Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2012 Páx. 27274

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 28 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código de procedemento IN315A).

A Lei de ordenación da minaría de Galicia regula no seu título V o fomento da minaría, orientando a acción da Xunta de Galicia, de cara á promoción e ao desenvolvemento da investigación científica e técnica, á experimentación e aos estudos en materia mineira, que permitan dispoñer dos coñecementos necesarios para o aproveitamento eficiente dos recursos mineiros, a minimización dos residuos, a protección ambiental, o peche dos ciclos produtivos, así como a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo.

O sector da minaría en Galicia goza dunha gran tradición e importancia na nosa economía, non só polo volume de negocio senón tamén pola xeración de emprego, no entanto hoxe en día ten que adaptarse a un novo escenario no que facer fronte a numerosos retos derivados tanto da situación económica global como das maiores exixencias lexislativas, que o obrigan a adoptar iniciativas que integren tanto os aspectos técnicos e económicos como os sociais e ambientais.

Neste contexto é necesario camiñar cara á sustentabilidade do sector, sendo a investigación, a planificación e a ordenación, medios que lle permitirán, non só obter recursos con maior rendibilidade económico-financeira, senón tamén contribuír a protexer máis eficazmente o contorno natural no que se desenvolve, propiciando que os recursos teñan un maior aproveitamento e se xere un menor impacto.

Con esta finalidade, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, acordou convocar axudas ás entidades sen ánimo de lucro do sector mineiro galego, concretadas na planificación, na mellora tecnolóxica, na protección ambiental e na seguridade e saúde no traballo, establecendo incentivos económicos para o fomento da minaría previstos na lei.

Por outra banda, nos últimos anos, as provincias de Lugo e Ourense víronse afectadas pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como por unha menor implantación de novas iniciativas empresariais. O freo no dinamismo do seu tecido empresarial vén orixinado principalmente pola súa menor capacidade de atracción de novos proxectos investidores fronte a outras zonas limítrofes de fóra de Galicia e de Portugal que poden ofrecer maiores apoios e servizos.

De feito, o Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou, respectivamente, o Programa Impulsa-Lugo e o Programa Impulsa-Ourense, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria dirixidas a entidades sen ánimo de lucro, para o fomento do sector mineiro galego.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG ata o día correspondente o mesmo ordinal do día da publicación, ambos inclusive.

3. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. As solicitudes, en formato papel, presentaranse preferentemente no rexistro dos servizos centrais da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela. Non obstante, tamén poderán presentarse nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992).

5. Tamén se admitirán as solicitudes, formuladas no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, segundo o establecido nos artigos 21 e 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Cando a solicitude se presente a través do rexistro electrónico os documentos que acompañan aos formularios normalizados da solicitude, segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras, achegaranse en copias dixitalizadas anexados á solicitude.

7. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para tal efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as esixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptará tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito enviando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá encontrar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Dentro deste prazo, e dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia os requirimentos de emenda de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN315A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 59.

c) O enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12)

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2012

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da minaría de
Galicia (código de procedemento IN315A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o desenvolvemento de proxectos e actuacións encamiñadas ao fomento da minaría de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, de 28 de decembro de 2006) nos casos en que o beneficiario poida ser considerado como «empresa» segundo o disposto no artigo 3 do Marco Comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C 323 do 30 de decembro de 2006).

«As axudas de minimis só poderán ser concedidas ás empresas incluídas no ámbito de aplicación previsto no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006».

Artigo 2. Actuacións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións ou proxectos que teñan como finalidade:

– A investigación, ordenación e planificación mineira.

– A eficiencia e racionalización das explotacións e instalacións mineiras.

– A mellora dos aspectos de seguridade e saúde laboral na minaría.

– A protección ambiental, a redución do consumo de recursos e da produción de residuos.

– A innovación e investigación tecnolóxica en produtos e procesos relacionados coa minaría.

– A difusión, divulgación e promoción do sector mineiro.

2. Consideraranse gastos suvencionables os seguintes:

– Recursos humanos: gastos de persoal, tanto propio como o que se contrate especificamente, que poderá ser imputado na súa totalidade cando se dedique integramente ao desenvolvemento da actuación subvencionada, ou ben parcialmente en función da porcentaxe de dedicación.

– Material inventariable: adquisición de equipos e instrumental precisos para a realización do proxecto.

– Servizos externos: contratacións con entidades externas necesarias para o eficiente desenvolvemento dos proxectos.

– Material funxible: adquisición de materiais funxibles, compoñentes precisos, subministracións e produtos similares.

– Gastos indirectos: imputaranse polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo aos principios e normas de contabilidade xeralmente admitida e en todo caso na medida que tales custos correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

Así mesmo, de acordo co disposto no número 7 do devandito artigo, os gastos financeiros, os de asesoría xurídica e financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación desta.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2012 ata a data de xustificación establecida no artigo18.

5. En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

6. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude, realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.734A.781.2 «Achegas para familias e entidades sen ánimo de lucro». O orzamento máximo destinado a esta convocatoria será de 800.000 euros.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. A intensidade das axudas será dun 80% do importe total considerado como subvencionable. Esta intensidade poderá ser inferior para o grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación cando se produza o esgotamento do crédito dispoñible, rateando o importe entre todas elas.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

6. Así mesmo, de ser de aplicación, haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) nº 1998/2006 de minimis, en relación co límite da axuda, de tal xeito que a axuda total de minimis concedida non será superior a 200.000 € durante o período do exercicio fiscal en curso e dos dous exercicios fiscais anteriores.

7. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal, correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola comisión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades sen fin lucrativos, cuxo obxecto estea relacionado coa minaría e desenvolvan a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 2 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada:

a) Datos da entidade solicitante (anexo II).

b) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal.

c) Poder suficiente do representante da entidade solicitante, acompañado do seu documento nacional de identidade.

Alternativamente á presentación do DNI, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas, de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

d) Memoria e orzamento de cada unha das actuacións para as que se solicita subvención, que terá a estrutura e contido especificados nos anexos III e IV desta orde.

e) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto 7 do artigo segundo, copia das tres ofertas solicitadas e, en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da diferente elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

f) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo V).

g) Para cada unha das actuacións, declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo V).

h) Se é o caso, declaración responsable de que o beneficiario non exerce unha actividade económica das previstas no artigo 1, punto 3, desta orde, ou que, para o caso de que a entidade desempeñe actividades tanto de carácter económico como non económico, se respectará o previsto para o financiamento público de actividades non económicas no punto 3.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C 323 do 30 de decembro de 2006).

i) No caso de solicitudes de axuda que queden suxeitas á aplicación do réxime de minimis en aplicación do previsto no artigo 1.3 desta Orde o beneficiario deberá cubrir, necesariamente, a declaración de axudas de minimis incluída no anexo V.

Do mesmo xeito nese caso, deberá cubrir a declaración responsable de non ter a consideración de empresa en crise (anexo V), conforme a definición prevista no artigo 1 punto 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión en relación as pemes e conforme o disposto no apartado 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas.

j) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

k) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na liña f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.2 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou persoa que designe.

– Vogais: o vicesecretario xeral da Consellería de Economía e Industria, , un/ha xefe/a de servizo e un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, actuando este último como secretario.

– Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lle corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicaranse, para cada un deles, as actuacións subvencionables e o importe da subvención, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nas actuacións inicialmente subvencionadas, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia das actuacións consideradas subvencionables e da contía da subvención, por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A tipoloxía da actuación (ata un máximo de 60 puntos).

– Obxecto da actuación (10 puntos):

– As actuacións destinadas á investigación, ordenación e planificación mineira e as de mellora dos aspectos de seguridade e saúde laboral na minaría recibirán 10 puntos.

– O resto das actuacións 5 puntos.

– O impacto esperado dos resultados do proxecto no sector (30 puntos).

– Asignaranse 10 puntos ás propostas que afecten a totalidade do sector mineiro galego. Ao resto das propostas asignaránselle puntuacións proporcionais segundo o número de subsectores afectados.

– Definición do impacto esperado partindo da diagnose da situación actual (10 puntos).

– Establecemento dunha metodoloxía de control para avaliar se os obxectivos do proxecto se conseguen (5 puntos).

– Establecemento dun programa de difusión de resultados (5 puntos).

– A súa necesidade e o carácter innovador do proxecto en relación ás actuacións que se van desenvolver, tendo en conta o contido e a metodoloxía. (20 puntos).

– Se o proxecto proporciona solucións a necesidades claramente identificadas do sector mineiro galego (10 puntos).

– Se as solucións que ofrece son innovadoras con respecto ás tecnoloxías, estudos ou procedementos existentes (10 puntos).

b) Calidade técnica da proposta: (35 puntos).

– Experiencia da entidade na realización de actuacións similares (10 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas nas que o equipo de traballo non teña experiencia na realización de traballos similares.

– A máxima puntuación de 10 puntos asignaráselle aos equipos de traballo que demostren a súa experiencia en maior número de traballos relacionados coa actuación proposta.

– As solicitudes con características intermedias recibirán puntuacións proporcionais ás anteriores.

– A cooperación entre varias entidades sen ánimo de lucro (10 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas nas que non se acredite cooperación entre varias entidades.

– A máxima puntuación de 10 puntos asignaráselle cando se acredite cooperación entre diferentes entidades.

– Achega de medios económicos por parte da entidade solicitante (5 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas que non presenten achega de medios económicos por parte da entidade solicitante.

– A máxima puntuación de 5 puntos asignaráselle ás propostas que presenten maior achega económica para o desenvolvemento do traballo.

– As solicitudes con características intermedias recibirán puntuacións proporcionais ás anteriores.

– Adecuación da metodoloxía e o plan de traballo ao cumprimento dos obxectivos (5 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas que non presenten unha planificación dos traballos no tempo.

– A máxima puntuación asignaráselle ás propostas que especifiquen de forma detallada e completa posible a planificación das operacións máis relevantes así como un desagregamento en actividades e subactividades, concretando o calendario de traballo previsto e a metodoloxía para alcanzar os obxectivos.

– As solicitudes con características intermedias recibirán puntuacións proporcionais ás anteriores.

– Coherencia do orzamento coas actuacións que se desenvolverán e os obxectivos. (2,5 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas que non presenten unha explicación do orzamento presentado.

– A máxima puntuación asignaráselle ás propostas nas que o orzamento estea calculado con base nos custos reais e coherentes coa envergadura e a complexidade técnica das actividades que se van realizar.

– O nivel de definición, claridade e precisión da memoria da actuación en cada unha das súas súas epígrafes (2,5 puntos).

– A mínima puntuación de 0 puntos asignaráselle ás propostas que presenten unha descrición básica do traballo.

– A máxima puntuación asignaráselle ás propostas que especifican de maneira detallada e razoada o plantexamento técnico, así como a motivada e clara descrición do alcance das actividades e tarefas necesarias para o desenvolvemento de cada unha das fases das que conste o traballo.

– As solicitudes con características intermedias, recibirán puntuacións proporcionais ás anteriores.

c) Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (3 puntos).

d) O emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, de conformidade co disposto na letra l) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (2 puntos).

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. De acordo co previsto no artigo 3.1 do Regulamento de minimis, o beneficiario será informado por escrito sobre o importe da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e sobre o carácter de minimis facendo referencia completa ao dito regulamento.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI destas bases reguladoras, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Subcontratación

Permítese a subcontratación total ou parcial, pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade beneficiaria non poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con empresas ou persoas vinculadas coa entidade solicitante o cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, tendo de prazo ata o 1 de decembro de 2012 (inclusive), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, para cada unha das actuacións realizadas que foron obxecto de subvención:

a) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

b) Memoria explicativa e, se é o caso, copia dos traballos desenvolvidos.

c) Documentación xustificativa do gasto:

– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, indicando, se é o caso, as desviacións acaecidas sobre o orzamento subvencionado (anexo VII).

– As facturas, ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada.

– As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado por Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado por Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

– Para a xustificación do persoal deberá achegarse:

• Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da entidade, que consistirá nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamentos das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total do imputado ao proxecto (retribucións + S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.

• Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto e dos TC2 referentes aos períodos imputados.

– Ademais, a xustificación dos custos indirectos deberase completar cunha certificación que reflicta o detalle dos gastos imputados con indicación dos criterios de repartición destes custos e a conformidade aos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas.

d) Documentación xustificativa do pagamento:

– Para cada un dos documentos xustificativos de gasto: transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, nos que deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o documento xustificativo de gasto obxecto do dito pagamento.

– Non se admitirán como xustificantes de pagamento os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Para cada unha das actuacións, declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

g) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á titularidade da conta onde se deba realizar o pagamento.

h) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, a Consellería de Economía e Industria requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste puntonon eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención.

Artigo 19. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, e no seguinte parágrafo.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión e na forma e prazo indicados nesta, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

– Poderase anticipar ata o 25% do importe da subvención concedida en cada actuación.

– O beneficiario queda exonerado da constitución de garantía, por ter sido autorizado polo Consello da Xunta.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se é o caso, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE L379, do 28 de decembro de 2006), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file

ANEXO III
Memoria técnica

Antecendentes.

Xustificación da necesidade do proxecto.

Obxectivos que se van alcanzar. Resultados esperados. Efectos sobre a dinamización do sector.

Caracter innovador.

Descrición de cada unha das actividades que o integran.

Xustificación da súa viabilidade técnico-económica.

Contratacións necesarias que se deban facer con outras entidades.

Experiencia na realización de actuacións similares.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file