Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 2 de agosto de 2012 Páx. 30988

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de xullo de 2012 pola que se derroga a Orde do 28 de xullo de 2011, pola que se declaran e clasifican as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 148.1.11 da Constitución española habilita as comunidades autónomas para que asuman competencias exclusivas en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

O Estatuto de autonomía asumíu esta competencia como propia ao recoller no seu artigo 27.15 a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura, ao tempo que dentro do respecto ao marco competencial do Estado recollido no artigo 149.1.19 da Constitución en relación coa pesca marítima (sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se lles atribúan ás comunidades autónomas), o artigo 28.5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que Galicia ten competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que aquelas establezan en materia de ordenación do sector pesqueiro.

No DOG núm. 148, do 3 de agosto de 2011, publicouse a Orde do 28 de xullo de 2011 pola que se declaran e clasifican as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

No DOG núm. 227, do 28 de novembro publicouse a Orde do 23 de novembro de 2011 pola que se declaran e clasifican as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal e o Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais de produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, regulan a necesidade de clasificar e revisar as zonas de produción de moluscos bivalvos vivos, gasterópodos, equinodermos e tunicados.

A localización e os límites das zonas de produción e de reinstalación clasificadas correspóndelle á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Para dar cumprimento á normativa europea no referido ás zonas de produción, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, na actualidade Consellería do Medio Rural e do Mar, publicou a Orde do 8 de setembro de 2006 na cal se declaran e clasifican as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente esta Orde foi modificada polas ordes do 19 de xullo de 2010, do 14 de marzo de 2011, do 6 de xullo de 2011, do 28 de xullo de 2011, do 23 de novembro de 2011 e do 8 de marzo de 2012.

Á vista da experiencia acumulada, é necesario revisar a declaración e clasificación das zonas para adaptala á demanda dos sistemas de reinstalación por parte das confrarías ou entidades. Nas áreas R-GAL 03/03 «parte externa da ría de Ferrol» e R- GAL 28/01 «Ría de Pontevedra» declaradas na Orde do 23 de novembro de 2011, está efectuándose a reinstalación dos moluscos bivalvos procedentes de zonas de producción declaradas como clase C no litoral da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, as confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, que explotan bancos marisqueiros incluídos en zonas clasificadas como C, envían os moluscos bivalvos á batea situada na área R-GAL 28/01, antes de poñer no mercado os moluscos bivalvos. Por outra banda as confrarías de A Coruña, Corcubión, Pontedeume, Miño, Ferrol e Barallobre, están a enviar o produto procedente de zonas C ás instalacións situadas na área R-GAL 03/03.

Neste senso, a ausencia de funcionamento da área «Enseada do Portiño de Morás» fai conveniente a súa retirada como zona de reinstalación.

Por todo o exposto, con base nas atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 28 de xullo de 2011 pola que se declaran e clasifican as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 148, do 3 de agosto).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Está orde entrara en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar