De acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de agosto de dous mil doce,
DISPOÑO:
Artigo 1
Queda disolto o Parlamento de Galicia elixido o día un de marzo de dous mil nove.
Artigo 2
Convócanse eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o vinte e un de outubro de dous mil doce.
Artigo 3
En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, o número de deputados correspondente a cada circunscrición é o seguinte:
A Coruña: vinte e catro.
Lugo: quince.
Ourense: catorce.
Pontevedra: vinte e dous.
Artigo 4
A campaña electoral durará quince días; comezará ás cero horas do venres día cinco de outubro de dous mil doce, e finalizará ás vinte e catro horas do venres día dezanove de outubro de dous mil doce.
Artigo 5
Realizadas as eleccións convocadas por este decreto, a cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día dezaseis de novembro de dous mil doce, ás once horas.
Artigo 6
As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, e a normativa de desenvolvemento.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e sete de agosto de dous mil doce
Alberto Núñez Feijóo
Presidente