Rexistro Galego de Explotacións Equinas

1. Integrado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA), creado polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, establecese o Rexistro Galego de Explotacións Equinas (RGEE), no cal figurarán inscritas a totalidade das explotacións de équidos da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente do número de animais que as compoñan. A consellería competente en materia de gandaría será a responsable da xestión do rexistro, no cal figurarán cando menos os seguintes datos:

a) Código de identificación da explotación asignado pola consellería competente en materia de gandaría.

b) Datos da persoa titular da explotación: apelidos e nome ou razón social, NIF, enderezo completo e teléfono.

c) Datos doutras persoas titulares relacionadas coa explotación ou cotitulares: nome e apelidos ou razón social, NIF e relación coa explotación.

d) De ser o caso, datos da persoa responsable do pasto de uso en común: nome e apelidos ou razón social, NIF, enderezo completo e teléfono.

e) Clasificación ou clasificacións que correspondan á explotación de conformidade co establecido no artigo 4 deste decreto.

f) Especie de équidos que alberga.

g) Datos da localización principal da explotación: enderezo completo ou lugar, e coordenadas xeográficas (lonxitude e latitude).

h) Estado no rexistro, alta, inactiva ou baixa, de conformidade co establecido no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

i) Censo, desagregado segundo as seguintes categorías de animais: animais de menos de 6 meses, animais maiores de 6 meses e menores de 12 meses, animais maiores de 12 meses e menores de 36 meses, sementais, femias de ventre e animais non reprodutores (todos maiores de 36 meses), e data de actualización do dito censo.

j) Para cada animal identificado individualmente, os datos establecidos no anexo IV do Real decreto 1515/2009, modificado polo Real decreto 1701/2011, así como o código da explotación de nacemento e os datos do propietario no caso de que non coincida cos do titular da explotación.

k) Se procede, capacidade máxima.

l) Cando proceda, datos da agrupación de defensa sanitaria.

m) Datos do persoal veterinario responsable da explotación, agás para as explotacións equinas de pequena capacidade.

2. No Rexistro Galego de Explotacións Equinas integrarase o Rexistro de Paradas Equinas, que incluirá a sección do Rexistro de Sementais Equinos.

3. Os datos correspondentes ao Rexistro Galego de Explotacións Equinas serán incluídos na base de datos da consellería competente en materia de gandaría denominada Sistema Integrado, para os efectos do establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Estes datos serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 9. Solicitude de inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas

1. A inscrición no rexistro realizarase por instancia da persoa titular, que deberá presentar unha declaración responsable ou unha solicitude de autorización previa de actividade, segundo corresponda, perante o/a xefe/a territorial da consellería competente en materia de gandaría, logo do pagamento das taxas correspondentes de acordo cos modelos de solicitude de inscrición en rexistro establecidos no anexo I (solicitude previa de autorización) e II (declaración responsable) deste decreto. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF da persoa titular da explotación salvo que, no caso das persoas físicas, de conformidade co disposto na documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, autoricen a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Memoria da actividade, que incluirá:

I. Descrición da actividade que se realiza.

II. Bosquexo ou planos de instalacións.

III. Descrición das superficies:

a) No caso de explotacións en réxime extensivo pechadas, descrición das parcelas que compoñan a explotación.

b) De asentarse sobre superficie forestal, a descrición das parcelas incluirá o plano da parcela a escala adecuada ou ficha SIXPAC onde veña claramente delimitada a superficie real que se utilizará para o aproveitamento de pastoreo.

c) No caso de explotacións en réxime de liberdade, a descrición consistirá na delimitación en plano catastral da zona de ocupación das eguadas.

d) De asentarse sobre superficie protexida dun espazo pertencente á Rede Natura 2000, incluirase na descrición o nome do lugar de interese comunitario (LIC) e o plano das parcelas incluídas.

e) De asentarse sobre pastos de uso en común suxeitos a autorización expresa de pastoreo, indicarase o nome e enderezo da entidade propietaria dos terreos.

IV. Programa sanitario básico referido no artigo 6 do presente decreto.

V. Autorización expresa de pastoreo cando se trate de terreos forestais.

c) Coordenadas xeográficas.

d) Se procede, declaración censual, segundo o modelo do anexo VI deste decreto, en que se indique o censo inicial da explotación.

e) Documentación acreditativa do pagamento das taxas que correspondan.

2. As explotacións de pequena capacidade e aquelas suxeitas á presentación unicamente da declaración responsable, consonte o parágrafo primeiro do artigo 5, non precisarán presentar a memoria de actividade recollida na alínea b) do número anterior; non obstante, declararán responsablemente o cumprimento das obrigas inherentes á integración da superficie da súa explotación na Rede Natura 2000 e, cando proceda, a dispoñibilidade da preceptiva autorización expresa de pastoreo.

Artigo 10. Inscrición no Rexistro Galego de Explotacións Equinas

1. As solicitudes de rexistro presentaranse nas oficinas agrarias comarcais en cuxo ámbito se sitúe a explotación ou nos lugares e polos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, será posible a presentación de solicitudes de rexistro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es), de acordo co establecido no Decreto 198/2012, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no rexistro da consellería competente en materia de gandaría, deberá ser ditada a resolución polo xefe/a territorial correspondente. A inscrición no rexistro comporta a asignación do código de identificación da explotación, segundo o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase aceptada por silencio administrativo.

3. A persoa titular da explotación, sen menoscabo da necesaria comunicación dos movementos dos équidos, exixida no artigo 19, deberalle comunicar á consellería competente en materia de gandaría os cambios nos datos consignados no rexistro no prazo dun mes desde que estes se produzan. Así mesmo, a persoa titular da explotación deberalle comunicar á consellería competente en materia de gandaría, antes do 1 de marzo de cada ano, o censo existente na explotación no 31 de decembro do ano anterior, entregando a oportuna declaración censual sinalada no anexo VI deste decreto na oficina agraria comarcal correspondente á localización da explotación ou mediante medios telemáticos, no enderezo web http://mediorural.xunta.es/institucional/oficina_virtual

4. No caso de que a explotación se asente sobre terreos forestais, con carácter previo á autorización da explotación comprobarase a inscrición da superficie declarada no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. No caso de figurar rexistrada como zona limitada ao aproveitamento polo gando, denegarase a autorización.

5. No caso de que a explotación sexa obxecto de autorización previa e se asente sobre terreos protexidos dun espazo da Rede Natura 2000, con carácter previo á autorización da explotación, a dirección xeral competente en materia de gandaría solicitaralle informe de compatibilidade da actividade á dirección xeral competente en conservación da natureza, que deberá emitir informe nun prazo máximo de 10 días. Transcorrido ese prazo sen emitir o dito informe, entenderase que a explotación é compatible coa conservación da natureza. No caso de resultar algunha das parcelas da explotación incompatible co aproveitamento polo gando, denegarase a autorización para as ditas parcelas ou imporanse unhas condicións que garanta a súa conservación.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste decreto poderá dar lugar á baixa no rexistro, logo da tramitación do oportuno procedemento administrativo.

Artigo 11. Libro de explotación

1. As explotacións autorizadas dotaranse dun libro de rexistro de explotación e de cantos rexistros adicionais se requiran regulamentariamente. O libro de rexistro poderá ser levado de xeito electrónico ou informatizado.

2. O titular da explotación será responsable da consignación no libro dos movementos de entrada e de saída de animais na explotación.

3. O libro de rexistro axustarase ao modelo do anexo III deste decreto e nel figurarán os seguintes datos:

A. Datos xerais da explotación:

a) Nome da explotación.

b) Código de rexistro da explotación (código REGA).

c) Localización: enderezo ou lugar e coordenadas xeográficas.

d) Datos da persoa titular: nome e apelidos ou razón social, NIF, enderezo e teléfono.

e) Censo no 31 de decembro de cada ano conforme o disposto no artigo 8.

f) Incidencias en identificacións.

g) Rexistro de inspeccións: data, motivo, número de acta e identificación do veterinario actuante.

h) Identificación das persoas ao coidado dos animais.

i) Enfermidades infecto-contaxiosas ou outras con repercusión sobre a sanidade animal e a saúde pública.

B. Para cada animal identificado individualmente presente na explotación:

a) Código de identificación (transpondedor) de cada animal (23 díxitos).

b) Especie, raza, sexo.

c) Número permanente único.

d) Data de alta na explotación (nacemento ou incorporación).

e) Data de baixa na explotación (saída ou morte).

f) Se é o caso, número de rexistro de explotación de orixe.

g) Se é o caso, número de rexistro de explotación de destino.

h) Se é o caso, nome, apelidos e DNI da persoa propietaria.

i) Se é o caso, sinatura, selo e código de identificación da persoa veterinaria que realizou a identificación.

j) Para cada animal incorporado: nº de documento sanitario de movemento, se é o caso, identificación do transportista e nº de matrícula do vehículo.

k) Para cada animal que cause baixa por venda: número de documento sanitario de movemento, se é o caso.

Capítulo III
Pastos de uso en común

Artigo 12. Organización dos pastos de uso en común

1. As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos en terreo forestal, incluídas as comunidades de montes veciñais en man común, que queiran prohibir ou regular o exercicio destes dereitos deberán solicitar ao órgano forestal competente a inclusión dos terreos sobre os que se prohibe ou regula o aproveitamento gandeiro no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, conforme a normativa que lle resulte de aplicación ao dito rexistro. A inscrición no rexistro determinará que a prohibición ou regulación realizada polo titular terá efectos administrativos fronte a terceiros.

2. As persoas titulares de dereitos de aproveitamentos de pastos, incluídas as comunidades veciñais en man común, que consintan a realización do aproveitamento destes pastos en común, deberán acometer directamente a organización do uso no correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal ou plan de aproveitamento silvopastoral, de ser o caso, ou ben establecer condicións de pastoreo e proceder á súa inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, cando o pasto de uso en común se asente sobre terreos forestais.

Artigo 13. Obrigas específicas dos propietarios dos animais que aproveiten os pastos de uso en común

1. Os propietarios de animais das explotacións incluídas en pastos de uso en común, ademais do cumprimento xenérico das obrigas atribuídas a todos os titulares de explotacións equinas por medio deste decreto e das derivadas da aplicación da normativa vixente en materia de sanidade e benestar animal, deben cumprir coas obrigas específicas recollidas no Regulamento de réxime interior do pasto de uso en común, que incluirá como mínimo as recollidas no anexo VII deste decreto.

2. Cando o pasto de uso en común se asente sobre terreos forestais, o incumprimento destas obrigas, ou das condicións do pastoreo establecidas pola persoa responsable do pasto de uso en común que fosen inscritas no Rexistro Público de Terreos Forestais do Pastoreo, poderán ser sancionadas con base no artigo 67.j) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou na normativa galega en materia de montes.

3. Os propietarios dos animais mantidos en réxime de liberdade deberán subscribir un seguro civil de danos fronte a terceiros que cubra a totalidade dos animais que posúen, sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria do responsable do pasto de uso en común, nos termos do artigo 14.4. Este seguro poderá ser de carácter colectivo.

4. Para cooperar na consecución dos obxectivos previstos neste artigo, a consellería competente en materia de gandaría poderá establecer as canles oportunas de colaboración coas entidades asociativas que aproveiten os pastos de uso en común.

Artigo 14. Obrigas específicas dos responsables dos pastos de uso en común e incumprimentos

1. Os responsables dos pastos de uso en común están obrigados a:

a) Colaborar, se é o caso, coa autoridade competente nas labores de retirada dos animais non autorizados para o aproveitamento dos pastos de uso en común, poñendo á súa disposición os medios e instalacións dispoñibles do pasto de uso en común ata a súa retirada del.

b) Comunicar con 15 días de antelación aos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal que corresponda á localización do pasto de uso en común a data prevista para a realización do curro anual.

c) Cumprir o programa sanitario básico do pasto de uso en común contemplado no artigo 7 deste decreto.

d) Comunicar anualmente antes do 1 de marzo aos servizos veterinarios oficiais o censo dos animais presentes no pasto de uso en común á finalización do ano anterior.

e) Comunicar aos servizos veterinarios oficiais a sospeita de presentación de enfermidades epizoóticas ou zoonóticas.

f) Cando o pasto de uso en común se asente sobre terreos protexidos dun espazo da Rede Natura 2000, ademais do cumprimento xenérico das obrigas atribuídas a todos os responsables dos pastos de uso en común por medio deste decreto, deberá cumprir coas obrigas específicas que resulten de aplicación do plan de xestión do LIC correspondente, se o houber.

2. O incumprimento destas obrigas será obxecto das sancións tipificadas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e da Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio, tendo para estes efectos o pasto de uso en común a consideración de explotación de animais.

3. Ademais, a persoa responsable do pasto de uso en común responderá subsidiariamente polo incumprimento das obrigas que corresponden individualmente ao propietario dos animais, mentres estea autorizado por este ao pastoreo en común.

4. A persoa responsable do pasto de uso en común será responsable dos prexuízos que poidan causar os animais rexistrados na explotación, aínda que se escapen ou extravíen.

Capítulo IV
Identificación e rexistro dos équidos

Artigo 15. Sistema de identificación dos équidos

O sistema de identificación dos équidos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constará dos seguintes elementos:

1. Documento de identificación equina (DIE), permanente e único para cada équido.

2. Aplicación dun transpondedor sobre os animais que permita o establecemento dun vínculo inequívoco entre o documento de identificación e o animal.

3. Base de datos informatizada onde se rexistrará cun número permanente único (NPU) cada équido e os seus detalles identificativos.

Artigo 16. Procedemento para a identificación individual e rexistro dos équidos de crianza e rendemento e dos équidos de abasto

1. En todo o relativo á identificación e rexistro individual dos équidos, o tedor do animal, cando non sexa o seu propietario, actuará en nome e de acordo con este.

2. Os équidos de crianza e rendemento e de abasto nacidos en Galicia identificaranse por instancia do seu titular, antes de transcorreren 6 meses desde o nacemento do animal ou antes do 31 de decembro do ano do seu nacemento, podendo escoller o titular a data máis tardía. En calquera caso, os animais deberán identificarse antes de abandonaren a explotación de nacemento, coa excepción dos équidos sen destetar que acompañen de xeito permanente a súa nai ou nutriz.

3. Os équidos de crianza e rendemento e os équidos de abasto identificaranse logo da solicitude do seu titular mediante a expedición dun documento de identificación equina coas características definidas no anexo I do Real decreto 1515/2009, como documento de identificación único, que será emitido pola autoridade competente en materia de gandaría, segundo o modelo dos anexos IV e V deste decreto.

4. Para garantir un vínculo inequívoco entre o DIE e o animal procederase á implantación dun transpondedor ou microchip que se inxectará no terzo anterosuperior esquerdo do pescozo baixo o ligamento da caluga. O microchip presentará as características técnicas que se sinalan no anexo II do Real decreto 1515/2009. O lugar de aplicación do transpondedor quedará debidamente sinalado no punto 13 do esquema da parte B da sección I do DIE.

5. Coa finalidade de garantir a unicidade do código do transpondedor aplicado a cada équido identificado, estes dispositivos serán distribuídos e colocados polo medio que determine a consellería competente en materia de gandaría.

6. Os équidos identificados quedarán inscritos nunha base de datos informatizada creada para o efecto pola consellería competente en materia de gandaría de acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento (CE) 504/2008. Ademais dos datos mínimos establecidos no anexo IV do Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, na dita base de datos figurarán tamén os datos do propietario do équido e o código da explotación de nacemento.

7. A identificación electrónica dos équidos de crianza e rendemento poderá ser realizada por persoal veterinario da consellería competente en materia de gandaría, ou por persoal facultativo veterinario autorizado para esta función pola dita consellería, por proposta do Consello Galego de Colexios Veterinarios.

8. O persoal veterinario que realice a identificación, antes de proceder á aplicación dun transpondedor sobre un équido, deberá asegurarse de que o animal non foi identificado con anterioridade, realizando os controis necesarios sobre o animal. No caso de que detecte que o équido xa é portador dun transpondedor, en ningún caso se implantará outro, utilizarase este como base para a inscrición no correspondente rexistro.

9. O persoal veterinario que realice a identificación deberá comunicar, no prazo máximo de 3 días naturais desde que se realice a identificación, os datos dos équidos identificados, necesarios para o seu rexistro na base de datos oficial de identificación de équidos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17. Excepcionalidade na identificación de determinados équidos de abasto

1. Os équidos identificados en Galicia, nados en explotacións rexistradas como de produción e reprodución cuxo obxectivo sexa a produción de équidos de abasto e que vaian ser trasladados con destino a sacrificio antes da idade de quince meses, poderanse identificar mediante unha marca auricular electrónica autorizada pola consellería competente en materia de gandaría. En todo caso, estes animais deberán ser identificados nos prazos establecidos no artigo 16.2 deste decreto, sendo o seu único destino posible o sacrificio en matadoiro antes de cumprir a dita idade.

2. Os animais de abasto identificados con marca auricular electrónica e trasladados antes da idade de quince meses con destino a un cebadeiro, poderán manter a marca auricular electrónica que lles foi colocada ata o seu traslado ao matadoiro, aínda que nese momento superen a dita idade.

3. A marca auricular electrónica poderá ser implantada directamente polo titular da explotación equina. Para estes efectos, o interesado solicitará na oficina agraria comarcal correspondente a entrega do número de marcas necesarias para identificar os animais.

4. Os titulares das explotacións mencionadas comunicarán na oficina agraria comarcal correspondente os datos dos animais identificados no prazo máximo de sete días tras a colocación da marca auricular electrónica e, en todo caso, antes da saída do animal da explotación.

5. A marca auricular axustarase ás características técnicas recollidas nos anexos II e III do Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina.

Artigo 18. Identificación de équidos rexistrados en libros xenealóxicos ou destinados a competicións ou carreiras

1. De acordo co disposto polo Regulamento (CE) 504/2008 e o Real decreto 1515/2009, os équidos rexistrados serán identificados e inscritos pola organización ou asociación autorizada ou recoñecida oficialmente para a xestión do libro xenealóxico, ou para o control dos cabalos destinados ás competicións ou ás carreiras, segundo o disposto nas directivas 2009/156, 156/2011 CEE, 90/427 CEE e na Decisión 92/353/CEE.

2. As organizacións ou asociacións autorizadas ou recoñecidas oficialmente para a xestión do libro xenealóxico dunha raza, ou para o control dos équidos destinados a competicións ou carreiras, cando identifiquen équidos na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán comunicar á autoridade competente en materia de gandaría os datos dos animais identificados (NPU, código do microchip e código REGA da explotación de nacemento), nun prazo de 7 días hábiles desde a data de identificación, para os efectos da súa inscrición na base de datos de explotacións equinas desta comunidade, de tal xeito que figuren localizados nas respectivas explotacións. No caso das entidades emisoras de ámbito galego, os datos comunicaranse directamente á autoridade competente en materia de identificación e rexistro da comunidade autónoma. No caso de entidades emisoras de ámbito nacional, a comunicación poderá realizarse a través do Rexistro Xeral de Identificación Individual de Équidos creado mediante o artigo 17.3 do Real decreto 1515/2009, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.

Capítulo V
Control e comunicación de movemento de équidos e cambios de propiedade

Artigo 19. Validez dos documentos de identificación para o movemento dentro de Galicia

1. Os équidos rexistrados, os équidos de crianza e rendemento e os équidos de abasto poderán circular libremente no ámbito da Comunidade Autónoma galega, amparados polo seu documento de identificación equina como único documento de acompañamento, sempre que figuren correctamente incorporados á base de datos da comunidade autónoma.

2. Ante a detección de circunstancias sanitarias que impliquen restrición de movementos na explotación ou na comarca veterinaria onde se encontre o équido, o veterinario oficial suspenderá a validez do documento de identificación para movemento e procederá en consecuencia a encher a sección VIII do dito documento.

Artigo 20. Movementos de animais de abasto

Os équidos de abasto de menos de 12 meses de idade poderán abandonar a explotación de nacemento con destino directo a sacrificio sen necesidade de dispor do documento de identificación equina, simplemente amparados pola correspondente autorización oficial de traslado, na cal deberán figurar como mínimo os 15 últimos díxitos do código do transpondedor así como o número permanente único que o animal tiver asignados.

Artigo 21. Comunicación de movementos e formalización de cambios de propiedade

1. As persoas titulares de explotacións equinas comunicarán perante os servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea adscrito o concello onde radique a explotación, os movementos de entrada e saída dos animais identificados individualmente, dentro do prazo de 7 días hábiles desde que se produciu o movemento. Na referida comunicación incluiranse os datos necesarios para o cumprimento do establecido no Real decreto 728/2007, que regula o rexistro de movementos do gando.

2. No caso de équidos de crianza e rendemento identificados en Galicia, no prazo máximo de 30 días hábiles desde que se produza un cambio na propiedade, o novo propietario deberá formalizar o cambio perante os servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea adscrito o concello en que radique a explotación onde se tivese incorporado o animal obxecto do cambio. Para iso, a nova persoa propietaria ou persoa debidamente autorizada, presentará o DIE coa documentación acreditativa da súa adquisición. No caso de que o cambio de propiedade coincida coa incorporación do animal a unha nova explotación, o cambio deberá comunicarse no prazo de sete días tras a incorporación.

3. Na oficina agraria comarcal correspondente arquivarase copia da documentación acreditativa do cambio de propiedade do équido de crianza e rendemento identificado en Galicia, presentada pola persoa que o declara, en que en todo caso deberá constar o nome, apelidos e DNI/NIF do actual e do anterior propietario, así como as sinaturas correspondentes. O veterinario oficial procederá a inscribir o cambio de propiedade declarado na base de datos informatizada establecida no artigo 13 deste decreto, rexistrará no correspondente DIE o cambio e asinará a epígrafe correspondente.

4. No caso de équidos rexistrados segundo o disposto no artigo 18, identificados ou non en Galicia, os cambios de propiedade xestionaranse segundo as directrices propias da entidade emisora do documento de identificación para estes animais.

Capítulo VI
Administración e réxime dos équidos mostrencos

Artigo 22. Espazos de acollida

1. Créase o Rexistro galego de espazos de acollida de cabalos en liberdade, que será de consulta pública no enderezo web da consellería competente en materia de gandaría da Xunta de Galicia.

2. Os titulares de espazos agrícolas ou forestais con capacidade para manteren cabalos en liberdade ou semiliberdade que pretendan exercer como espazos de acollida de cabalos en liberdade, deberán solicitar o seu recoñecemento expreso. No caso de que estes espazos sexan forestais, deberán estar previamente inscritos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

3. Os espazos de acollida terán a condición de explotacións extensivas de équidos en liberdade ou en réxime pechado, e deberán cumprir coa normativa vixente en materia de identificación animal, en materia de montes cando proceda e a restante normativa vixente, en particular, a correspondente á Rede Natura 2000 naquelas explotacións extensivas que se asenten sobre espazos incluídos nesta rede. Cando se asenten sobre pastos de uso en común deberán contar coa preceptiva autorización expresa de pastoreo e estar prevista esta condición no instrumento de ordenación ou xestión forestal.

4. Os espazos de acollida sobre terreos agrícolas deberán contar cun pechamento perimetral acondicionado para evitar a saída dos animais. Cando se asenten sobre terreos forestais, poderá condicionarse o cercado da zona obxecto de pastoreo, mediante resolución do órgano forestal motivada nos casos en que a actividade gandeira puidese xerar un risco manifesto para a viabilidade das explotacións agroforestais ou para a seguridade viaria ou persoal.

Artigo 23. Solicitude de declaración do espazo de acollida

1. A solicitude para o rexistro como espazo de acollida de gando equino presentarase por calquera dos medios e en calquera dos lugares recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e preferentemente nas oficinas agrarias comarcais, segundo o modelo definido no anexo VIII, e indicará:

a) Fotocopia do DNI/NIF da persoa titular da explotación, salvo que, no caso das persoas físicas, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, autoricen a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Natureza forestal ou agrícola do espazo.

c) Datos da inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, de ser o caso.

d) Enderezo ou lugar.

e) Coordenadas xeográficas.

f) Superficie dispoñible (hectáreas).

g) Cando proceda, espazo da Rede Natura 2000 a que pertence.

h) Censo actual de équidos.

i) Capacidade de acollida de équidos.

2. Así mesmo, será posible a presentación de solicitudes de rexistro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es), de acordo co establecido no Decreto 198/2012, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 24. Procedemento de declaración do espazo de acollida

1. Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos sinalados no parágrafo 1 do artigo 23, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Unha vez revisada a documentación achegada, e feitas as comprobacións oportunas cando proceda, a xefatura territorial da consellería competente en gandaría, resolverá positiva ou negativamente a solicitude de inscrición no rexistro. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

3. No caso de que o espazo de acollida se asente sobre terreos protexidos dun espazo da Rede Natura 2000, con carácter previo á inscrición, a xefatura territorial da consellería competente en gandaría solicitará informe de compatibilidade da actividade á xefatura territorial da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, que deberá emitilo nun prazo máximo de 10 días. Transcorrido ese prazo sen emitir o dito informe, entenderase que o espazo de acollida é compatible coa conservación da natureza. No caso de resultar algunha das parcelas da explotación incompatible co aproveitamento polo gando, denegarase a autorización para as ditas parcelas ou imporanse unhas condicións que garantan a súa conservación.

4. A resolución non pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en alzada ante o conselleiro/a competente en materia de gandaría, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

5. Transcorridos tres meses desde a presentación da solicitude sen que fose ditada resolución expresa, salvo que a demora sexa imputable á persoa interesada, entenderase outorgada a inscrición no rexistro consonte o previsto no artigo 43.2º da citada Lei 30/1992, logo da xustificación do ingreso da taxa correspondente.

Artigo 25. Situacións de dano efectivo de équidos en liberdade

1. Considerarase que un équido en liberdade está en situación de provocar un dano efectivo real ou potencial nos seguintes casos:

a) Cando se atope nun predio agrícola ou forestal, de natureza pública ou privada, sen o consentimento do propietario ou titular, ou incumprindo as condicións fixadas na autorización expresa de pastoreo;

b) Cando deambule ceibe por estradas;

c) Cando deambule ceibe por núcleos de poboación.

2. Os danos efectivos producidos serán constatados en acta levantada pola autoridade competente, con indicación expresa dos feitos do dano.

Artigo 26. Detección ou captura dos équidos en liberdade

1. A detección ou captura de équidos en liberdade no contorno dun espazo agrícola ou forestal, núcleo de poboación ou estrada, en situación de provocar un dano efectivo, comunicarase á autoridade municipal competente, con indicación expresa da identidade e dos datos de contacto da persoa ou entidade que os detectou ou capturou, da localización exacta da detección ou captura, do número de animais detectados ou capturados, da presenza sobre eles dalgún tipo de carácter distintivo e da relación de danos que se lles atribúen, cando proceda.

2. A autoridade municipal competente avaliará a comunicación e ordenará, segundo proceda, a captura, traslado, mantemento e custodia dos équidos nunha área ou dependencia habilitada para tal fin. Para estes efectos, a autoridade municipal competente poderá utilizar as instalacións dispostas para o manexo dos animais nas explotacións equinas extensivas existentes no seu ámbito territorial ou limítrofe.

3. Os propietarios dos montes, públicos ou privados, colaborarán cos medios necesarios para a captura e o confinamento dos équidos en situación de provocar un dano efectivo detectados no seu ámbito territorial.

4. A Xunta de Galicia arbitrará os medios oportunos de colaboración cos concellos para contribuír ao financiamento das actividades de control, xestión e confinamento dos équidos en situación de provocar un dano efectivo.

Artigo 27. Anuncio público e rescate

1. A autoridade municipal competente procederá a anunciar en bando, nun prazo máximo de 1 día hábil desde a comunicación da detección ou captura dos animais, da presenza dos équidos na localización sinalada, con indicación, cando proceda, da data en que se procederá á súa captura, como máximo 6 días despois da publicación do bando, e do lugar onde se confinarán os animais incautados.

2. A autoridade competente municipal, autonómica ou estatal procederá a comprobar a existencia da preceptiva identificación electrónica nos animais. Os animais correctamente identificados dos que non exista constancia de ter provocado ou poder provocar danos a terceiros, serán postos en liberdade. No caso de animais correctamente identificados, dos que exista constancia de ter producido danos a terceiros, a autoridade municipal solicitará aos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia información sobre o seu propietario.

3. As persoas físicas ou xurídicas que reclamen o rescate dos animais incautados deberán acreditar a súa propiedade perante a autoridade municipal competente, facerse cargo dos danos que tivesen causado e de identificar os équidos, nas condicións previstas no capítulo IV deste decreto, previamente á súa retirada das dependencias de custodia.

4. A identificación dos équidos tras a súa captura non será susceptible en ningún caso de acollerse ás axudas públicas á identificación do gando.

Artigo 28. Destino dos animais mostrencos

1. Os équidos capturados, non identificados e non reclamados, consideraranse mostrencos para todos os efectos. A autoridade municipal competente poderá decidir, logo de resolución motivada, a venda dos animais en poxa pública, a entrega gratuíta a espazos de acollida con capacidade de recepción, ou o envío a sacrificio en matadoiros autorizados con destino final á destrución deses animais.

2. No caso de arbitrarse unha poxa pública, terá lugar nun prazo máximo de 2 días tras a entrada dos animais na área ou dependencia habilitada. A autoridade municipal competente deberá considerar estes prazos para o efecto de notificación. Os gañadores da poxa deberán identificar os équidos nas condicións previstas no capítulo IV deste decreto, previamente á súa retirada das dependencias municipais. En todo caso, a retirada non se poderá demorar máis de 48 horas tras a realización da poxa, salvo que se alegue causa xustificada que o impida.

3. No caso de entrega gratuíta dos animais a un espazo de acollida, o servizo territorial correspondente con competencias en gandaría procederá á identificación dos animais e ao seu traslado ao centro de acollida seleccionado, cuxo titular será rexistrado como propietario dos équidos. A explotación de acollida estará a unha distancia mínima de 50 quilómetros do lugar de captura dos animais e non poderá vender os animais recibidos nun prazo de 2 anos.

4. No caso de sacrificio dos animais, o órgano da Xunta de Galicia competente en materia de gandaría trasladará os animais sen identificar a un matadoiro autorizado para sacrificio con destino distinto ao consumo humano.

Capítulo VII
Paradas equinas

Artigo 29. Competencia para o recoñecemento de paradas de sementais equinos

1. Para a autorización, renovación, peche e inspección das paradas de sementais equinos serán competentes as xefaturas territoriais correspondentes da consellería con competencias en materia de gandaría.

2. As paradas poderán ser realizadas por sementais propios ou de terceiros, da titularidade de persoas físicas ou xurídicas, de natureza pública ou privada.

3. Para os efectos do presente decreto, non se consideran paradas de sementais equinos:

a) Aquelas en que os animais se reproduzan entre eles dentro da mesma explotación e sexa propietario de todos eles o titular desta.

b) Cando un mesmo semental dea servizo a eguas que comparten o mesmo pasto de uso en común, con independencia da propiedade destas.

Artigo 30. Autorización e rexistro das paradas

1. As persoas físicas ou xurídicas, de natureza pública ou privada, que desexen rexistrar por primeira vez unha parada de sementais equinos, presentarán perante a xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de gandaría, logo do pagamento das taxas correspondentes, a súa solicitude antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición no cal se pretenda prestar o servizo segundo o modelo que se establece no anexo IX deste decreto (Rexistro de Paradas de Sementais Equinos). Así mesmo, será posible a presentación de solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es), de acordo co establecido no Decreto 198/2012, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Na solicitude figurarán os seguintes datos:

a) Identificación da persoa solicitante da parada.

b) Código de rexistro da explotación equina correspondente.

c) Datas previstas de apertura e peche da parada.

d) Identificación do/s semental/tais da parada.

e) Identificación da explotación en que estean incorporado/s o/s semental/tais relacionado/s na solicitude antes de pasar á parada.

f) Identificación da persoa propietaria do/s semental/tais relacionado/s na solicitude.

g) Identificación da persoa veterinaria designada para a xestión sanitaria, reprodutiva e do benestar animal, segundo o disposto no artigo 3.23 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

h) Datos relativos á identificación e localización da parada, así como os necesarios datos de contacto telefónico ou telemático, para facilitar o acceso ao servizo da parada de terceiras persoas.

3. A solicitude debe ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF da persoa titular da parada, salvo que de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, se autorice a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade e dos da persoa veterinaria autorizada ou habilitada, no caso de non ser as mesmas.

b) Memoria da actividade, que inclúa a descrición da actividade que se realiza e un plano detallado das instalacións.

c) Fotocopia dos documentos identificativos dos sementais, onde veñan reflectidos os datos de identificación individual deles e, como mínimo, o nome, reseña/descrición, data de nacemento, raza, número permanente único e do microchip, ademais dos datos da persoa propietaria e os datos da gandaría en que estean incorporado/s o/s semental/tais relacionado/s na solicitude antes de pasar á parada.

d) Fotocopia cotexada dos resultados das análises de laboratorio dos sementais da parada, realizadas sobre todos os animais relacionados na solicitude, segundo o disposto no número 3 do artigo 32 deste decreto.

e) Documento de xustificación do pagamento de taxas.

4. No prazo máximo de 3 meses desde a entrada da solicitude no órgano competente, o/a xefe/a territorial da consellería competente en materia de gandaría e sanidade animal deberá ditar a resolución que proceda, en relación coa autorización tanto da propia parada equina como sobre os animais incluídos na solicitude. Ao vencemento deste prazo sen ter sido notificada a resolución, a persoa interesada poderá entendela aceptada por silencio administrativo. Contra esta resolución poderase presentar recurso de alzada ante a conselleira competente en materia de gandaría no prazo dun mes.

5. As paradas autorizadas serán inscritas de oficio no Rexistro de Paradas Equinas previsto no artigo 7.2 deste decreto e asignaráselles un código de parada, composto por dúas letras, identificativas da provincia; seguidas de catro díxitos que corresponderán á orde correlativa de inscrición neste rexistro.

6. Para dar a coñecer a súa existencia a posibles usuarios, a solicitude de autorización da parada leva implícita a autorización á consellería competente en materia de gandaría para facer públicos os datos identificativos da parada e dos animais e os de contacto que sexan sinalados pola persoa solicitante, recollidos no número 2, alíneas d) e h) deste artigo.

Artigo 31. Renovación das paradas

1. As persoas que soliciten a renovación da autorización de parada de sementais equinos presentarán a solicitude de renovación, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII deste decreto, antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición en que se pretenda prestar o servizo, na xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de gandaría, logo do pagamento das taxas correspondentes.

2. A solicitude de renovación deberá constar dos mesmos datos que a primeira solicitude, agás o código REGA da explotación equina correspondente, en cuxo lugar se incluirá o código de parada.

3. A solicitude de renovación deberá ir acompañada da mesma documentación exixida no artigo anterior para a primeira solicitude, agás a especificada no número 3, alíneas a), b) e c) do artigo anterior, se eses datos non variasen. O procedemento de tramitación da solicitude de renovación será o mesmo que para a primeira solicitude.

4. As paradas que non renoven a súa autorización antes do 31 de xaneiro do ano correspondente á campaña de cubrición, serán dadas de baixa de oficio no Rexistro de Paradas Equinas previsto no artigo 7.2 deste decreto, mediante resolución que deberá ser ditada tras a audiencia do interesado.

Artigo 32. Funcionamento das paradas

1. Toda parada deberá manter in situ, desde a data de apertura ata a data de peche, e á disposición da autoridade competente:

a) Un libro de rexistro de cubricións segundo o modelo que se xunta como anexo X deste decreto, debidamente cuberto. Este será expedido e dilixenciado, logo do pagamento das taxas correspondentes, polos servizos veterinarios oficiais da oficina agraria comarcal a que estea asignado o concello onde se localiza a parada.

b) A documentación orixinal e os resultados analíticos de laboratorio do/s semental/tais da parada, así como a documentación acreditativa da autorización ou renovación para o ano en curso.

2. O libro rexistro de cubricións deberá remitirse, ao finalizar a tempada de cubricións, á xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de gandaría antes do 15 de decembro do ano correspondente á campaña de cubrición.

3. Toda parada deberá contar cunha persoa veterinaria designada polo seu titular, atendendo ao disposto no artigo 3.23 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que o asesorará nas seguintes funcións:

a) Rexeitar a entrada dun animal á parada por incorrecta documentación, sospeita de non se atopar en bo estado de saúde podendo pór en risco de contaxio o resto dos animais que se atopen na parada, constatar evidentes signos de maltrato ou inadecuada condición de estado ou de transporte.

b) Solicitar ás persoas propietarias das femias que demanden o servizo de monta, as vacinacións, desparasitacións, análises de laboratorio e certificacións veterinarias que crea convenientes.

c) O veterinario proporá, supervisará e asinará o programa sanitario da parada.

4. Toda parada contará cun programa sanitario específico, proposto, asinado e supervisado por unha persoa veterinaria autorizada ou habilitada, que recolla como mínimo os seguintes aspectos:

a) Limpeza, desinfección, desinsectación e desratización das instalacións.

b) Control específico das enfermidades infectocontaxiosas que poidan diminuír a capacidade reprodutiva dos animais: arterite viral equina (arterivirus) e metrite contaxiosa equina (Taylorella equigenitalis).

c) Condicións específicas de benestar dos animais e en particular medidas que eviten a escorregamento, caídas ou lesións dos animais durante a cubrición, e para evitar a explotación excesiva dos sementais.

Artigo 33. Instalacións das paradas

Ademais dos requisitos mínimos recollidos no artigo 6 para todas as explotacións equinas, as paradas deberán dispor de:

1. Compartimentos individuais para os sementais, de medidas suficientes, de materiais adecuados para a súa limpeza e desinfección, con aireación e luminosidade suficiente e punto de abastecemento de alimento e auga de calidade adecuada.

2. Recinto de dimensións suficientes para a recepción e estancia das eguas.

3. Recinto de cubrición ou, de ser o caso, extracción de seme, con elementos suficientes que permitan o manexo adecuado dos animais, a súa limpeza e desinfección e que garanta a seguridade dos operarios.

Artigo 34. Requisitos dos reprodutores

1. Todo semental das paradas ten que ser autorizado pola xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de gandaría, tras a solicitude do interesado segundo modelo que se xunta como anexo VIII. Esta autorización terá carácter anual e deberá ser renovada cada ano, salvo que por razóns sanitarias ou doutro tipo, que deberán ser xustificadas nun procedemento con audiencia da persoa interesada, se proceda á súa revogación.

2. Os sementais autorizados serán inscritos no Rexistro de Sementais Equinos previsto no artigo 7.2 deste decreto, mediante resolución do/da xefe/a territorial da consellería competente en materia de gandaría.

3. Tanto os sementais como as reprodutoras que vaian utilizar os servizos a terceiros de monta natural das paradas deberán estar sometidos ao programa de control sanitario oficial establecido no artigo 8 do Real decreto 804/2011, nas condicións previstas nas partes I e II do seu anexo III.

4. As mostras para análises irán acompañadas, de darse o caso, da fotocopia cotexada das páxinas correspondentes ás vacinas do documento identificativo onde veña reflectido o nome da vacina, o número de lote, a data, identificación e número de colexiado da persoa veterinaria.

Artigo 35. Clausura ou peche de paradas equinas

A consellería competente en materia de gandaría poderá acordar as seguintes medidas, que non terán carácter de sanción:

1. Clausura ou peche daquelas paradas equinas que non conten coas autorizacións preceptivas ou incumpran calquera dos requisitos exixidos para a súa autorización ou renovación.

2. A suspensión temporal do seu funcionamento en canto non se rectifiquen os defectos atopados.

Unha vez obtidos todos os permisos, autorizacións ou licencias exixibles pola normativa vixente, ningunha nova parada poderá iniciar a súa actividade sen estar rexistrada.

Capítulo VIII
Réxime sancionador

Artigo 36. Réxime sancionador

O incumprimento das obrigas establecidas neste decreto dará lugar á aplicación das sancións correspondentes, establecidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; na Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio; na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Disposición transitoria. Traslado de inscricións

As inscricións realizadas ao abeiro do Decreto 268/2008, do 13 de novembro, serán trasladadas automaticamente aos rexistros creados por este decreto.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Derrógase calquera disposición de igual ou inferior rango que se opoña ao ditado na presente norma e, particularmente, o Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 355/1994, do 4 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado

Un. Modifícase o parágrafo terceiro do artigo 7, que queda redactado como segue:

«Os équidos nos seus desprazamentos identificaranse co documento de identificación que cumpra coas exixencias do Regulamento (CE) 504/2008 e o Real decreto 1515/2009, que regulan os métodos de identificación dos équidos, expedido por unha autoridade ou organización competente; así mesmo, poderán xuntarse os documentos expedidos con anterioridade á entrada en vigor das anteditas normas, sempre que fosen acordes coa Decisión 93/623/CEE e a Decisión 2000/98/CE, da Comisión, vixentes ata a entrada en vigor do Regulamento (CE) 504/2008.

Estes documentos deberán ser cubertos nos seus correspondentes puntos por un facultativo veterinario se é preciso».

Dous. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 1, que queda redactado do seguinte xeito:

«O gando vacún, ovino e cabrún poderá circular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente con copia validada por veterinarios expresamente autorizados para iso pola consellería competente en materia de gandaría ou con copia compulsada polos servizos veterinarios oficiais de gandaría ou quen dea fe pública do documento oficial de cualificación sanitaria da explotación denominado Explotación cualificada sanitariamente, no cal os animais estean rexistrados e que acompañará o animal ou animais durante o traslado».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Orde do 29 de marzo de 2010 pola que se establecen medidas en relación co sistema de identificación dos équidos na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o artigo 6.7, que queda redactado co seguinte texto:

«7. Comunicarlle á base de datos oficial da consellería competente en gandaría referida no artigo 2.c) desta orde a información correspondente aos animais identificados, no prazo máximo de 3 días tras a implantación do identificador electrónico ao animal».

Disposición derradeira terceira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a conselleira do Medio Rural e do Mar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e o cumprimento do disposto no presente decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV
Documento de identificación equina

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII
Obrigas e responsabilidades mínimas que deben quedar establecidas no Regulamento de réxime interior dos pastos de uso en común

I) Obrigas dos propietarios dos animais, titulares de explotacións incluídas en pastos de uso en común:

a) Asegurar que todos os animais da súa propiedade teñan implantados os dispositivos de identificación que proceda, segundo o establecido no presente decreto, atendendo ao réxime de explotación utilizado no pasto de uso en común, así como proceder á súa reposición inmediata en canto se detecte perda ou deterioración que anule a utilidade dos dispositivos de identificación.

b) Comunicarlle á persoa responsable do pasto de uso en común, no prazo máximo de 15 días hábiles desde que se produza, calquera cambio nos animais da súa propiedade que estean integrados no pasto de uso en común.

c) Comunicarlle á persoa responsable do pasto de uso en común as incidencias detectadas en calquera animal presente nos terreos onde se localiza a explotación.

d) Realizar a recollida e secuestro dos seus animais cando llo demandade a persoa responsable do pasto de uso en común.

e) Colaborar no control e recollida de todos os animais incluídos no pasto de uso en común.

f) Colaborar no xeito en que determine a persoa responsable do pasto de uso en común no mantemento das instalacións.

g) Solicitarlle á persoa responsable do pasto de uso en común autorización previa á incorporación de novos animais.

h) Someter os seus animais aos tratamentos sanitarios e ao manexo necesarios para a execución do programa sanitario básico do pasto de uso en común segundo as instrucións que determine a persoa responsable do pasto de uso en común.

i) Manexar os seus animais procurando que non invadan estradas ou predios de terceiras persoas e tornalos aos terreos do pasto de uso en común inmediatamente en canto teña coñecemento de que acontecesen estes feitos.

j) Respectar en todo caso as normas reguladoras do aproveitamento gandeiro e as instrucións que ao respecto poida determinar a persoa responsable do pasto de uso en común.

k) Contribuír do modo en que se determine no Regulamento de réxime interior á dotación do fondos necesarios para facerlle fronte aos danos que puidesen causar a terceiros os animais das explotacións autorizadas ao aproveitamento do pasto de uso en común.

II) Obrigas das persoas responsables dos pastos de uso en común:

a) Velar por que todos os propietarios de animais titulares de explotacións incluídas no pasto de uso en común cumpran o Regulamento de réxime interior.

b) Apercibir o propietario de animais autorizados ao aproveitamento en caso de incumprimento das normas reguladoras e aplicar as medidas que de ser o caso se poidan recoller no Regulamento de réxime interno.

c) Impulsar o procedemento para a retirada da autorización ao aproveitamento aos propietarios de animais cando así procedese en aplicación do Regulamento de réxime interior do pasto de uso en común.

d) Organizar a realización de, cando menos, unha recollida anual dos animais ou curro anual, para a aplicación do tratamento sanitario, o control de identificación e a reposición, de ser o caso, de marcas.

e) Dotar o pasto de uso en común das instalacións mínimas obrigatorias.

f) Responder dos danos que puidesen ocasionar a terceiros os animais dos propietarios autorizados ao aproveitamento do pasto de uso en común.

g) No caso de que o pasto de uso en común se atope incluído na Rede Natura 2000, responder de que todas as instalacións mínimas obrigatorias da alínea l), así como calquera manexo que se realice nos pastos, é conforme co instrumento de xestión vixente no espazo correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file