Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 9 de agosto de 2012 Páx. 31919

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se dá publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Monterrei.

De acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe e indicacións xeográficas con protección conforme as normas da anterior organización común do mercado vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros tiñan a obriga de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe ou indicación xeográfica, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións do produto protexido, texto onde se recollen tanto os aspectos fundamentais da súa regulación como a xustificación de que se cumpren os requisitos para o rexistro.

Para dar cumprimento a esta obriga, o pleno do Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei aprobou nos últimos meses de 2011 o prego de condicións correspondente á dita denominación, que fora previamente elaborado mediante a colaboración dos servizos técnicos do Consello Regulador cos da Administración. O dito prego de condicións, xunto co resto da documentación necesaria, foi remitido en prazo á Comisión Europea a través do entón Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Este prego de condicións contiña algunha pequena modificación en relación co regulamento vixente da denominación de orixe, motivo polo cal posteriormente se publicou a Orde do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica o regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, que adecua o texto do dito regulamento ao contido do prego de condicións elaborado.

De acordo co establecido na alínea 4 do artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009, a Comisión poderá decidir, ata o 31 de decembro de 2014, cancelar a protección das denominacións de viños protexidas existentes no caso de que, unha vez revisado o expediente técnico, se considere que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 118 ter.

A necesidade de coñecemento do prego de condicións da denominación do orixe tanto polos operadores actuais como potenciais, así como pola cidadanía en xeral na súa condición de posibles consumidores, e unha maior seguranza xurídica aconsellan dar publicidade ao dito documento como elemento fundamental da regulación desta denominación.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Dar publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Monterrei, que foi remitido aos servizos da Comisión Europea en decembro de 2011 desde o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño formando parte do denominado «expediente técnico» con que se tramitou o seu rexistro como denominación de orixe protexida a nivel europeo, conforme o establecido no artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009. O dito prego de condicións figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes

ANEXO
Prego de condicións da denominación de orixe protexida Monterrei

1. Denominación do produto.

«Monterrei».

2. Descrición do produto.

Os tipos de viños amparados pola denominación de orixe Monterrei son brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo XI do Regulamento (CE) nº 1234/2007, regulamento único para as OCM. Aínda que xeralmente se consumen como viños novos, na mesma campaña de elaboración, tamén poden ser sometidos a un proceso de envellecemento, dando lugar a viños que, segundo as condicións en que se produciu o devandito proceso, se comercializan con indicación dos termos «barrica», «crianza», «reserva» ou «gran reserva» acompañando o nome da denominación de orixe protexida.

As características destes viños son as seguintes:

a) Características analíticas do produto:

Tipos

Grao alcohólico adquirido mín. (vol. %)

Acidez volátil máx. (g/l en ác. acético)

Acidez total mín.

(g/l tartárico)

Sulfuroso total máx. (mg/l)

Grao alcohólico total mín.

(vol. %)

Branco

11

0,75

4,5

160

11

Tinto

11

0,80

4,5

150

11

Branco barrica, crianza, reserva e gran reserva

11,5

1,08

4,5

160

11,5

Tinto barrica, crianza, reserva e gran reserva

12

1,2

4,5

150

12

Para todos os viños o contido en azucre non será superior a 4 gramos por litro, ou 9 gramos por litro cando o contido de acidez total expresada en gramos de ácido tartárico por litro non sexa inferior en máis de 2 gramos por litro ao contido en azucre residual, de acordo co establecido no anexo XIV parte B do Regulamento (CE) nº 607/2009 para os viños secos.

b) Características organolépticas.

As características organolépticas dos viños de Monterrei descríbense a seguir segundo o tipo de viño:

Branco Monterrei:

– Fase visual: cores amarelas pálidas con tonalidades verdosas, limpas e brillantes.

– Fase olfactiva: aromas primarios, limpos, afroitado e florais de intensidade media.

– Fase gustativa: móstrase lambón, fresco, equilibrado e con persistencia.

Tinto Monterrei:

– Fase visual: cor vermella cereixa con reflexos morados, limpa, brillante de capa media.

– Fase olfactiva: aromas a froitos vermellos e flores de intensidade media.

– Fase gustativa: boa persistencia de froita, moi equilibrado e con taninos suaves.

Branco Monterrei (barrica, crianza, reserva e gran reserva):

– Fase visual: cores amarelas pálidas de intensidade media, limpa e brillante.

– Fase olfactiva: aromas limpos, afroitado, florais e especiados da madeira de intensidade media.

– Fase gustativa: móstrase lambón, equilibrado e con persistencia.

Tinto Monterrei (barrica, crianza, reserva e gran reserva):

– Fase visual: cor vermella picota, limpa, brillante de capa media alta.

– Fase olfactiva: aromas a froitos vermellos, flores, tostados e especiados da madeira de intensidade media.

– Fase gustativa: boa froita, taninos suaves e moi equilibrado e de longo posgusto.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

a) Prácticas de cultivo.

Con carácter xeral, as prácticas culturais tenderán a optimizar a calidade das producións.

A densidade da plantación estará obrigatoriamente entre 3.000 cepas por hectárea como mínimo e 5.000 cepas por hectárea como máximo.

b) Prácticas enolóxicas.

A vendima realizarase co maior esmero e para a elaboración dos viños protexidos dedicarase exclusivamente uva sa, co grao de madureza necesario, separando as uvas tintas das brancas en cada entrega parcial ou pesada na báscula.

Na elaboración empregaranse as variedades de uvas que se recollen no punto 6 deste prego de condicións, e polo menos o 60 % delas serán das variedades consideradas preferentes no devandito punto.

Na produción de mosto seguiranse as prácticas tradicionais aplicadas cunha moderna tecnoloxía, orientada á mellora da calidade do produto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto, de maneira que o rendemento non sexa superior a 65 litros de mosto por cada 100 kg para as variedades brancas e de 70 litros de mosto por cada 100 kg para as variedades tintas.

Para a elaboración de viños protexidos pola denominación de orixe Monterrei non se permite a utilización de prensas continuas en que a presión é exercida por un parafuso de Arquímedes no seu avance sobre un contrapeso.

Para a extracción do mosto, só se poden utilizar sistemas mecánicos que non danen ou dilaceren os compoñentes sólidos do acio, e queda prohibido o emprego de máquinas estrulladoras de acción centrífuga de alta velocidade.

Non se permiten prácticas de prequentamento da uva ou de quentamento dos mostos ou dos viños en presenza dos bagazos tendentes a forzar a extracción de materia colorante.

Non se poderán utilizar anacos de madeira de carballo na elaboración e posteriores procesos, incluída a almacenaxe, dos viños protexidos pola denominación.

Para os efectos de corrixir as características dos mostos ou viños dunha determinada colleita permítese a súa mestura cunha colleita anterior ata un 15 %. En anos excepcionais e logo de informe da calidade do produto, poderase autorizar a mestura de dúas colleitas anteriores, co mesmo límite do 15 %.

A elaboración dos viños que se vaian comercializar co termo «barrica» deberá axustarse ao establecido no anexo III do Real decreto 1363/2011, do 7 de outubro, polo que se desenvolve a regulamentación comunitaria en materia de etiquetaxe, presentación e identificación de determinados produtos vitivinícolas.

Na elaboración dos viños que se vaian comercializar cos termos tradicionais «crianza», «reserva» e «gran reserva», estes deberon ter sido sometidos a un proceso de envellecemento de acordo cos requisitos recollidos na base de datos electrónica E-Bacchus da Unión Europea para estas mencións.

4. Delimitación da zona xeográfica.

A zona de produción dos viños protexidos pola denominación de orixe Monterrei está constituída polos terreos que o órgano de control e certificación do Consello Regulador considere aptos para a produción de uvas das variedades que se indican no número 6 deste prego de condicións, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e que se encontren situados nos termos municipais e lugares que compón as subzonas seguintes:

a) Subzona Val de Monterrei: as parroquias de Castrelo do Val, Pepín e Nocedo do Val do concello de Castrelo do Val; as parroquias de Albarellos, Infesta, Monterrei e Vilaza do concello de Monterrei; as parroquias de Oímbra, Rabal, e San Cibrao do concello de Oímbra e as parroquias de Abedes, Cabreiroá, Feces de Abaixo, Feces de Cima, Mandín, Mourazos, Pazos, Queizás, A Rasela, Tamagos, Tamaguelos, Tintores, Verín e Vila Maior do Val do concello de Verín.

b) Subzona Ladeira de Monterrei: comprende o concello de Vilardevós, as parroquias de Gondulfes e Servoi do concello de Castrelo do Val; as parroquias das Chas, Bousés, Videferre e A Granxa do concello de Oímbra; as parroquias de Flariz, Medeiros, Estevesiños e Vences, do concello de Monterrei; a parroquia de Queirugás do concello de Verín; do concello de Riós as parroquias e lugares seguintes: a parroquia de Castrelo de Abaixo; da parroquia de Castrelo de Cima os lugares de Castrelo de Cima, Covelas, O Mourisco, San Paio e A Veiga do Seixo; da parroquia de Fumaces: o lugar de Fumaces da parroquia de Progo os lugares de Progo e Pousada; da parroquia de Riós o lugar de Florderrei.

No anexo I deste prego de condicións móstrase de forma gráfica o territorio da denominación de orixe protexida Monterrei e a súa situación en Europa.

5. Rendemento máximo.

A produción máxima admitida por hectárea será:

– 12.000 kg por hectárea para as variedades brancas e tintas autorizadas.

– 11.000 kg por hectárea para as variedades brancas preferentes.

– 10.000 kg por hectárea para as variedades tintas preferentes.

Dado que os rendementos de extracción de mosto son de 65 litros por cada 100 kg de uva das variedades brancas e de 70 nas tintas e que os viños deben estar elaborados polo menos cun 60 % das variedades preferentes, os rendementos por hectárea non poderán superar os 79,80 hectolitros por hectárea nos viños brancos e os 70,20 hectolitros por hectárea nos tintos.

6. Variedades de uva de que procede o viño.

A elaboración dos viños protexidos realizarase con uvas das variedades seguintes:

a) Variedades preferentes:

– Brancas: dona branca, godello e treixadura.

– Tintas: mencía e merenzao.

b) Variedades autorizadas:

– Brancas: albariño, branca de Monterrei, caíño branco e loureira.

– Tintas: tempranillo (araúxa), caíño tinto e sousón.

7. Vínculo co medio.

7.1. Datos da zona xeográfica.

a) Factores humanos.

En función dos datos obtidos pola gran cantidade de prensas, lagares escavados na rocha e vasillas de orixe romana, pódese afirmar que foron eles que introduciron en Monterrei a nobre actividade do cultivo da vide.

Desde finais do século IX e seguintes, da man das ordes relixiosas expándese o cultivo da vide por toda a bisbarra. Nesta época o viño é utilizado como tributo para pagar aos mosteiros e señores feudais.

Durante a Idade Media, e gran parte da Moderna, Monterrei tivo grande influencia en aspectos económicos, políticos e culturais dentro de Galicia e España. Por este motivo, Federico Justo Méndez, autor do libro Brotes de Raíces Históricas, afirmaba: «os viños do val de Monterrei, pola súa excelente calidade, relacionáronse cos viños do Porto, chegando mesmo a súa comercialización a distintas partes de América. Durante a época do V conde de Monterrei, a quen o rei Felipe II concedeu o título de vicerrei co fin de gobernar as novas colonias españolas en América, comercializando así os viños de Monterrei nesas rexións».

Máis recentemente pódese destacar que, a mediados do século pasado, Monterrei foi unha zona produtora de grandes cantidades de viño de boa calidade para esa época. Unha boa proba desta afirmación son as grandes adegas que existían na bisbarra, con lagares de pedra e grandes cubas de madeira de carballo.

A principios dos anos 60 constrúese a Bodega Cooperativa de Monterrei, co obxectivo de promover unha correcta elaboración dos viños e a súa posterior comercialización.

A finais do século XX, a emigración, o peche da adega cooperativa e o abandono das terras pola escasa rendibilidade estiveron a punto de levar á desaparición do viñedo na zona, pero o recoñecemento administrativo da denominación de orixe e a aprobación da súa regulamentación (por Orde do 25 de novembro de 1994), así como a aposta polos viños de calidade, levaron ao rexurdir da bisbarra.

É, por tanto, nos anos noventa o momento en que se dá un gran salto cualitativo tanto na recuperación das variedades preferentes como na elaboración do viño. Séguense mantendo as plantacións con sistemas de formación en vaso grego, pero en moitas das novas plantacións introdúcese un novo sistema de cultivo que se realiza en espaller a dobre cordón para facilitar a labra e a recolección. Isto, xunto co investimento en tecnoloxía e a adopción de novas prácticas enolóxicas, supuxo un grande impulso ao sector vitivinícola desta bisbarra.

Ao preservar unha porcentaxe alta das variedades preferentes (todas elas autóctonas) á hora de elaborar calquera tipo de viño da DO Monterrei (60 % das variedades preferentes como mínimo) obtense como resultado uns viños con características específicas.

b) Factores naturais.

Solos.

En canto aos solos, na bisbarra de Monterrei están presentes os seguintes tipos de solos:

– De lousa e xistosos: idóneos durante as épocas de seca, proporcionan aromas nos viños tintos.

– Graníticos e areentos: provenientes da degradación das rochas graníticas, presentan pH baixos, axeitados para os viños brancos.

– Sedimentarios: complexos debido á mestura de materiais.

Clima.

No que respecta ao clima, o territorio da denominación de orixe protexida Monterrei pertence á bacía do río Douro, posto que nel desemboca o río Támega, que cruza a rexión da denominación de norte a sur. Ten un clima mediterráneo temperado con tendencia continental, influenciado polo océano atlántico. Os seus veráns son calorosos e secos mentres que os seus invernos son fríos. A zona presenta unhas considerables oscilacións térmicas, de ata 30 ºC durante a época de maduración.

7.2. Datos do produto.

As características dos viños da denominación de orixe protexida Monterrei están moi relacionadas coas variedades utilizadas, todas elas variedades autóctonas moi adaptadas ao medio de produción. Iso dá lugar a viños brancos e tintos que destacan pola súa gran riqueza aromática, por seren frescos e corpulentos e por teren un bo equilibrio entre alcohol e acidez.

As axeitadas prácticas de cultivo unidas a unhas modernas instalacións de elaboración fan que as adegas da DO Monterrei logren obter uns viños con características cualitativas propias.

7.3. Interacción causal.

As condicións climáticas, entre as cales hai que destacar as baixas precipitacións e as elevadas temperaturas durante o verán –con valores para ambos os parámetros bastante diferentes aos doutras zonas vitivinícolas de Galicia– e as características dos distintos solos supoñen unhas condicións óptimas para o desenvolvemento das variedades de vide utilizadas.

As variedades utilizadas son variedades autóctonas seleccionadas ao longo dos anos polos viticultores locais, polo que están perfectamente adaptadas ás condicións edafolóxicas e climáticas da zona, e fornecen aos viños elaborados unhas propiedades fisicoquímicas e sensoriais con identidade propia da zona de produción.

Tamén ao longo dos séculos os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas para o cultivo, en terreos ben orientados e cos solos máis axeitados, que foron sometendo ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade.

Ademais, na calidade e características específicas do produto é de grande importancia o esmero con que traballan os produtores da comarca –que coñecen as súas viñas grazas á sabedoría que dá unha longa experiencia no seu coidado– tanto na condución e na poda das cepas, para un axeitado control do potencial vitivinícola, como na selección da uva, que se vendima manualmente no momento en que, ao seu xuízo, está no óptimo de madureza. Todo o anterior unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais, con baixos rendementos na extracción de mosto, pero á cal se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DOP Monterrei manteñan elevados niveis de calidade e unha identidade propia.

8. Requisitos aplicables.

a) Marco legal.

Lexislación nacional.

– Orde do 19 de xaneiro de 1996 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pola que se ratifica o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde do 25 de novembro de 1994, da Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes da Xunta de Galicia, e modificacións posteriores:

– Orde APA/3577/2004, do 20 de outubro do MAPA, pola que se publica a modificación do Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador, aprobada por Orde do 15 de xullo de 2004, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.

– Resolución do 8 de outubro de 2009 da Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios do MARM, pola que se publica a Orde do 30 de xullo de 2009, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que modifica o Regulamento da denominación de orixe Monterrei e do seu Consello Regulador.

b) Requisitos aplicables adicionais.

b.1) Prácticas culturais.

Os límites de produción de uva por hectárea poderán ser modificados en determinadas campañas polo Consello Regulador, por iniciativa propia ou por petición dos viticultores da parroquia ou parroquias interesadas na medida, efectuada con anterioridade á vendima, despois dos asesoramentos e comprobacións que se precisen e tras o informe favorable do órgano de control e certificación. No caso de que tal modificación se produza, esta non poderá supoñer un aumento superior ao 25 % dos límites fixados.

b.2) Elaboración e envase.

Nas adegas inscritas nos rexistros non se poderá realizar a elaboración, almacenamento ou manipulación de uvas, mostos ou viños obtidos de uvas procedentes de viñedos situados fóra do territorio delimitado no número 4 deste prego de condicións.

Os viños cualificados «aptos» comercializaranse para o consumidor nos tipos de envase que aprobe o Consello Regulador, que non prexudiquen a súa calidade e prestixio. Con carácter xeral, os envases deberán ser de vidro das capacidades autorizadas pola lexislación correspondente, con exclusión expresa das botellas de 1 litro.

Excepcionalmente, o Consello Regulador poderá autorizar outro tipo de envases para usos especiais.

O envasamento terá lugar na zona xeográfica delimitada indicada no punto 4 do presente prego de condicións. Transportar e embotellar fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. Embotellar en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da denominación de orixe Monterrei fan necesario que se envase en orixe, para preservar, así, todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

b.3) Etiquetaxe.

Nas etiquetas dos viños embotellados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de forma destacada a mención «denominación de orixe protexida» e o nome da denominación, «Monterrei», ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente. Para a denominación de orixe protexida Monterrei, o termo tradicional o que se refire o artigo 118 duovicies.1.a) do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, regulamento único para as OCM, é «denominación de orixe». Segundo se establece no artigo 118 sexvicies.3.a) do citado regulamento, tal mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños a expresión «denominación de orixe protexida».

Na etiquetaxe, o nome da denominación de orixe figurará con caracteres dunha altura mínima de 4 mm. Tamén é obrigatoria a indicación da correspondente marca comercial, nas condicións previstas de acordo coa normativa xeral vixente.

Todos os envases que se destinen ao consumo irán provistos dunha contraetiqueta numerada que será subministrada polo Consello Regulador, que deberá ser colocada na propia adega. A devandita contraetiqueta incluirá o logotipo da denominación de orixe, que se inclúe como anexo II deste prego de condicións.

Na etiquetaxe dos viños da denominación de orixe protexida Monterrei poderanse utilizar os termos tradicionais «crianza», «reserva» e «gran reserva» cando estes fosen sometidos a un proceso de envellecemento de acordo cos requisitos recollidos na base de datos E-Bacchus da Unión Europea.

Na etiquetaxe dos viños desta denominación de orixe poderá utilizarse o termo «barrica», se se axustan ao establecido no anexo III do Real decreto 1363/2011, do 7 de outubro, polo que se desenvolve a regulamentación comunitaria en materia de etiquetaxe, presentación e identificación de determinados produtos vitivinícolas.

b.4) Requisitos para o control.

Os diferentes operadores deben inscribirse nos seguintes rexistros de control:

– Rexistro de viñas: onde só se inscribirán as viñas situadas na zona de produción das cales a uva poida ser destinada á elaboración dos viños protexidos.

– Rexistro de adegas de elaboración: onde se poden inscribir todas as adegas que, situadas na zona de elaboración, vinifiquen uvas procedentes de viñas inscritas nas cales os viños elaborados poidan optar ao uso da denominación de orixe.

– Rexistro de adegas de almacenaxe: onde se inscribirán todas aquelas adegas que, estando situadas na zona de elaboración, se dediquen exclusivamente á almacenaxe e envellecemento dos viños amparados pola denominación de orixe Monterrei.

– Rexistro de adegas embotelladoras: onde se inscribirán todas aquelas adegas que, situadas na zona de elaboración, se dediquen exclusivamente ao embotellamento e comercialización do viño debidamente etiquetado e amparado pola denominación de orixe Monterrei.

9. Comprobación do cumprimento do prego.

a) Órgano de control.

A verificación do cumprimento deste prego de condicións corresponde ao Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei.

O Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei ten identificado na súa estrutura un órgano de control e certificación, de acordo co disposto no artigo 15.1º letra b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. De acordo coas devanditas normas, o Consello Regulador é unha corporación de dereito público tutelada pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e os seus inspectores están habilitados por esta e teñen a condición de autoridade no exercicio das súas funcións de control. Os datos do Consello Regulador son os seguintes:

– Nome: Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei.

– Enderezo: r/ Mercado Comarcal, 1, 32600 Verín, Ourense.

– Teléfono: 0034 988 59 00 07.

– Fax: 0034 988 41 06 34.

– Web: www.domonterrei.com

– Correo electrónico: info@domonterrei.com

b) Tarefas.

b.1) Alcance dos controis.

Análises químicas e organolépticas.

O órgano de control verifica que os elaboradores realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións. Para a realización das análises organolépticas os operadores utilizan o panel de cata con que conta o Consello Regulador.

O Consello Regulador entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa denominación de orixe protexida Monterrei que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas e organolépticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da denominación de orixe protexida.

Operadores.

O órgano de control comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular, comproba que os produtores e elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a procedencia da uva, variedades empregadas, rendementos de produción, rendementos de extracción de mosto e análise dos parámetros químicos e organolépticos.

Produtos.

O órgano de control, mediante a toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a denominación de orixe cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza axeitadamente a contraetiqueta asignada e cúmprense as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía de control.

Controis sistemáticos.

O órgano de control realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da denominación de orixe protexida cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento de produción de uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasamento.

– Comprobar que se realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

Controis aleatorios.

O órgano de control fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

Anexo I
Situación e delimitación da zona xeográfica

missing image file

Anexo II
Logotipo identificador da denominación de orixe protexida Monterrei

missing image file