Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 10 de xullo de 2012 Páx. 27443

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de xuño de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Narón para apertura dunha vía e variación doutra no sector IV do polígono industrial Río do Pozo.

O Concello de Narón solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Narón dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente polo Concello Pleno o 22.4.2002.

2. O Plan parcial do sector IV do PXOM de Narón, promovido polo SEPES, foi aprobado definitivamente o 25.6.2004. As obras de urbanización foron recibidas o 20.9.2007.

3. A modificación puntual do PXOM de Narón, para a modificación do SRAU do contorno do polígono industrial Río do Pozo foi aprobada definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 4.11.2010.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter este proxecto a avaliación ambiental estratéxica, por la Resolución do 8.7.2011.

5. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron un informe conxunto sobre a modificación (artigo 85.1 da LOUG) o 8.11.2011.

6. A modificación non precisou ter o informe previo á aprobación inicial correspondente ao artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no artigo 93.4 da LOUG.

7. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno o 24.11.2011; e sometida a información pública polo prazo dun mes (DOG do 12.12.2011, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 13.12.2011) e comunicada aos concellos limítrofes de Ferrol, San Sadurniño e Valdoviño. Foi presentada unha alegación segundo consta no certificado do secretario xeral municipal do 15.2.2012.

8. Constan informes sectoriais favorables:

a) Da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), do 12.3.2012.

b) De Augas de Galicia, do 7.2.2012.

9. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 30.3.2012.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Narón, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Os obxectivos da modificación son, a creación dunha vía que mellore a comunicación entre este polígono industrial e a súa posible ampliación no solo urbanizable non delimitado de uso industrial-terciario situado ao norte deste (modificación aprobada pola Orde do 4.11.2010); e incorporar na ordenación unha vía existente de titularidade municipal non recollida no plan parcial e que dá acceso a unha instalación industrial. Estes obxectivos considéranse como razóns de interese público para a modificación (artigo 94.1 da LOUG).

2. Para este efecto, no ámbito do devandito plan parcial do polígono industrial, recualifícanse dúas bandas de solo edificable industrial que pasan a viario público.

3. A modificación proxecta obter a nova vía de conexión do polígono industrial e o solo urbanizable non delimitado mediante expropiación forzosa, por convenio co propietario ou por permuta forzosa con terreos do patrimonio municipal de solo. A súa urbanización realizarase co Plan de sectorización do solo urbanizable non delimitado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resólvese:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Narón no sector IV do polígono industrial Río do Pozo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas