Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28017

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 9 de xullo de 2012 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 San Paio de Vigo para o curso 2012-2013.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e, no artigo 3.i), garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6.2.c.1º que se atenderá, apoiará e se protexerá ás familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Como consecuencia da posta en funcionamento dunha nova escola infantil 0-3 dependente desta consellería na cidade de Vigo, cómpre regular o procedemento de adxudicación de prazas para o curso 2012-2013.

O Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Secretaría Xeral de Política Social, entre outras competencias, as de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e a infancia.

Conforme o exposto e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 San Paio de Vigo, dependente da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2012/2013.

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicataria/o

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicataria/o de praza na escola infantil 0-3 San Paio dependente da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que a/o nena/o teña a súa residencia en Galicia e estea nada/o no momento de presentación da solicitude.

b) Idade da/o nena/o:

– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.

– Non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2012.

Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, a pedimento das/dos nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as e a través do centro.

2. No caso de integrarse nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dunha nena ou dun neno con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Artigo 3. Criterios de prioridade para a adxudicación das prazas

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1º. Solicitantes con irmá/án adxudicataria/o de praza nesta escola infantil.

2º. Menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

3º. As prazas que queden vacantes adxudicaranse ás/aos solicitantes segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo que figura no anexo II. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas.

2. Procedemento extraordinario.

2.a) Ingresos urxentes.

Para os ingresos de máxima urxencia reservarase un 5% das prazas do centro.

Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:

– As/os menores tuteladas/os pola Consellería de Traballo e Benestar.

– As/os fillas/os das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

– Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola secretaria xeral de Política Social, por proposta do/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, nun prazo de cinco días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, no caso de resolución expresa, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses contados a partires do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2.b) Solicitudes fóra de prazo.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9 nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción da/o nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecie a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade da/o nena/o no centro.

Artigo 4. Horario e calendario da escola infantil

1. Horario.

O centro permanecerá aberto das 7.30 ás 20.00 horas, sen prexuízo das competencias da Secretaría Xeral de Política Social en relación coa organización dos horarios de acordo coas preferencias e demandas das familias, que poderá resolver a súa redución ou reorganización, cando a demanda en determinadas franxas horarias sexa inferior ao 15% do total das prazas do centro.

As/os usuarias/os, dentro do horario de apertura do centro, poderán optar por xornada completa partida ou continuada, ou por media xornada, de mañá ou de tarde.

A permanencia das/dos nenas/os no centro non poderá superar as 8 horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas a/o nena/o teña que permanecer un tempo superior, que será autorizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo.

2. Calendario.

O curso escolar dará comezo o día 17 de setembro.

O centro permanecerá aberto de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once (11) meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2012-2013.

En casos excepcionais e debidamente xustificados poderase admitir a asistencia da/o nena/o os 12 meses. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude cunha antelación mínima dun mes que será estudada e, se procede, autorizada pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo.

Artigo 5. Prestacións

As/os usuarias/os poderán optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor. O horario para as/os usuarias/os que opten por esta modalidade de servizo será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

Aquelas/es solicitantes que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos solicitándoo con antelación suficiente sempre que xustifiquen a súa necesidade e aboen o prezo estipulado.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, agás circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 6. Prezos

1. Os prezos que deberán pagar as/os usuarias/os serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Todas/os as/os usuarias/os aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

3. A inasistencia da/os usuaria/o durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do dito decreto de prezos.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que cómpre pagar

Para a determinación do importe mensual que deben pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos para as escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar, computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2010.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un/unha dos/as membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. As/os interesadas/os poderán solicitar praza a través do modelo normalizado recollido no anexo I desta orde.

2. Todas/os as/os solicitantes achegarán xunto coa solicitude a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, debendo asinar o punto correspondente da solicitude. Para estes efectos, o/a cónxuxe ou parella do/da solicitante deberá asinar o anexo III. No caso de non prestar autorización a/o interesada/o achegará, xunto coa solicitude, copia compulsada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2010.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de 4 meses para ser tomadas en consideración.

3. Ademais presentarán a seguinte documentación:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar para solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos seus datos de identidade conforme o disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, ou presentar fotocopia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as, segundo proceda.

b) Unha fotocopia compulsada ou dixitalizada do libro de familia ou no seu defecto outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) No caso de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo, declaración responsable do/a solicitante ou no caso de dispor del, informe do Equipo de Valoración e Orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, servizos especializados de atención temperá da Administración local ou autonómica ou órganos competentes na materia da Administración do Estado ou nas correspondentes comunidades autónomas, sobre a súa necesidade de integración.

d) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) No caso de familias acolledoras, estas deberán presentar aquela documentación que non conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Outros documentos, se procede, en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– As responsabilidades familiares, no caso de que existan membros que non formando parte da unidade familiar estean a cargo dela, acreditaranse mediante informe dos servizos sociais do concello correspondente.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da/o nai/pai, acolledor/a ou titor/a legal e/ou outros/as membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– As enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos/as membros da unidade familiar, acreditaranse mediante informe médico expedido polos servizos públicos de saúde.

– Xustificación de ocupación actualizada (fotocopia das últimas nóminas, certificación de empresa ou vida laboral, no caso de traballadores/as por conta allea, ou do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia, no caso de traballadoras/es autónomas/os).

– Certificación de ser demandante de emprego (con efectos dende o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes) da nai, pai, titor/a legal ou acolledor/a.

– A condición de familia monoparental, entendida como unidade familiar formada por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento, acreditarase mediante fotocopia compulsada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais.

– A ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, acreditarase mediante informe dos servizos sociais do concello correspondente.

– O título de familia numerosa, só no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero acreditarase por medio de calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG núm. 152, do 7 de agosto).

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas neste punto, poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente. A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude establecido suporá a renuncia implícita a ser valorado no apartado correspondente do baremo que se recolle no anexo II.

4. O impreso de solicitude –anexo I– facilitarase na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo e nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfatis.net

5. A información relativa ao procedemento poderase consultar na páxina web
http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos así como nos teléfonos: 012, 986 81 77 04, 981 54 56 66 e 981 95 70 29.

Artigo 9. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes coa documentación requirida presentaranse no Rexistro Único da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro) modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro e BOE núm. 30, do 4 de febreiro), en diante LRX-PAC. Así mesmo, tamén poderán presentala en formato electrónico a través da sede da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso será do 16 ao 31 de xullo, ambos os dous incluídos.

Artigo 10. Tramitación dos expedientes

A Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, comprobará que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a/o interesada/o para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da LRX-PAC, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

A Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo e a Secretaría Xeral de Política Social poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos, e a súa debida acreditación documental, que coide precisos para a máis eficaz realización do seu cometido.

Artigo 11. Avaliación das solicitudes

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo II. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor e, en segundo lugar, as solicitudes de xornada partida sobre as solicitudes de media xornada, e despois da aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

– Presidencia: a/o xefa/e do Servizo de Familia e Menores.

– Vogais: unha directora dunha escola infantil da Consellería en Vigo, dous/dúas funcionarios/as da Xefatura Territorial designados/as pola/o xefa/e territorial, un/unha dos/as cales actuará como secretario/a.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

3. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de selección á/ao xefa/e territorial.

A relación provisional de admitidas/os e a lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública o día 20 de agosto e poderase consultar na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou http://www.escolasinfantis.net

Artigo 12. Reclamacións

As/os solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Relación definitiva de adxudicatarias/os de praza

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, a/o xefa/e territorial aprobará a relación definitiva de admitidas/os e a lista de espera coa puntuación obtida, así como a cota mensual que corresponda aboar en cada caso.

A relación coa puntuación poderase consultar desde o día 5 de setembro na Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou http://www.escolasinfantis.net

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada perante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As/os solicitantes admitidas/os disporán desde o día 6 ata o 14 de setembro, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto co certificado médico da/do nena/o. O impreso de matrícula facilitarase no propio centro, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfantis.net. Para os ingresos fóra de prazo disporase de 10 días naturais contados dende o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, considérase decaída/o na súa solicitude.

4. Con carácter xeral o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de seis (6) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

5. Na relación definitiva de admitidos/as estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación, que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da antedita relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 14. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas/os solicitantes que non obteñan praza, ordenadas/os segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As prazas vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as/os solicitantes en lista de espera.

3 . As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, referidas no punto 2.b do artigo 3, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas pola comisión provincial de selección e baremación, que no caso de non adxudicarlles unha praza incluiranas na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

4. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación, que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da citada relación pola/o xefa/e territorial.

Artigo 15. Revisión do prezo

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos, que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se for o caso.

Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, se é o caso, será resolta pola/o xefa/e territorial e aplicarase a partires do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 16. Baixas

1. Causarase baixa na escolas infantil por algunha das circunstancias seguintes:

a) Polo cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) Pola solicitude das/os nais/pais, titores/as legais ou acolledores/as.

c) Polo impago do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos. Sen prexuízo da reclamación da débeda polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

e) Pola incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) Pola falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola Secretaría Xeral de Política Social, por proposta da/o xefa/e territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo, unha vez escoitada á dirección do centro. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da/do xefa/e territorial.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos serán cubertas polas/os solicitantes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a secretaria xeral de Política Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file