Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Venres, 7 de setembro de 2012 Páx. 35471

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de agosto de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

As transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral.

Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou en situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e o acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

O Decreto 156/2007, do 19 de xullo, regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, crea o seu rexistro administrativo e establece as medidas para o fomento da inserción sociolaboral. No seu capítulo V enúncianse as medidas de fomento que a Xunta de Galicia poderá destinar ás empresas de inserción laboral. En desenvolvemento deste capítulo, nesta orde establécense as axudas destinadas ao fomento e ao sostemento das empresas de inserción laboral, coa finalidade de promover a inserción laboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Como novidades, introdúcese a posibilidade de realizar pagamentos á conta da subvención concedida pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral e establécese unha axuda para financiar os primeiros gastos da actividade empresarial das empresas de inserción laboral. Así mesmo, dáselles a opción ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral para solicitar a subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción e regúlase unha axuda destinada a financiarlles parcialmente a estas entidades os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral.

De acordo co disposto no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta a xestión administrativa do rexistro de empresas de inserción laboral, así como a xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción laboral.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e o obxecto do programa non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 % a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007.

Consecuentemente con todo o anterior, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizada a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos á conta así como a modificación da porcentaxe máxima destes, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

Artigo 1. Finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2012, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG nº 214, do 5 de novembro); na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 (DOG nº 249, do 30 de decembro) e, no que resulte de aplicación, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro), e ao seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE nº 176, do 25 de xullo), e nesta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para os distintos tipos de axudas.

2. Poderán solicitar e ser beneficiciarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non poderá procederse ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral

1. A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social nas cales concorran un ou varios factores de exclusión relacionados neste artigo e que sexan acreditados polos servizos sociais públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entenderase por persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data da alta na Seguridade Social será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención careza de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social.

2. Para os efectos desta orde son factores de exclusión sociolaboral os seguintes:

a) A discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou a enfermidade mental en graos que dificulten pero non imposibiliten a súa inserción laboral ordinaria.

Terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade; en todo caso, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos, a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A condición de persoa en proceso de rehabilitación e socialización normalizada, por proceder dunha situación de desestruturación persoal e familiar, de conflito co contorno ou de rexeitamento social, tales como adiccións ás drogas ou ao alcohol, o exercicio da prostitución, o cumprimento de penas privativas de liberdade etc.

c) A situación de cargas familiares non compartidas, agravadas por outros factores ou carencias persoais ou familiares.

d) A condición de inmigrante ou persoa emigrante retornada cando, polas súas características ou circunstancias persoais, presenten especiais dificultades de integración no mercado laboral.

Entenderase por persoa emigrante retornada aquela que cumpra coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

e) A condición de persoa sen fogar.

f) A procedencia de institucións de protección ou reeducación de menores.

g) A condición de muller vítima de violencia de xénero que, por proceder de recursos específicos de acollida ou por calquera outra circunstancia, implique especiais dificultades de integración laboral.

h) A pertenza a determinadas minorías étnicas cando tal condición implique especiais problemas de integración laboral.

i) Calquera outro factor ou situación non previstos expresamente neste artigo sempre que, ponderados e acreditados polos servizos sociais públicos, dentro do contexto persoal, familiar e social da persoa, se considere que condiciona gravemente a súa empregabilidade.

3. Ademais poderán ser beneficiarias da inserción laboral a través de empresas de inserción laboral:

a) As persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia ou prestación de natureza equivalente e outras persoas usuarias do Plan galego de inclusión social, así como as persoas perceptoras das axudas a vítimas de violencia de xénero xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas que non accedan a esta prestación por falta do período de residencia ou empadroamento, características das unidades de convivencia, obriga de alimentos, idade ou tempo máximo de percepción.

c) As persoas que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estean sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregadas na oficina de emprego de 180 días, se son menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días, se son maiores de 25 anos e menores de 45 anos.

d) As persoas admitidas no programa que recolle a axuda específica denominada renda activa de inserción que o soliciten e que, por criterio do Servizo Público de Emprego de Galicia ou entidades asociadas, requira a súa inclusión nun proceso de inserción a través dunha empresa de inserción laboral e que, en todo caso, se encontren en situación ou en risco de exclusión social.

Artigo 5. Contratos de traballo subvencionables

1. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ás modalidades de contratación previstas na lexislación laboral.

b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) Con carácter previo á formalización do contrato, a persoa seleccionada, a empresa de inserción laboral e os servizos sociais deberán subscribir o convenio de inserción, co contido sinalado no artigo 13 do Decreto 156/2007, do 19 de xullo.

2. Non serán subvencionables os contratos formalizados coas persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos mediante un contrato de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego, na mesma ou en distinta empresa de inserción laboral, salvo que, no suposto de fracaso nun proceso previo de inserción ou no de recaída en situacións de exclusión, o servizo social público competente considere o contrario á vista das circunstancias persoais da persoa traballadora.

Capítulo II
Actuacións subvencionables

Artigo 6. Tipos de axuda

1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:

a) A contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

b) A contratación de xerentes ou persoas técnicas necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción laboral.

c) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

d) A realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.

e) A formalización de préstamos con entidades financeiras.

f) A creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

g) O inicio e posta en marcha da actividade.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias dos seguintes tipos de axuda:

a) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.

b) Axudas para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.

Artigo 7. Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social

1. Subvencionaranse parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos dos contratos de traballo subscritos con persoas en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 4 desta orde.

2. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable. Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.

3. Ao abeiro desta axuda subvencionaranse as mensualidades de outubro de 2011 ata setembro de 2012, ambas inclusive, correspondentes aos contratos de traballo formalizados con persoas traballadoras en proceso de inserción.

4. Para a subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social deberá presentarse unha única solicitude que comprenderá as mensualidades de outubro, novembro e decembro do ano 2011 e as de xaneiro a setembro de 2012.

Artigo 8. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas

1. Para facilitar a contratación de xerentes ou persoas técnicas que sexan necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción laboral, poderá concederse, por unha soa vez, unha subvención equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa, calculados sobre 36 mensualidades e cun límite máximo de 24.000 euros.

2. Esta subvención estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción laboral de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.

3. Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía máxima que se percibirá será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

4. No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa de inserción laboral está obrigada á cobertura do posto por unha nova persoa traballadora, que deberá reunir os mesmos requisitos que a persoa traballadora do contrato inicial, e terá que realizarse no mes seguinte ao da baixa, feito que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a subvención, dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Artigo 9. Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción

1. As empresas de inserción laboral e as entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán acceder, por unha soa vez, a unha subvención para a contratación de persoal técnico de inserción, coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento das persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitar a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.

2. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, por todos os conceptos a cargo da empresa ou da entidade promotora, calculados sobre 24 mensualidades, e terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 6.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción, sen que, en ningún caso, o importe da subvención poida superar os 24.000 euros.

Cando a contratación sexa a tempo parcial, a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

3. O persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción contratado deberá posuír unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver, ou ben, tendo unha titulación universitaria oficial de grao, acredite unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.

4. Se a subvención a solicitasen as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

5. No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa de inserción laboral ou a entidade promotora están obrigadas á cobertura do posto por unha nova persoa traballadora, que deberá reunir os mesmos requisitos que a persoa traballadora do contrato inicial, e terá que realizarse no mes seguinte ao da baixa, feito que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a subvención, dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Artigo 10. Subvención pola realización de labores de mediación laboral

1. Coa finalidade de fomentar os labores de mediación laboral, subvencionaranse as empresas de inserción laboral cunha axuda de 6.000 euros pola incorporación indefinida e a xornada completa á empresa ordinaria dunha persoa traballadora en proceso de inserción xestionada pola empresa de inserción laboral. Se o contrato subscrito é de carácter temporal e ten unha duración de 24 meses, a subvención será de 3.000 euros e se é igual ou inferior a 24 meses e superior a 6 meses, o incentivo reducirase proporcionalmente. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral pactada.

O prazo entre a baixa na empresa de inserción laboral e a data de alta na empresa ordinaria non poderá ser superior a un mes.

2. Subvencionarase cunha axuda de 6.000 euros a empresa de inserción laboral que asesore, apoie e acompañe unha persoa traballadora en proceso de inserción na súa iniciativa de autoemprego individual.

3. Estas actuacións de mediación laboral serán subvencionables unha vez transcorridos 6 meses desde a formalización do contrato coa empresa ordinaria ou desde a alta no réxime especial de traballadores autónomos, e sempre que o remate deste prazo se producise entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012.

4. As empresas de inserción laboral beneficiarias desta subvención asumen a obriga de realizar o seguimento laboral das persoas inseridas no mercado ordinario durante un período mínimo de doce meses.

Artigo 11. Subvención financeira

1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas de inserción laboral, tendo en conta que, como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Para os efectos desta orde, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade de Pequenas e Medianas Empresas e os criterios contables específicos para microempresas, incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algunha das entidades promotoras das empresas de inserción laboral.

No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servicios de transporte de viaxeiros, de ensinanza de conductores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non se poderá conceder a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse no período comprendido entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012, ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2011 e o 31 de outubro de 2012 e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2012.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo aos préstamos obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

3. Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia deste. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato de préstamo, se esta é anterior.

A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñocemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar unha certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

4. Esta subvención terá como límite a contía máxima de 3.000 euros por emprego creado durante o primeiro ano de actividade para os colectivos de persoas desempregadas definidos no artigo 4 desta orde.

Artigo 12. Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral

1. As empresas de inserción laboral de nova creación ou as que amplíen o seu cadro de persoal creando novos empregos para persoas en proceso de inserción poderán beneficiarse dunha subvención cuxo importe se calculará en función do investimento en inmobilizado material ou intanxible que realicen e sexa necesario para a creación do posto de traballo.

2. A contía desta subvención será equivalente ao 60 % do custo total do investimento en inmobilizado material ou intanxible, excluídos os impostos que graven a adquisición, que se realice e xustifique no período compendido entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012. O importe máximo desta subvención determinarase en atención ao número de postos de traballo creados e ocupados por persoas en procesos de inserción, ata un máximo de 12.000 euros por cada posto de traballo ocupado por persoas en proceso de inserción.

3. Serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que, cubertos por persoas en proceso de inserción, supoñan un incremento de persoal respecto das persoas en situación ou en risco de exclusión social que tivese a empresa de inserción laboral no último expediente de axudas á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.

4. O investimento en inmobilizado material ou intanxible que se impute para o cálculo da subvención deberá estar directamente relacionado coa actividade principal desenvolvida pola empresa de inserción laboral.

5. Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre o 1 de outubro de 2011 e o 31 de outubro de 2012 e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, e, se é o caso, ata o 31 de outubro de 2012.

Artigo 13. Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción da empresa de inserción laboral e ata un máximo de 12.000 euros.

2. A través desta subvención, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 31 de outubro de 2012.

3. A subvención destinarase a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade realizados entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012 nos seguintes conceptos:

– Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.

– Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.

– Gastos de seguro do local, publicidade e subministracións.

Non será subvecionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas a nome da entidade promotora.

4. Poderán solicitar esta subvención as empresas de inserción laboral que inicien a súa actividade a partir do 1 de outubro de 2011.

5. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Artigo 14. Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral

1. Esta axuda está destinada a financiar parcialmente ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción laboral.

2. Serán subvencionables ao abeiro desta axuda os estudios de mercado, os estudios de viabilidade técnica, económica e financeira e os labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción laboral.

3. A contía desta subvención será equivalente ao 50 % do custo total do proceso de creación da empresa de inserción laboral, cun límite máximo de 6.000 euros. Non será subvecionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

4. A concesión da subvención obriga ás entidades promotoras a realizar o proceso de creación dentro do exercicio orzamentario en que se concede a axuda e a crear a empresa de inserción laboral no prazo que se estableza na resolución de concesión da subvención.

Capítulo III
Competencia e procedemento

Artigo 15. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 16. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse, segundo o modelo normalizado que se insire como anexo I desta orde, nos rexistros da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares e das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es

Artigo 17. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Daquela deberá achegar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Non obstante, conforme o establecido no artigo 11.h) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso das entidades promotoras de empresas de inserción laboral, as certificacións previstas no parágrafo anterior poderán ser substituídas pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención, a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto de 2006). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención, a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa interesada.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, a entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega (DOG nº 136, do 14 de xuño), publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

5. A presentación da solicitude de subvención ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social das empresas de inserción laboral para a cesión dos datos relativos á causa de exclusión social á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 18. Documentación

1. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas, do orixinal ou copia compulsada ou cotexada, da documentación común e específica que se relaciona:

A) Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade en caso de non prestar a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no sistema de verificación de datos de identidade, así como poder suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal, escritura de constitución e inscrición no rexistro correspondente á forma xurídica da entidade solicitante.

c) Alta no IAE ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

e) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da entidade solicitante, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención para cada tipo de axuda, segundo o modelo do anexo III.

f) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anos anteriores, segundo o modelo do anexo V.

g) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, de conformidade co establecido no artigo 51.Un.h) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, as entidades sen ánimo de lucro están exentas de presentar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as autorizacións, segundo o modelo do anexo VI.

B) Documentación específica para cada tipo de axuda:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Contratos de traballo e convenios de inserción das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención.

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

– Documentos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC-2 das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

– Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas:

– Declaración do representante da entidade dos custos laborais totais a cargo da empresa de inserción laboral, calculados sobre 36 mensualidades, dos xerentes ou persoas técnicas polas cales se solicita subvención.

– Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou persoas técnicas para o desenvolvemento da actividade empresarial, na cal conste o número e os perfís profesionais e os servicios que van prestar.

– Contratos de traballo das persoas xerentes ou técnicas polas que se solicita subvención.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción:

– Declaración do representante da entidade dos custos laborais totais a cargo da entidade promotora ou da empresa de inserción laboral, calculados sobre 24 mensualidades, do persoal técnico polo que se solicita subvención.

– Memoria descritiva da necesidade da contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción, na cal conste o número e os perfís profesionais, as funcións que van realizar, así como o número de persoas traballadoras en proceso de inserción que van orientar e porcentaxe da xornada de traballo que lle van dedicar.

– Contratos de traballo do persoal técnico polo que se solicita subvención.

– Currículum vitae do persoal técnico, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.

d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:

– Declaración da empresa contratante de que a incorporación da persoa traballadora á empresa ordinaria se realiza por mediación da empresa de inserción laboral.

e) Subvención financeira:

– Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención e xustificación da súa necesidade.

– Contrato de préstamo xa formalizado ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin, segundo o modelo do anexo IV.

– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.

f) Subvención pola creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

– Memoria ampliada do proxecto.

– Estudo económico-financeiro da viabilidade do proxecto.

– Detalle do plan de investimentos en inmobilizado material ou intanxible e calendario para a súa execución, xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma e orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras.

g) Subvención para o inicio e posta en marcha da actividade:

– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.

– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras ou acredoras dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

– Declaración do número de postos de traballo creados e relación nominal das persoas que os ocupan, con indicación daqueles polos cales se solicita a subvención.

h) Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral:

– Memoria da entidade ou currículum vitae da persoa que elaborará o estudio ou o asesoramento, que deberá incluir a actividade que vai desenvolver a empresa de inserción laboral que se pretende crear e unha previsión económico-financeira para os dous exercicios iniciais.

– Orzamento detallado do estudio ou asesoramento.

2. As solicitudes irán acompañadas dos documentos relacionados no número anterior, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 19. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo dos Autónomos e Inserción Laboral da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, o Servizo dos Autónomos e Inserción Laboral requirirá a entidade interesada, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 20. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polo Servizo dos Autónomos e Inserción Laboral, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes perante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redación dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da anterior.

5. Dado que as axudas do programa regulado nesta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase a entidade beneficiaria de que a aceptación do financiamento comunitario implicará a súa inclusión na lista de entidades beneficiarias, cos nomes das operacións e da cantidade de fondos públicos asignada ás operacións que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L. 45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación, en orixinal ou copia compulsada ou cotexada, que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda.

b) Declaración complementaria da establecida no artigo 18.1.A), letra f) desta orde, do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anos anteriores, segundo o modelo do anexo V.

B. Documentación específica para cada tipo de axuda:

a) Subvención pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Documentos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– De ser o caso, contratos de traballo e convenios de inserción correspondentes ás novas persoas traballadoras contratadas.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario na subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo VII.

b) Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Documentos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación desenvolvida.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario na subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo VII.

c) Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción:

– Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Documentos de cotización á Seguridade Social TC-1 e TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

– Informe da actuación de apoio desenvolvida.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario na subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo VII.

d) Subvención pola realización de labores de mediación laboral:

– Contrato de traballo formalizado entre a persoa traballadora da empresa de inserción laboral e a empresa ordinaria a que se incorpora ou, de ser o caso, documentación acreditativa da alta da persoa traballadora en proceso de inserción en calquera réxime especial da Seguridade Social por conta propia.

e) Subvención financeira:

– Contrato de préstamo, no caso de non se xuntar coa solicitude.

– Facturas xustificativas da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

f) Subvención á creación ou ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral:

– Documentación xustificativa da realización dos investimentos tidos en conta para o cálculo da contía da subvención: facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

g) Subvención para o inicio e a posta en marcha da actividade:

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención: facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

h) Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral:

– Copia do estudio ou asesoramento realizado.

– Facturas e documentos bancarios acreditativos do pagamento do estudio ou asesoramento.

2. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

4. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos a transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a persoa emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

5. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, e, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2012.

6. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento quedase xustificada unha contía inferior da subvención inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

7. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 22. Pagamentos á conta

1. Poderán realizarse pagamentos á conta para as subvencións pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral.

2. O importe dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 90 % da subvención concedida.

3. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 11 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías.

Capítulo IV
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 23. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as entidades beneficiarias garantirán a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos e das contratacións subvencionadas, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L. 45, do 15 de febreiro de 2007).

De acordo con esta obriga, a empresa de inserción laboral deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar no seu domicilio social, nos seus centros de traballo e nos seus vehículos. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público incluíndo o nome da empresa, a expresión «Empresa de inserción laboral», o logotipo da Xunta de Galicia e o logotipo do Fondo Social Europeo. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 26. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no número anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 27. Devolución voluntaria da subvención

Segundo o establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 29. Axudas de minimis

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión das axudas. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

2. Estas axudas non poderán concederse ás empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional terceira

A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

En virtude do anterior, no exercicio económico 2012, as axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que a continuación se relacionan, recollidas na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, coa seguinte distribución:

Axudas ás empresas de inserción laboral.

12.04. 322C 472.6, código de proxecto 2012 00 606, cun crédito de 150.000 euros.

Axudas ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral.

12.04. 322C 481.3, código de proxecto 2012 00 606, cun crédito de 50.000 euros.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego de acordo coas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servicio.

Disposición adicional cuarta

O programa regulado nesta orde está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, no tema prioritario 71 do eixo 2 do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar nas resolucións de concesión.

Disposición transitoria única

As empresas de inserción laboral deberán adoptar antes do 31 de decembro de 2012 as medidas adecuadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, conforme o establecido no artigo 24 desta orde.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file