Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28245

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 153/2012, do 5 de xullo, polo que se transforma o centro público integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo en centro público de educación primaria, se fusionan os institutos da localidade de Ribadeo e se trasladan ensinanzas.

A planificación educativa da cidade de Vigo aconsella a transformación do centro público integrado Celso Emilio Ferreiro nun centro de educación primaria, e trasládase o alumnado da educación secundaria obrigatoria ao Instituto de Educación Secundaria Álvaro Cunqueiro.

Asemade, procede fusionar o IES Dionisio Gamallo Fierro e o IES Porta da Auga, dando lugar a un novo instituto.

Como consecuencia da planificación educativa tamén se procede ao traslado de diversas ensinanzas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil doce,

DISPÓN:

Artigo 1. Transformación de centro público integrado en centro de educación primaria

Transfórmase o Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo no Centro Público de Educación Primaria Celso Emilio Ferreiro de Vigo.

Artigo 2. Fusión de centros

O Instituto de Educación Secundaria Dionisio Gamallo Fierro e o Instituto de Educación Secundaria Porta da Auga, de Ribadeo, fusiónanse nun único centro coa denominación de Instituto de Educación Secundaria de Ribadeo, co código de centro 27020902.

Artigo 3. Cambio de ensinanzas

3.1. As ensinanzas de educación secundaria obrigatoria do centro público integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria Álvaro Cunqueiro, de Vigo.

3.2. As ensinanzas de bacharelato do Instituto de Educación Secundaria O Mosteirón de Sada trasládanse ao Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo de Sada.

3.3. As ensinanzas do ciclo formativo de educación infantil do Instituto de Educación Secundaria Dionisio Gamallo Fierro, de Ribadeo, trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo.

3.4. As ensinanzas dos ciclos formativos de Administración e Finanzas e de Xestión Administrativa do Instituto de Educación Secundaria Porta da Auga, de Ribadeo, trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional Porta da Auga, de Ribadeo.

3.5. As ensinanzas do ciclo formativo de xestión administrativa do IES de Ribadavia trasládanse ao Centro Integrado de Formación Profesional de Portovello, de Ourense.

Artigo 4. Profesorado titular de especialidades que imparten as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato

4.1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades de profesorado do IES Mosteirón, de Sada, e dos centros receptores das ensinanzas, tanto se son previas como se as orixina o propio traslado de ensinanzas.

4.2. Para determinar o persoal funcionario docente que, se é o caso, se adscribirá con carácter definitivo no centro receptor de ensinanzas aplicaranse os criterios de prioridade establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

4.3. O persoal funcionario docente do Centro Público Integrado Celso Emilio Ferreiro de Vigo que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino definitivo.

Artigo 5. Profesorado titular das especialidades que imparten ensinanzas de formación profesional específica

O profesorado adscrito definitivamente a prazas das especialidades de formación profesional específica afectado polo cambio de ensinanzas previsto no artigo 3 deste decreto quedará adscrito con carácter definitivo ao centro receptor das ensinanzas.

Disposición adicional única. Cambio íntegro das ensinanzas

O cambio de ensinanzas previsto neste decreto realizarase integramente no curso académico 2012-2013.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria