Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2012 Páx. 32265

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 6 de agosto de 2012 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

No Diario Oficial de Galicia nº 14, do 20 de xaneiro de 2012, publicouse a Orde do 30 de decembro de 2011, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A publicación no Boletín Oficial del Estado do 30 de xuño da Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, expresa un importante esforzo no control do gasto co fin de reducir o déficit público e acadar o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun axuste de 27.300 millóns de euros.

Este importante axuste supón unha redución media de case o 17 por cento na capacidade de gasto dos ministerios e, no caso das políticas activas de emprego implica a redución de 1.557 millóns de euros para este exercicio no conxunto do Estado, tanto para o Servizo Público de Emprego Estatal como para os autonómicos.

A orde de convocatoria en materia do programa de promoción do emprego autónomo antes citada, competencia da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, ditouse e publicouse coa correspondente autorización do gasto con base nos créditos contidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, de acordo coas previsións de fondos finalistas facilitadas polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, na súa reunión do día 24 de maio de 2012, a distribución de fondos en materia laboral dos orzamentos xerais do Estado para a súa xestión polas comunidades autónomas no ano 2012 e, en concreto, para Galicia, en materia de medidas de políticas activas de emprego, procede realizar o correspondente e necesario axuste nas diferentes partidas destinadas ao financiamento destas medidas, de conformidade coas normas e previsións da Estratexia española de emprego 2012-2014, aprobada polo Real decreto 1542/2011, do 31 de outubro, e do Plan anual de política de emprego para 2012.

Por todo o anterior e en coherencia cos principios da política orzamentaria que implican o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, procede, neste momento, efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados a este centro de gasto nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da facenda da Comunidade Autónoma, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de reaxuste dos créditos financiados con fondos finalistas de emprego autorizados para o financiamento de subvencións no exercicio de 2012 e a modificar as correspondentes ordes de convocatoria, neste caso concreto en materia de programas de axudas para a promoción do emprego autónomo.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

Para o exercicio orzamentario 2012 minórase o importe do orzamento inicial previsto para a Orde do 30 de decembro de 2011, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, na aplicación e na contía seguinte:

12.04.322C.470.1. Código de proxecto 2012 00574: 3.312.209,00 euros.

Artigo 2

Modifícase o prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas establecido no artigo 11, número 2, primeiro parágrafo, da Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do Programa para a promoción do emprego autónomo rematará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde de modificación, aínda que non transcorreran os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar